queremos convidarte
O certame musical No bico un cantar é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, que se celebra no abrente do verán desde o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia. O desexo de poñer música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia está na orixe deste evento, que é algo máis que un concerto. Trátase dunha xornada de convivencia de nenas e nenos de toda Galicia que, desde o ensaio da mañá ata o concerto da tarde, gozan do lugar de acollida e dunha paixón compartida: a música.
No bico un cantar chega en 2025 á súa novena edición presencial e será a vila de Rianxo a que nos acolla. Os concertos anteriores tiveron lugar en Santiago de Compostela, Celanova, Cambados, Cangas, Mondoñedo, Betanzos, Tui e Ribadavia e neles foron cantados Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, os trobadores medievais, os autores mindonienses, os alalás, os autores da Raia e a Xeración Nós.
Este ano 2025 celebramos a Afonso Daniel Rodríguez Castelao con motivo do 75.º aniversario do seu pasamento en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950. E facémolo en Rianxo, a vila onde naceu en 1886, non lonxe da casa familiar que o converteu en veciño doutros autores ilustres como Rafael Dieste e Manuel Antonio. Baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento do Quinteto de metais Hércules Brass, os versos dos máis insignes autores e autoras galegos cobran vida nas voces de cincocentas nenas e nenos procedentes de conservatorios profesionais de música dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional das sete cidades galegas e do alumnado dos centros de ensino musical da contorna do lugar de celebración. Este ano contamos, ademais, coa colaboración especial do alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires. Desde ambas as dúas beiras do Atlántico as voces infantís construirán unha ponte que unirá a vila natal de Castelao coa cidade porteña na que o intelectual viviu os derradeiros anos e morreu exiliado en 1950.
É Rianxo terra de literatura, de música, de mar e de emigración. Todos estes elementos estarán presentes nun repertorio que inclúe a gabanza á vila mariñeira lembrada con saudade desde América, o canto elexíaco a Afonso Daniel Rodríguez Castelao, o lamento pola fermosa Lela de Os vellos non deben namorarse e a alegría da primavera arrastrada polo maio longo de Rosalía de Castro.
Afonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950) foi un intelectual, artista plástico, escritor e dirixente político que se converteu nun referente indiscutido do galeguismo e do nacionalismo, un clásico das letras galegas e unha das figuras máis representativas de Galicia.
Títulos como Sempre en Galiza, Un ollo de vidro, Retrincos, As cruces de pedra na Bretaña, Os vellos non deben de namorarse ou Cousas da vida constitúen obras capitais do humorismo, do pensamento, do teatro e do relato curto da cultura galega contemporánea. Así mesmo, foi un político activo durante a II República e promotor do Estatuto de autonomía, polo que, tras a Guerra Civil, tivo que exiliarse en América, onde morreu en 1950. A obra de Castelao, que mestura a tradición popular galega coa vangarda e o local co universal, fica decote atravesada pola mirada dos nenos e nenas, a quen deu especial protagonismo tanto nas súas achegas literarias como gráficas. Estas recollen a inocencia e a tenrura infantís, pero tamén a tristura ante as inxustizas. Castelao escribe e debuxa nenos e nenas que preguntan en alto o que todos nos interrogamos algunha vez.
A súa ollada pura e desprexuizada acaba sendo a máis honesta, a que con maior claridade olla o mundo e nos permite achegarnos a el sen filtros nin condescendencias.
Xaora, dos beizos da rapazada sae a máis fermosa filosofía en títulos como Cousas da vida, Cousas ou Os dous de sempre, a única novela asinada por Castelao e que dá comezo con este prólogo:
Aos mozos galegos
Eu quero dedicarvos esta miña primeira novela. Fíxena para derrama-lo tempo que me sobraba, máis que para senti-lo gozo de crear unha peza de arte. Prestoume horas de vida feliz e xa me daría por satisfeito co que me divertín ó escrebila; pero foi maxinada con tanta ledicia e composta con tanto amor que algo terá de bo. Estou seguro de que non é unha gran obra; pero é tan humán e tan miña que non podería ofrecervos nada mellor. Tampouco nós lle poderiamos ofrecer nada mellor a Castelao, nin máis humano nin máis noso, que o canto de cincocentos nenos e nenas neste Rianxo natal que el tanto amou e polo que tanta saudade sentiu desde o desterro.
Abofé que foi maxinado con tanta ledicia e composto con tanto amor que algo terá de bo. Desexamos que gocen del.
LUGAR: PRAZA DE RAFAEL DIESTE (RIANXO)
(En caso de chuvia trasladarase ao pavillón municipal, José M. Abuin "Chema")
HORA: 18:00
DIA: 6/06/2025
Programa
Galliard Battaglia
S. Scheidt
Bicos do mar
Xesús Frieiro Dourado
Anxo Romero Lojo
Lela
Afonso Daniel Rodríguez Castelao
Rosendo Mato Hermida
Ondiñas da nosa ría. A rianxeira
Xesús Frieiro Dourado
Anxo Romero Lojo
Fanfarria Rhaptosodya n.º 1
P. Dukas - J. Viceiro
Daniel*
Emilio Pita
José Luís do Pico Orjais
*Estrea absoluta
Maio longo
Rosalía de Castro
José Baldomir
PROTAGONISTAS

As nenas e nenos do coro
As nenas e nenos que participan na actividade pertencen aos seguintes centros: CMUS Profesional da Coruña, CMUS Profesional
Xan Viaño de Ferrol, CMUS Profesional Xoán Montes de Lugo,
CMUS Profesional de Ourense, CMUS Profesional Manuel Quiroga
de Pontevedra, CMUS Profesional de Santiago de Compostela,
CMUS Profesional de Vigo, CMUS Profesional Felipe Paz Carbajal de
Noia, CMUS Profesional de Ribeira Enrique Paisal, ESMU Municipal
de Porto do Son, ESMU Municipal de Carnota, ESMU Municipal de
Santiago de Compostela, EMUSPR de Rianxo, Consorcio para a
Promoción da Música (Coro Infantil OSG), Coro da Escolanía da
Catedral de Santiago de Compostela e Instituto Arxentino Galego
Santiago Apóstol de Bos Aires.

Grupo de metais
Hércules Brass
Hércules Brass naceu na Coruña no ano 2012 e está formado por cinco
profesionais de vento metal cunha longa traxectoria tocando xuntos,
principalmente na Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia e na Joven Orquesta
Nacional de España (JONDE).
Nos seus comezos, Hércules Brass foi finalista no 8th International Jan
Koetsier Competition for Brass Quintet e semifinalista no 8ème Concours
International de Musique de Chambre de Lyon. Ademais, obtivo o primeiro
premio no IV Concurs de Quintets de Vent-Metall «Valeriano Machi
i Esparza» e no eMuse Online Music Competition de 2014. Tivo a oportunidade
de estrear obras de compositores como Juan Durán, Xoán Antón
Vázquez Casas, Fernando Arias ou David Rivas, e o seu repertorio abrangue
diversos estilos, desde a música medieval ata o swing.
Na súa traxectoria actuou en Portugal, Suíza, Costa Rica, Asturias, Castela
e León, Estremadura, Valencia, Cataluña, Madrid ou País Vasco, así como
en multitude de localidades galegas. Destaca a súa participación en festivais
como o do 30.º aniversario da JONDE, o Festival Spanish Brass Alzira,
o Festival Ticino Musica, o Curso Internacional Semana Musical de
Salceda de Caselas, o Festival Groba, o Festival Son As Pontes e o Festival
Bal y Gay. Tamén participou pondo a súa música en multitude de eventos
organizados por diversas institucións, entre os que resaltan o proxecto
No bico un cantar, do Consello da Cultura Galega, os seus concertos pedagóxicos
co espectáculo Os SuperHércules e a súa participación como
protagonista dunha das emisións do programa Música joven, en Radio
Clásica da RTVE. Como solistas tocaron coa Orquestra Xove da Sinfónica
de Galicia, a Banda Municipal de Santiago, a Banda Unión Musical de Meaño,
a Banda Municipal da Coruña e a Orquestra Sinfónica de Galicia, coa
que estrearon o espectáculo Historia do Quinteto Triste e a Bruxa Anónima.
Como quinteto impartiron cursos en Costa Rica, Valencia e Asturias,
así como en diversos concellos galegos.
Desde agosto de 2014 organizan o Festival Hércules Brass Celanova, ao que
convidan a grandes artistas do panorama internacional para compartir, cos
máis novos e co público en xeral, xornadas con clases maxistrais e concertos
dun alto valor artístico. No ano 2018 publicaron o CD Le quintet dans la
poche e o 31 de decembro de 2020 participaron no acto de apertura da Porta
Santa que deu inicio ao Xacobeo 2021-2022 na catedral de Santiago. Acompañan
musicalmente o encontro No bico un cantar desde os seus inicios.
O Quinteto de metais Hércules Brass acompáñanos desde a primeira
edición. Os intérpretes nesta ocasión son Alejandro Vázquez
(trompeta), Víctor Manuel Vilariño (trompeta), Pedro Pintos (trompa),
Iago Ríos (trombón), J. Miguel Franqueiro (tuba) e Pablo Fernández
Guzmán (trompa).

DIRECTOR
Maximino Zumalave
Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago,
Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo
González, John Eliot Gardiner e Helmuth Rilling. Foi fundador e
director asociado da Real Filharmonía de Galicia, e fundador e director do
Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum. Tamén
foi director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e
principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995).
Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto,
M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens,
V. Gheorghiu, W. Holzmair, as irmás Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha,
A. León Ara, C. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Johnson, G. Sandor,
J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi
especial foi a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países
de Europa.
Dirixiu importantes formacións estranxeiras e españolas, como a Orquestra
de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de
Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica
de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven),
Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium,
Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona,
Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras. Foi
invitado a participar en xurados e a presidir importantes certames e premios
internacionais.
Maximino Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo,
García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny ou Villa Rojo, e coidou especialmente
as primeiras audicións de novos compositores galegos como
Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño.
En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia
Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario. No período 2010-2018
foi membro do Plenario e coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas
do Consello da Cultura Galega, e entre 2014 e 2018 formou parte
da Comisión Executiva desta institución. En xuño de 2008 o Consello da
Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e no ano 2016 foi recoñecido
co Premio da Cultura Galega na modalidade de Música. Dirixe a
iniciativa No bico un cantar desde os seus inicios.
OS COMPOSITORES

Anxo Romero Lojo
Emigrou con 23 anos á Arxentina, onde estaban os seus pais, no barco
Sierra Ventana en xaneiro de 1929. Aprendera música na academia do «Bicho» e pertencera á rondalla de José R. Nine, na que tocaba a bandurra.Tamén estivera na Banda de Rianxo, onde tocaba o baixo, de aí que os
compañeiros o coñecesen polo alcume de O Baixo. Fora un dos fundadores,
en 1923, da Sociedad Cultura, xunto con Arcos Moldes.
Na Arxentina, xa casado con Concha Frieiro, dedicouse ao comercio, ao
tempo que reorganizou e dirixiu o coro da Sociedad Parroquias Unidas del
Ayuntamiento de Rianjo —en 1949, Sociedad Ayuntamiento de Rianjo y Taragoña
(Unificadas)—, denominado Coro Castelao. Neste período coñeceu
o curmán da súa muller e integrante do referido coro, Xesús Frieiro Dourado
Pinciñas. Do Coro Castelao saíron diferentes composicións alusivas a
Rianxo, como Pola carballeira, Himno a Rianxo (de Arcos Moldes e que difundiron,
a comezos de 1949, polas radioemisoras arxentinas) e Ondiñas da
nosa ría. Rianxeira, con música de Anxo Romero e letra de Pinciñas, na que
cantan á rapaza rianxeira, tan presente no cancioneiro popular de Rianxo.
Esta canción, como ben se sabe, dedicáronlla a Castelao cando regresou
dunha viaxe a París, tras ser nomeado ministro da República Española no
exilio. Dela nacería, despois de ser divulgada en Rianxo e nunha emisora
de radio de Santiago de Compostela, a composición de Bernardo del Río,
A rianxeira. Anxo Romero Lojo faleceu na Arxentina o 9 de xullo de 1967.
Fonte: Comoxo, Xosé / Xesús Santos (2022): Rianxo, terra de músicos.

Rosendo Mato Hermida
Rosendo Mato Hermida (Vilalba, 1914 - Santiago de Compostela, 1994) foi
un músico ligado fundamentalmente ás bandas. Empezou na da súa vila natal, Vilalba, e estivo nela desde 1926 ata 1929. Unha vez trasladado coa súa familia a Santiago de Compostela, ingresou como educando na Banda Municipal de Compostela en 1929, na que comezou a tocar o saxofón tenor aos 15 anos de idade. Reclamárono para incorporarse á fronte durante a Guerra Civil (co relevo de 1935) e caeu ferido. Reincorporouse ao seu posto tras o remate da guerra, mais abandonouno definitivamente por enfermidade
en 1945, pois as secuelas das feridas impedíronlle o exercicio na súa praza de instrumentista. Nese mesmo ano tomou a dirección da Banda de
Arca - O Pino, na que permaneceu desde 1945 ata 1966. Durante este período
simultaneou esa dirección coa do coro Cantigas e Agarimos. En 1961
dirixiu esta agrupación Rodolfo López-Veiga Ponte, un home vinculado á escena ao longo de toda a súa vida e que se empeñou con moito entusiasmo
na montaxe da obra Os vellos non deben de namorarse, de Castelao.
Rodolfo López-Veiga encomendoulle a Rosendo Mato Hermida, director
artístico da agrupación naquel momento, a tarefa de crear o soporte musical.
Rodolfo López-Veiga conseguiu estrear a obra na praza da Quintana
de Santiago de Compostela, ás 11 da noite do 25 de xullo de 1961. Foi a
súa primeira representación en Europa e coa que obtivo grandes éxitos.
A composición de Rosendo Mato Hermida, creada para o «Coro de boticarios
» e que exalta e lamenta o intenso sentimento que unha moza
ingrata chamada Lela provoca no vello don Saturio, acabouse convertendo
co paso dos anos en todo un referente musical da historia da música
galega. Rosendo Mato Hermida regresou con continuidade á dirección
artística de Cantigas e Agarimos en 1970, participou en moitos certames
e conseguiu importantes galardóns para a agrupación. Abandonouna definitivamente
en 1982 e acabou sendo nomeado Director Honorario en recoñecemento á súa dedicación. En 1974 retomou a dirección da Banda de Arca - O Pino, na que permaneceu ata o ano 1990. Tamén dirixiu neses
últimos anos o Coro de Xubilados de Santiago da Obra Social da Caixa de
Aforros de Galicia.
Fonte: Mato Gómez, María Dolores (2007): «“Lela”: a sombra dun amor ingrato. En desagravio de Rosendo Mato Hermida», A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural, 10, 289-314.

José Luis do Pico Orjais
José Luís do Pico Orjais (O Grove) é mestre de música (director do CEP
X. M.ª Brea Segade de Taragoña), músico popular e divulgador cultural.
Tamén é autor do blog: ilhadeorjais.blogspot.com
Da súa autoría son os seguintes libros: Cantos e bailes da Galiza de José
Inzenga (estudo e edición crítica, 2005); Ayes de mi país: o cancioneiro
de Marcial Valladares (en parzaría con Isabel Rei Sanmartim, 2010, Dos
Acordes); Cantos lusófonos. Cancioneiro popular (escolla e adaptación,
2011, Academia Galega da Língua Portuguesa); A música de seis poemas
universais de Ernesto Guerra da Cal (en parzaría con Isabel Rei Sanmartim
e Joám Trillo, 2012); Obras musicais de Frederico de Freitas. Dez Canções
Galegas para voz e piano (edición de Helena Marinho e José Luís do Pico
Orjais, 2016, Lisboa, AVA Musical Editions); O legado sonoro de Jacinta Landa
Vaz. Galiza, Portugal e Extremadura (en parzaría con Domingos Morais
e Pilar Barrios Manzano, 2017, aCentral Folque); Cancioneiro escolar
urxente de Rianxo. Volume 1 (2020, CEP Xosé María Brea Segade); Cancioneiro
escolar urxente de Rianxo. Volume 2 (2021, CEP Xosé María Brea
Segade); A música represaliada (2023, Deputación da Coruña).
Na súa discografía destacan: Leixaprén (grupo musical): Na festa do boi (Elígeme
Discos, 1990) e Gáitropos (Sonifolk, 1992); María e Miguel (grupo musical):
O barco na alba (Sons Galiza, 1990) e Para Miguel (Do Fol Edicións,
1999); Barahúnda (grupo musical): Múdanse os ventos (2017) e Onde vai o
mar (2018); Alba María (grupo musical): Aínda (aCentral Folque, 2014, colaboración);
Rosa Leiro e Juan Carlos Cambas: Camiño aberto. Canto libre de
Galicia e Latinoamérica (Argengalicia, 2023, compositor de dous temas);
O meu primeiro Celso Emilio e A miña primeira Rosalía (2012 e 2013 respectivamente,
Edicións Xerais, músico de estudio e directo), e Poetas. Ilhadeorjais
(2020, disco en solitario).
Alén das publicacións citadas, é autor de numerosos artigos na prensa
especializada, así como de músicas para diferentes espectáculos teatrais
(Os Quinquilláns, Larraitz Producións...) e audiovisuais.

José Baldomir Rodríguez
Nado na Coruña en 1867, este músico e compositor foi discípulo do mestre Marcial Torres del Adalid e coñecido principalmente polas súas producións para canto e piano sobre textos de poetas galegos. Exerceu como director dos orfeóns O Eco e O Brigantino; da orquestra Sociedad Bretón de los Herreros e dos coros e orquestra das Hijas de María. Durante máis de trinta anos impartiu a clase especial de conxunto e masas corais da Escola de Belas Artes da Coruña. En 1906, iniciou unha longa xira por numerosas cidades de España, Portugal e Francia, o que contribuíu á difusión dos máis insignes poetas galegos. Foi nomeado académico de número da Academia Provincial de Belas Artes (1905), académico correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1922) e numerario da Real Academia Galega (1941), onde ocupou a vacante do crítico de arte e notable folclorista lugués Indalecio Varela Lenzano. Entre as súas composicións salienta a ópera A Virxe do Cristal, sobre o texto -adaptado por Cabanillas- da lenda de Curros Enríquez; a zarzuela Santos e meigas, con libreto de Linares Rivas, que alcanzou no teatro madrileño da Zarzuela 137 representacións consecutivas; e máis de 40 melodías, que adoitan interpretarse tanto na versión de voz e piano coma na coral, sobre poemas de autores senlleiros como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez.
Fonte: Gran Enciclopedia Galega
O Consello da Cultura Galega publicou a súa obra galega completa baixo o título Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez, en edición de Margarita Viso Soto.

Juan Durán
Está considerado pola crítica e polo público como o máis importante
compositor galego da súa xeración e o de maior proxección internacional.
No seu catálogo a ópera e a música sinfónica e sinfónico-coral conviven
cunha importantísima produción de música de cámara e lied, ademais
de con infinidade de arranxos e orquestracións de música popular galega.
Escribiu obras encargadas polas dúas grandes orquestras galegas, a Real
Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia, así como polo
Consello da Cultura Galega, a Fundación BBVA ou a Orquesta de la Comunidad
de Madrid, coa que estreou as súas obras Cervantina ou a cantata Crisol.
É autor de O arame (2008), a primeira ópera galega en máis de oitenta
anos e que se chegou a estrear no Reino Unido. A obra sinfónica e sinfónico-
coral de Durán inclúe, entre outras, Pórtico da Illa de Monteagudo, o
ballet Hildegart ou a cantata Terra.
As súas obras soan con frecuencia por todo o mundo, desde Europa e
os Estados Unidos ata diversos países de América do Sur (A Arxentina,
O Brasil, Chile, México), pasando por Hong Kong e Tailandia, e baixo a
dirección de grandes batutas do noso tempo, como as de Osmo Vanska,
Juanjo Mena, Paul Daniel, Miguel Ángel Gómez-Martínez, Víctor Pablo
Pérez e Antoni Ros-Marbà, entre outros moitos.
Nomes como os de Elina Garança, Cristina Gallardo-Domâs ou Isabel Rey
ou mesmo o Orfeón Donostiarra cantaron moitas das súas creacións vocais,
mentres que a súa música de cámara, sinfónica e vocal foi levada ao
mundo do disco en selos discográficos como Brilliant Classics ou Deutsche
Grammophon.
Entre outros premios, Juan Durán conta co Premio da Crítica (2009), o Premio
da Cultura Galega (2013) e o Premio Reina Sofía de Composición (2018).
Juan Durán foi profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña
entre 1987 e 1997, inspector de Educación —na especialidade de Ensinanzas
Artísticas— e membro do Consello da Cultura Galega. Na actualidade
é académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes e académico
correspondente da M. I. Academia de la Música Valenciana.
OS ESCRITORES

XESÚS FRIEIRO DOURADO
A música, Rianxo e a emigración á Arxentina tiveron un grande arraigamento na familia de Xesús Frieiro, alcumado Pinciñas, quen foi bautizado
na parroquia de Nuestra Señora de Balvanera o 19 de xaneiro de 1916.
De regreso a Rianxo, con catorce anos, perdeu un ollo por unha pedrada,
pouco antes de que a súa familia decidise emigrar de novo, nesta ocasión a
Cuba. Con 29 anos, Pinciñas volveu no barco Río Jachal á Arxentina, onde
se asentou definitivamente. Unha vez finalizado o servizo militar obrigatorio,
frecuentou o Centro Rianxo e formou parte do Coro Castelao, onde
coñeceu a Anxo Romero Lojo, que estaba casado coa súa prima Concha e
exercía de director do referido coro. Os dous foron coautores da canción
Ondiñas da nosa ría. Rianxeira, de cuxa letra se encargou el. Casou con María
Celsa Vila e traballou de enfermeiro-radiólogo no Hospital do Centro Galego
de Bos Aires, onde contraeu unha enfermidade que o levou á tumba.
Fonte: Comoxo, Xosé / Xesús Santos (2022): Rianxo, terra de músicos.

EMILIO PITA
En enigmático e continuo trasacordo, Emilio Pita aseguraba que nacera
o 10 de outubro de 1907, 1909 ou 1910. Emigrou á Arxentina coa familia e
desde a súa chegada —e ata a xubilación, cincuenta anos despois— Pita
traballou na Genaro García Ltda., unha casa comercial riopratense dedicada
á exportación de cereal. A partir de 1929 escribiu en medios da colectividade
galega de Bos Aires e a súa prosa centrouse na política galeguista
—nunca na arxentina ou uruguaia—, no uso e defensa do idioma galego
e mais en diversos ensaios musicais ou poéticos con predilección por
Rosalía, Pondal, Cabanillas, Tolstoi ou Maiakovski. Resaltou tamén como
poeta e a relevancia da música na obra do autor é innegable. En 1962, Pita
afirmou: «As miñas aficiós, logo da poesía, están adicadas á nosa música;
principalmente á medieval e ás panxoliñas de Nadal, que din a coñecer
en audicións comentadas por pequenos coros de cámara e nenos». Entre
esas agrupacións vocais destacan o coro Lembranzas d’Ultreya (1932)
—desde 1936 Agrupación Artística e Cultural Ultreya— e o cuarteto Ultreya
(1938). Nese labor, entre outros, contou co músico e poeta tudense
Manuel Prieto Marcos, que emigrara a Bos Aires en 1927.
Como intérprete, destaca a gravación ao piano da Muiñeira de Chantada,
usada como sintonía do lonxevo programa radiofónico Sempre en Galiza
—en antena desde 1950 ata 2006 en Radio Carve e desde 2006 en Radio
Oriental—, unha das iniciativas galeguistas no Uruguai nas que Pita se
implicou.
Non sabemos de composicións musicais da súa autoría, pero si hai certeza
de música patrimonial galega transcrita e/ou arranxada por el. Un
caso importante ao respecto —desvelado en 2016 por Do Pico Orjais—
é a adaptación musical das cancións de Os vellos non deben de namorarse
na súa estrea (1941), entre elas a Cántiga dos boticarios, máis coñecida
por Lela (serenata compostelá). Repárese en que non se trata da canción
homónima —e hoxe máis popular— de Rosendo Mato Hermida, tamén
vinculada á relevante obra teatral de Castelao.
Emilio Pita faleceu en Bos Aires o día 7 de decembro de 1981 e foi soterrado
no panteón do Centro Galego na Chacarita.
Fonte: Groba González, Xavier: Emilio Pita. Publicado o 28/2/2024 no Álbum de Galicia (Consello
da Cultura Galega): https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=
3114. Recuperado o 26/02/2025.

ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO
Afonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950), intelectual,
artista plástico, escritor e dirixente político, é un referente indiscutido
do galeguismo e do nacionalismo, un clásico das letras galegas e unha
das figuras máis representativas da Galicia contemporánea. No seu intenso
percorrido vital poden distinguirse tres etapas: inicial (1886-1916), artística
(1917-1930) e política (1931-1950). Na primeira etapa define a súa vocación,
estuda Medicina pero refuga exercer como doutor para se dedicar ao cultivo
das artes plásticas. Na segunda etapa comprométese co galeguismo e o
nacionalismo galego na súa condición de intelectual e artista. Na terceira e última etapa, sen abandonar o seu labor creativo, entrégase ao compromiso
político, que o leva ás Cortes Constituíntes da II República (1931-1933);á dirección do Partido Galeguista (1932-1936); a formar parte das listaxes da
Frente Popular, nas que foi novamente elixido deputado (1936); á defensa da
República e do Estatuto durante a Guerra Civil, e, xa no exilio, á Presidencia
do Consello de Galiza, fundado por el mesmo en Bos Aires (1944), e a ocupar
unha carteira ministerial no Goberno republicano en París (1946-1947).
É autor dunha extensa obra que inclúe narrativa, teatro, ensaio, debuxo e
colaboracións periodísticas na prensa da época.
Como narrador ofreceunos Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922),
Cousas (1926, 1929), Os dous de sempre (1934) e Retrincos (1934). No teatro
destaca a súa obra Os vellos non deben de namorarse (1941) e no debuxo, os
álbums Álbum Nós (1931), Cincoenta homes por dez reás (1925), Cousas da
vida (1925), Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937), Milicianos (1938),
Debuxos de negros (1939) e Cegos: os meus compañeiros (1941). Ademais,
escribiu os ensaios Diario 1921 (1977), As cruces de pedra na Bretaña (1930),
Sempre en Galiza (1944) e As cruces de pedra na Galiza (1950).
Finou en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950 e os seus restos repousan no
Panteón de Galegos Ilustres de Santiago de Compostela.
Fonte: Monteagudo, Henrique: Castelao. Publicado o 12/2/2025 no Álbum de Galicia (Consello
da Cultura Galega): https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=
3400. Recuperado o 02/04/2025.

ROSALÍA DE CASTRO
A vida de Rosalía é unha historia realmente apaixonante, chea de interese histórico, cultural e intelectual. O seu relato é entender desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe... á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou conformando a Galicia dos nosos días. Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.
En prosa e en verso, en galego e castelán, a obra de Rosalía de Castro ocupa un lugar moi relevante nas letras europeas do século XIX. Os seus manifestos feministas ("Lieders" e "Las literatas"), o seu avanzado pensamento político e social (Follas novas, El caballero de las botas azules) ou a súa decidida posición crítica como intelectual convértena nunha figura literaria que concita sempre un renovado e múltiple interese. Caracterizada por unha persoal retórica e unha orixinal estratexia en que se modernizan os pactos co lector, tanto os do romanticismo coma os do realismo, a escritora afondou como poucos nalgún dos conflitos dialécticos da súa época e nas profundidades abisais da subxectividade do eu.
Por outro lado, Rosalía de Castro contribuíu como ningún outro autor ou autora do seu tempo na xénese e afirmación do sistema literario galego contemporáneo. A publicación de Cantares gallegos en 1863 supuxo un remuíño decisivo na súa obra, pero tamén un golpe estratéxico de enorme transcendencia para o futuro das letras galegas. Era o primeiro libro escrito integramente en galego e contiña as claves da alegoría nacional da Galicia contemporánea, logo redimensionadas en Follas novas, obra coa que acabou por selar o vigor e a fortaleza do incipiente sistema. E Galicia como preocupación social e política, sempre sobre o fondo da súa Terra de Iria, continúa sendo o suxeito do seu discurso no que debería considerarse libro cimeiro da poesía en castelán do XIX: En las orillas del Sar.
Fonte: Fundación Rosalía de Castro