Coloquémonos nesta viaxe no tempo nun momento cando a democracia era un soño perdido convertido en pesadelo. Cando un sistema ditatorial levaba gobernando esta sociedade dende case catro décadas. Cando a forza se exercía con total impunidade. Cando a Administración se requiría polo favor, non pola obriga. Cando o concepto cidadanía non existía. Cando prender alguén e mesmo acabar coa súa vida por pensar de distinto xeito era posible. O medo foi a súa principal arma. Agora sabemos que a morte de Franco comezou a ser o final da ditadura: os que se atopaban alí non o tiñan tan claro.
É coñecido de todos que tras a morte de Franco se iniciou o camiño da transición á democracia. Todo era posible. Dende a base. Pero, como cimentar un novo réxime que só tiña como recordo —e sobre todo en negativo— algo acontecido catro décadas antes? O mundo cambiara. A sociedade mudara. Especialmente nos primeiros meses as prioridades foron pedagóxicas: había que educar a xente en como exercer os seus dereitos individuais. Era necesario recuperar unha ética común de tolerancia indispensable.
Os partidos políticos canalizaron as vontades de cambio dentro do novo parlamentarismo democrático. O recordo mantido durante anos nas vellas agrupacións clandestinas foi substituído pola ilusión do futuro, con estruturas de xestión política e efectivos novos. Sen mochilas do pasado máis que no indispensable para non encirrar ese permanente terreo de incerteza no que se movían. Todo por construír nun salto cara ao futuro. O pasado da ditadura foi teimudo en saír da escena.
A cuestión territorial foi unha das pezas máis complicadas de abordar neste proceso. Os sectores conservadores e algunhas influencias europeas coincidían en que o proceso de recoñecemento das identidades particulares dos territorios que compoñían o Estado debía ser tratado con extrema cautela. Galicia entrou pola ‘vía rápida’ na obtención do seu Estatuto de autonomía, pero non foi sen problemas. O recorte polo Estado de boa parte das súas competencias autonómicas provocou a maior unidade de acción arredor da defensa da capacidade de decidir pola sociedade galega. Mesmo chegou a provocar a rotunda fractura da UCD galega.
Tras uns primeiros anos de aprendizaxe a democracia botaba a andar. Aquel anhelado propósito despois de 1975 de crear un novo marco xurídico democrático para todos —a Constitución de 1978— confundiuse nalgúns casos co final dos seus esforzos. Pero foi o contrario: a necesaria transparencia dos réximes democráticos permitiu que se abordasen todos aqueles conflitos que se atopaban paralizados agardando unha resposta: as infraestruturas de comunicación, a desigualdade de xénero, o incremento do paro, o papel do exército na sociedade, a extensión dos grupos golpistas… A democracia sempre é perfectible. Día a día. E tense que ler sempre en clave de presente, non dun pasado que visitar.