Loia é un proxecto do Consello da Cultura Galega, a través da súa Sección de Lingua e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.

Galicia é unha comunidade autónoma de España que posúe unha lingua propia, o galego, falado pola maioría da poboación ao lado do castelán, lingua xeral do Estado. Loia ofrécese como unha guía en rede para poñer ao alcance dos internautas (profesores e investigadores, estudantes, curiosos) interesados polo idioma galego un manual de referencia básica. É por iso que, ademais de en galego e castelán, preséntase tamén en inglés, e no futuro inmediato procuraremos versionalo a outras linguas. Os contidos de Loia estrutúranse en catro áreas: unha información lingüística e gramatical básica, un breve repaso pola historia social da lingua galega (cunha ollada rápida á súa importante literatura), unha serie de datos en táboas e mapas, brevemente explicados, que dan unha idea da situación sociolingüística de Galicia, e unha sintética listaxe de institucións, colectivos e recursos en rede que serven como referencia para o estudo, a defensa ou o cultivo do idioma galego.

O noso obxectivo é presentar en forma condensada para un público moi amplo os elementos fundamentais para iniciarse no coñecemento do idioma galego, a súa singradura histórica, a súa produción cultural, a súa realidade social e as súas perspectivas de futuro. Tamén tivemos en conta que os usuarios e usuarias de Loia poden desexar afondar nalgún dos aspectos que aquí se tratan sumariamente. Para isto, ofrecemos unha selección de recursos, en rede e bibliográficos, a través dos cales cada un pode seguir internándose no coñecemento do galego.

Loia é unha iniciativa da Sección de Lingua e o Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega. Esta é unha institución propia da Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter oficial pero non gubernamental, que ten como obxectivo a defensa e promoción dos valores culturais e o patrimonio de Galicia. A dirección do proxecto correu a cargo de Henrique Monteagudo, do equipo redactor forman parte Håkan Casares Berg (coordinador), Susana Mayo Redondo e Rosario Pérez Magdalena, da edición é responsable Manuel Gago, as imaxes foron dixitalizadas por Teresa Navarro. A empresa Imaxin realizou o desenvolvemento web. Xulio Sousa (ILG) participou na elaboración de mapas. Agradecemos a Xerais a autorización para utilizarmos textos que aparecen n’As etapas da Historia.

A Consellería de Educación da Xunta de Galicia colabora na difusión de Loia nos centros escolares de Galicia.

Os textos de Loia pódense reproducir seguindo as condicións da licenza Creative Commons 2.5, que faculta ao usuario a reproducir e modificar a obra sempre que se recoñeza a autoría orixinal e se faga sen ánimo comercial. Consulte as condicións completas:

Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial 2.5 de Creative Commons.