Novas da lingua

Rexistros1 a 30 de 5145
10/11/2025. DINAMIZACIóN

Wikimaratón para crear contidos de física de partículas en galego

O vindeiro 13 de novembro de 2025, a partir das 15:30 h, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) acollerá na súa sede o primeiro Wikimaratón de física de partículas, co obxectivo de crear contido en galego na Wikipedia relacionado coa física de altas enerxías, física de astropartículas, física nuclear e áreas relacionadas.

O evento está especialmente dirixido ao persoal do IGFAE, pero tamén está aberto a estudantes do grao de Física da USC, titulacións afíns ou, en xeral, calquera persoa con interese pola física de partículas.
Podes ampliar información premendo aquí.
10/11/2025. CURSOS E CONGRESOS

O Colexio da Avogacía de Santiago organiza un curso de repaso gramatical e ortográfico da lingua galega

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio da Avogacía de Santiago organiza o seminario “Repaso gramatical e ortográfico da lingua galega”, co obxectivo de potenciar a calidade da redacción xurídica en galego dos escritos da avogacía.

O curso ten 10 horas de duración e as sesións terán lugar os días 18, 20, 25 e 27 de novembro de 2025 (martes e xoves), entre as 18:30 h e as 21:00 h, na aula 1 da Escola de Práctica Xurídica (Facultade de Dereito da USC).

A matrícula é gratuíta para colexiados/as do ICA de Santiago. O prazo de inscrición remata o 17 de novembro ás 14:00 h, e as solicitudes deben remitirse ao enderezo electrónico: linguista@icasantiago.org
10/11/2025. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas Enreguéifate para docentes

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo organizan, no marco do proxecto Enreguéifate, unhas xornadas formativas dirixidas a docentes que desexen achegarse ao mundo da improvisación oral en verso e coñecer a súa potencialidade como ferramenta educativa.

O obradoiro, impartido por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Séchu Sende, terá lugar o 14 de novembro de 2025 no Pazo da Peregrina en Ames, desde as 16:30 h ás 20:30 h. O prazo de inscrición está aberto ata o 12 de novembro.

Podes obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición premendo aquí.

07/11/2025. CURSOS E CONGRESOS

A RAG organiza o “Simposio Día das Letras Galegas 2025”

O sábado 22 de novembro de 2025 terá lugar no Parador de Muxía o “Simposio Día das Letras Galegas 2025. As cantareiras e a poesía popular oral”, organizado pola Real Academia Galega no marco do seu programa de actos das Letras Galegas 2025. Nas sesións falarase das cantareiras e do cancioneiro popular galego desde a perspectiva etnomusicolóxica, literaria e sociolóxica. O evento pecharase coa actuación musical da A. C. Abaladeiras de Muxía.

As sesións poderán seguirse de xeito presencial (a entrada é libre ata completar a capacidade da sala) ou en directo a través da páxina web da RAG.
07/11/2025.

“Aquí tamén se fala”, Premio da Cultura Galega 2025 na categoría de Lingua

O xurado dos Premios da Cultura Galega fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano 2025 polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio á campaña “Aquí tamén se fala”, deseñada e promovida polo IES Rafael Dieste (A Coruña) e replicada en 200 centros educativos do país.

Nas restantes categorías, os/as galardoados/as son a Editorial Galaxia (Letras), a Bienal de Arte de Pontevedra (Artes Visuais), a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (Artes Escénicas), Bodegas Martín Códax (Música), Baños Films (Audiovisual), Antón Corral (Patrimonio Cultural) e o Programa de radio ‘Sempre en Galicia’ (Proxección Exterior).

Para ampliar esta información, preme aquí.
06/11/2025. CURSOS E CONGRESOS

Xornada “Metodoloxías de documentación lingüística para o estudo da variación”

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro organizan a xornada de formación “Metodoloxías de documentación lingüística para o estudo da variación”, impartida polo investigador Víctor Bargiela, da UNED, e polo profesor Luís Jesus, da Universidade de Aveiro. Nas sesións ofrecerase unha introdución práctica e teórica ao traballo de campo, á recollida e tratamento de datos lingüísticos, e ás cuestións éticas vinculadas con este tipo de investigación.

A xornada terá lugar o 28 de novembro de 2025 na sala de divulgación do Instituto da Lingua Galega. O prazo de inscrición remata o 24 de novembro.
06/11/2025. INVESTIGACIóN

Dicionario da fala valdeorresa

A comisión de lingua da Fundación Florencio Delgado Gurriarán convídate a participar no Dicionario da fala valdeorresa, un proxecto colobarativo que está a desenvolver co apoio da Xunta de Galicia para a recuperación e estudo do léxico galego propio da comarca de Valdeorras.

Na elaboración do dicionario estase a implementar un proceso participativo e de mediación cultural (obradoiros en centros educativos, grupos de veciñanza, traballo de campo…), que permite que a propia cidadanía colabore facendo as súas propias achegas léxicas, que serán supervisadas pola comisión de lingua da Fundación.
05/11/2025. DINAMIZACIóN

O Concello de Redondela inclúe información toponímica nas placas das rúas

O Concello de Redondela, que xa foi no seu día pioneiro ao incluír a toponimia como ben patrimonial no seu Plan Xeral de Ordenación Municipal, engade agora tamén información toponímica nas placas das rúas. A partir de agora, as persoas que transiten polas rúas redondelás poderán acceder, a través de códigos QR que están impresos nas placas de sinalización, á páxina web “Toponimia de Redondela” e consultar a orixe e o significado do topónimo concreto que lle dá nome a esa rúa ou lugar.

Na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística municipal tes máis información sobre esta iniciativa.
04/11/2025. DINAMIZACIóN

O programa Elos chega a Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo está a implementar o programa Elos, unha iniciativa de voluntariado lingüístico deseñada orixinalmente polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago no ano 2021.

O programa ten como obxectivo facilitar o contacto entre persoas que desexan aprender e practicar o galego e persoas que queiran colaborar con elas ensinándollo. O funcionamento posterior é autónomo, partindo do compromiso dos participantes de conversar en galego, cando menos, unha hora á semana. Os encontros poden ser virtuais ou presenciais.

Se che interesa participar, na páxina web do SNL tes toda a información.
04/11/2025. DINAMIZACIóN

Café e conversa en galego na Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña promove a iniciativa Eu tamén falar, co obxectivo de construír espazos seguros de conversa oral en galego dentro da comunidade universitaria. Trátase de encontros mensuais que lle permitirán ao estudantado aprender galego ou mellorar a súa competencia lingüística, participando en pequenos grupos nun contexto informal.

Os encontros terán lugar na Casa do Estudantado (campus de Elviña), das 16:00 ás 17:00 horas, o segundo martes de cada mes, a partir do vindeiro 11 de novembro.

Para obter máis información sobre a iniciativa e os trámites de inscrición, preme aquí.
04/11/2025. INVESTIGACIóN

En liña o volume "Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística"

O Consello da Cultura Galega publica o volume Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística, editado por de Elisa Fernández Rei, Estela Fidalgo-Garra e Miguel Guisantes-Alonso.

A obra contén dez achegas nas que se reflexiona sobre os procesos de construción e negociación das identidades lingüísticas e das ideoloxías que as sustentan, tanto no contexto galego como noutros escenarios multilingües. Estes dez capítulos agrúpanse en dous bloques temáticos complementarios: un primeiro, que leva por título “Identidades e ideoloxías lingüísticas”, nos que se inclúen cinco traballos que analizan os modos en que se configuran as identidades lingüísticas desde diferentes posicións ideolóxicas; e un segundo, titulado “Multilingüismo e contacto de linguas”, que contén cinco achegas que poñen o foco nos espazos de contacto lingüístico, con especial atención aos contextos educativos, migratorios e familiares.

O volume está accesible na páxina web do CCG para a súa consulta ou descarga libre.
04/11/2025. DINAMIZACIóN

Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude presenta as actividades didácticas e divulgativas que se desenvolverán durante este mes de novembro ao abeiro do programa “Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas”, que organiza en colaboración coa , en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, e no que participan as bibliotecas públicas, as bibliotecas escolares e os equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino.

Igual ca en edicións anteriores, o programa preséntase acompañado dun manifesto, que nesta ocasión asina Concepción Paz Penín, enxeñeira industrial, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.

04/11/2025. CURSOS E CONGRESOS

II Xornadas da lingua e cultura galega de Asturias

A asociación Axuntar, coa colaboración da Universidade de Oviedo, organiza as II Xornadas da lingua e cultura galega de Asturias, que se desenvolverán o 12 de decembro de 2025 no salón de actos do Departamento de Filoloxía Española da Universidade de Oviedo, baixo a coordinación de Natalia Jardón Pérez.

As xornadas queren ser unha homenaxe ao lingüista Dámaso Alonso (1898-1990), autor de diferentes traballos de investigación sobre o galego que se fala en Asturias, e nelas diferentes expertos falarán da situación sociolingüística do Eo-Navia desde a perspectiva lingüística, xurídica ou histórica.

Para coñecer o programa completo e ampliar información, preme aquí.
30/10/2025. EMPREGO

Convocatoria para a provisión en comisión de servizos do posto de xefe/a de normalización lingüística do Concello de Vigo

O Concello de Vigo publica a convocatoria pública aberta a outras administracións para a provisión con carácter temporal, en comisión de servizos, do posto de xefe/a de normalización lingüística (funcionario/a A1).

Os/as solicitantes deben posuír a condición de funcionario/a de carreira e estar en posesión do grao en Estudos de Galego e Español; en Lingua e Literatura Galegas; en Galego-Portugués ou licenciaturas equivalentes, ou calquera outro grao ou licenciatura da área de coñecemento de humanidades ou ciencias sociais e xurídicas, sempre que se estea en posesión do certificado de lingua galega do nivel 5 (Celga 5). Así mesmo, deben contar cun informe favorable da administración de orixe co compromiso de autorización da comisión de servizos do empregado/a público. O sistema de provisión será o concurso.

O prazo para presentar as solicitudes é de 10 días hábiles contados dende o día seguinte ao de publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
30/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña premiará os mellores videoxogos en galego

Co ánimo de apoiar os proxectos de videoxogos en lingua galega e potenciar a súa visibilidade, creación e consumo, a Deputación da Coruña organiza o “I Certame Videogoxos en Galego Deputación da Coruña”, que premiará proxectos orixinais e de autoría propia, dispoñibles en lingua galega e publicados por primeira vez a partir do 1 de setembro de 2024 nunha plataforma dixital.

O xurado outorgará catro trofeos conmemorativos: “mellor videoxogo”, “mellor narrativa”, “mellor apartado artístico”, e “mellores mecánicas e xogabilidade”.

A entrega dos premios terá lugar o 8 de novembro de 2025, no marco do evento Píxel á feira.

29/10/2025. DINAMIZACIóN

Se andas por Pontevedra, bótalle un conto

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra convoca unha nova edición de Bótalle un conto, un certame de contos orais en galego deseñado para prestixiar a variedade e riqueza da lingua oral, así como para premiar a habilidade de comunicar e emocionar coa palabra. O concurso está aberto a toda a cidadanía, mais nesta edición fomentarase especialmente a participación da mocidade.

Os participantes terán oportunidade de gravar os seus contos, dunha duración de 4 minutos como máximo, en diferentes locais sociais da cidade e un xurado especialista seleccionará os finalistas, que participarán na final do 13 de decembro no Teatro Principal. Os catro contos máis votados serán premiados con cadansúa cea para dúas persoas (no caso de concursantes maiores de idade) ou un vale para gastar no comercio local en libros e material en galego (no caso de concursantes menores de 18 anos).

O prazo de inscrición remata o 6 de novembro. Podes obter máis información premendo aquí.
29/10/2025. DINAMIZACIóN

Ari[t]mar entrega os premios da música e da poesía galego-portuguesas

Mañá, 30 de outubro, a partir das 20:30 horas, o Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela acollerá a gala ari[t]mar 2025, na que se fará entrega dos premios da música e da poesía galego-portuguesas. Os/as galardoados/as desta edición son Mondra, Diogo Piçarra e Pedro Abrunhosa (na categoría de música); Elba Pedrosa e Cátia Cardoso (na categoría de poesía); e o Município de Braga (Premio especial do xurado á embaixada da amizade galego-lusófona).

A cerimonia, de entrada libre ata completar o aforo, será presentada por Tati Moyano e Xurxo Souto.

Ari[t]mar é un proxecto didáctico e cultural organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega da EOI de Santiago, en colaboración cos Departamentos de Galego e de Portugués da escola. O seu obxectivo é divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade.
28/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

Debate sobre o decreto do plurilingüismo na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC

Mañá, 29 de outubro de 2025, a partir das 19:00 h, terá lugar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC (campus de Lugo) o encontro “15 anos do decreto do plurilingüismo. Hai futuro para o galego?”.

O evento está organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da EPSE e no debate participarán Ana Iglesias Álvarez, investigadora do ámbito da sociolingüística e profesora da Universidade de Vigo; e Nel Vidal Barral, profesor de Lingua Galega no CPI O Cruce de Cerceda, promotor de diferentes proxectos de dinamización lingüística e expresidente da CTNL.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
28/10/2025. INVESTIGACIóN

Chega unha nova edición do certame "Matemáticas: habelas hainas!"

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e o Seminario de Iniciación á Investigación (SII) do centro, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago de Compostela, organizan a novena edición da xornada divulgativa "Matemáticas: habelas hainas!", dirixida fundamentalmente a estudantes de grao e máster. Nesta edición de 2025, seis investigadores/as explicarannos en lingua galega, en charlas breves e amenas, diferentes aspectos relacionados coa investigación matemática.

A xornada terá lugar o vindeiro 26 de novembro de 2025, ás 16:00 h, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC.

Para obter máis información sobre o programa completo e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
28/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de habilidades comunicativas para alumnado da USC

Es alumno/a da Universidade de Santiago de Compostela e estás pensando en redactar ou defender en galego os teus traballos académicos de curso, o traballo de fin de grao, o traballo de fin de mestrado ou a tese? O Servizo de Normalización Lingüística da USC organiza un curso formativo especialmente deseñado para ti: o Curso de habilidades comunicativas. Estes son os tres módulos nos que se estrutura, que podes cursar de xeito independente: A redacción científica, Presentacións dixitais eficientes e Falar en público.

Na páxina web do SNL da USC tes máis información sobre os prazos de matrícula desta 1ª convocatoria do período lectivo 2025-2026.
28/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

Premios a curtas de animación en galego “Nós tamén creamos!”

A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia convocan os premios a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa Nós tamén creamos! para o curso académico 2025/2026.

A convocatoria está dirixida a alumnado de educación infantil e primaria, e outorgaranse catro premios, un por cada unha das categorías nas que se organiza o certame.

Os centros públicos admitidos no programa Nós tamén creamos! no marco do Plan Proxecta+ quedarán inscritos de oficio no certame; para os demais centros de titularidade pública, o prazo inscrición é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Portal da Lingua Galega. A data límite de envío das curtametraxes será o 30 de abril de 2026.
27/10/2025. AXUDAS E PREMIOS

A filóloga Kathleen N. March será galardoada coa Medalla do Consello da Cultura Galega 2026

O plenario do Consello da Cultura Galega acordou o pasado xoves, 23 de outubro de 2025, outorgar a Medalla do Consello da Cultura Galega do ano 2026 ao catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola Francisco Díaz-Fierros Viqueira e á filóloga estadounidense Kathleen N. March.

No que respecta á galardoada con perfil lingüístico, Kathleen Nora March (Rochester, Nova York, 1949) é catedrática emérita de Español na University of Maine, primeira presidenta da Galician Studies Association (actual Asociación Internacional de Estudos Galegos) e unha das principais estudosas da literatura galega no ámbito angloamericano.

A Medalla do Consello da Cultura Galega foi instaurada no ano 2018 para recoñecer o labor daquelas persoas que colaboran coa institución no desenvolvemento das súas actividades (nomeadamente, na súa acción exterior); así como o seu compromiso coa cultura galega en termos xerais.
27/10/2025. OUTRAS

O galego estivo presente nas Xornadas JPOD 2025 a través de "Exército Mekemeke"

Esta pasada fin de semana tiveron lugar no Auditorio Municipal de Terrassa as Xornadas JPOD 2025, o encontro de referencia a nivel estatal para a comunidade de creadores/as de podcasts. A comunidade podcasteira que crea os seus contidos en idioma galego tamén estivo representada neste importante evento a través da iniciativa “Exército Mekemeke”, un podcast presentado e dirixido por Carlos Vieito e gravado integramente en galego na radio pública do Concello de Ames.

Podes ver a intervención de Carlos Vieito nas xornadas premendo aquí.
27/10/2025. DINAMIZACIóN

O cemiterio de Bande acollerá o acto do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

O vindeiro 8 de novembro de 2025, ás 12:00 horas, terá lugar na igrexa parroquial de San Pedro de Bande (Ourense) un acto oficial no que se dará lectura á Declaración de Bande pola lingua galega nos actos de memoria, na que diferentes rexedores municipais asumen publicamente o compromiso de celebrar nos seus concellos actos de restauración da memoria lingüística.

A seguir, no cemiterio municipal de Bande descubriranse novas lápidas en galego no panteón familiar de Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia.

O acto enmárcase nas actividades conmemorativas do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, que organiza todos os anos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) coincidindo coa celebración do Día de Defuntos, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades, e de facer pedagoxía sobre a incoherencia de despedir os falecidos con epitafios escritos nun idioma diferente ao que falaban en vida.
24/10/2025. OUTRAS

Tinder axúdache a facer as beiras en galego

A aplicación de citas máis coñecida e descargada, Tinder, acaba de incorporar o galego á listaxe dos 60 idiomas nos que está dispoñible a ferramenta. Segundo afirman os propios representantes de Tinder na nota de prensa que difundiron: “O idioma é algo profundamente persoal: moldea como nos expresamos, como conectamos cos demais e como nos sentimos recoñecidos. Ao sumar o galego a Tinder, axudamos a que máis usuarios poidan vivir a experiencia das citas dunha maneira auténtica e na súa propia voz”.

Para obter máis información sobre os axustes de configuración do idioma na app, preme aquí.
24/10/2025. DINAMIZACIóN

O Concello de Oleiros presenta a programación de Apego para o outono

No marco do proxecto Apego, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros proponlles ás familias con nenos e nenas de ata 6 anos un amplo abano de actividades para socializar en galego nos meses de outono. O programa inclúe música, monicreques, espectáculos de rúa, narración oral, teatro e obradoiros de olería.

A asistencia é de balde, pero cómpre reservar praza a través dos formularios que se habilitarán na páxina web municipal os propios días das actividades.
24/10/2025. OUTRAS

RTVE ofrece a narración en galego dos partidos da selección española

Desde o pasado 11 de outubro, día no que se xogou o partido España-Georgia, os afeccionados ao fútbol poden seguir en galego os diferentes partidos de clasificación da selección española para o próximo Mundial de 2026. É a primeira vez que se retransmiten no noso idioma os partidos da selección española, polo que se trata dun novo fito para a normalización do galego no eido deportivo e audiovisual.

O próximo partido de clasificación será o vindeiro 15 de novembro de 2025, ás 18:00 h: Georgia-España. Os/as espectadores/as que desexen escoitar a locución en galego poden facelo escollendo esa opción a través da segunda pista de audio dos televisores.

Para ampliar información, preme aquí.
24/10/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de galego para neofalantes en Lourenzá

A Escola de Neofalantes, un proxecto cultural que naceu a comezos deste ano 2025 en Lourenzá (Lugo), convoca unha nova edición do curso Galego para Neofalantes, dirixido a todas aquelas persoas que desexen aprender o noso idioma e adquirir a competencia lingüística necesaria para acadar a certificación Celga. Tamén se organizarán actividades de carácter cultural.

As sesións serán presencias e en liña e comezarán a partir do 23 de novembro de 2025. A inscrición é gratuíta e estará aberta ata o 16 de novembro.

Podes obter máis información na páxina de Facebook do Proxecto Neo.
24/10/2025. OUTRAS

Datas e lugares das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia as datas e lugares de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 12 de setembro de 2025.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela (IES Antonio Fraguas), Ponferrada (Escola Oficial de Idiomas) e Madrid (Casa de Galicia en Madrid).

As datas serán as seguintes:
-Celga 2: 23 de novembro de 2025
-Celga 3: 22 de novembro de 2025
-Celga 4: 15 de novembro de 2025 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P e Q; e 16 de novembro de 2025 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por: R, S, T, U, V, W, X, Y, Z, A, B, C, D e E.
23/10/2025. OUTRAS

O Cancioneiro Galego-Portugués, nova ferramenta didáctica para difundir a nosa literatura oral común

Co gallo da conmemoración do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, que se celebrou o pasado 17 de outubro, a Asociación Ponte…nas ondas! e a Deputación de Coruña presentaron o Cancioneiro Galego-Portugués, unha ferramenta pedagóxica elaborada polos estudosos Domingo Blanco e Carlos Nogueira (con ilustracións de Andrés Meixide) co ánimo de achegar ás novas xeracións a literatura de tradición oral compartida por Galicia e Portugal.

O libro compleméntase cunha proposta didáctica para o traballo nas aulas e un apartado web con diversos materiais audiovisuais e musicais. Podes acceder a todos estes recursos premendo aquí.

Se o precisas, na páxina web de Ponte... nas Ondas! tes máis información sobre esta iniciativa.