• Unha nova sociedade: do poder local ao pacifismo
    PROPAGANDA POLÍTICA DA TRANSICIÓN
    Unha nova sociedade: do poder local ao pacifismo
  • A construción dun Estatuto
    PROPAGANDA POLÍTICA DA TRANSICIÓN
    A construción dun Estatuto
  • Novo futuro, novos partidos
    PROPAGANDA POLÍTICA DA TRANSICIÓN
    Novo futuro, novos partidos
  • Escola de democracia
    PROPAGANDA POLÍTICA DA TRANSICIÓN
    Escola de democracia
  • A fin da ditadura
    PROPAGANDA POLÍTICA DA TRANSICIÓN
    A fin da ditadura
  • slidebg1
    PROPAGANDA POLÍTICA
    NA TRANSICIÓN

Propaganda política na Transición

O final do franquismo, a Transición e a Autonomía son etapas decisivas da nosa historia recente. Con este especial, o Consello da Cultura Galega quere avanzar as primeiras mostras do Fondo Miguel Gutiérrez, unha importante colección documental que recolle a propaganda e publicidade políticas entre o final do franquismo ata a década dos 2000..Trátase dun patrimonio documental tan relevante como pouco valorado. O grupo de investigación HISPONA da USC está a catalogar e dixitalizar este material do que nos ofrece unha primeira escolma.
Textos: Jose Carlos Garcia Vega/Emilio Grandío (HISPONA)
Foto de apertura: Praza do Obradoiro. Día da Patria. Santiago, 25 de xullo de 1978. Anna Turbau.

A fin da ditadura

1. A fin da ditadura

Coloquémonos nesta viaxe no tempo nun momento cando a democracia era un soño perdido convertido en pesadelo. Cando un sistema ditatorial levaba gobernando esta sociedade dende case catro décadas. Cando a forza se exercía con total impunidade. Cando a Administración se requiría polo favor, non pola obriga. Cando o concepto cidadanía non existía.. Cando prender alguén e mesmo acabar coa súa vida por pensar de distinto xeito era posible. O medo foi a súa principal arma. Agora sabemos que a morte de Franco comezou a ser o final da ditadura: os que se atopaban alí non o tiñan tan claro.

Ver historia

Escola de democracia

2. Escola de democracia

É coñecido de todos que tras a morte de Franco se iniciou o camiño da transición á democracia. Todo era posible. Dende a base. Pero, como cimentar un novo réxime que só tiña como recordo —e sobre todo en negativo— algo acontecido catro décadas antes? O mundo cambiara. A sociedade mudara.. Especialmente nos primeiros meses as prioridades foron pedagóxicas: había que educar a xente en como exercer os seus dereitos individuais. Era necesario recuperar unha ética común de tolerancia indispensable.

Ver historia

Novo futuro, novos partidos

3. Novo futuro, novos partidos

Os partidos políticos canalizaron as vontades de cambio dentro do novo parlamentarismo democrático. O recordo mantido durante anos nas vellas agrupacións clandestinas foi substituído pola ilusión do futuro, con estruturas de xestión política e efectivos novos.. Sen mochilas do pasado máis que no indispensable para non encirrar ese permanente terreo de incerteza no que se movían. Todo por construír nun salto cara ao futuro. O pasado da ditadura foi teimudo en saír da escena.

Ver historia

A construción dun Estatuto

4. A construción dun Estatuto

A cuestión territorial foi unha das pezas máis complicadas de abordar neste proceso. Os sectores conservadores e algunhas influencias europeas coincidían en que o proceso de recoñecemento das identidades particulares dos territorios que compoñían o Estado debía ser tratado con extrema cautela.. Galicia entrou pola ‘vía rápida’ na obtención do seu Estatuto de autonomía, pero non foi sen problemas. O recorte polo Estado de boa parte das súas competencias autonómicas provocou a maior unidade de acción arredor da defensa da capacidade de decidir pola sociedade galega. Mesmo chegou a provocar a rotunda fractura da UCD galega.

Ver historia

Unha nova sociedade: do poder local ao pacifismo

5. Unha nova sociedade: do poder local ao pacifismo

Tras uns primeiros anos de aprendizaxe a democracia botaba a andar. Aquel anhelado propósito despois de 1975 de crear un novo marco xurídico democrático para todos —a Constitución de 1978— confundiuse nalgúns casos co final dos seus esforzos.. Pero foi o contrario: a necesaria transparencia dos réximes democráticos permitiu que se abordasen todos aqueles conflitos que se atopaban paralizados agardando unha resposta: as infraestruturas de comunicación, a desigualdade de xénero, o incremento do paro, o papel do exército na sociedade, a extensión dos grupos golpistas… A democracia sempre é perfectible. Día a día. E tense que ler sempre en clave de presente, non dun pasado que visitar.

Ver historia