Existe unha perda de produtividade do marisqueo no noso país. Esta é a realidade que xuntou esta tarde a investigadores de diversos centros existentes en Galicia (o CIM, o iARCUS e o Centro Oceanográfico de Vigo) no marco da sesión “O marisqueo en Galicia” organizada pola Sección de ciencia, natureza e sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG). Alicia Estévez Toranzo coordinou esta cita na que se presentou a afectación da salinidade e da temperatura sobre os principais bivalvos (ameixa e berberecho). Ademais, demandouse un estudo global para elaborar un plan de xestión integral das especies exóticas e expuxéronse as liñas de actuación actuais sobre contaminación química e microbiana nas zonas de Aldán e a Ría de Arousa. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da sección, Elena Vázquez Cendón, xunto con Alicia Estévez, abriron a sesión que foi gravada e se pode consultar no web e na canle de YouTube da institución.
30/09/2025
22/04/2025
O 22 de abril é o Día Mundial da Terra, unha efeméride que celebra a Organización das Nacións Unidas desde 1970 para concienciar da responsabilidade de coidar e protexer o planeta tras observarse indicios de degradación por mor da acción do home. Sobre a importancia de preservar este recurso non renovable afonda a banda deseñada Vivir no solo, que o Consello da Cultura Galega (CCG) elaborou no ano 2000 e que “25 anos despois segue estando plenamente vixente”, tal como apuntou a presidenta, Rosario Álvarez, no acto de presentación das últimas traducións do cómic coas que se pecha unha serie. Canda a ela estaba a delegada institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, Carmen González, destacou a importancia de “contribuír á divulgación da ciencia entre a poboación, con especial fincapé no ámbito escolar”. Asistiron tamén os científicos que participaron no proxecto, Francisco Díaz-Fierros e Marilar Aleixandre; o deseñador, Fran Bueno; a responsable das traducións, Montserrat Díaz Raviña, máis a coordinadora da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG, Elena Vázquez Cendón. Coas traducións ao francés e portugués ponse o ramo a 25 anos de traballo nos que o cómic se traduciu a 11 linguas, contou con 16 edicións e se imprimiron máis de 70 000 exemplares.
17/01/2025
Reducir a contaminación luminosa, crear mecanismos de control nos organismos e servizos de ordenación urbana ou elaborar unha normativa que poña freo á instalación xeneralizada de pantallas publicitarias ultrabrillantes son algunhas das recomendacións que se inclúen no “Decálogo por un uso responsable da iluminación artificial” que elaborou unha comisión técnica do Consello da Cultura Galega (CCG). “O documento quere influír nas medidas para recuperar o ceo nocturno” explicou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez que presentou este venres o documento xunto coa coordinadora da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, Elena Vázquez Cendón; o membro da comisión Salvador Bará e o científico e coordinador da comisión Jorge Mira. O documento, que xa se pode descargar desde o web da institución, está dirixido ás administracións públicas.
15/10/2024
A Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG), co apoio da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizan este mércores na Igrexa da USC a xornada “José Rodríguez, o inicio da liña do tempo en Galicia”. Nela abordará o contexto histórico, científico e político deste persoeiro, nomeado Científico Galego do Ano pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e pioneiro da ciencia en Galicia. No evento intervirán, entre outras persoas, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático emérito da USC e Elena Vázquez Cendón, membro do Pleno do CCG e coordinadora da Sección. Despois haberá unha visita guiada á exposición sobre o matemático dentro do mesmo espazo.
03/10/2024
O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaban de sacar do prelo José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime, persoeiro nomeado Científico Galego do Ano en 2024. O volume foi presentado esta mañá na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; o editor, Juan José Nieto Roig; e varios dos autores da publicación. Xa está dispoñible para descarga no web do CCG.
06/06/2024
“Estamos en crise enerxética, que se debe á non-adaptación do sistema enerxético aos límites da biosfera. E esta crise provoca pobreza nas economías domésticas e no ámbito empresarial”, apuntaba a profesora e investigadora Rosa Regueiro no relatorio que abriu a xornada “A cuestión enerxética en Galicia: entre economía, territorio e sociedade”, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). Durante dous días especialistas e investigadores, xunto con representantes de colectivos cidadáns implicados en procesos de implantación de enerxías renovables, defenderon a necesidade de definir un modelo de transición enerxética que respecte as comunidades locais, o territorio, a paisaxe, a biodiversidade e o patrimonio. A creación dunha zona franca para atraer a cadea de valor da enerxía, un sistema de tributación especial, a constitución dunha empresa pública de enerxía ou unha mellor planificación da ordenación do territorio son algunhas das medidas que se puxeron sobre a mesa. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, incidiu na inauguración en que esta xornada se insire nunha liña de traballo continuada da institución, “preocupada pola perda da diversidade, a situación real do clima e as consecuencias que pode ter o modelo enerxético sobre o patrimonio e os valores culturais do pobo galego”.
04/06/2024
A enerxía solar, a eólica…, en resumidas contas, as enerxías renovables son o futuro ante a crise do actual sistema enerxético. Sobre o seu modo de implantación e as diferenzas entre o que acontece en España e no resto de Europa, así como sobre a necesidade de conciliar o impacto a nivel económico, social, patrimonial e ambiental, falarán desde mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) unha ducia de expertos e expertas. A xornada titulada “A cuestión enerxética en Galicia: entre economía, territorio e sociedade” está organizada polas seccións de Pensamento, de Patrimonio e Bens Culturais e de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará esta cita presencial, que poderá seguirse en directo desde o web e as redes sociais da institución.
07/05/2024
Existen comunidades virtuais de divulgación científica en galego? Que valoran as persoas que crean contido á hora de escolleren a lingua en que se expresan? Cal é a resposta da audiencia? Como se poden apoiar as iniciativas en galego en novos espazos? Existe conexión entre esas esferas e a divulgación científica tradicional? Estas son algunhas das cuestións que se abordarán na xornada “A divulgación científica en galego nos novos espazos”, que se desenvolve este martes 7 de maio (16:30 horas) e na que participan, entre outros, Xurxo Mariño, Tamara Pazos Cordal ou Andrea Camacho Manzaneda. Manuel Vicente e Yolanda Casal organizan esta xornada, que busca abrir o debate e contribuír dalgún xeito a promover a presenza do idioma propio de Galicia nos novos formatos, ao tempo que facer unha reflexión sobre a situación en Cataluña e País Vasco. A xornada é presencial e pode seguirse en directo no web e nas redes sociais da institución.
22/06/2023
O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acaba de dar ao prelo a primeira tradución ao galego de Xogando co infinito. Trátase dunha obra divulgativa que escribiu a húngara Rózsa Péter hai oitenta anos arredor de conceptos matemáticos relacionados co infinito. “Escribín este libro para persoas con inquedanzas intelectuais que non son matemáticas […] para facerlles ver que as matemáticas e as artes non son tan diferentes entre si”, confesou esta pioneira da divulgación científica no prefacio da primeira edición. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, e o autor da tradución ao galego, Felipe Gago, presentaron na Aula Magna da Facultade de Matemáticas esta obra, que xa está dispoñible para descarga.
05/06/2023
“Alimentos sen remordementos. Alternativas para unha cesta da compra sustentable” é o título da xornada que terá lugar este martes, 6 de xuño, no Vello Cárcere de Lugo. Organizada polas seccións de Pensamento e de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio do Concello de Lugo, a actividade ten como obxectivo analizar os diferentes modelos de produción e consumo alimentarios. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará ás 10:00 horas esta cita, que coordinan María Teresa Barral, Iolanda Casal, Ana Isabel García Arias e David Soto. A sesión é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida con posterioridade á hemeroteca do CCG.
31/05/2023
A chegada da luz eléctrica e a extensión masiva da iluminación artificial mudaron os ritmos naturais ata tal punto que están empezando a descubrirse os seus impactos na saúde das persoas e no medio ambiente. A día de hoxe, a luz artificial xa é considerada un axente contaminante. Sobre os efectos que a iluminación artificial causa no equilibrio ambiental e na saúde humana, o gasto enerxético asociado e a deterioración da capacidade de observación do ceo nocturno trata a xornada "Os múltiples riscos da contaminación luminosa", que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) este xoves, 1 de xuño. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta cita que coordina Jorge Mira. A sesión pode seguirse en directo por Internet e nas redes sociais do CCG.
26/10/2022
A coordinadora da Sección de Ciencia, Tecnoloxía Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG), Elena Vázquez Cendón, inaugurou hoxe en Ponteceso a xornada Emocións e vocacións científicas, encamiñada a fomentar as vocacións científicas. Ánxela Bugallo e Xosé María Varela coordinaron esta actividade que estaba formada por varios obradoiros pensados para alumnado de primaria de centros da contorna. A cita contaba coa colaboración da Fundación Pondal.
11/10/2022
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou este martes en Redondela unha nova cita do seu proxecto “Diálogos interxeracionais en ciencia e tecnoloxía” encamiñado a fomentar vocacións científicas a través de conversas distendidas entre alumnado e profesionais. Nesta ocasión falaron da enxeñaría de camiños e fixérono nun lugar emblemático: o Centro de Interpretación da Batalla e o Patrimonio Cultural de Rande en Meirande, que está ao pé da Ponte de Rande, obra icónica da enxeñaría de camiños en Galicia. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, foi a encargada de inaugurar esta cita que contou coa participación do alumnado do IES de Chapela.
07/06/2022
Canto nos está a custar e nos custará o cambio climático? Entre as medidas a emprender, ocupa un lugar destacado a transición enerxética dende o paradigma de combustibles fósiles. A canto ascende esta factura? Temos maneira de reducila a través de políticas axeitadas? Podemos facelo dunha forma xusta? E, sobre todo, compensaranos pagala? Expertos como Xavier Lavandeira ou Beatriz Hervella responderán a estas preguntas na xornada “A factura do cambio climático e transición enerxética” que organiza a Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG). A xornada é presencial pero poderá seguirse en directo a través da rede.
30/11/2021
A industria da moda é responsable do 10 % da contaminación global mundial. Produce entre catro e cinco billóns de toneladas de CO2, representa entre o 8% e o 10% da emisións globais e o seu consumo de auga é un dos máis importantes. A Comisión Europa abordou en 2020 un plan de acción para economía circular que ten unha estratexia específica para a industria téxtil. Neste contexto o Consello da Cultura Galega, a través da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, organiza mañá a xornada “Consumo e sostibilidade. Os desafíos do transporte e a industria da moda”, a primeira dunha serie de sesións encamiñadas a reflexionar sobre o gran reto do noso tempo, que é facer compatibles o consumo e a preservación ambiental. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e as coordinadoras da cita, Iolanda Casal e María Loureiro, inauguran esta cita que se pode seguir en directo polo web e as redes sociais da institución.
11/03/2020
Son novos, gustan da ciencia e dos experimentos e cursan secundaria nun dos máis de douscentos centros que existen en Galicia. Este é o perfil do centenar de estudantes que durante a xornada de hoxe se converteron en improvisados relatores na cita do Consello da Cultura Galega chamada “Dos gabinetes de ciencias dos institutos históricos aos clubs de ciencia e o STEMBach”. O salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG) e a praza do Obradoiro foron improvisados laboratorios nos que se visibilizaron algunhas actividades que se fan no marco dos programas de STEMBach e dos Clubes de Ciencia.


