Novas da lingua. CURSOS E CONGRESOS

Rexistros1 a 30 de 744
22/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello promove un programa de aprendizaxe do galego en liña

A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello, que ten como principais obxectivos fomentar o uso do galego en todos os ámbitos sociais, promove un programa de aprendizaxe do galego en liña impartido pola docente Carolina Silva Arandia e dirixido a persoas de todas as idades. No proxecto ofértanse diferentes modalidades de aprendizaxe: clases de galego grupais (dirixidas a persoas de todas as idades e niveis de coñecemento), encontros de conversa en liña (para persoas con coñecementos previos de galego) e clases de alfabetización (orientadas á adquisición da competencia escrita).

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
20/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

Últimas prazas no curso "20 anos co cinema galego. Industria, cultura, identidade"

Entre o 24 e o 28 de xuño de 2024, no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, terá lugar o curso 20 anos co cinema galego. Industria, cultura, identidade.

Estas xornadas, dirixidas por Miguel Anxo Fernández Fernández, van contar con profesionais do sector das industrias culturais e creativas con máis pulo de Galicia, para analizar a creación audiovisual, estudar distintos formatos, así como o proceso de consolidación deste ecosistema. Tamén se vai realizar un obradoiro de produción desenvolvido polo alumnado de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo.

A inscrición remata o 10 de xuño. Tes toda a información e o programa aquí.
20/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

XVII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística: Traballando en Lingua nas Redes Sociais

Entre o 16 e o 18 de xullo de 2024, a Universidade da Coruña organiza a edición XVII de Traballando en Lingua, curso de verán sobre dinamización lingüística.

Este ano centra a súa atención das redes sociais, desde a análise de oportunidades e preconceptos, ás propostas e a visibilización do galego neste ámbito. As xornadas, unha vez máis, terán lugar no Pazo da Cultura de Carballo e o prazo de inscrición para participar nelas remata o 11 de xullo. Consulta o programa e outros datos na páxina do curso.
20/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

A USC organiza un curso de verán sobre a innovación dixital no ámbito das Humanidades e das Ciencias Sociais

A Universidade de Verán da USC ofrece o curso Humanidades Dixitais: recursos, ferramentas e servizos, que terá lugar entre os días 15 e 18 de xullo de 2024 na Facultade de Filoloxía da Universidade. O propósito desta actividade é proporcionarlle "ao alumnado os contidos e competencias necesarios para a posta en marcha ou para a participación en proxectos de innovación dixital no ámbito das Humanidades e das Ciencias Sociais. Asemade, permitiralle achegarse a diferentes proxectos de Humanidades Dixitais, particularmente os desenvolvidos en Galicia, así como coñecer as infraestruturas dixitais de investigación DARIAH e CLARIN".

O prazo de inscrición está aberto ata o 5 de xullo. Para ampliar información sobre o programa ou os trámites de matrícula, preme na ligazón.
15/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

A USC organiza un curso de verán sobre os desafíos da lingua galega no século XXI

A Universidade de Verán da USC inclúe na súa oferta formativa deste ano 2024 o curso “A lingua galega no século XXI: desafíos e fronteiras”, que vai desenvolverse no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira entre os días 8 e 10 de xullo de 2024. O curso, dirixido por Xosé Luís Regueira e Henrique Monteagudo, ten como obxectivo analizar algúns dos principais desafíos aos que se debe enfrontar a lingua galega: a transmisión interxeracional, o perigo da extinción dixital e a integración de poboacións migrantes con diferentes linguas e culturas. O prazo de matrícula estará aberto entre o 15 de maio e o 28 de xuño de 2024.

Para ampliar información sobre o programa ou os trámites de matrícula, preme aquí.
07/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe xurídica para o persoal da Administración de Xustiza que traballa fóra de Galicia

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, dous cursos de linguaxe xurídica galega (un de nivel medio e outro de nivel superior) para o ano 2024, destinados ao persoal ao servizo da Administración de Xustiza que preste servizos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia. Os cursos impartiranse na modalidade de teleformación. O prazo para presentar solicitudes estará aberto entre o 8 e o 20 de maio de 2024.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
03/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

Aulas de galego para a poboación inmigrante do concello de Silleda

O vindeiro luns, 6 de maio de 2024, comeza unha nova edición do Programa Anduriña, unha iniciativa do Concello de Silleda para a alfabetización e inserción sociocultural da poboación inmigrante empadroada no concello. O programa inclúe aulas de aprendizaxe de lingua castelá e mais de lingua galega, tanto para poboación adulta como infantil.

Se desexas máis información debes poñerte en contacto co Departamento de Benestar do Concello de Silleda (986 59 20 37).
25/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

X Xornada do Día das Letras Galegas sobre Luísa Villalta

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) organizan a X Xornada do Día das Letras Galegas, dirixida a persoal docente, que nesta edición terá como fío temático a vida e a obra de Luísa Villalta. Ademais dos relatorios dos especialistas na obra desta autora, o programa inclúe tamén a participación dos centros gañadores do “Concurso-exposición das Letras Galegas”, que presentarán as exposicións e as guías didácticas premiadas.
As sesións terán lugar o 27 de abril de 2024 no Pazo de San Roque (Santiago de Compostela). O prazo de inscrición remata o 25 de abril.

Para ampliar información, preme aquí.
23/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre o uso do galego na actividade profesional da psicoloxía

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela organiza as II Xornadas sobre bilingüismo: o uso do galego na actividade profesional, nas que se tratarán os beneficios e a necesidade de usar o galego con pacientes galegofalantes no ámbito profesional da psicoloxía. As sesións terán lugar o 25 de abril de 2024, a partir das 16:30 h, no salón de actos da Facultade de Psicoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o 24 de abril.

Podes obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición premendo aquí.
19/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística

A Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, como membro desta, organizan o vindeiro 26 de abril de 2024 unha xornada sobre o impacto das tecnoloxías da linguaxe na economía e na sociedade.

Segundo a presentación da web da NPLD, "é unha oportunidade única para que expertos e expertas, responsables do ámbito político e da investigación de toda Europa profunden no papel das tecnoloxías lingüísticas á hora de protexer, preservar e igualar linguas rexionais ou minoritarias".

Tes máis información no programa da xornada.
16/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

Comezan os monográficos arredor da oralidade do Servizo de Normalización Lingüística de Vigo

O CIOV, Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo creado polo Servizo de Normalización Lingüística para traballar na recuperación e posta en valor da nosa tradición oral, e das novas formas de improvisación oral, comeza o 19 de abril de 2024 a súa serie de monográficos. O título do primeiro é Oratoria e filosofía de taberna, por Manoel da Costa.

Seguirano novas sesións os días 23, 25 e 30 de abril. Todas elas no Verbum, de 17:00 a 20:00 h.
12/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de debate no CCG sobre a divulgación da ciencia en galego

A Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega organiza unha xornada de debate sobre a divulgación da ciencia en galego nos novos espazos, onde se tratarán cuestións como a relación entre a divulgación científica tradicional e a divulgación nos novos espazos, a existencia de comunidades virtuais de divulgación en galego ou os factores que inflúen nos creadores/as de contido á hora de escoller a lingua.

As sesións terán lugar o vindeiro 7 de maio de 2024 na sede do CCG (Pazo de Raxoi). A matrícula é gratuíta e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Para consultar o programa completo preme aquí.
11/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade do Miño acolle o XIV Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos

A Universidade do Minho acollerá entre os días 17 a 20 de abril de 2024 o XIV Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que reunirá académicos/as do campo das Ciencias Sociais e as Humanidades para reflexionar sobre “os horizontes dos Estudos Galegos e/na Lusofonía”.

O Consello da Cultura Galega colabora neste congreso organizando a exposición “Afonso X e Galicia” e mais a sesión de relatorios “A interpretación do repertorio lírico medieval hoxe: enxeñería e investigación”, que coordina Rebeca Blanco-Rotea.

Para ampliar información preme aquí.
08/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

XXXIII Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura co obxectivo de ofrecer ferramentas didácticas útiles para a docencia da lingua e a literatura galegas, así como reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito do ensino. As sesións, dirixidas ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terán lugar o 13 de abril de 2024 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela).

Podes consultar o programa completo premendo aquí. A inscrición é de balde e podes facela cubrindo este formulario.
19/03/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre a galeguización da Igrexa na Transición

Coincidindo co centenario de Alfonso Zulueta de Haz, persoa comprometida coa aculturación da Igrexa en Galicia e impulsor da empresa da tradución da Biblia ao galego dende as linguas orixinais, o Consello da Cultura Galega organiza a xornada Igrexa e lingua na Transición, na que se analizará como xurdiron aquelas grandes inquedanzas a prol da galeguización da Igrexa e cales foron os principais movementos e iniciativas que botaron a andar neste período.
As sesións terán lugar o 23 de abril de 2024 na sede do Consello da Cultura Galega. A inscrición é gratuíta e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Para consultar o programa completo e acceder ao formulario de inscrición, preme aquí.
18/03/2024. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública publica a convocatoria de actividades de formación para o persoal da Administración local galega. Entre a formación programada, ofértase un curso de redacción de documentos técnico-xurídicos en galego, na modalidade de teleformación, que se desenvolverá entre o 20 de maio e o 6 de xuño de 2024.

O prazo de presentación das solicitudes comezará ao día seguinte da publicación da convocatoria no DOG e rematará o 27 de marzo de 2024.
05/03/2024. CURSOS E CONGRESOS

XXXIV Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras"

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela convocan a trixésimo cuarta edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", dirixidos a alumnado de fóra de Galicia que quere aprender galego e familiarizarse coa nosa cultura. Estes cursos estivais, que se desenvolverán entre o 3 e o 24 de xullo de 2024, organízanse en tres niveis diferentes: elemental, medio e superior. O prazo de inscrición remata o 5 de abril de 2024.

Para ampliar información sobre o programa dos cursos e os trámites de matrícula preme aquí.
01/03/2024. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da administración pública galega

A Escola Galega de Administración Pública publica a convocatoria de actividades de formación continua para o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. No que respecta á formación de carácter lingüístico, ofértanse os seguintes cursos: “A normativa do galego estándar: actualización gramatical, ortográfica e léxica” (modalidade mixta: teleformación e telepresenza), “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos” (teleformación) e “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego” (teleformación).

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
26/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiros de acollemento lingüístico en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, un deles dirixido a persoas doutras comunidades lingüísticas que se achegan por primeira vez ao galego (nivel iniciación) e outro para aquelas que xa realizaron unha primeira aproximación e que desexan continuar a súa formación (nivel continuación). Os cursos teñen unha duración de 36 horas, distribuídas en dúas sesións semanais. A matrícula é gratuíta e o prazo de inscrición estará aberto ata o 13 de marzo de 2024.

Para ampliar información preme aquí.
22/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

A USC convoca unha nova edición do curso de habilidades comunicativas

O Servizo de Normalización Lingüística da USC abre a matrícula da 2ª convocatoria do período lectivo 2023-2024 do Curso de habilidades comunicativas, dirixido a alumnado que vai redactar ou defender en galego traballos académicos de curso, traballos de fin de grao, traballos de fin de mestrado ou teses. O curso (que se desenvolverá ao longo dos meses de febreiro, marzo e abril de 2024) pode realizarse de xeito completo ou por módulos: A redacción científica, Falar en público e Presentacións dixitais eficientes.

Máis información sobre os contidos de cada módulo e os prazos de matrícula na súa páxina web.
16/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de acollemento lingüístico no Concello de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza un obradoiro de acollemento lingüístico dirixido a persoas de fóra de Galicia que queiran achegarse á lingua e cultura galegas. As sesións comezarán en marzo, todos os martes e xoves de 18:00 h a 19:30 h, no centro social Escola de Arrabaldes, na Milagrosa. As persoas interesadas poden inscribirse ao longo deste mes de febreiro enviando un correo electrónico a snl@carballo.gal no que indiquen o seu nome e apelidos e mais un teléfono de contacto.
16/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2024.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
08/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega na Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do segundo cuadrimestre do curso académico 2023/2024, dirixidos á comunidade universitaria e organizados pola Área de Normalización Lingüística. Os cursos ofertados son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); A calidade lingüística no teu TFG ou TFM (30 h); Avanza co galego (40 h); Curso de linguaxe administrativa e xurídica (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); Escribir en internet (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de marzo, abril e maio de 2024, na modalidade en liña. O prazo de inscrición remata o 23 de febreiro de 2024, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.
01/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

Curso para mellorar a competencia lingüística en galego para docentes

CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) organizan un Curso para mellorar a competencia lingüística en galego para docentes, que será impartido, na modalidade de teleformación, pola docente Marta Dacosta Alonso. As sesións desenvolveranse entre o 2 e o 29 de febreiro de 2024.
Podes matricularte cubrindo este formulario.
18/01/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega para o persoal da Administración pública

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vinte e sete cursos de linguaxe administrativa galega e tres de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os cursos se desenvolverán na modalidade de teleformación. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 19 e o 31 de xaneiro de 2024.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
18/01/2024. CURSOS E CONGRESOS

Nova edición do curso de lingua e cultura galegas do programa Aula GaliciaAberta

A Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, dentro do seu programa Aula GaliciaAberta, organiza unha nova edición do curso en liña de lingua e cultura galegas, dirixido principalmente á comunidade galega no exterior. O curso, que se emitirá todos os martes a través do Facebook Live de GaliciaAberta, é gratuíto e non precisa inscrición previa.

A edición deste ano 2024 incorpora como novidade a participación unha vez ao mes dun persoeiro/a relevante da cultura galega. Na primeira sesión, que tivo lugar o pasado martes 16 de xaneiro, a convidada foi a poeta Yolanda Castaño.

Para ampliar información, preme aquí.
12/01/2024. CURSOS E CONGRESOS

I Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo organiza a primeira edición do congreso internacional ParatradIT. Con esta iniciativa, búscase desenvolver eventos científicos que tomen como obxecto de estudo as circunstancias sociais, culturais, políticas e, sobre todo, tecnolóxicas vixentes para traducir entre linguas, na era das narrativas transmedia en pantalla e fóra dela.

As sesións terán lugar do 20 ao 22 de marzo de 2024, tanto en modalidade presencial coma en rede. Para saber máis do programa ou de como inscribirte, visita a páxina de ParatradIT.
11/01/2024. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade de Vigo organizará o XXI Encontro Nacional de Estudantes de Tradución e Interpretación

Os días 18 e 19 de abril de 2024, o campus de Vigo acollerá por primeira vez unha edición do ENETI, iniciativa xurdida en 2001 para fortalecer o contacto, intercambio de ideas e promoción dos futuros tradutores e intérpretes.

O Comité Organizador, coma o público destinatario, está composto por estudantes: Alba Carballal, Ana Doval, Melanie Varela e María Herrero. Na web oficial do evento iranse coñecendo, progresivamente, as confirmacións do programa, obradoiros e actividades.
29/12/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego para non galegofalantes na USC

O Centro de Linguas Modernas da USC presenta a oferta formativa para o segundo semestre do curso 2023/2024 nos campus de Santiago e de Lugo, na que se inclúen cursos de galego para non galegofalantes nas seguintes tres modalidades: “cursos semestrais para non galegofalantes”, “cursos intensivos para non galegofalantes” e “cursos intensivos para PDI e PI da USC (preparatorios das probas de acreditación de nivel B da USC)”. Os cursos están dirixidos principalmente á comunidade universitaria, mais tamén están abertos a todas as persoas interesadas maiores de 16 anos.

Para obter máis información sobre esta oferta formativa, así como sobre os trámites e prazos de matrícula, preme aquí.
22/12/2023. CURSOS E CONGRESOS

Oferta formativa do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo anuncia a oferta formativa do Centro de Interpretación da Oralidade para o ano 2024. En concreto, o programa de formación inclúe un curso de improvisación oral en verso, que será impartido por Kike Estévez, e mais un curso de narración oral e contacontos, que impartirá profesorado experto na materia.

Para obter máis información sobre as datas de realización, os contidos didácticos ou os trámites de inscrición, preme aquí.