queremos convidarte


O encontro musical No bico un cantar é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega, da Consellería de Cultura e Turismo e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia que se celebra cada ano en diferentes concellos de Galicia. Esta actividade ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia.

Neste ano 2024 —e co atraso provocado pola pandemia— conmemoramos o centenario do nacemento de Nós, o «boletín mensual da cultura galega, órgao da sociedade galega de pubricacións Nós», que viu a luz o 30 de outubro de 1920 na cidade de Ourense. Estas eran as súas primeiras palabras: «Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos sai oxe Nós. É a ansia qu’oxe sinte Galicia de vivir de novo, de voltar ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai sair». Con esta arela, un grupo de intelectuais —entre os que se encontraban figuras senlleiras como Castelao, Risco, Otero Pedrayo, Cabanillas ou Cuevillas— botaron a andar un proxecto que converteu a Galicia en «célula de universalidade» ao verter nas súas páxinas o mellor da cultura europea do seu momento. Con esta vocación de divulgación da cultura galega, a iniciativa No bico un cantar quere hoxe poñer voz e música aos creadores da denominada Xeración Nós para lembrar e homenaxear o legado extraordinario da revista nacida no abrente do século xx e dos seus artífices. Con este fin, xuntámonos en Ribadavia, no abrente de xuño, para cantarmos a Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas e Risco na provincia que os viu nacer.

LUGAR: AUDITORIO RUBÉN GARCÍA (CASTELO DE RIBADAVIA)
HORA: 18:00.
DIA: 31/05/2024

Programa

Fanfarria Rhaptosodya nº 1
P. Dukas - J. Viceiro

Dúas pezas renacentistas
G. Farnaby - A. Holborne (arr. J. Glasel - E. Howarth)

Coita
Álvaro de las Casas
Antón García Abril

Ao lonxe
Ramón Otero Pedrayo
Antonio Iglesias

Panxoliña
Vicente Risco
Cristóbal Halffter

Le Coucou
L.-C. Daquin (arr. T. Caens)

Vos nova*
Ramón Otero Pedrayo
Aaron Siebert-Castiñeira
*Estrea absoluta

Maio longo
Rosalía de Castro
José Baldomir

Programa de No Bico un Cantar 2024

Programa de No Bico un Cantar 2017

PROTAGONISTAS

As nenas e nenos do coro

As nenas e nenos que participan na actividade pertencen aos seguintes centros: CMUS Profesional da Coruña, CMUS Profesional Xan Viaño de Ferrol, CMUS Profesional Xoán Montes de Lugo, CMUS Profesional de Ourense, CMUS Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS Profesional de Santiago de Compostela, CMUS Profesional de Vigo, CMUS Profesional de Verín, CMUS Profesional de Xinzo de Limia, CMUS Profesional de Ribadavia, ESMU Municipal de Ribadavia, ESMU Municipal de Barbadás e Coro Infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Grupo de metais

Hércules Brass

Hércules Brass nace na Coruña no ano 2012 e está formado por cinco profesionais de vento metal cunha longa traxectoria tocando xuntos, principalmente na Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia e na Joven Orquesta Nacional de España (JONDE). Nesta ocasión están acompañados por Pablo Fernández Guzmán como trompa convidado.

Nos seus comezos, Hércules Brass foi finalista no 8th International Jan Koetsier Competition for Brass Quintet e semifinalista no 8ème Concours International de Musique de Chambre de Lyon, e obtivo o primeiro premio no IV Concurs de Quintets de Vent-Metall Valeriano Machi i Esparza e no eMuse Online Music Competition de 2014. Tiveron a oportunidade de estrear obras de compositores como Juan Durán, Xoán Antón Vázquez Casas, Fernando Arias ou David Rivas, e o seu repertorio abarca diversos estilos, dende a música medieval ata o swing.

Ao longo da súa traxectoria actuaron en Portugal, Suíza, Costa Rica, Asturias, Castela e León, Estremadura, Valencia, Cataluña, Madrid ou País Vasco, así como en multitude de localidades galegas. Destaca a súa participación en festivais como o 30º aniversario da JONDE, o Festival Spanish Brass Alzira, o Festival Ticino Musica, o Curso Internacional Semana Musical de Salceda de Caselas, o Festival Groba, o festival Son As Pontes e o Festival Bal y Gay. Tamén participan pondo a súa música en multitude de eventos organizados por diversas institucións, entre os que resaltan o proxecto No bico un cantar do Consello da Cultura Galega, os seus concertos pedagóxicos co espectáculo Os SuperHércules e a súa participación como protagonistas dunha das emisións do programa Música joven en Radio Clásica da RTVE. Como solistas tocaron coa Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, a Banda Municipal de Santiago, a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda Municipal da Coruña e a Orquestra Sinfónica de Galicia, coa que estrearon o espectáculo Historia do Quinteto Triste e a Bruxa Anónima. Como quinteto impartiron cursos en Costa Rica, Valencia e Asturias, así como en diversos concellos galegos.

Dende agosto de 2014 organizan o Festival Hércules Brass Celanova, ao que convidan grandes artistas do panorama internacional para compartir, cos máis novos e co público en xeral, xornadas con clases maxistrais e concertos dun alto valor artístico. No ano 2018 publicaron o CD Le quintet dans la poche e o 31 de decembro de 2020 participaron no acto de apertura da Porta Santa que deu inicio ao Xacobeo 2021-2022 na catedral de

Acompañan musicalmente o encontro No bico un cantar dende os seus inicios.

Alejandro Vázquez (trompeta)
Víctor Manuel Vilariño (trompeta)
Javier González (trompa)
Iago Ríos (trombón)
Rodrigo Rodríguez (tuba)
Pablo Fernández Guzmán (trompa convidado)

DIRECTOR

Maximino Zumalave

Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Eliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundou e foi director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. É director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Gheorghiu, W. Holzmair, as irmás Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, C. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Johnson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros.

Frecuente e moi especial foi a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa. Dirixiu importantes formacións estranxeiras e españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras.

Foi invitado a participar en xurados e a presidir importantes certames e premios internacionais.

Maximino Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny ou Villa Rojo, e coidou especialmente as primeiras audicións de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, Paz, Pereiro, Vázquez
ou Viaño.

En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario. No período 2010-2018 foi membro do Plenario e coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega, e entre 2014 e 2018 formou parte
da Comisión Executiva desta institución. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e no ano 2016 foi recoñecido co Premio da Cultura Galega na modalidade de Música. Dirixe a iniciativa No bico un cantar dende os seus inicios.

OS COMPOSITORES

Antón García Abril

Nacido en Teruel en 1933, foi un compositor e músico español autor dunha ampla obra compositiva na que salientan as súas bandas sonoras para películas e series de televisión. A súa obra sinfónica é moi extensa e abrangue a maioría das formas musicais: ópera, obras para orquestra, cantatas, concertos (violín, piano, guitarra, violonchelo, frauta, dous pianos) e música de cámara. Salienta especialmente nesta última, cos seus numerosos ciclos de cancións inspirados nos máis prestixiosos poetas españois. Deste xeito, achegouse á cultura galega coa súa obra Cancións xacobeas. Homenaxe á poesía galega, na que ofrece composicións baseadas nos versos de importantes poetas galegos contemporáneos.

Entre 1974 e 2003 foi catedrático de Composición e Formas Musicais do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Foi membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando dende 1982 e formou parte tamén da Academia de Bellas Artes de Granada Nuestra Señora de las Angustias, da Academia Nacional de las Bellas Artes da Arxentina, da Real Academia de Bellas Artes de Santa Isabel de Hungría, de Sevilla, e da Real Academia de Nobles y Bellas Artes de San Luis, de Zaragoza.

Entre os seus múltiples premios salientan a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (1998) e o Premio da Música outorgado pola Sociedad General de Autores y Editores e a Asociación de Artistas Intérpretes y Ejecutantes, que gañou en tres ocasións. Morreu en marzo de 2021.
Fonte: Fundación Juan March

Antonio Iglesias

Nacido en Ourense en 1918, estudou Solfexo, Piano e Harmonía con Antonio Jaunsarás, organista da catedral, e Composición con José Cubiles y Conrado del Campo no Conservatorio de Música de Madrid. Ampliou a súa formación como pianista e compositor da man de Marguerite Long, Lazare Lévy, Isidor Philipp e Ybes Nato. Estudou Dirección de Orquestra con Fourestier e Freitas Branco. É autor de diversos libros e publicacións centrados na análise do piano español contemporáneo, entre os que destacan os editados sobre músicos do talle de Albéniz, Granados, Falla, Turina, Esplá, Rodolfo Halffter, Rodrigo e Mompou. Foi membro numerario da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Faleceu en 2011.
Fonte: Fundación Juan March

Cristóbal Halffter

Compositor español (1930-2021), foi unha das figuras máis sobranceiras da música de vangarda. A súa infancia estivo marcada pola pegada musical familiar e logo formouse no Conservatorio Nacional de Música de Madrid, onde foi discípulo de Conrado del Campo e de Alexandre Tansman. Foi autor dunha ampla obra compositiva que abrangue dende a música coral, de cámara e electrónica ata a escrita para gran formación sinfónica. Ademais, foi convidado en múltiples ocasións para dirixir importantes orquestras europeas e americanas. Na súa creación compositiva reflíctese un profundo compromiso coa problemática humana e social do mundo contemporáneo. Foi académico da Académie Européenne des Sciences, des Arts et des Lettres de París. En 1983 foi elixido membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e en 1985, da Akademie der Künste de Berlín. En marzo de 1988 recibiu a Medalla de Ouro do Instituto Goethe como recoñecemento ao seu labor cultural en Alemaña e catro anos máis tarde recibiu o Premio Nacional de Música. Pertenceu á Academia Europea das Ciencias e as Artes.

Fonte: Fundación Juan March

José Baldomir Rodríguez

Nado na Coruña en 1867, este músico e compositor foi discípulo do mestre Marcial Torres del Adalid e coñecido principalmente polas súas producións para canto e piano sobre textos de poetas galegos. Exerceu como director dos orfeóns O Eco e O Brigantino; da orquestra Sociedad Bretón de los Herreros e dos coros e orquestra das Hijas de María. Durante máis de trinta anos impartiu a clase especial de conxunto e masas corais da Escola de Belas Artes da Coruña. En 1906, iniciou unha longa xira por numerosas cidades de España, Portugal e Francia, o que contribuíu á difusión dos máis insignes poetas galegos. Foi nomeado académico de número da Academia Provincial de Belas Artes (1905), académico correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1922) e numerario da Real Academia Galega (1941), onde ocupou a vacante do crítico de arte e notable folclorista lugués Indalecio Varela Lenzano. Entre as súas composicións salienta a ópera A Virxe do Cristal, sobre o texto -adaptado por Cabanillas- da lenda de Curros Enríquez; a zarzuela Santos e meigas, con libreto de Linares Rivas, que alcanzou no teatro madrileño da Zarzuela 137 representacións consecutivas; e máis de 40 melodías, que adoitan interpretarse tanto na versión de voz e piano coma na coral, sobre poemas de autores senlleiros como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez.

Fonte: Gran Enciclopedia Galega

O Consello da Cultura Galega publicou a súa obra galega completa baixo o título Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez, en edición de Margarita Viso Soto.

Aarón Siebert-Castiñeira

Aaron Siebert-Castiñeira é un compositor, pianista e cineasta galego. Gañador de prestixiosos concursos como o 2020 Sinta Quartet National Composition Competition e do premio de composición da Sociedade de Música de Cámara de Rochester, a súa música abrangue todos os xéneros, dende a música de cámara ata as bandas sonoras. As súas obras foron interpretadas en España, nos Estados Unidos e en Asia, incluídos entre outros o Singapore Saxophone Symposium e a 30ª edición da Gala Galegos do Ano, en homenaxe a Rafael Úbeda. Bolseiro de excelencia tras recibir o premio de fin de grao en piano en Vigo no ano 2015, estudou un dobre grao en Piano e Composición na Nazareth University de Nova York con Octavio Vázquez, así como un máster en Música para Cine na Eastman School of Music con Mark Watters, Dave Rivello e Ricardo Zohn-Muldoon. Tras a estrea de Memorias dun neno labrego para a Real Filharmonía de Galicia en 2020, no ano 2021 presenta o seu debut como director e produtor de cine coa curta Elas, que conta cunha banda sonora chea de elementos celtas e galegos. En 2023 establece a escola en liña Aura Learning, que hoxe conta con máis de setenta alumnas e alumnos de todos os países de todo o mundo.

Juan Durán

Está considerado pola crítica e polo público como o máis importante compositor galego da súa xeración e o de maior proxección internacional. No seu catálogo a ópera e a música sinfónica e sinfónico-coral conviven cunha importantísima produción de música de cámara e lied, ademais de con infinidade de arranxos e orquestracións de música popular galega.

Escribiu obras encargadas polas dúas grandes orquestras galegas, a Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia, así como polo Consello da Cultura Galega, a Fundación BBVA ou a Orquesta de la Comunidad de Madrid, coa que estreou as súas obras Cervantina ou a cantata Crisol.

É autor de O arame (2008), a primeira ópera galega en máis de oitenta anos e que se chegou a estrear no Reino Unido. A obra sinfónica e sinfónico-coral de Durán inclúe, entre outras, Pórtico da Illa de Monteagudo, o ballet Hildegart ou a cantata Terra.

As súas obras soan con frecuencia por todo o mundo, desde Europa e os Estados Unidos ata diversos países de América do Sur (A Arxentina, O Brasil, Chile, México), pasando por Hong Kong e Tailandia, e baixo a dirección de grandes batutas do noso tempo, como as de Osmo Vanska, Juanjo Mena, Paul Daniel, Miguel Ángel Gómez-Martínez, Víctor Pablo Pérez e Antoni Ros-Marbà, entre outros moitos.

Nomes como os de Elina Garança, Cristina Gallardo-Domâs ou Isabel Rey ou mesmo o Orfeón Donostiarra cantaron moitas das súas creacións vocais, mentres que a súa música de cámara, sinfónica e vocal foi levada ao mundo do disco en selos discográficos como Brilliant Classics ou Deutsche Grammophon. Entre outros premios, Juan Durán conta co Premio da Crítica (2009), o Premio da Cultura Galega (2013) e o Premio Reina Sofía de Composición (2018).

Juan Durán foi profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña entre 1987 e 1997, inspector de Educación —na especialidade de Ensinanzas Artísticas— e membro do Consello da Cultura Galega.

Na actualidade é académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes e académico correspondente da M. I. Academia de la Música Valenciana.

OS ESCRITORES

ÁLVARO DE LAS CASAS

Álvaro de las Casas foi un escritor nado no ano 1901 en Ourense que desenvolveu unha grande actividade literaria e galeguizadora a finais dos anos vinte e trinta do século xx. Cursou Filosofía e Letras en Valladolid. Ao estalar a Guerra Civil emigrou a Portugal e dende alí trasladouse ao Brasil e logo á Arxentina. Autor dunha numerosa obra tanto en galego como en castelán, cultivou diferentes xéneros como a poesía, a novela e o ensaio, no que destacou pola difusión das súas teorías políticas galeguistas.

Con todo, a súa forma preferida de expresión foi o teatro, no que salientan as súas obras O xardín do castelo de Vidre (1926), Ladaíña (1927), A morte de lord Staüler (1929) ou O outro (1930). Morreu en Barcelona en 1950.

Fonte: Gran Enciclopedia Galega

RAMÓN OTERO PEDRAYO

Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) é unha das figuras máis sobranceiras da historia da cultura galega. Membro destacado da Xeración Nós, a súa traxectoria vital e intelectual vai dende as cortes republicanas, nas que foi deputado galeguista, ata a presidencia da Editorial Galaxia, cargo que desempeñou ata a súa morte. Foi tamén presidente do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela. Otero Pedrayo foi un escritor que cultivou todos os xéneros literarios, da poesía ao teatro, pasando pola novela, o relato, o xornalismo e, por suposto, o ensaio. Da súa obra literaria cómpre salientar as novelas Os camiños da vida (1928), Arredor de si (1930) e O señorito da Reboraina (1960), os ensaios sobre a paisaxe e a cultura de Galicia, o poemario Bocarribeira (1958) e a súa achega ao eido teatral.
Fonte: Editorial Galaxia

VICENTE RISCO

Vicente Risco (Ourense, 1884-1963) foi unha das personalidades intelectuais máis complexas e relevantes da Xeración Nós. Autor dunha extraordinaria obra literaria, ensaística e investigadora, destacan nela títulos como Teoría do nacionalismo galego (1920), os relatos baseados en lendas populares O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925), a novela O porco de pé (1928), o libro de viaxes Mitteleuropa (1934), a peza de teatro O bufón d’El Rei (1928) e a súa novela en castelán La puerta de paja (1952).

Fonte: Editorial Galaxia

ROSALÍA DE CASTRO

A vida de Rosalía é unha historia realmente apaixonante, chea de interese histórico, cultural e intelectual. O seu relato é entender desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe... á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou conformando a Galicia dos nosos días. Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.

En prosa e en verso, en galego e castelán, a obra de Rosalía de Castro ocupa un lugar moi relevante nas letras europeas do século XIX. Os seus manifestos feministas ("Lieders" e "Las literatas"), o seu avanzado pensamento político e social (Follas novas, El caballero de las botas azules) ou a súa decidida posición crítica como intelectual convértena nunha figura literaria que concita sempre un renovado e múltiple interese. Caracterizada por unha persoal retórica e unha orixinal estratexia en que se modernizan os pactos co lector, tanto os do romanticismo coma os do realismo, a escritora afondou como poucos nalgún dos conflitos dialécticos da súa época e nas profundidades abisais da subxectividade do eu.

Por outro lado, Rosalía de Castro contribuíu como ningún outro autor ou autora do seu tempo na xénese e afirmación do sistema literario galego contemporáneo. A publicación de Cantares gallegos en 1863 supuxo un remuíño decisivo na súa obra, pero tamén un golpe estratéxico de enorme transcendencia para o futuro das letras galegas. Era o primeiro libro escrito integramente en galego e contiña as claves da alegoría nacional da Galicia contemporánea, logo redimensionadas en Follas novas, obra coa que acabou por selar o vigor e a fortaleza do incipiente sistema. E Galicia como preocupación social e política, sempre sobre o fondo da súa Terra de Iria, continúa sendo o suxeito do seu discurso no que debería considerarse libro cimeiro da poesía en castelán do XIX: En las orillas del Sar.

Fonte: Fundación Rosalía de Castro

Lugar

Ribadavia

Venres, 31 de maio de 2024 ás 18:00 horas
AUDITORIO RUBÉN GARCÍA