Histórico

Desde a súa fundación, o Consello da Cultura Galega desenvolveu unha axenda internacional, primeiro vinculada á diáspora
Histórico

A acción exterior do Consello da Cultura Galega desde o a súa creación no ano 1983 concentrouse en promover, a través de convenios, exposicións, recuperación documental ou congresos, a presenza de Galicia en moitos países do mundo, tanto de Europa como de América. Para desenvolver todos estes propósitos, este labor exterior da institución materializouse en actividades que se desenvolveron fundamentalmente a través dos seguintes axentes:

As Comisións de Acción Exterior que foron nomeadas a longo do percorrido do Consello da Cultura Galega nesta materia formularon ideas e propostas para garantir unha digna presenza internacional da nosa cultura e alentaron iniciativas que permitiron un maior aproveitamento de recursos e un maior coñecemento da cultura galega presente no exterior, conectándoa coa Galicia interior e como parte dun único sistema cultural. Estas comisións suxeriron as liñas de traballo a seguir e ademais estabeleceron contactos coas áreas do goberno da Xunta que teñen competencias en materia de acción exterior. Constitúen un exemplo disto a participación na redacción da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) e tamén a presenza do Consello da Cultura Galega no Consello de Acción Exterior de Galicia (CAEX), mecanismo de coordinación e colaboración dos axentes e actores de acción exterior.

A axenda internacional institucional da presidencia da institución que se desenvolveu en viaxes a América, Europa no que destacan as relacións con institucións portuguesas.

O Arquivo da Emigración Galega , que xorde como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior no ano 1992, desenvolveu ambiciosamente varios dos obxectivos da institución en materia de acción exterior, como é o caso da recuperación de patrimonio documental nas comunidades galegas residentes fóra de Galicia. Este papel activo e decisivo do Consello da Cultura Galega na conservación, catalogación e difusión dos fondos documentais da diáspora galega foi considerado no articulado da Lei 7/2013, da galeguidade. Así mesmo existe unha liña de traballo dirixida á colectividade en forma de exposicións que tiveron percorridos e grande éxito nos países de acollida de emigrantes, nomeadamente en América mais tamén en Europa, en países onde a presenza da colectividade galega é maior. A estratexia que se seguiu foi o establecemento de relacións con institucións dos países de acollida, de tal forma que a colectividade galega fose vista desde outra perspectiva pola cidadanía dos países en que viven.

Os principais escenarios onde se desenvolveron as actividades foron:
América do Sur: nos seguintes países: Brasil nas cidades de Río de Janeiro, Salvador de Bahia, São Paulo, Santos, Recife, Brasilia, Curitiba e Belo Horizonte; Arxentina: Bos Aires, Rosario, Mar del Plata; Uruguai: Montevideo; México: México D.F., San Luís Potosí; Venezuela: Caracas; Cuba: A Habana.

En EE.UU. as actividades realizáronse no marco dos protocolos de colaboración coas universidades americanas deste país: Graduate Center New York e Stanford University de California cun total de 12 actividades que incluíron conferencias do presidente do CCG nas distintas visitas a ambas as universidades e estadías de investigación de profesores universitarios. Ademais destas colaboracións académicas leváronse a cabo itinerancias de exposicións como a da mostra Os Adeuses. Fotografías de Alberto Martí que se exhibiu en Nova York e Florida nos anos 2019 e 2020.

Na Europa occidental: Destacan as actividades realizadas na London School of Economics de Londres para o curso 2010-11 no marco do convenio asinado con esta universidade. Por outra banda Francia e Suiza formaron parte da itinerancia de exposicións en cidades como Toulouse e Xenebra. Así mesmo destaca tamén a participación do CCG en AEMI. Esta rede ven celebrando anualmente unha conferencia en cidades como Krakovia (Polonia), Karlstadt (Suecia), Riga (Letonia), Turín (Italia). En setembro de 2016 celebrouse en Santiago de Compostela sendo o CCG o anfitrión.
Participouse tamén en feiras do libro internacionais en colaboración coa Unión de Editoriales Universitarias Españolas (UNE). Así, o CCG estivo presente, durante varios anos, nas feiras deste sector en Bos Aires, Guadalajara, Frankfurt.

Actualmente a estratexia do Consello da Cultura Galega en acción exterior segue a ser un dos piares fundamentais de traballo da institución, sobre todo a través das redes da galeguidade e de ámbitos culturais e académicos de referencia. A folla de ruta a seguir é ampliar esa presenza explorando a colaboración doutras redes ou organismos de ámbito internacional. Para iso nesta nova xeira destaca a relevancia da acción exterior cultural de Galicia, integrándoa na dinámica xeral do ecosistema cultural galego, para a que se propón establecer un novo programa de acción exterior no que destacan seis obxectivos: a Galicia espallada (da emigración e do exilio), os países de lingua portuguesa, a relación con Europa, a posición atlántica de Galicia, o incremento da representación institucional global da cultura galega e o apoio á industria cultural galega a propósito da internacionalización do sector.

Exposición 'O sorriso de Daniel'. Rosario (Arxentina), 2008


Warning: mysql_free_result(): 18 is not a valid MySQL result resource in /var/www/html/consello/html/www/paxina-area.php on line 298