A Galicia espallada

Protexer e poñer en valor o patrimonio cultural no exterior e dinamizar a cultura nas comunidades de emigrantes
A Galicia espallada

O Consello da Cultura Galega ten xa unha traxectoria en relación cos estudos migratorios (sociedade, lingua, cultura, memoria...), coa preocupación pola protección e posta en valor do patrimonio galego no exterior e coa dinamización da cultura galega nas comunidades de emigrantes.

Esta acción concrétase en tres grandes focos:

1. A Galicia da emigración e do exilio, tanto os propios emigrados coma os seus descendentes, galegos de herdanza. Aínda que atende sobre todo a América, non se esquecen os fluxos migratorios a Europa e outras partes do mundo, nin os máis modernos dos novos emigrados, grupos de mozos e mozas que residen en Londres, Berlín, Nova York ou Madrid…

2. As sociedades dos países acolledores de emigrantes, que deben ter noticia da patria de orixe dos seus veciños inmigrantes, co ánimo de substituír a visión de pobreza e atraso que levou consigo a emigración económica pola imaxe da Galicia contemporánea.

3. A valorización en Galicia da contribución dos emigrantes tanto á construción da cultura dos países de acollida coma á construción da Galicia moderna. Para iso o Consello da Cultura Galega conta co Arquivo da Emigración Galega e aspira a que a Comunidade Autónoma cree un museo da emigración galega, como un lugar de recoñecemento, memoria e estudo.



Warning: mysql_free_result(): 18 is not a valid MySQL result resource in /var/www/html/consello/html/www/paxina-area.php on line 298