queremos convidarte

a esta actividade que ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia. En edicións anteriores de No bico un cantar dedicadas a Rosalia de Castro (2013) e a Curros Enríquez (2014), e neste 2015 a Ramón Cabanillas, No bico un cantar conectará os estudantes co mellor da nosa música e o senlleiro escritor cambadés.

PROTAGONISTAS

As nenas e nenos do coro

As nenas e nenos que participan na actividade pertencen aos CMUS Profesionais da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo

Quinteto de metais

Hércules Brass

Hércules Brass somos 5 músicos, utilizamos 4 instrumentos diferentes (trompeta, trompa, trombón e tuba), procedemos de 3 provincias distintas, pensámolo todo 2 veces e temos 1 denominador común, adoramos a música! Dende ben pequeniños vivimos rodeados de músicos, a nosa primeira meta foi debutar coa banda de música da nosa localidade e dende aquela temos claro que queriamos dedicarnos á música.

Despois de anos de formación en Galicia e no estranxeiro, na Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, a Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela e a Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), formamos o noso proxecto, Hércules Brass Quinteto de metais. Unha aposta pola boa música, alta calidade a través dun traballo refinado.

Grazas a esta dedicación actuamos en Galicia, Zamora, País Vasco, IX Curso Internacional Semana Musical de Salceda de Caselas, Festival Spanish Brass Alzira 2013, Festival Ticino Musica 2013 (Suíza). E cabe destacar a actuación como solistas coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia así como unha gravación en Radio Clásica no programa Música Joven.

Alejandro Vázquez, trompeta; Víctor Manuel Vilariño, trompeta; Javier González, trompa; Esteban Méndez, trombón; Rodrigo Rodríguez, tuba

DIRECTOR

Maximino Zumalave

Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmáns Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras.

Foi invitado a participar en xurados e presidir importantes certames e premios internacionais.

En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Dende 2010, é membro do Plenario e coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega, e dende o ano 2014 é membro da Comisión Executiva. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao.

As OBRAS

Pregaria

Xosé Baldomir

(Versión para coro de nenos e sexteto de metais). Texto de Ramón Cabanillas, música de José Baldomir. Dedicada a José Mosquera Manso "O Vello dos Contos".Arranxo de Juan Durán (2015) para o Consello da Cultura Galega

FALA UNA LAVERCA

Margarita Viso

Texto de Ramón Cabanillas, música de Margarita Viso (2014) para o Consello da Cultura Galega

Era un piniño novo

Eduardo Rodríguez Losada

(Versión para coro de nenos e sexteto de metais). Texto de Ramón Cabanillas, música de Eduardo Rodríguez Losada. Arranxo de Juan Durán (2015) para o Consello da Cultura Galega

Aureana do Sil

Federico Mompou

(Versión para coro de nenos e sexteto de metais). Texto de Ramón Cabanillas, música de Federico Mompou. Arranxo de Juan Durán (2015) para o Consello da Cultura Galega

Maio longo

Xosé Baldomir

(Versión para coro de nenos e sexteto de metais). Texto de Rosalía de Castro, música de José Baldomir. Arranxo de Juan Durán (2013) para o Consello da Cultura Galega

OS COMPOSITORES

Xosé Baldomir

Nado na Coruña en 1867, este músico e compositor foi discípulo do mestre Marcial Torres del Adalid e coñecido principalmente polas súas producións para canto e piano sobre textos de poetas galegos. Exerceu como director dos orfeóns O Eco e O Brigantino, da orquestra Sociedad Bretón de los Herreros, dos coros e orquestra das Hijas de María e durante máis de trinta anos desempeñou a clase especial de conxunto e masas corais da Escola de Belas Artes da Coruña. En 1906, iniciou unha longa xira por numerosas cidades de España, Portugal e Francia, o que contribuíu á difusión dos máis insignes poetas galegos. Foi nomeado académico de número da Academia Provincial de Belas Artes (1905), académico correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando (1922) e numerario da Real Academia Galega en 1941, onde ocupou a vacante do crítico de arte e notable folclorista lugués Indalecio Varela Lenzano. Entre as súas composicións salienta a ópera A Virxe do Cristal, sobre o texto -adaptado por Cabanillas- da lenda de Curros Enríquez; a zarzuela Santos e meigas, con libreto de Linares Rivas, que alcanzou no teatro madrileño da Zarzuela 137 representacións consecutivas; e máis de 40 melodías que adoitan interpretarse tanto na versión de voz e piano coma na coral sobre poemas de autores senlleiros como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez.

Fonte: Gran Enciclopedia Galega

Margarita Viso

Realiza estudos no Conservatorio da Coruña: de piano con Jeannette Romero, de canto con María Luisa Nache e de harmonía e contrapunto con Roxelio Groba. Posteriormente amplíaos por libre con Carlos López García-Picos (composición), Edith Picht-Axenfeld e Noemí Novara (piano).

A súa actividade musical abrangue diversos campos: musicoloxía, interpretación, composición, docencia e edición.

Leva a cabo diversos traballos de investigación sobre os compositores galegos do pasado. As súas publicacións máis importantes neste eido son as Mélodies pour chant et piano. Cantares Viejos y Nuevos de Galicia de Marcial del Adalid, e a ópera Inés e Bianca do mesmo autor, en colaboración con Juan Durán.

Desenvolve a súa actividade interpretativa como pianista sempre ao servizo da música galega.

É autora de diversas composicións principalmente dedicadas á voz e piano (Ausencias, Os soños na gaiola, Five English Art Songs) e á música de cámara (Troubled, Little suite, Nilal, Cúmulo, Elexía, Scherzo e Muiñeira). É profesora por oposición de Solfexo e Teoría da Música dende o ano 1986 e pianista acompañante dende o ano 1998. Exerce o seu labor docente no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Crea en 1997 a editorial VISO, dedicada á música de compositores galegos ou relacionados con Galicia (Adalid, Torres, Smith, Berea, Piñeiro, Pereiro, Durán, Almeida, Chané, Paredes, Viso), que leva publicados máis de 50 títulos.

Na actualidade é presidenta da Asociación Galega de Compositores.

Fonte: Vento que zoa (www.consellodacultura.gal)

Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón

Naceu na Coruña o 2 de marzo de 1886 e faleceu nesa mesma cidade o 2 de novembro de 1973. Aínda que a súa maior afección foi a de músico e compositor, na primeira etapa da súa vida dedicouse ao seu traballo como arquitecto, título que obtivo na Escola Superior de Arquitectura de Madrid en 1911. A partir de 1940 diminuíu a súa actividade arquitectónica para centrarse na musical. De formación autodidacta, a súa creación posúe unha grande influencia de Wagner, pero a existencia de música de cámara, de catro sinfonías, dun concerto e de dúas sonatas demostra a súa elevada formación e o coñecemento dos grandes mestres, entre eles Beethoven. A súa produción comprende numerosos títulos en diferente eidos. No referente á música escénica é autor das óperas ¡Ultreya!, El monte de las Ánimas e O mariscal, ademais das pezas de ballet El diablo mundo e La Santa Compaña. Realizou tamén diversas pezas de música orquestral, ás que hai que sumar varias obras de música de cámara, creacións para piano e obras para canto e piano nas que musicou poemas de autores galegos como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal ou Ramón Cabanillas. Precisamente, a súa ópera O mariscal, drama sobre a vida de Pardo de Cela, con texto de Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte, é unha das súas obras máis coñecidas.

Fonte: Gran Enciclopedia Galega

Federico Mompou

Recoñecido compositor catalán, nace en Barcelona en 1893 e morre tamén en Barcelona en 1987. En plena formación pianística co mestre Pere Serra, descobre a música do seu tempo na Sala Mozart de Barcelona ao escoitar un recital de Gabriel Fauré que esperta a súa vea compositora. Pasan dous anos  ata que atopa o seu acorde propio: un  acorde metálico que lembra o familiar toque de campás da Fundición Dencausse do seu avó, e comeza a súa vocación creativa.

Viaxa por primeira vez en 1911 a París, onde traballa con Ferdinand Motte-Lacroix, quen será, co paso dos anos, o seu principal propagandista ao estrear as súas obras. Regresa a Barcelona e compón Impressions Íntimes, Pessebres, Escenes d’infants, Suburbis, Cants Màgics... Trata con outros músicos cataláns novos: Blancafort, Toldrà, Gerhard, etc., que despois crearán o Grup dels Vuit ou Compositors Independents de Catalunya, con B. Samper, A. Grau, Lamote de Grignon e Joan Gibert Camins.

O seu gran recoñecemento público é en París cando F. Motte-Lacroix, o seu mestre, estrea obras súas no concerto do 15 de abril de 1921, con grande éxito de crítica. Logo virá unha crise creativa, provocada pola nova música, particularmente a Escola de Viena. Esta crise remata nos anos corenta xa de regreso definitivo en Barcelona.

O mundo musical de Mompou é un mundo con abundancia de cores, soños e imaxes, toda a pegada da Cataluña que rodea a Mompou. A súa obra foi, sobre todo, para piano, debido á súa formación como concertista, con algunhas das súas pezas tamén para outros instrumentos e, moi especialmente, para a voz humana, da que foi un gran cultivador. Algunhas cancións súas acadaron fama mundial. Dende 1958 foi profesor de Composición dos cursos de verán Música en Compostela. Débese salientar a composición Suite en Compostela (1962) e esta Aureana do Sil (1951), a súa única canción galega con texto de Cabanillas.

Fonte: Fundación Frederic Mompou 

Lugar

praza de fefiÑÁNS

5 de xuño de 2015 ás 18:00 horas
Cambados, Pontevedra