Dende a propia lingua para andar por un mundo de linguas.
Elaborado polo ENDL do CPI do Progreso de catoira.

Decálogo Lingüístico
1-Se respectuoso con todas as linguas.
Cando dis que unha lingua non che gusta, ou que
non é útil ou importante, sen darte de conta
aplicas estes mesmos prexuízos ás persoas que a
falan. Tódalas linguas son iguais e todas son
diferentes.
2-Observa e escoita: interésate polas
linguas do teu contorno.
Moi a miúdo a carón teu fálanse linguas que nin sequera
sospeitas. Que non sabes nin como se chaman. Moitas
veces saber o nome ou algunha verba é dabondo para
demostrar que aprecias ós que te rodean, que non che
son indiferentes. Dille “grazas” a alguén na súa lingua e
de seguro que lle arrincarás un sorriso.
3-Non teñas medo de aprender novas linguas,
sempre serán as túas aliadas.
Moita xente pensa que unha lingua ou se fala ou
non se fala, que non hai termo medio. Ou que
para facer entrar unha lingua no caletre ha de
saír outra. Aprender, pouco ou moito, unha
lingua non quere dicir esquecerse doutra, nin
falala peor. Unha soa verba pódeche ser útil, e
chegues onde chegues, unha miga é mellor ca
nada. Sempre gañarás.
4-As linguas ábrenche novas perspectivas: non
renuncies ás fontes de coñecemento que che
ofrecen as diversas linguas.
Todas as linguas conteñen coñecemento e
prodúceno de novo; non te limites ó inglés. Non
deixes de lado aquilo que está escrito en linguas
próximas á túa. A miúdo descubrirás que as
podes ler e entender mellor do que pensas, e que
as boas ideas non teñen lingua, ou que todas as
linguas as teñen. As diferentes linguas expresan
diferentes miradas sobre a realidade. Aprender
linguas diferentes axudarache a ampliar miras.
5-Dá voz aos minoritarios e escóitaos.
Entre todos os minoritarios constituímos unha
maioría. Non contribúas a acentuar o
desequilibrio lingüístico, non trates as linguas
con poucos falantes como non che gusta que te
traten a ti. Se podes elixir, dálles prioridade ás
que teñen menos falantes. Axúdaas a chegar a
todas partes e elas axudaranche a ti.
6-Non impoñas linguas dominantes, replanta
linguas ameazadas.
O escritor nor-catalán Joan Lluís Lluís di que a
moitos cataláns do sur lles gusta ir ó Rosellón a
demostrar canto saben falar francés. Non fagas
só de difusor das grandes linguas en detrimento
das que teñen menos falantes. Mira de
interesarte pola lingua que pode extinguirse:
verás que é útil e necesaria, e contribuirás á
reforestación lingüística.
7-Un pequeno mercado pode ser unha gran
porta.
É importante non confundir a audiencia potencial
coa real. Escribir ou falar unha lingua de moitos
falantes non é ningunha garantía de ser
escoitado. En cambio, falar coma os que temos
máis á beira é facernos sentir. O importante non
é a cantidade de xente que te podería entender,
senón as persoas ás que de veras lles dis
algunha cousa. Cando Shakespeare escribía, os
anglofalantes non chegaban a seis millóns.
8-Practica a diversidade lingüística cando te
movas polo mundo.
Aproveita toda a riqueza e diversidade que o
mundo che ofrece se o escoitas. Non vaias a
Gales ou a Malta soamente a aprender inglés.
Proba a falar as linguas dos lugares que visites:
canto menos se esperen os teus interlocutores
oírte dicir cousas na súa lingua máis se
alegrarán.
9-Preserva o teu espazo de liberdade: a
lingua non cha poden quitar se ti non
queres.
As linguas non son cousas, non se estorban
unhas ás outras: non te deixes convencer do
contrario. Seguramente ó longo da túa vida non
sempre poderás falar na primeira lingua que
aprendiches, pero sempre a poderás manter: é
un coñecemento que che axudará a coñecer
outras. Non o perdas: cantas máis linguas
saibas, máis sabes da túa lingua e do mundo.
10-Non exclúas a ninguén dunha lingua.
As linguas, sobre todo as pouco faladas ou pouco
estendidas, crean lazos invisibles, son sinais de
benvida, transforman a un alleo nun veciño. Non
prives ós outros de aprender e usar a túa lingua.
Non lles digas coa lingua que non son dos teus.
No mundo fálanse entre 4000 e 6000 linguas,
das cales segundo as estimacións máis
optimistas o 50% corren perigo de extinguirse
nos próximos cen anos e o 96% son faladas
soamente polo 4% da poboación mundial.
O número de falantes é un factor importante,
pero non sempre é un bo indicador da saúde
dunha lingua. As condicións óptimas que
aseguran a vitalidade dunha lingua son
complexas. Son unha conxunción de apoio
institucional, utilidade da lingua na esfera
económica do país e utilización nos medios de
comunicación globais, co sentimento de fidelidade
dos falantes cara á lingua propia e a consideración
que estes teñen tanto como un símbolo de
identidade como factores tan ou máis esenciais.
O estudante lingüisticamente sostible valora as
persoas, e por iso non espera que se subordinen.
Valora a diversidade, porque é unha persoa libre
e sabe que a liberdade implica non renunciar a ser
quen es. Valora o coñecemento, porque o fai máis
libre e humano. O estudante lingüisticamente
sostible é consecuente, e por iso o seu
comportamento lingüístico vai a favor das
persoas, da diversidade e do coñecemento.
USA A TÚA LINGUA
Os contidos e recursos recollidos nesta páxina web teñen unha finalidade educativa. Calquera contido que non cumpra cos requisitos necesarios para aparecer nesta web será retirado inmediatamente se así é comunicado polo autor e/ou autores ou propietarios/as dos seus dereitos.
A través desta páxina accédese libremente a recursos educativos da autoría da Coordinadora Galega de ENDL, dirixidos a aquelas persoas que queiran facer deles un uso ou utilización educativa.
Nesta páxina tamén se accede, a través de ligazóns externas ou directamente, a contidos educativos creados por docentes e centros educativos, así como por institucións e colectivos sociais e culturais cuxa autoría é citada expresamente.
A CGENDL non ten ningunha finalidade lucrativa e en ningún caso se comercializa cos contidos que aparecen neste sitio web, tampouco por parte de terceiros.