Xestión e políticas culturais nos concellos
Retos ante a Covid-19
Ante a crise da Covid-19, o sector cultural foi un dos primeiros en paralizar a súa actividade e, segundo indican todas as previsións, será dos últimos en poder retomala de forma similar a como se viña desenvolvendo ata marzo de 2020. O tempo que isto leve é a grande incógnita, pero tamén como serán os pasos graduais que se deban transitar neste camiño. Froito das incertezas do momento, os distintos sectores e disciplinas culturais teñen activado espazos de xeración de ideas, e sobre todo de demanda de medidas urxentes ante as administracións central e autonómica. Con todo, resultará esencial o papel da acción cultural municipal, pública e de proximidade, para o futuro do sempre fráxil sector cultural privado e social, tanto profesional como amador. E o máis importante, para garantir o dereito de acceso á cultura para a cidadanía. Urxe, polo tanto, abrir espazos públicos de reflexión neste ámbito, onde poder compartir os retos, ferramentas e posibles estratexias que poden activarse a curto, medio e longo prazo. Con este obxectivo, o Consello da Cultura Galega promove este ciclo articulado arredor de tres encontros en liña, coordinados por Sergio Lago, con canles abertas á participación e coa posterior publicación das principais ideas que xurdan neste proceso.