Documentación particular

----

Documentación particular

Os protagonistas do fenómeno migratorio galego foron maioritariamente emigrantes “anónimos”, polo que a súa pegada quedou máis difusa ou imprecisa. Mediante o “Proxecto de recuperación documental e fotográfica da emigración galega” ‒en marcha dende 2013‒, preténdese a creación dun espazo referencial que axude a reconstruír e conservar a memoria colectiva da emigración galega. En definitiva, trátase de historias de emigrantes que serviron de referente identitario aos seus descendentes e á propia terra de orixe. Deste xeito, o AEG pretende achegar unha perspectiva máis integradora da historia do fenómeno migratorio galego creando un espazo permanente e dinámico que contribúa a valorar as coleccións de particulares.



Fotografías familiares, documentos (pasaportes, contratos de traballo, cartillas de identidade, permisos de emigración), obxectos diversos, cartas etc., xerados durante a etapa de emigrante e que se conservan nos fogares como un recordo do pasado, serven para dar outra dimensión ao estudo das correntes migratorias. O AEG contempla estes fondos dende unha dobre vertente: salvagardar a memoria viva da e do emigrante (moitas veces estes documentos están en perigo de perda ou extravío) e difundir e pór en valor a súa andaina como tal. Estes fondos constitúen un acervo de fontes a disposición da comunidade estudantil, dos expertos na temática migratoria e, por suposto, dos propios protagonistas da aventura migratoria e os seus descendentes.

O Arquivo da Emigración Galega conta dende os seus inicios con fondos documentais e fotográficos de persoeiros sobranceiros que desenvolveron a súa actividade fóra de Galicia tanto no ámbito cultural como empresarial ou científico. Entre eles pódense destacar os fondos de Ramón Suárez Picallo, Elpidio Villaverde, Fernando Iglesias "Tacholas", Lino Novás Calvo, Luís Seoane, Lois Tobío Fernández ou José B. Abraira.

Historias de ida e volta


O AEG contribúe a poñer en valor a documentación procedente dos arquivos familiares. Os documentos e fotografías, recibidas a través de doazóns, constitúen unha importante fonte de información. Facemos visibles moitas de ditas achegas a través da serie de especiais Historias de ida e volta, que periodicamente presenta novos contidos.

Colaborar co AEG

A través deste formulario pode vostede poñerse en contacto connosco e indicarnos a disposición de material ou de documentación de interese para ser preservado.

Recomendamos: