Acceso á cultura en Galicia 2025

Acceso á cultura en Galicia 2025

O Consello da Cultura Galega leva desde 2023 traballando especificamente o tema dos dereitos culturais, que nos últimos tempos está a consolidarse como unha corrente que ter moi en conta nas políticas culturais públicas, como proban a creación da Dirección Xeral de Dereitos Culturais do Goberno do Estado, a elaboración en marcha do Plan de Dereitos Culturais estatal e as leis xa aprobadas que regulan esta materia en territorios como Navarra ou as Illas Canarias.

Durante este ano 2025 a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do CCG quere continuar traballando nesta corrente de actualidade co obxectivo de analizar se as políticas culturais galegas están seguindo este «novo paradigma» das políticas públicas.

A forma de facelo será a través de catro xornadas de debate e recollida de información que se desenvolverán de marzo a xuño atendendo a catro perspectivas do dereito de acceso á cultura: o dereito a participar, a perspectiva territorial (nun país con tanta dispersión coma o noso), o acceso, e a comunicación e a interseccionalidade.

Destas catro recollidas e dos informes extraídos darase conta nunha xornada de outono na que tentaremos analizar se os dereitos culturais se están a cumprir en Galicia.
Gabinete de comunicación