Obxectivos

A estratexia de acción exterior do Consello da Cultura Galega concíbese como un potente instrumento de divulgación da imaxe de Galicia: unha nación histórica con identidade propia e caracterizada pola presenza de galegos e galegas nos cinco continentes, unha comunidade política aberta ao mundo, un país cunha longa tradición de ser porta de entrada e porta de saída.
Obxectivos

A Acción Exterior do Consello da Cultura Galega (CCG) atende á defensa e promoción da cultura galega xerada fóra da Comunidade Autónoma e aos dereitos culturais da comunidade galega residente fóra de Galicia, así como a difusión da nosa realidade cultural noutras nacións, establecendo vínculos de reciprocidade na transferencia de coñecemento, optimización de recursos, fomento de sinerxías e divulgación da marca Galicia vencellada á cultura.

Este labor en materia de acción exterior desenvolveuse desde os inicios da institución a través de liñas de traballo asociadas dun xeito estrito aos seus obxectivos e mandato fundacional tal e como se contempla no artigo 6 do título II da Lei 8/1983 de creación do Consello da Cultura Galega.
A partir da aprobación da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia o Consello da Cultura Galega é considerado, na disposición adicional primeira desta lei, suxeito cualificado da acción exterior de Galicia na defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego e polo tanto queda expresamente habilitado non só para asesorar as entidades públicas galegas neste ámbito senón para subscribir acordos internacionais con entidades públicas que teñan obxectivos análogos, como é o caso da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa, mantendo a interlocución técnica precisa con este organismo internacional e coas entidades correspondentes desa comunidade de países ou dos seus Estados membros. Ademais, pode desenvolver a súa propia acción exterior consonte a Estratexia galega de acción exterior (Egaex), tendo en conta a transterritorialidade do pobo galego e dándolles proxección ao patrimonio cultural fóra do territorio galego, á nosa lingua e á nosa cultura, competencias xa previstas na Lei 8/1983, do 8 de xullo, de creación do Consello da Cultura Galega.

A estratexia de acción exterior do Consello da Cultura Galega concíbese como un potente instrumento de divulgación da imaxe de Galicia: unha nación histórica con identidade propia e caracterizada pola presenza de galegos e galegas nos cinco continentes, unha comunidade política aberta ao mundo e que procura ampliar as relacións con outras comunidades e culturas, un país cunha longa tradición de ser porta de entrada e porta de saída. Esta imaxe de Galicia no exterior debe corresponderse coa súa realidade económica, social e cultural. Divulgar unha imaxe de calidade de Galicia non soamente comercial, senón tamén de convivencia, cultural e integradora das diferentes variables que compoñen o mundo exterior, é esencial para superar a ignorancia e o descoñecemento que aínda existe da modernización experimentada por Galicia nos últimos tempos e que contrasta coa vella imaxe tradicional de comunidade periférica e pouco avanzada. Por iso o Consello da Cultura Galega asume como responsabilidade reforzar a conciencia de identidade dos residentes no exterior propiciando o encontro e a converxencia de vontades entre os sectores máis determinantes.
As actividades en materia de acción exterior do CCG son un dos eixes fundamentais da institución encamiñadas sobre todo á recuperación de patrimonio documental nas comunidades galegas da diáspora e á participación internacional en redes de investigación en emigración desde o Arquivo da Emigración Galega e tamén a impulsar a presenza da lingua e cultura galegas como unha ponte entre a área lingüística do español e a do portugués, cunha atención especial a accións e institucións dos países de lingua portuguesa, e a promover a presenza de Galicia en universidades e centros de excelencia.

Durante os últimos anos, esta acción concentrouse en promover, en forma de convenios, exposicións, recuperación documental ou congresos, a presenza de Galicia en moitos países do mundo, tanto de Europa coma de América. Especial atención mereceu o aumento de actividades realizadas no mundo lusófono, limitadas ao Brasil e a Portugal. Entre as relacións coa lusofonía destacou o ingreso do CCG como observador consultivo na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) en novembro de 2016.

Menhires. Manolo Paz. Foto: Diego Delso / Wikipedia





Warning: mysql_free_result(): 18 is not a valid MySQL result resource in /var/www/html/consello/html/www/paxina-area.php on line 298