Novas da lingua

Rexistros1 a 30 de 5422
10/07/2026. EMPREGO

Bolsa de colaboración na Unidade de Publicacións do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) publica a convocatoria de catro bolsas de colaboración en diferentes proxectos que se desenvolverán nesta entidade durante os anos 2026-2027. Unha destas bolsas, de perfil lingüístico, estará adscrita á Unidade de Publicacións do CCG. Para optar a ela cómpre estar en posesión do título de licenciatura ou grao en Filoloxía Galega, Galego e Portugués, Lingua e Literatura Galegas, Filoloxía Aplicada Galega e Española e Tradución e Interpretación (con materia A1: Galego) ou titulacións equivalentes.

As bolsas finalizarán o 30 de setembro de 2027 e terán unha duración máxima de doce meses. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

08/07/2026. OUTRAS

O Día das Letras Galegas 2027 estará dedicado a Xosé Neira Vilas

O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 8 de xullo de 2026, que o Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2027 estará dedicado ao escritor Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015). Xornalista, ensaísta, narrador e poeta, deixounos un legado literario marcado pola súa infancia na aldea de Gres (Vila de Cruces), pola súa posterior condición de emigrante en Arxentina e Cuba, e polo seu activismo cultural e político. Entre as súas obras destaca Memorias dun neno labrego, un dos libros máis lidos e traducidos da literatura galega.

Na páxina web da RAG podes ampliar información.
08/07/2026. CURSOS E CONGRESOS

A relación de Galicia e Brasil será o fío condutor do XV Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos

A Universidade Federal Fluminense (Niterói, Rio de Janeiro) acollerá entre os días 30 de xuño e 3 de xullo de 2027 o XV Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que reunirá académicos/as do campo das Ciencias Sociais e as Humanidades para reflexionar sobre a especial relación lingüística e cultural de Galicia e Brasil.

O comité organizador convida a comunidade académica dos estudos galegos a inscribir os seus paneis temáticos entre o 15 de xullo e o 15 de outubro de 2026. As comunicacións poderán presentarse entre o 20 de outubro de 2026 e o 31 de xaneiro de 2027.

Para ampliar información e coñecer outras datas de inscrición relevantes, preme aquí.
08/07/2026. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de inscrición na XI Xornada de Onomástica Galega

A Real Academia Galega presenta o programa da XI Xornada de Onomástica Galega, organizada coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra. Nesta edición os relatorios terán como fío condutor a relación entre onomástica e ecoloxía.

A xornada, coordinada por Ana Boullón e Luz Méndez, terá lugar o 10 de outubro de 2026 no Museo de Pontevedra. O prazo de inscrición remata o 5 de outubro.

Para consultar o programa completo e acceder ao formulario de inscrición preme aquí.
03/07/2026. EMPREGO

Convocatoria para a provisión definitiva do posto de Xefe/a do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo

O Concello de Vigo publica as bases da convocatoria para a provisión definitiva do posto de traballo vacante "Xefe/a do Servizo de Normalización Lingüística", reservado a persoal funcionario de carreira do subgrupo A1.

As persoas aspirantes deberán ter unha antigüidade mínima de 3 anos como persoal funcionario de carreira en calquera das Administracións Públicas, pertencente ao grupo A, subgrupo A1 de titulación, da Escala de Administración Especial. A maiores, esíxese como formación específica estar en posesión do Celga 5 e grao en estudos de galego e español, lingua e literatura galegas, galego-portugués ou licenciaturas equivalentes a calquera outro grao de licenciatura da área de coñecemento e humanidades ou ciencias sociais e xurídicas segundo o espazo MECES.

O sistema de provisión será o concurso específico. O prazo de presentación de instancias será de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
30/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e cultura galegas en Valga

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, convoca un curso de introdución á lingua e cultura galegas, dirixido principalmente a persoas maiores de 16 anos chegadas de fóra de Galicia que se achegan por primeira vez ao noso idioma ou queren mellorar as súas competencias básicas.

O curso, de 20 horas de duración, impartirase entres os meses de setembro e outubro de 2026. O prazo de inscrición estará aberto ata o 29 de xullo de 2026. As persoas interesadas poden anotarse presencialmente nas oficinas municipais ou chamando ao teléfono 986 55 94 56 (extensión 2016).

Na páxina web do Concello de Valga podes ampliar información.
30/06/2026. AXUDAS E PREMIOS

Premio para a mellor peza de oratoria en galego, en homenaxe a Otero Pedrayo

No marco do programa de actividades conmemorativas do Ano Oteriano, a Fundación Otero Pedrayo e a Asociación de Amigos de Ramón Otero Pedrayo convocan o Premio de Oratoria "Orador do Ano Oteriano 2026 Ramón Otero Pedrayo" . As pezas presentadas deben ser gravadas en lingua galega, preferentemente en formato vídeo (MP4, P4 MOV, AVI), aínda que tamén se admitirán pezas en audio (MP3, WAV), ter unha duración de entre 10 e 30 minutos e estar tematicamente relacionadas co pensamento, a obra, a figura ou o legado cultural de Ramón Otero Pedrayo.

O/a autor/a da peza seleccionada polo xurado recibirá un lote de produtos culturais, tecnolóxicos e de alimentación cun valor estimado de 6.000 euros.

O prazo de presentación das pezas rematará o 15 de novembro de 2026.

Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
29/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

O CCG organiza unha xornada sobre a traxectoria dos Centros de Estudos Galegos

O vindeiro 17 de xullo de 2026 terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega (CCG), en Santiago de Compostela, a xornada Os Centros de Estudos Galegos a debate, organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG. O obxectivo da xornada é analizar as máis de tres décadas de traxectoria desta rede de centros que funcionan como axentes relevantes na difusión exterior da lingua e a cultura galegas, sen perder de vista outras experiencias de difusión exterior de linguas minorizadas, como as desenvolvidas polo Institut Ramon Llull e o Etxepare Euskal Institutua.

Para coñecer o programa completo e acceder ao formulario de inscrición, preme aquí.
29/06/2026. AXUDAS E PREMIOS

A RAG outorga o "II Premio Na lingua que eu falo" á iniciativa “Aquí tamén se fala”

A comunidade educativa do IES Rafael Dieste (A Coruña) recibirá a comezos do vindeiro curso, coincidindo co Día Europeo das Linguas, un novo recoñecemento ao traballo desenvolvido no marco do proxecto Aquí tamén se fala. Trátase do “II Premio Na lingua que eu falo”, unha distinción coa que a Real Academia Galega quere recoñecer publicamente esta iniciativa de normalización lingüística poñendo o foco no seu potencial como “ferramenta de integración e intercambio cultural nun instituto urbano onde sete de cada dez alumnos son de orixe migrante”. O recoñecemento faise tamén extensivo ao conxunto dos 300 centros educativos galegos adheridos á campaña.

Na páxina web da RAG podes ampliar información.
26/06/2026. DINAMIZACIóN

As forzas e corpos de seguridade do Estado amosarán publicamente o seu compromiso co galego

O vindeiro 9 de xullo de 2026, ás 18:30 h, terá lugar no Paraninfo da USC (Facultade de Xeografía e Historia) a XVII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega, no transcurso da cal terá lugar a sinatura da Declaración sobre o uso das linguas oficiais nas relacións entre a cidadanía e as forzas e corpos de seguridade do Estado.

Con esta sinatura diferentes institucións do ámbito das forzas e corpos de seguridade amosarán publicamente o seu compromiso coa normalización do idioma galego e cos dereitos lingüísticos da cidadanía.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
25/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e cultura galegas no Concello da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia organizan este verán un curso de introdución á lingua e cultura galegas, dirixido a persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao noso idioma.

As sesións terán lugar no Edificio Administrativo Monelos (rúa Vicente Ferrer, 2) do 20 ao 30 de xullo de 2026, de luns a xoves en horario de tarde (das 16:00 ás 18:30 horas).

Na páxina web do SNL do Concello da Coruña podes ampliar información sobre os trámites de inscrición.
25/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega para o PDI da Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña convoca tres cursos de formación en lingua galega para o persoal docente e investigador da UDC, que se desenvolverán en liña a través do Campus Virtual entre o 21 de setembro e o 23 de novembro de 2026.

Os cursos, deseñados segundo o nivel de competencia previa do alumnado, son os seguintes: Curso Básico de Aproximación á Lingua Estándar, Curso de Actualización de Competencias Lingüísticas e Curso Superior de Competencias Lingüísticas. O prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de setembro de 2026.

Na páxina web do SNL da UDC podes obter máis información sobre os contidos e mais os trámites de inscrición.

25/06/2026. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas para fomento do galego en centros de ensino privados

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica a resolución definitiva das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino de titularidade privada que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios.

No DOG do 25 de xuño de 2026 podes consultar a listaxe de centros beneficiarios.
23/06/2026. DINAMIZACIóN

O Dépor xa é da Coruña

A Xunta Xeral Extraordinaria do RC Deportivo aprobou hoxe, 23 de xuño de 2026, a modificación da súa denominación social, adoptando a forma oficial do topónimo “A Coruña”. O acordo adoptouse tras coñecer o resultado da consulta vinculante realizada ás persoas abonadas do club entre os días 17 e 21 de xuño, que votaron favorablemente a esta modificación nunha porcentaxe superior ao 79,41%.

Con este acordo o Dépor xa é da Coruña e o alumnado do IES Rafael Dieste (A Coruña) suma un novo éxito para a súa célebre campaña de dinamización lingüística “Aquí tamén se fala”.
23/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e mais preparatorios para o Celga nas EEOOII

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca cursos de linguaxe administrativa galega en liña (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega dos niveis Celga 2, 3 e 4, que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2026/2027. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas.

O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o 29 de xuño ata o 10 de xullo de 2026, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e desde o 2 ata o 13 de novembro de 2026, para os cursos do segundo cuadrimestre.

Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí. [Corrección de erros, que modifica a oferta de cursos Celga ofertados na EOI de Pontevedra]
22/06/2026. OUTRAS

Incorporamos a biografía de Xabier P. DoCampo ao Álbum de Galicia

Manuel Bragado asina a biografía do mestre e escritor chairego Xabier P. DoCampo, que acabamos de incorporar ao Álbum de Galicia neste mes de xuño de 2026 no que se cumpre o oitavo aniversario do seu pasamento.

Acompañando o texto biográfico, ofrecemos outros recursos documentais de interese (galería fotográfica, cronoloxía literaria, textos do autor, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes perspectivas á obra e á vida deste referente da literatura infantil e xuvenil, membro da Xeración Lamote e “activista da patria da lingua”.
22/06/2026. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia convoca once bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Dicionario histórico-etimolóxico da Lingua galega; Bibliografía da literatura galega; Fraseoloxía Galega; Corpus de referencia do galego actual (Corga); Cantigas de Santa María; Prosa literaria medieval; Terminoloxía científico-técnica; Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala; Base de datos do ALIR; Dicionarios de literatura; Literatura infantil e xuvenil.

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada (previsiblemente o 1 de decembro de 2026) e rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2028. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
17/06/2026. DINAMIZACIóN

Presentación pública dun dicionario e dous xogos de mesa sobre o léxico do Courel

A Estación Científica do Courel acolle hoxe, mércores 17 de xuño de 2026, ás 18:00 horas, a presentación pública de tres recursos didácticos elaborados no marco do proxecto educativo “Palabra no tempo”, desenvolvido polo alumnado do CPI Poeta Uxío Novoneyra durante o curso 2025-2026. Trátase concretamente dun dicionario que recolle 370 voces do léxico patrimonial do Courel e dous xogos de mesa.

O Dicionario de léxico patrimonial do Courel será editado en formato físico proximamente pola Deputación de Lugo, pero o seu contido xa pode consultarse en liña a través da plataforma Lingua Viva (ILG-USC). No que respecta aos xogos (un dominó e un xogo de memoria) teñen tamén como obxectivo difundir o léxico da comarca e os beneficios obtidos da súa venda destinaranse á organización de actividades escolares.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
16/06/2026. INVESTIGACIóN

A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello e CESUGA presentan un estudo sobre a situación do galego nas pemes urbanas

O vindeiro venres, 19 de xuño de 2026, ás 11:00 h, terá lugar na Biblioteca CESUGA (A Coruña) a presentación pública da obra Estudo da situación sociolingüística do galego nas pemes urbanas de Galicia, unha investigación promovida pola Asociación Pro-Fundación Manoel Vello e desenvolvida no seo de CESUGA.

No acto intervirán Carolina Silva, presidenta da Asociación Pro-Fundación Manoel Vello; Marta Borreguero, directora do grao de Publicidade e Relacións Públicas de CESUGA e codirectora da investigación; Héctor Acevo, profesor de CESUGA e codirector da investigación; e Cristina López, estudante de CESUGA e colaboradora da investigación.
15/06/2026. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas para fomento do galego en centros de ensino públicos

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica a resolución definitiva das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino de titularidade pública que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios.

No DOG do 15 de xuño de 2026 podes consultar a listaxe de centros beneficiarios.
12/06/2026. DINAMIZACIóN

Ciclo de cinema en galego no Bierzo e Sanabria

Co gallo do 25 aniversario do Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria, a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, en colaboración coa Junta de Castilla y León e diferentes concellos do Bierzo e Sanabria, organizan un ciclo de cinema en galego que se desenvolverá entre o 12 e o 24 de xuño de 2026 en once localidades que teñen centros educativos adscritos a este programa.

No Portal da Lingua Galega podes consultar o calendario completo de proxeccións. Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
12/06/2026. AXUDAS E PREMIOS

Premio á Lingua e á Cultura “Tamén en galego” para a hostalaría de Becerreá

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Becerreá púxolle o ramo ao proxecto “Tamén en galego” coa entrega do Premio á Lingua e á Cultura “Tamén en galego” 2026, que recibiu o sector hostaleiro de Becerreá “pola súa implicación na promoción e visibilización do galego no ámbito profesional, comercial e social da comarca”.

O proxecto “Tamén en galego”, promovido polo EDLG do IES de Becerreá ao longo do curso 2025-2026, ten como obxectivo fomentar a presenza da lingua galega nos espazos formais e escritos dos diferentes sectores sociais do municipio (empresas, servizos, establecementos e institucións). O alumnado foi o encargado de realizar as análises sociolingüísticas previas para coñecer o punto de partida e de propoñer posteriormente as medidas concretas de intervención. No peche do curso a comunidade educativa outorgou un recoñecemento público ao sector hostaleiro en concreto, para poñer de relevo o seu compromiso coa promoción do idioma galego.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
11/06/2026. EMPREGO

A Deputación de Pontevedra convoca dúas prazas para realizar tarefas de tradución

A Deputación Provincial de Pontevedra anuncia a convocatoria de dúas prazas de perfil lingüístico incluídas na OEP de 2026. Son as seguintes:

-Praza de técnico/a medio/a de tradución (subgrupo A2, reservada a persoas con discapacidade).

-Praza de tradutor/a en lingua galega (subgrupo A2).

No primeiro caso (técnico/a medio de tradución), as persoas aspirantes deben estar en posesión do título de grao / licenciatura ou ter finalizados os tres primeiros cursos da licenciatura en filoloxía, en tradución, interpretación e linguas aplicadas ou equivalentes. A maiores, deberán acreditar unha discapacidade igual ou superior ao 33%.

No segundo (tradutor/a en lingua galega), deben estar en posesión do título de licenciado/a ou graduado/a en Filoloxía Galega e Española, en Lingua e Literatura Galegas, tradución con especialidade en galego ou equivalentes.

En ambos os dous casos, o sistema de selección será a oposición libre, e o prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

No BOP do 8 de xuño de 2026 podes consultar a convocatoria e mais as bases específicas destes procesos selectivos.
10/06/2026. AXUDAS E PREMIOS

Acto de entrega dos VII Premios Mil Primaveras

O vindeiro sábado, 13 de xuño de 2026, ás 11:30 h, terá lugar no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra, o acto de entrega dos VII Premios Mil Primaveras, que será conducido pola narradora oral e cantautora Iseo a Moura.

Os Premios Mil Primaveras, convocados anualmente pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, teñen como obxectivo a difusión e posta en valor de proxectos de fomento do galego que, polo súa calidade, poidan servir de modelo e inspiración.

Podes obter máis información sobre os premios, así como sobre os proxectos galardoados nesta sétima edición, premendo aquí.
10/06/2026. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os Premios da Cultura Galega 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia convoca os Premios da Cultura Galega para o ano 2026, nas seguintes modalidades: Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. O premio da modalidade de Lingua está dirixido a persoas, colectivos ou entidades de ampla traxectoria no ámbito da promoción da lingua galega. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos se poidan postular a si mesmos.

O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
08/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de linguaxe xurídica para persoal da USC

A Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organizan un curso de linguaxe xurídica galega e accesibilidade comunicativa, dirixido a persoal docente e investigador (PDI) e a persoal técnico de xestión de administración e servizos (PTXAS). O curso, de 8 horas de duración, impartirase na modalidade presencial os días 16 e 17 de xuño de 2026 na aula de civil da Facultade de Dereito.

Na páxina web do SNL da USC tes toda a información.
08/06/2026. DINAMIZACIóN

XXV Concurso de relato oral "Tíralle da lingua"

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza o XXV Concurso de relato oral "Tíralle da lingua", dirixido á comunidade educativa, co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias no ámbito escolar. Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia, durante un tempo máximo de cinco minutos. Na fase final (que se celebrará a finais de novembro) o xurado outorgará un primeiro premio de 250 euros por cada nivel educativo (primaria; 1º, 2º e 3º de ESO; 4º de ESO e ensino postobrigatorio) e, se o considerase oportuno, un segundo de 150 euros. Os centros de ensino dos participantes premiados tamén recibirán un premio do mesmo importe.

A inscrición no concurso por parte dos centros debe facerse antes do 13 de novembro de 2026. O prazo para enviar os vídeos remata o 20 de novembro.

Para acceder ás bases completas, preme aquí.
08/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de inscrición no XIX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza o XIX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, que nesta edición leva por título “Memoria democrática e lingua: a quimera da normalización”. O obxectivo central será analizar, desde unha perspectiva histórica, a evolución das políticas e normativas vinculadas á dinamización do galego.

As xornadas terán lugar no Fórum Carballo (Praza dos Bombeiros Voluntarios) os días 7 e 8 de xullo de 2026. O prazo de inscrición remata o 3 de xullo.

Para consultar o programa completo e obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
02/06/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a investigación en lingua galega na Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña convoca axudas, tanto económicas como de asesoramento lingüístico, dirixidas ao alumnado de titulacións oficiais da UDC que redacte e defenda en galego a tese de doutoramento, o traballo de fin de mestrado ou o traballo de fin de grao. Queda excluído desta convocatoria o alumnado do grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; do dobre grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios, e Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; e mais do dobre grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios, e Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, así como o alumnado daqueles estudos de cuxa natureza e/ou de cuxo contido se derive o uso da lingua galega nos mencionados traballo de investigación.

O prazo de solicitudes para as axudas económicas estará aberto ata o 30 de outubro de 2026.

Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
02/06/2026.

III Festival "Aquí tamén se fala"

O IES Rafael Dieste da Coruña fixo público o cartel do III Festival “Aquí tamén se fala”, unha iniciativa desenvolvida ao abeiro da exitosa campaña homónima, coa que lle poñen o ramo ao traballo de dinamización lingüística realizado polo alumnado durante o curso escolar 2025-2026.

O festival terá lugar o 12 de xuño de 2026, desde as 17:00 h, na Praza da Tolerancia (A Coruña) e os artistas convidados nesta terceira edición son Carolina Deslandes, De Ninghures, Kid Mount e Apolo18. A entrada é libre e gratuíta.

Podes ampliar información sobre a inciativa premendo aquí.