A última xeira do Seminario de Estudos Galegos

----

A última xeira do Seminario de Estudos Galegos

A última xeira do Seminario de Estudos Galegos
O Seminario de Estudos no dolmen de Dombate (xullo de 1936).
Arquivo Iria-Friné Rivera Vázquez.


O Seminario de Estudos Galegos emprendeu a súa última xeira en xullo de 1936. Un numeroso grupo de investigadores encabezado por Ramón Otero Pedrayo, responsable da sección de Xeografía, Parga Pondal, da de Xeoquímica, Xesús Carro e Filgueira Valverde, de Arte e Arqueoloxía, Vicente Risco en Etnografía e Luís Iglesias en Ciencias, participaron de varios días de intenso traballo. O grupo visitou diferentes concellos como Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Muxía, Vimianzo ou Carnota, entre outros. O 18 de xullo de 1936 o xornal El Compostelano publicou a derradeira crónica desta xeira, na que dá conta da ultima actividade do SEG durante esta xeira. "No piñeiral de Dombate reúnense todos os expedicionarios para escoitar, en torno ao famoso dolmen, as estrofas reciamente cinceladas do cantor dos piñeiros. Alí, en medio dunha emoción relixiosa, remata esta VIII misión de investigacións. Pouco despois, os membros do Seminario dispérsanse citándose xa para a vindeira campaña".

Non habería máis campañas. Co golpe de estado franquista, o Seminario de Estudos Galegos sería desmantelado, varios dos seus membros -e moitas xentes dos seus círculos familiares e sociais- detidos e asasinados e outros sufrirían distintos graos de represión. Fica esta excepcional fotografía, un dos documentos máis representativos da actividade do SEG e do universo simbólico no que se movía o galeguismo de preguerra.

Grazas a Iria-Friné Rivera Vázquez por facilitarnos este excepcional documento gráfico para a súa publicación.

Recomendamos: