A Asociación Olloboi presenta a nova edición do seu certame de cine, dirixido a todos os niveis educativos e ao conxunto da comunidade escolar (profesorado, alumnado e PAS). Poderán presentarse videocreacións (ficción ou documental) realizadas nos últimos tres anos, accesibles en Internet (nas canles Vimeo ou Youtube) e cunha duración non superior aos 20 minutos. A temática e a lingua é libre pero valorarase o uso do idioma galego, a sensibilidade medioambiental e social e o respecto ós dereitos dos animais. O prazo de inscrición dos traballos remata o 5 de maio.
Na páxina web da asociación podes consultar as bases do certame, obter información sobre a oferta de obradoiros en liña e inscribirte na “Muchachada”, a proposta de "creación rápida" que se desenvolverá na propia mañá do festival (26 de maio).