Novas da lingua. CURSOS E CONGRESOS

Rexistros31 a 60 de 907
03/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de introdución á lingua e á cultura galegas na Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia organizan dous cursos de introdución á lingua e cultura galegas, dirixidos a persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao noso idioma.

O primeiro curso impartirase no Centro Cívico Sagrada Familia do 13 ao 24 de outubro de 2025, de luns a venres en horario de mañá (das 10:00 ás 12:00 horas).

O segundo curso terá lugar no Centro Sociocultural Ágora, do 3 ao 14 de novembro de 2025, de luns a venres en horario de tarde (das 17:00 ás 19:00 horas).

Na páxina web do SNL do Concello da Coruña podes ampliar información sobre os trámites de inscrición.
30/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Xa podes inscribirte nos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística

O vindeiro 21 de outubro van ter lugar os XXVII Encontros para a Normalización Lingüística, a nosa cita anual para o encontro, o debate e a reflexión sociolingüística, que nesta ocasión porá o foco en dous axentes fundamentais no proceso de normalización do noso idioma: os servizos de normalización lingüística (SNL) da Administración pública e mais os equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) dos centros de ensino. O seu labor estratéxico e a súa longa traxectoria demandan unha análise profunda que permita coñecer a súa situación actual e facer novas propostas para enfrontar os retos do futuro.

A xornada rematará coa actuación especial de Regueifa Tour, na que un grupo de adolescentes festeiras nos amosarán o poder transformador da improvisación oral.

A inscrición é gratuíta e as prazas (limitadas a 100) cubriranse por orde de chegada das solicitudes.

Na páxina web do CCG podes consultar o programa completo e mais acceder ao formulario de inscrición.

30/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de creación de contidos dixitais en galego

No marco do proxecto Youtuberas+, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza un obradoiro de creación de contidos dixitais en galego dirixido a persoas maiores de 16 anos que queiran comezar a crear contido de calidade en galego nas redes sociais.

O obradoiro será impartido por Nuria Espasandín (Toxío) e por Laura Veiga (Pingando), e desenvolverase no centro cívico social do Alto, o 9 de outubro, de 18:00 a 19:40 h.

Para ampliar información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
17/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para a comunidade universitaria da UVigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do primeiro cuadrimestre do curso académico 2025/2026, dirixidos á súa comunidade universitaria e organizados pola Área de Normalización Lingüística. Os cursos ofertados son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); A calidade lingüística na universidade (30 h); Obradoiro de lingua oral (15 h); Galego hoxe (40 h); Cuestións de sociolingüística e de léxico (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2025, na modalidade en liña. O prazo de inscrición remata o vindeiro26 de setembro, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.
12/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de galego para persoas non galegofalantes na USC

O Centro de Linguas Modernas da USC oferta un curso de galego de nivel básico (A2) dirixido a persoas que veñen de fóra de Galicia e desexan aprender galego. O curso, de carácter presencial, desenvolverase na Facultade de Filosofía da USC desde o 24 de setembro de 2025 ata o 12 de xaneiro de 2026.

Para realizar estes cursos non é necesario ser alumno/a da USC. O único requisito é ser maior de 16 anos. A matrícula estará aberta ata o vindeiro 16 de setembro de 2025.

Para ampliar información, preme aquí.
11/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas en Madrid

A Casa de Galicia en Madrid e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convocan unha nova edición dos cursos de lingua e cultura galegas, que neste curso 2025/2026 contarán tamén cun terceiro nivel de coñecemento.

Os cursos, de 70 horas de duración cada un, impartiranse os martes e mércores entre o 7 de outubro de 2025 e o 24 de xuño de 2026.

O prazo de inscrición estará aberto entre o 15 e o 26 de setembro de 2025.

Para ampliar información, preme aquí.
11/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de escrita creativa en Vigo

O Concello de Vigo organiza dous cursos de escrita creativa: un de nivel 1 (30 horas), para aquelas persoas que desexen iniciarse na escrita creativa en lingua galega; e outro de nivel 2 (20 horas), para as que queiran mellorar as súas destrezas literarias no noso idioma. Estes cursos impartiranse entre os meses de outubro de 2025 e xaneiro de 2026.

Podes obter máis información sobre as datas e lugares de celebración premendo nas seguintes ligazóns:
-Curso de escrita creativa. Nivel 1 (outubro-novembro 2025)
-Curso de escrita creativa. Nivel 2 (novembro 2025)
-Curso de escrita creativa. Nivel 2 (decembro 2025-xaneiro 2026)
01/09/2025. CURSOS E CONGRESOS

Novos obradoiros de acollemento lingüístico en Santiago

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, un deles dirixido a persoas doutras comunidades lingüísticas que se achegan por primeira vez ao galego (nivel iniciación) e outro para aquelas que xa realizaron unha primeira aproximación e que desexan continuar a súa formación (nivel continuación). Os cursos, que se desenvolverán entre os meses de setembro e decembro de 2025, teñen unha duración de 36 horas, distribuídas en dúas sesións semanais. A matrícula é gratuíta e o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 8 de setembro, ás 12:00 horas.

Para ampliar información preme aquí.
26/08/2025. CURSOS E CONGRESOS

O CIOV de Vigo abre a inscrición para os cursos do vindeiro trimestre

O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo, creado polo Servizo de Normalización Lingüística municipal para poñer en valor a nosa tradición oral e as novas formas de improvisación oral, abre o prazo de inscrición para os cursos do vindeiro trimestre. En concreto as persoas interesadas poden inscribirse nos módulos de poesía que impartirá Vanessa Glemsel entre o 9 de setembro e o 13 de novembro de 2025; e no curso de improvisación oral en verso-regueifa que impartirá Kike Estévez durante os meses de setembro, outubro e novembro de 2025.

23/07/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega para persoal de seguridade pública

A Academia Galega de Seguridade Pública convoca dous cursos de linguaxe administrativa galega (un de nivel medio e outro de nivel superior) na modalidade de teleformación, dirixidos ao persoal dos servizos de seguridade pública de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 25 de agosto de 2025.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
16/07/2025. CURSOS E CONGRESOS

Congreso Internacional “Unha Filoloxía para o Século XXI”

No marco da celebración do quincuaxésimo aniversario da súa fundación, a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela organiza o Congreso Internacional “Unha Filoloxía para o Século XXI”, que leva por título Pasado, Presente e Futuro. Linguas, Literaturas e Culturas e que xirará arredor de tres grandes eixes: “Narrativas, culturas e sociedades”; “Filoloxía e tecnoloxías da información e a comunicación”; e “Filoloxía e transdisciplinariedade”.

As sesións, que se desenvolverán na modalidade presencial, terán lugar na sede da Facultade de Filoloxía (Santiago de Compostela) durante os días 26, 27 e 28 de novembro de 2025. As persoas interesadas en participar no congreso presentado unha comunicación, un panel ou un póster académico teñen de prazo ata o 20 de xullo para presentar as súas propostas.
08/07/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega para o PDI da Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña convoca tres cursos de formación en lingua galega para o persoal docente e investigador da UDC, que se desenvolverán en liña a través do Campus Virtual entre o 22 de setembro e o 23 de novembro de 2025.

Os cursos, deseñados segundo o nivel de competencia previa do alumnado, son os seguintes: Curso Básico de Aproximación á Lingua Estándar, Curso de Actualización de Competencias Lingüísticas e Curso Superior de Competencias Lingüísticas. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 22 de xullo.

Na páxina web do SNL da UDC podes obter máis información sobre os contidos e mais os trámites de inscrición.
26/06/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e mais preparatorios para o Celga nas EEOOII

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca cursos de linguaxe administrativa galega en liña (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega dos niveis Celga 2, 3 e 4, que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2025/2026. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas.

O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o 30 de xuño ata o 11 de xullo de 2025, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e desde o 10 ata o 21 de novembro de 2025, para os cursos do segundo cuadrimestre .

Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí.
18/06/2025. CURSOS E CONGRESOS

A X Xornada de Onomástica Galega centrarase nos nomes do mar

A Real Academia Galega presenta o programa da X Xornada de Onomástica Galega, organizada coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra. Nesta edición os relatorios centraranse en analizar os nomes do mar (talasonimia e naonimia).

A xornada, coordinada por Ana Boullón e Luz Méndez, terá lugar o 4 de outubro de 2025 no Museo de Pontevedra.

Na páxina web da RAG podes consultar o programa completo e acceder ao formulario de inscrición.
13/06/2025. CURSOS E CONGRESOS

Debate sobre multilingüismo na Facultade de Educación e Traballo Social da Uvigo

A Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo acolle o relatorio Multilingüismo, inclusión ou borrado social? Micropolíticas e prácticas lingüísticas familiares, que impartirá Anik Nandi, profesor da Woxsen University, India.

O evento terá lugar hoxe, 13 de xuño de 2025, ás 12:30 h, na Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo (Campus de Ourense. Edificio de Ferro. Aula 0.0).
06/06/2025. CURSOS E CONGRESOS

XVIII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística: Traballando en Lingua con Inmigrantes

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza o XVIII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, que nesta edición leva por título Traballando en Lingua con Inmigrantes. A atención centrarase en analizar os usos lingüísticos e fomentar o uso do galego entre os colectivos de poboación inmigrante, reflexionando sobre os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación, os métodos etc. máis axeitados para tal propósito.

As xornadas terán lugar no Pazo da Cultura de Carballo os días 15 e 16 de xullo de 2025. O prazo de inscrición para participar nelas remata o 11 de xullo.
21/05/2025. CURSOS E CONGRESOS

O VIII Congreso AGANTRO centrarase no papel da antropoloxía na actual situación de emerxencia lingüística

A Asociación Galega de Antropoloxía organiza, coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da USC, o VIII Congreso AGANTRO, que nesta edición leva por título A antropoloxía galega fronte á emerxencia lingüística: respostas e propostas. O evento terá lugar o 6 de xuño de 2025 na sede do Instituto da Lingua Galega (Praza da Universidade, 4. Santiago de Compostela), e o seu principal obxectivo será reflexionar sobre a contribución da antropoloxía galega á reversión da perda de falantes de galego, combinando a investigación etnográfica rigorosa co deseño de estratexias efectivas de acción comunitaria.

O prazo de inscrición remata o 30 de maio. Podes consultar o programa completo do congreso e obter máis información sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
21/04/2025. CURSOS E CONGRESOS

O Instituto Cervantes de Nova York incorpora cursos de galego á súa oferta formativa

O Instituto Cervantes de Nova York inclúe por primeira vez na súa oferta formativa cursos de lingua galega, grazas ao programa de colaboración que esta entidade mantén coa Xunta de Galicia para a proxección do noso idioma no exterior. Na oferta formativa da primavera de 2025 inclúese xa o curso presencial de introdución ao galego Lingua e cultura galegas: rutas e raíces, que impartirá Álex Alonso Nogueira entre os meses de abril e xuño de 2025.

No Portal da Lingua Galega podes ampliar información sobre este programa de colaboración.
07/04/2025. CURSOS E CONGRESOS

A Deputación da Coruña organiza un encontro de profesionais da normalización lingüística

O Departamento de Lingua da Deputación da Coruña organiza o Encontro de profesionais da normalización lingüística no eido local, que ten como obxectivo xerar un espazo de coñecemento mutuo e cohesión entre profesionais do eido da normalización lingüística na provincia, presentar referentes inspiradores para o traballo normalizador, valorar posibilidades de intervención nos diferentes ámbitos e avaliar posibles modificacións nas bases do programa de subvencións da Deputación dirixidas aos servizos de normalización lingüística.

O evento terá lugar o vindeiro mércores, 9 de abril de 2025, no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela.

Para consultar o programa completo e acceder ao formulario de inscrición, preme aquí.
31/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de inscrición nas XXXIV Xornadas de Lingua e Literatura

O colectivo de profesorado non universitario de Galicia ten unha nova cita formativa o vindeiro 26 de abril de 2025 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). Trátase das XXXIV Xornadas de Lingua e Literatura, que organizan un ano máis a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino co obxectivo de ofrecer ferramentas didácticas útiles para a docencia da lingua e a literatura galegas, e de reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito do ensino.

Podes consultar o programa completo premendo aquí. A inscrición é de balde e podes facela cubrindo este formulario.

31/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

II Xeira CLARIAH-GAL

O vindeiro 9 de maio de 2025 terá lugar no salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a II Xeira CLARIAH-GAL, un espazo que quere servir de punto de encontro para integrantes de proxectos e grupos de investigación galegos que traballen no ámbito das Humanidades Dixitais e das tecnoloxías lingüísticas aplicadas á investigación en Humanidades e Ciencias Sociais.

O prazo de inscrición remata o 30 de abril.

Na páxina web do Instituto da Lingua Galega tes toda a información sobre o evento.
28/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Aulas de galego para a poboación inmigrante do concello de Silleda

O Concello de Silleda organiza unha nova edición do Programa Anduriña, unha iniciativa de alfabetización e inserción sociocultural da poboación inmigrante empadroada no concello. O programa inclúe aulas de aprendizaxe de lingua castelá e mais de lingua galega, tanto para poboación adulta como infantil. As sesións comezarán o vindeiro mes de abril, despois da Semana Santa. As aulas de galego para poboación adulta terán lugar na Casa da Xuventude, os xoves de 10:00 h a 12:00 h. As aulas para poboación infantil organizaranse en dúas quendas: un grupo asistirá os xoves de 19:15 h a 20:15 h e o outro, os venres de 19:30 h a 20:30 horas.

Para formalizar a inscrición debes poñerte en contacto co Departamento de Benestar do Concello de Silleda (986 59 20 37).

No xornal Ecos da Comarca tes máis información sobre esta iniciativa.
27/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de pitching en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago organiza o Obradoiro de pitching en galego, no que os asistentes recibirán formación práctica sobre habilidades comunicativas e oratoria orientada á realización de pitchings, como ferramenta clave para a procura de financiamento e a venda de proxectos audivisuais e xornalísticos.

O obradoiro será impartido por Silvia Fuentes, produtora en Sétima; e Rosa Moledo, tradutora e asesora lingüística. As sesións terán lugar os días 8 e 9 de abril de 2025 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A matrícula é de balde pero cómpre inscrición previa.

Podes ampliar información premendo aquí.
25/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

O curso de autoaprendizaxe Celga 2 xa ten os contidos adaptados á lectura fácil

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia que o curso de autoaprendizaxe Celga 2, ao que se poderá acceder a través da Plataforma de Teleformación da Lingua Galega, xa ten os seus contidos adaptados á lectura fácil, co obxectivo de facelos accesibles a persoas adultas con dificultades lectoras e/ou discapacidades cognitivas. Neste proceso a Secretaría Xeral da Lingua contou co apoio formativo e de asesoramento de FADEMGA (Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou de desenvolvemento de Galicia).

Podes ampliar información premendo aquí.
21/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre o uso do galego na actividade profesional da psicoloxía

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela organiza as III Xornadas sobre bilingüismo: o uso do galego na actividade profesional da psicoloxía, nas que se tratarán os beneficios e a necesidade de usar o galego con pacientes galegofalantes no ámbito profesional da psicoloxía. As sesións terán lugar o 24 de abril de 2025, a partir das 16:30 h, no salón de actos da Facultade de Psicoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o 23 de abril.

Podes obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición premendo aquí.
12/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiros de acollemento lingüístico en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, un deles dirixido a persoas doutras comunidades lingüísticas que se achegan por primeira vez ao galego (nivel iniciación) e outro para aquelas que xa realizaron unha primeira aproximación e que desexan continuar a súa formación (nivel continuación). As sesións desenvolveranse entre o 26 de marzo e o 25 de xuño de 2025. A matrícula é gratuíta e o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 24 de marzo, ás 12:00 h.

Para ampliar información preme aquí.
06/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de redacción de documentos técnico-xurídicos para persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública convoca diferentes actividades formativas para o persoal da Administración local. Entre os cursos ofertados inclúese o Curso de redacción de documentos técnico-xurídicos en galego, que se desenvolverá na modalidade de formación entre o 5 e o 19 de maio de 2025.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de marzo de 2025.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
05/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

XXXV Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras"

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela convocan a trixésimo quinta edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", dirixidos a alumnado de fóra de Galicia que quere aprender galego e familiarizarse coa nosa cultura. Os cursos desenvolveranse entre o 3 e o 24 de xullo de 2025, e están organizados en diferentes niveis: elemental, medio e superior.

O prazo para a recepción de solicitudes remata o 4 de abril de 2025.

Para ampliar información sobre o programa e acceder ao formulario de inscrición, preme aquí.
07/02/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2025.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/02/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para a comunidade universitaria da UVigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do segundo cuadrimestre do curso académico 2024/2025, dirixidos á súa comunidade universitaria e organizados pola Área de Normalización Lingüística. Nesta ocasión os cursos ofertados son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); A calidade lingüística na universidade (30 h); Obradoiro de lingua oral (15 h); Galego hoxe (40 h); Cuestións de sociolingüística e de léxico (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio de 2025, na modalidade en liña. O prazo de inscrición remata o 14 de febreiro de 2025, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.