Novas da lingua. CURSOS E CONGRESOS

Rexistros61 a 90 de 907
06/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de redacción de documentos técnico-xurídicos para persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública convoca diferentes actividades formativas para o persoal da Administración local. Entre os cursos ofertados inclúese o Curso de redacción de documentos técnico-xurídicos en galego, que se desenvolverá na modalidade de formación entre o 5 e o 19 de maio de 2025.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de marzo de 2025.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
05/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

XXXV Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras"

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela convocan a trixésimo quinta edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", dirixidos a alumnado de fóra de Galicia que quere aprender galego e familiarizarse coa nosa cultura. Os cursos desenvolveranse entre o 3 e o 24 de xullo de 2025, e están organizados en diferentes niveis: elemental, medio e superior.

O prazo para a recepción de solicitudes remata o 4 de abril de 2025.

Para ampliar información sobre o programa e acceder ao formulario de inscrición, preme aquí.
07/02/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2025.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/02/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para a comunidade universitaria da UVigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do segundo cuadrimestre do curso académico 2024/2025, dirixidos á súa comunidade universitaria e organizados pola Área de Normalización Lingüística. Nesta ocasión os cursos ofertados son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); A calidade lingüística na universidade (30 h); Obradoiro de lingua oral (15 h); Galego hoxe (40 h); Cuestións de sociolingüística e de léxico (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio de 2025, na modalidade en liña. O prazo de inscrición remata o 14 de febreiro de 2025, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.
03/02/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega para o persoal da Administración pública galega

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, trinta e dous cursos de linguaxe administrativa galega e cinco de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os cursos se desenvolverán na modalidade de teleformación. O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de febreiro de 2025.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
15/01/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de escrita creativa en Vigo

O Concello de Vigo organiza un curso de escrita creativa de nivel 1, de 30 horas de duración, para aquelas persoas que desexen iniciarse na escrita creativa en lingua galega. As sesións terán lugar durante os meses de febreiro e marzo de 2025 no Auditorio Mar de Vigo.

Podes consultar os contidos e obter máis información sobre os trámites de inscrición premendo aquí.
13/01/2025. CURSOS E CONGRESOS

As IV Xornadas de Normalización Lingüística analizan a emerxencia lingüística do galego

A Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG, CIG-Ensino e o Concello de Santiago organizan a cuarta edición das Xornadas de Normalización Lingüística, que terán lugar o 25 de xaneiro de 2025 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). Na sesión da mañá as intervencións centraranse na análise da situación de emerxencia lingüística constatada polos recentes datos demolingüísticos ofrecidos polo IGE, e pola tarde presentaranse dúas experiencias de intervención sociolingüística (unha de elaboración dun telexornal con alumando de educación infantil e outra de recuperación do uso do éuscaro) e mais o libro Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua, autoría de Elsa Quintas e Marcos Maceira.

A matrícula é de balde e podes tramitala a través deste formulario.
17/12/2024. CURSOS E CONGRESOS

A UNED de Pontevedra organiza un curso de iniciación á lingua galega

A UNED de Pontevedra, en colaboración co Concello de Ribadumia, organiza un curso de iniciación á lingua galega, dirixido a público xeral sen coñecementos previos de galego que desexe aprender o noso idioma ou mellorar as súas competencias lingüística básicas. As sesións serán presenciais e terán lugar entre o 14 de xaneiro e o 13 de maio de 2025, todos os martes de 19:30 h a 21:30 h, na Casa de Cultura de Ribadumia.

Para consultar o programa completa e obter información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
09/12/2024. CURSOS E CONGRESOS


A Universidade de Vigo organiza unha mesa de debate sobre a política lingüística en Galicia

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo organiza a mesa redonda Análise da política lingüística aplicada en Galicia ante os últimos resultados do IGE, na que participarán Anik Nandi, director do Centro de Estudos Galegos da Universidade Woxen e especialista en política lingüística familiar; Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; e Xosé Henrique Costas, sociolingüista e catedrático da área de Filoloxía Galega e Portuguesa da UVigo.

O acto terá lugar o 12 de decembro de 2024, ás 17:00h, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. A entrada é de balde e non é preciso inscrición previa.
22/11/2024. CURSOS E CONGRESOS

O Simposio ILG 2024 analiza a materialidade da cultura impresa

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Consello da Cultura Galega e o Ministerio de Cultura do Goberno de España, organiza o Simposio ILG 2024, que nesta edición leva por título “Cultura Impresa: materialidades, paradigmas e retos epistémicos”, no que a lingüística dialogará con outras disciplinas como as artes visuais, os estudos culturais ou a historia social.

As sesións desenvolveranse os días 27 e 28 de novembro de 2024 no salón de graos da Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de novembro.
13/11/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre litigación estratéxica e defensa de dereitos lingüísticos

A área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña e mais o Observatorio de Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística organizan a xornada Lingua con dereito. Dereito á lingua, na que se reflexionará e debaterá sobre as posibilidades de litigación estratéxica como vía de avance para os dereitos lingüísticos.

A xornada terá lugar o 23 de novembro de 2024 na Biblioteca Provincial da Coruña (Rúa Rego de Auga. 37). Podes inscribirte enviando os teus datos a través deste formulario.

Para obter máis información e coñecer o programa completo, preme aquí.
11/11/2024. CURSOS E CONGRESOS

Accesible en liña o documento conclusivo dos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística

O pasado 15 de outubro de 2024 tiveron lugar os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística, que baixo o lema “Vivir e perdurar na nosa lingua” convocaron a representantes das confesións relixiosas maioritarias, a axentes que prestan servizos funerarios e a profesionais que desenvolven iniciativas de dinamización lingüística para reflexionar sobre a importancia da lingua escollida nos actos funerarios.

Como vén sendo costume, tras a sesión de exposición, intercambio e debate, a Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, coordinadora da actividade, elaborou un documento conclusivo, que a Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega tamén fixo seu, no que se ofrece unha panorámica xeral da xornada e se escolman unha serie de demandas dirixidas a potenciar o uso do galego en todas as actividades funerarias (liturxia, cerimonias civís, necrolóxicas, lápidas, bandas florais...).

O documento está xa accesible na páxina web do CCG.
08/11/2024. CURSOS E CONGRESOS

Vilalba acolle a I Xornada de Patrimonio Inmaterial

O Instituto de Estudos Chairegos e o Consello da Cultura Galega, en colaboración co Concello de Vilalba, organizan a I Xornada de Patrimonio Inmaterial, na que se analizarán cuestións xerais do noso patrimonio inmaterial e manifestacións concretas, como a improvisación oral en verso, o zahorismo, os ceremoniais florais galaicos, o son das campás ou o patrimonio cultural asociado á arquitectura.

As sesións desenvolveranse os días 15 e 16 de novembro de 2024 na Casa da Cultura de Vilalba. Tras a clausura, terá lugar unha ofrenda floral no monolito conmemorativo da constitución das Irmandades da Fala en Vilalba, coa participación do grupo A.C. de Andrade.
06/11/2024. CURSOS E CONGRESOS

Mesa redonda no CCG sobre o patrimonio inmaterial galego-portugués

No marco das actividades de conmemoración do Mes do Patrimonio Cultural Inmaterial, o Consello da Cultura Galega e a asociación Ponte... nas Ondas! organizan a mesa redonda O patrimonio cultural inmaterial galego-portugués e a súa presenza no mundo, que terá lugar mañá, 7 de novembro de 2024, a partir das 17:00 h na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. O coloquio estará moderado por Santiago Veloso, presidente de Ponte... nas Ondas!, e nel participarán Xosé Manuel González Reboredo, antropólogo e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego; Cristina Sánchez Carretero, vicedirectora do INCIPIT-CSIC; Guadalupe Jiménez-Esquinas, antropóloga e profesora da USC; e Álvaro Campelo, profesor da Universidade Fernando Pessoa e vicepresidente da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia.

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Na páxina institucional do CCG podes consultar o programa con máis detalle.
29/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas “FIGA: Lingua e Audiovisual”

Tras o éxito internacional que están acadando nestes últimos anos as creacións audiovisuais que teñen o galego como idioma da súa versión orixinal, a Academia Galega do Audiovisual decidiu que o fío argumental da segunda edición do Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) será a lingua. As xornadas FIGA: Lingua e Audiovisual terán lugar na Cidade das TIC da Coruña os días 7, 8 e 9 de novembro de 2024 e nelas diferentes estudosos/as e profesionais do ámbito audiovisual reflexionarán sobre a diversidade lingüística neste medio.

Podes coñecer o programa completo e acceder ao formulario de inscrición premendo aquí.
25/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Programa do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo para o curso 2024-2025

O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo, creado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo para poñer en valor a nosa tradición oral e as novas formas de improvisación oral, presenta o programa formativo para o ano lectivo 2024-2025. A oferta inclúe un curso de improvisación oral en verso (regueifas, brindos, xaneiras...), impartido por Branca Trigo Cabaleiro, e outro de narración oral/contacontos, impartido por Marta Ortiz, Dani Blanco e Déborah Vukušić.

Na páxina web do SNL do Concello de Vigo podes consultar toda información sobre as datas, os contidos e mais os trámites de inscrición.
21/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada en homenaxe a Xohán Vicente Viqueira, no centenario do seu pasamento

Mañá martes, 22 de outubro de 2024 ás 19:00 horas terá lugar no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2 - Vigo) a xornada Xohán Vicente Viqueira (1886-1924) no centenario do seu pasamento, organizada polo Consello da Cultura Galega, a Fundación Penzol e o Concello de Vigo. Trátase dunha xornada en homenaxe e este relevante intelectual galeguista, fundador e destacado membro da Irmandade da Fala coruñesa. Antón Costa (catedrático xubilado de Historia da Educación da USC), Xurxo Martínez (técnico de normalización lingüística do Concello de Redondela) e Xosé Manuel Dasilva (catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo) afondarán na faceta de Xohán Vicente Viqueira como defensor da modernización do ensino galego e da normalización do uso da nosa lingua.

A asistencia é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. Na páxina web do CCG podes consultar o programa completo.
17/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

A RAG organiza un simposio sobre a vida e obra de Luísa Villalta

Os días 19, 20 e 21 de novembro de 2024 terá lugar na sede da Fundación Barrié, na Coruña, o simposio que leva por título Mil son eu tan só, tan soa, co que a Real Academia Galega pechará o seu programa de homenaxe á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano 2024: Luísa Villalta. Preto dunha vintena de especialistas afondarán na vida e na obra da autora e o programa inclúe a maiores a actuación musical de Uxía e o espectáculo “Indóciles”.

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala e todas as sesións, que se desenvolverán en horario de tarde na sede da Función Barrié, poderán seguirse tamén en directo dende academia.gal.

Na páxina web da RAG podes ampliar información.
11/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

III Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro organizan a III Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico, un encontro que reunirá o vindeiro 8 de novembro de 2024 a investigadores e investigadoras para divulgar os seus estudos sobre a variación e o cambio lingüístico nas linguas románicas. Nesta edición a xornada terán lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

A data límite de inscrición é o 31 de outubro de 2024. Na páxina do ILG podes consultar o programa completo e a información adicional.
11/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

II Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino

O Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da Universidade da Coruña organiza as II Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino, baixo a coordinación dos profesores Cilha Lourenço Módia e Xoán López Viñas. As sesións desenvolveranse en horario de tarde o vindeiro 15 de outubro de 2024 na Facultade de Filoloxía da UDC.

Para ampliar información sobre o programa preme aquí.
10/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Curso de habilidades comunicativas na USC

Se es alumno/a da Universidade de Santiago de Compostela e queres redactar ou defender en galego os teus traballos académicos de curso, o traballo de fin de grao, o traballo de fin de mestrado ou a tese, o Servizo de Normalización Lingüística da USC organiza semestralmente un curso formativo especialmente deseñado para ti: o Curso de habilidades comunicativas, que pode realizarse de xeito completo ou por módulos: A redacción científica, Falar en público e Presentacións dixitais eficientes.

Na páxina web do SNL da USC tes máis información sobre os prazos de matrícula desta 1ª convocatoria do período lectivo 2024-2025.
03/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

O CCG difunde nunha peza audiovisual o legado que perdura en mandas e epitafios

O Consello da Cultura Galega presenta a peza audiovisual O que nos une fainos perdurar, na que se compilan epitafios e mandas testamentarias recollidas de fontes históricas, literarias, redes sociais e proxectos dinamizadores.

A peza está producida por Miramemira e foi deseñada para promocionar os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística, unha cita que reunirá a investigadores, dinamizadores sociais, axentes empresariais e representantes das confesións relixiosas maioritarias para reflexionar sobre a importancia da lingua escollida nos actos funerarios.

Os XXVI Encontros terán lugar o vindeiro 15 de outubro en Santiago de Compostela, na sede do CCG. A asistencia é libre e gratuíta. Se non o fixeches xa, aínda estás a tempo de inscribirte.

02/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de escrita creativa en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza dous cursos de escrita creativa: un de nivel 1 (30 horas), para aquelas persoas que desexen iniciarse na escrita creativa en lingua galega; e outro de nivel 2 (20 horas), para as que queiran mellorar as súas destrezas literarias no noso idioma. Estes cursos impartiranse durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2024.

Na páxina web do SNL do Concello de Vigo podes obter máis información sobre as datas e lugares de celebración, os contidos e mais os trámites de inscrición:
-Curso de escrita creativa. Nivel 1 – Pola mañá
-Curso de escrita creativa. Nivel 1 – Pola tarde
-Curso de escrita creativa. Nivel 2 – Pola mañá
01/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Aquelas que cantan: XVII Xornada de Literatura de Tradición Oral

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convocan unha nova edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral, baixo o título específico Aquelas que cantan.

A sesión terá lugar o 19 de outubro de 2024, no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo. A entrada é gratuíta e preferente para socias/os de ambas as asociacións.

O programa e o sistema de inscrición poden consultarse nas webs da AS-PG e a AELG.
24/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada divulgativa na USC sobre lingua e matemáticas

Hoxe, 24 de setembro de 2024, ás 16:00 h, terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a Xornada Lingua e Matemáticas, organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC.

A asistencia é libre ata completar a capacidade da sala. Consulta o programa.
19/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega para o PDI da Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña convoca dous cursos de formación en lingua galega para o persoal docente e investigador (PDI) desta universidade, que se desenvolverán en liña a través do Campus Virtual entre o 14 de outubro e o 15 de decembro de 2024. Os cursos son os seguintes: Curso de actualización de competencias lingüísticas (destinado ao PDI que xa posúa un certo dominio do idioma galego e precise ampliar e asentar os conceptos) e Curso superior de competencias lingüísticas (destinado ao PDI que queira acadar coñecementos de nivel avanzado).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2024.

Na páxina web do SNL da UDC podes obter máis información sobre os contidos e os trámites de inscrición.
19/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de alfabetización en galego para o colectivo inmigrante da Laracha

O Concello da Laracha organiza unha nova edición do programa “A Laracha acolle”, deseñado para favorecer a inclusión social e cultural das persoas inmigrantes empadroadas no municipio, prestando especial atención ao colectivo das mulleres. No marco deste programa desenvolverase a partir do vindeiro 1 de outubro de 2024 un obradoiro de alfabetización nas dúas linguas oficiais de Galicia (galego e castelán), que se completará coa creación do espazo de expresión e participación cultural “Exprésa-T”, onde os participantes terán ocasión de poñer en práctica os coñecementos lingüísticos adquiridos e coñecer os nosos costumes e valores culturais.

Na páxina web do Concello da Laracha podes ampliar información sobre esta iniciativa.
19/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para a comunidade universitaria da UVigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do primeiro cuadrimestre do curso académico 2024/2025, dirixidos á comunidade universitaria e organizados pola Área de Normalización Lingüística. Os cursos ofertados son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); A calidade lingüística no teu TFG ou TFM (30 h); Avanza co galego (40 h); Curso de linguaxe administrativa e xurídica (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); Escribir en internet (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de outubro e novembro de 2024, na modalidade en liña. O prazo de inscrición remata o 26 de setembro de 2024, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.

Podes ampliar información premendo aquí.
17/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística tratarán a importancia da escolla lingüística nos actos funerarios

Co xa vén sendo costume, coa chegada do outono o Consello da Cultura Galega convoca unha nova cita para o encontro, o debate e a reflexión sociolingüística. Nesta edición, os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística preséntanse baixo o lema “Vivir e perdurar na nosa lingua” e teñen como obxectivo reflexionar sobre a importancia da lingua escollida nos actos funerarios, tanto nas cerimonias civís como nas das confesións relixiosas. A xornada rematará cunha visita comentada pola Cidade Vella compostelá, conducida por Manuel Gago.

Os Encontros terán lugar o 15 de outubro de 2024, na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. A inscrición é gratuíta e as prazas (limitadas a 100) cubriranse por orde de chegada das solicitudes.

Na páxina web do CCG podes consultar o programa completo e mais acceder ao formulario de inscrición.
12/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

A USC organiza unha nova edición das Xornadas “Educación e linguas”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha nova edición das Xornadas “Educación e linguas”, nas que se debaterá sobre a situación actual e os desafíos da normalización lingüística no ámbito educativo e se presentarán diferentes iniciativas e campañas de promoción do uso do galego implementadas neste ámbito nos últimos anos.

As sesións desenvolveranse os días 26 e 27 de setembro de 2024 na Facultade de Ciencias da Educación da USC. A inscrición é de balde e podes facela a través deste formulario.