Novas da lingua. OUTRAS

Rexistros1 a 30 de 431
15/05/2024. OUTRAS

Ciencia en galego para os máis pequenos da man do CSIC

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentou hoxe, 15 de maio de 2024, na sede do Consello da Cultura Galega a súa colección de divulgación científica “Mentes curiosas, curiosas mentes”, un proxecto editorial deseñado para ofrecerlle ao alumnado de educación primaria e ESO recursos científicos nas diferentes linguas oficiais do Estado.

Os dous primeiros títulos que xa están accesibles en galego son Cheirar. Aromas, esencias, fedores e pestilencias, autoría de Berta Páramo, que contou co asesoramento científico de Laura López-Mascaraque (investigadora do Instituto Cajal – CSIC), e Bechos. A xungla na casa, tamén autoría de Berta Páramo, neste caso co asesoramento científico de Óscar Soriano Hernando (investigador do Museo Nacional de Ciencias Naturales – CSIC).

Hoxe pola tarde, ás 16:30 h, terá lugar na librería Couceiro de Santiago de Compostela un obradoiro lúdico para dar a coñecer estes títulos á cidadanía. Poden participar todos/as os/as nenos (maiores de 10 de anos) e mais os adultos que o desexen.

Para ampliar información, preme aquí.

15/05/2024. OUTRAS

O CCG publica unha obra colectiva en homenaxe a Luísa Villalta

No marco do seu programa de actividades de conmemoración das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a obra Luísa Villalta: entender para vivir, na que, baixo a coordinación de Dolores Vilavedra, unha selección de quince persoas de referencia no ámbito cultural galego dialogan coa autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas e coa súa obra. A maiores, reprodúcese un caligrama que a propia Luísa Villalta lle dedicou a Francisco Pillado e, como material anexo, inclúese unha lámina ilustrada, realizada para a ocasión por Ana Pillado.

No especial web que o CCG elaborou con motivo do Día das Letras Galegas 2024 atoparás máis información e documentación de interese.
08/05/2024. OUTRAS

O Álbum de Galicia incorpora as biografías dos trobadores da ría de Vigo

A partir de hoxe, Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax contan cun espazo propio no Álbum de Galicia, o proxecto do Consello da Cultura Galega que aglutina as biografías das personalidades que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia.

As entradas foron redactadas por Xosé Bieito Arias Freixedo, profesor da Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e membro do grupo de investigación Universo Cantigas da Universidade da Coruña.
29/04/2024. OUTRAS

Datas e lugares das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) anuncia as datas e lugares de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 13 de marzo de 2024.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela: IES Antonio Fraguas (Celga 4, Celga 3 e Celga 2) e Escola Galega de Administración Pública (Celga 1); e en Ponferrada: Escola Oficial de Idiomas desta localidade (Celga 4, Celga 3 e Celga 2).

As datas serán as seguintes:
-Celga 1: 1 de xuño de 2024
-Celga 2: 26 de maio de 2024
-Celga 3: 25 de maio de 2024
-Celga 4: 18 de maio de 2024 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece polas letras H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T e U; e 19 de maio de 2024 se o primeiro apelido empeza por V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F e G.
25/04/2024. OUTRAS

Declaración institucional do Concello de Santiago a prol do galego

Coincidindo coa proximidade da conmemoración das Letras Galegas 2024, o Pleno do Concello de Santiago de Compostela acordou por unanimidade aprobar unha declaración institucional na que reafirma o compromiso de todos os grupos políticos a prol do uso da lingua galega. Corenta anos despois da declaración asinada en maio de 1984 por varios municipios galegos, o Concello de Santiago de Compostela, consciente de que como capital de Galicia ten unha “responsabilidade excepcional co galego”, volve comprometerse publicamente co proceso de normalización social do noso idioma propio, garantindo os dereitos lingüísticos de todas as persoas que se relacionen co concello e fomentando os espazos de uso para o galego tanto na actividade propia da Administración municipal como entre a cidadanía no seu conxunto.
12/04/2024. OUTRAS

Homenaxe a Alonso Montero en Vilagarcía

A Asociación Cultural Mesa das Verbas organiza, coa colaboración do Concello de Vilagarcía e a Deputación de Pontevedra, unha homenaxe ao académico Alonso Montero, que terá lugar hoxe, 12 de abril de 2024, ás 19:30 h, no Auditorio Municipal de Vilagarcía.

No transcurso do acto Alonso Montero será nomeado socio de honra da asociación. Así mesmo, o homenaxeado impartirá a conferencia “Situacións e perspectivas do idioma galego onte (1973) e hoxe (2024)”. O público asistente tamén poderá gozar da actuación musical de Xosé Duarte.
12/04/2024. OUTRAS

A Sementeira, o novo repositorio audiovisual da comunicación en galego

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, en colaboración coa Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, promoven a iniciativa A Sementeira, un espazo web deseñado “para a innovación do xornalismo e da comunicación en galego”. O proxecto nace co dobre obxectivo de conectar as xeracións de novas e novos xornalistas e comunicadores coa cidadanía e, ao mesmo tempo, axudar a que o sector profesional descubra novos talentos na creación de contidos informativos e comunicativos.

No repositorio atoparás os traballos prácticos, tanto escritos como audiovisuais (noticias, reportaxes, podcast, curtametraxes, videoclips, ficcións sonoras...), elaborados polo alumnado da facultade no marco das distintas materias das titulacións.
11/04/2024. OUTRAS

A Real Academia Galega estrea a serie documental Luísa Villalta: a rebelión da palabra

Dentro do programa elaborado pola Real Academia Galega para homenaxear a Luísa Villalta no Día das Letras galegas, acaba de estrearse a serie web Luísa Villalta: a rebelión da palabra.

Consta de 6 capítulos, case dúas horas de documental, ao longo dos cales 20 persoeiros e familiares achegan testemuños e contribucións artísticas que permiten unha aproximación coral ao universo da creadora e á súa forma de ver a vida.
05/04/2024. OUTRAS

A Mesa presenta o informe da Liña do Galego do ano 2023

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o informe do ano 2023 da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan.

Ao longo deste ano tramitáronse 450 queixas, atendéronse 650 consultas e recibíronse 29 parabéns. No que respecta concretamente ás queixas, no ano 2023 a maior parte estiveron relacionadas con discriminacións e exclusións lingüísticas do galego (28%), coa toponimia deturpada (25%) e coa ausencia do galego nas páxinas web e servizos en liña (22%). Sobre a tipoloxía de entidades implicadas, como xa acontecera en anos anteriores, a administración pública (estatal, autonómica e local) concentrou máis da metade das reclamacións (54%). O informe inclúe tamén un capítulo específico no que se enumeran os principais éxitos acadados como resultado da tramitación destas queixas.

Podes consultar o documento completo premendo aquí.
01/04/2024. OUTRAS

Cinco webseries en sección oficial e catro candidatos ao premio de Mellor Contido Dixital en Galego no Carballo Interplay

Chega o Carballo Interplay 2024, entre o 4 e o 7 de abril. Nesta edición, participarán na sección oficial, organizada en catro grupos temáticos, as webseries galega Nómades, dirixida por Marta Insua; Poscoito, de Héctor Rodríguez; Pulp Air, de Anita Pico e Rent-a-pal, de Irene Pin.

Como finalistas do premio ao Mellor contido dixital en galego, serán presentados: as webseries O Carozo, de María Aragón; Ecos dun verán, de Álex Tajuelo e María Rego; e Delirio Sketchs de Bea Saiáns. Ademais, Canta o xogo, vídeos musicais sobre videoxogos a cargo de Iago Gordillo.
13/03/2024. OUTRAS

Convocatoria de probas para a obtención dos certificados CELGA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega, dos niveis Celga 1, 2, 3 e 4. Poderán presentarse todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada en maio e xuño de 2024. As datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
01/03/2024. OUTRAS

A CTNL convídate a descubrir as curiosidades da toponimia compostelá

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca as súas socias e socios á Asemblea Xeral ordinaria de 2024, que terá lugar o sábado 9 de marzo de 2024, a partir das 10:00 da mañá na Sala Circular do Auditorio de Galicia.

Para poñer o peche á xornada, ás 16:30 h terá lugar o roteiro Descubrindo Compostela, un percorrido circular de aproximadamente unha hora e cuarto guiado polo lingüista Xosé Ramón López Boullón, que falará das curiosidades da toponimia compostelá. A actividade está aberta ao público xeral (socios/as e non socios/as da CTNL) e para asistir non é precisa inscrición.

Para ampliar información, preme aquí.
07/02/2024. OUTRAS

Campaña Celebrarmos Rosalía: leva a túa escolma da súa obra pola compra dun libro en galego

Aproxímase o 23 de febreiro, Día de Rosalía, e xa coñecemos a programación de 2024. Como novidade, xunto ás alboradas, o Caldo de Gloria, os actos literarios e as numerosas actividades previstas en centros educativos e culturais, xorde unha campaña para animar a lectura en lingua galega.

A quen merque un libro en galego entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo nas librerías da Federación de Librarías de Galicia, a Casa de Rosalía e a Fundación Xistral, coa colaboración da Xunta de Galicia, entregaralle como agasallo un dos 20 000 exemplares da escolma da súa obra Celebrarmos Rosalía, edición feita por Anxo Angueira.

07/02/2024. OUTRAS

Estrea de O diamante galego o 14 de febreiro

A Associaçom Galega da Língua, co apoio da Deputación da Coruña e a produción de Nós TV, presenta o documental O diamante galego. Trátase dunha proposta centrada nas relacións económicas galego-portuguesas na que participan expertas e expertos das áreas institucional, empresarial, política ou económica.

A estrea vai ser o 14 de febreiro, ás 19 h, na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela. Aquí tes o trailer e máis información sobre os seus protagonistas.
31/01/2024. OUTRAS

A RAG presenta a programación de homenaxe a Luísa Villalta no seu Ano das Letras

A Real Academia Galega presenta o programa de actividades que levará adiante para dar a coñecer ou axudar a afondar na personalidade e na obra de Luísa Villalta, homenaxeada co Día das Letras Galegas 2024.

No mes de marzo, vaise estrear unha serie web de seis episodios a través dos que coñeceremos os aspectos fundamentais da vida e obra da autora. Este audiovisual, considerado pola Academia unha das apostas máis fortes da programación, acompañarase de múltiples iniciativas entre as que segue destacando a dedicada aos máis cativos, o proxecto Primavera das Letras.

Podes ampliar esta información e manterte ao tanto das novidades na sección especial sobre Luísa Villalta creada pola RAG.
23/01/2024. OUTRAS

O mosteiro de San Martiño Pinario acolle unha exposición sobre os 55 anos de liturxia en galego

A editorial Sept, co apoio da Xunta de Galicia e do Arcebispado de Santiago, organiza a exposición “55 anos da liturxia en galego (1969-2024)”, que pode visitarse no mosteiro de San Martiño Pinario ata o 29 de febreiro de 2024. A mostra está composta por seis paneis que dan conta da historia da lingua galega na liturxia, desde 1969 (ano da aprobación do galego como lingua litúrxica nas dioceses de Galicia) ata a actualidade.

Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.

19/01/2024. OUTRAS

Cinemas_Gal, nova canle en Filmin con cine galego e en galego

A plataforma de cine en liña Filmin incorpora unha nova canle dedicada ao cine galego e en galego. Cinemas_Gal, elaborada coa colaboración da Xunta de Galicia, presenta de xeito agrupado todos os filmes en galego ou con subtítulos en galego, así como os de autoría galega, que forman parte do catálogo da plataforma.

Neste momento ofértanse 74 títulos clasificados nas seguintes categorías: “éxitos recentes do cine galego”, “éxitos internacionais en galego”, “autores galegos”, “curtametraxes galegas”, “documentais”, “o mellor cine europeo en galego”, "cine portugués" e “música”.
18/01/2024. OUTRAS

Actualizada a información sobre o fondo de publicacións periódicas do CDSG

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia publica en liña o Boletín de Sumarios 2023, un produto documental que inclúe os sumarios dos números das revistas que se incorporaron á hemeroteca do centro ao longo do ano pasado.

Tamén podes consultar a nosa colección completa actualizada a través do Catálogo de publicacións periódicas do CDSG.

Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde o boletín e o catálogo pode accederse directamente a elas.
17/01/2024. OUTRAS

Convócanse probas de avaliación en competencias clave

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca probas de avaliación en competencias clave para persoas que non teñan título da ESO ou Bacharelato e desexen cursar accións formativas dos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación profesional.

Como novidade, a convocatoria deste ano ofrece dúas oportunidades para superar as probas. A primeira será, previsiblemente, a mediados de xuño; as persoas ás que lle quede pendente algunha parte poderán tentalo de novo a mediados de outubro. O prazo de presentación de solicitudes
remata o 15 de febreiro de 2024. Máis información na convocatoria no DOG.

As competencias clave que se valorarán son matemáticas, lingua castelá, lingua galega e inglés. No Campus Virtual da Consellería podes atopar materiais de autoformación para preparar as probas.
09/01/2024. OUTRAS

A RAG comeza o Ano Luísa Villalta cunha web dedicada á autora

A Real Academia Galega inicia as súas actividades destinadas á difusión da vida e obra de Luísa Villalta, a escritora homenaxeada co Día das Letras Galegas 2024. A web especial, que a institución vén de estrear, irá actualizándose con nova información, recursos e acceso ás diversas iniciativas que se van desenvolver ao longo do ano.
27/12/2023. OUTRAS

Cibercarracho, palabra do ano 2023

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, acaba de facer público que “cibercarracho, -a” é o termo elixido como Palabra do Ano 2023. Trátase dun neoloxismo de rexistro coloquial que emprega o humor “para designar a persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación”. Dado que se trata dun neoloxismo de recente creación, o termo non aparece aínda no Dicionario da RAG, que si recolle desde 2018 o sinónimo “ciberdelincuente”.

Podes ampliar esta información premendo aquí.
18/12/2023. OUTRAS

Homenaxe a O Tío Marcos d´a Portela no Liceo de Ourense

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) fixo neste 2023 dez anos de vida e para poñer o ramo a esta primeira década de existencia vai celebrar unha homenaxe a O Tío Marcos d´a Portela, a primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. Na homenaxe tamén se falará da conexión co idioma galego e co galeguismo de Basilio Álvarez, crego, político e xornalista do que acaba de publicarse unha biografía asinada polo profesor Miguel Cabo. O acto terá lugar hoxe, 18 de decembro de 2023, no Liceo de Ourense, ás 11:00 h.

Na páxina web da AMEGA tes toda a información sobre esta iniciativa.
18/12/2023. OUTRAS

Uxía, o chatbot que fala en galego

A empresa de Pontevedra TICGAL presenta a Uxía, o seu asistente de voz trilingüe: en galego, inglés e castelán.

Foi construído coa ferramenta GLPI, a máis coñecida de código aberto, como servizo web; se ben continúa o seu desenvolvemento para estenderse á comunicación multicanal. Así mesmo, TICGAL continúa traballando no adestramento de Uxía para ampliar coñecementos e funcionalidades segundo se lles demande.
11/12/2023. OUTRAS

O comunicador dinámico AsTeRICS GRID está dispoñible en galego

O Departamento de Orientación do IES Eusebio Baleirón, co asesoramento do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, traduce ao galego a interface do comunicador dinámico AsTeRICS GRID.

Esta aplicación permite a utilización de pictogramas e imaxes para propiciar e mellorar a comunicación de persoas con dificultades. Así mesmo, a nova versión tamén axudará a difundir materiais xa elaborados en galego.
28/11/2023. OUTRAS

Palabra do Ano 2023: o público xa pode facer as súas propostas

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren a campaña para a elección popular da Palabra do Ano 2023. Accede ao Portal das Palabras e vota nesta ligazón ata o 10 de decembro.

De entre as suxestións recibidas, publicarase a lista de termos máis repetidos ou significativos, entre os que poderás escoller na votación final, entre o 12 e o 25 de decembro. A palabra con maior apoio ocupará o podio que antes correspondeu a "comadre", "tanxugueiras", "nós", "sentidiño", "deseucaliptización", "afouteza" "irmandade", "refuxiado" e "corrupción".
22/11/2023. OUTRAS

Xoán González-Millán protagoniza a última biografía publicada no Álbum de Galicia

Dolores Vilavedra e Alejandro Alonso asinan a biografía de Xoán González-Millán (O Grove, 1951 - Nova York, 2002) que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia. Únense aquí o coñecemento do intelectual e o recoñecemento ao estudoso, crítico literario e principal difusor da cultura galega nos ámbitos académicos internacionais.

Xunto co texto biográfico, atoparás outros recursos documentais de valía para coñecer esta figura grovense referente da diáspora contemporánea: galería fotográfica, obra activa e pasiva, vídeos ou recursos en liña.
10/11/2023. OUTRAS

A Mesa pola Normalización Lingüística promove unha carta aberta aos membros da UE

O vindeiro 15 de novembro de 2023 terá lugar no Consello de Asuntos Xerais da Unión Europea o debate no que se tratará o recoñecemento do galego, o catalán e o éuscaro como linguas oficiais da UE. Con este motivo, a Mesa pola Normalización Lingüística promove unha carta aberta, dirixida aos estados membros da UE, na que lles piden que voten afirmativamente para que o galego sexa considerado tamén idioma oficial das institucións da Unión Europea.

A carta, que se publica coa sinatura de máis de 30 representantes de entidades públicas e sociais galegas, pode ser asinada a título particular por toda a cidadanía.

Na páxina web da Mesa podes ler o texto íntegro da carta.
09/11/2023. OUTRAS

A RAG exhorta aos deputados/as galegos/as a usar o galego no Parlamento español

O plenario da Real Academia Galega acordou por unanimidade facer pública unha declaración institucional en relación ao uso do galego no Parlamento español. A RAG manifesta a súa satisfacción polo feito de que o Parlamento español, a través da reforma do seu regulamento, recoñeza oficialmente o dereito ao uso do galego, o éuscaro e o catalán nas súas sesións e no conxunto da actividade parlamentaria e “exhorta a todos os deputados e deputadas galegos nas Cortes españolas a que fagan uso do seu dereito a empregar o galego na súa actividade parlamentaria”.

Así mesmo, a RAG remata o comunicado manifestando a súa esperanza en que tamén cheguen a bo porto as xestións do goberno español para acadar a plena oficialidade do galego nas institucións da Unión Europea.

Para ler o texto completo da declaración, preme aquí.
07/11/2023. OUTRAS

A RAG estrea a serie documental Irmás na Fala

A Real Academia Galega estrea hoxe, 7 de novembro de 2023, ás 21:00 horas, na súa canle de Youtube a serie documental Irmás na Fala, coa que quere render homenaxe e divulgar a memoria das mulleres que formaron parte das Irmandades da Fala. A serie componse de catro episodios nos que se irá debullando a historia invisibilizada destas 200 irmandiñas, poñendo o foco nas biografías de Micaela Chao Maciñeira, María Miramontes, Elvira Bao, Amparo López Jeán e Emilia Docet.

Irmás na Fala está producida pola Real Academia Galega e realizada por Nós Televisión, co apoio do Concello da Coruña.
26/10/2023. OUTRAS

Datas e lugares das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) anuncia as datas e lugares de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 4 de setembro de 2023.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela (IES Antonio Fraguas Fraguas) e Ponferrada (na Escola Oficial de Idiomas da localidade) nas seguintes datas:

-Celga 2: 28 de novembro de 2023
-Celga 3: 25 de novembro de 2023
-Celga 4: 18 de novembro de 2023 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece polas letras V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F e G; e 19 de novembro de 2023 se o primeiro apelido empeza por H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T e U.