O alumnado do IES Rafael Dieste demostra que na Coruña tamén se fala galego


O alumnado de 4º da ESO do IES Rafael Dieste (A Coruña) está a desenvolver a campaña de dinamización lingüística Aquí tamén se fala galego, baixo a coordinación do seu profesor de Lingua Galega, Alberto Pombo, e coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística que coordina Arcadio González Novoa. A iniciativa ten como obxectivo promover o uso do galego no comercio local da cidade e, ao mesmo tempo, demostrar que as actitudes lingüísticas do sector socieconómico son favorables ao noso idioma. Na actualidade, adheríronse xa case 400 establecementos (ximnasios, cafetarias, perruquerías, talleres, restaurantes, tendas de alimentación, asesorías legais...), que colocaron nos seus locais un cartel co lema da campaña.

Na páxina web do IES Rafael Dieste podes obter máis información e no Instagram da súa biblioteca podes ver as fotos que envían os negocios, demostrando con orgullo que o tecido socioeconómico da Coruña non é hostil ao galego.