arquivo web



Onde estás:  Inicio > Campañas > O Decreto 79-2010




Especial sobre o Decreto 79/2010
Pronunciamentos da comunidade educativa (Claustros, ENDL, equipos directivos, etc)

Nota de prensa: presentación da análise sobre as bases elaborada pola CGENDL (19-01-2010).

Nota de Prensa: encontro entre a CGENDL e o Conselleiro de Educación (20-01-2010).


Coordinadora Galega de ENDL.


ANÃLISE DAS “BASES PARA A ELABORACIÓN DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO NO ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIAâ€.


 Descarga


Exposición de motivos>

1. Trátase dun texto innecesario xa que nace para derrogar un decreto sen que previamente fosen avaliados os resultados da súa aplicación e, polo tanto, sen demostrar que non fose adecuado. Ademais non se parte da análise da realidade sociolingüística de Galicia, na que existen dúas linguas que non están na mesma situación.

2. Dende o propio título do documento ponse de manifesto que se pretende romper coa liña desenvolvida en Galicia desde o comezo da autonomía de lexislar sobre o uso da lingua galega no ensino de cara a conseguir a súa normalización, pois este concepto non se menciona (Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ó ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios e Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo).

3. Faise unha perversión do Decreto aínda en vigor: preténdese dar a imaxe de que se respecta o seu contido en canto que se imita a súa estrutura e copia unha parte substancial de maneira literal. Neste borrador prodúcese unha clara contradición porque fala de desenvolver os preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino mentres que o que fai é restrinxir o seu uso, non só como lingua vehicular do ensino senón tamén como lingua da administración educativa.

4. Así mesmo, cítase unha lexislación aprobada para a defensa e promoción da lingua galega (Lei de normalización lingüística) para, baixo o aparente obxectivo de potenciar as linguas estranxeiras, reducir paradoxalmente a súa presenza no sistema educativo. Tamén se terxiversa o contido da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias ratificada polo goberno do Estado en 2001, á que se alude para xustificar a potenciación do plurilingüismo cando no citado texto se menciona explicitamente que este non se procurará en detrimento das linguas minorizadas.

5. Na lexislación citada para xustificar este borrador óbviase de maneira premeditada unicamente o Decreto 247/1995, aprobado por un goberno do mesmo partido político que propón este borrador, e que tiña como finalidade única desenvolver a Lei de normalización lingüística no ensino.

6. No intento de desacreditar o Decreto 124/2007 non se menciona que este naceu para desenvolver o Plan xeral de normalización da lingua galega, refrendado por unanimidade por todos os partidos políticos presentes no parlamento e que sinalaba no ano 2004 que o Decreto 247/1995 era insuficiente para conseguir os obxectivos para os que fora aprobado (pese á súa aplicación, o 20% do alumnado galego declarábase incapaz de falar fluidamente en galego).

7. Para derrubar o Decreto en vigor argumentando a súa ilegalidade, faise referencia ao ditame 366/07 do Consello Consultivo de Galicia, facendo as seguintes lecturas parciais e interesadas:

a) Alúdese a que o Decreto 124/2007 foi considerado non conforme a dereito polo Consello Consultivo, órgano non vinculante que cuestiona algúns aspectos concretos, non o conxunto do articulado, como parece desprenderse da redacción das actuais bases.

b) Pretenden derrogar o decreto vixente baseándose na hipótese, carente de rigor, de que o anterior modelo eliminaba o castelán do ensino, cando en realidade o perigoso é a aposta actual por enfrontar á sociedade dando a entender que hai que escoller entre o galego e o castelán, como se existisen dúas comunidades lingüísticas diferenciadas.

c) En cambio, ignora sentenzas en firme das máximas instancias xudiciais como a emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
(sentenza 01084/2007), que ratifica a legalidade do Decreto 124/2007 recordando que a sentenza 337/1994 do Tribunal Constitucional proclama que "no puede ponerse en duda la legitimidad constitucional de una enseñanza en la que el vehículo de comunicación sea la lengua propia de la Comunidad Autónoma y lengua cooficial en su territorio, junto al castellano†(STC 137/1986, fundamento jurídico 1.), dado que esta consecuencia se deriva del art. 3 C.E. y de lo dispuesto en el respectivo Estatuto de autonomía†e que “la Administración educativa no puede abdicar de la obligación que en el Estatuto de autonomía se le impone de pretender normalizar el uso del gallego dentro de su esfera de competenciasâ€.

d) Tamén se xustifica a derrogación do decreto de 2007 argumentando que non establecía un mínimo de materias impartidas en castelán. Pois ben, ningún dos textos anteriores establecía un mínimo de materias impartidas en castelán. O Decreto 247/1995 regulaba cales eran as materias que se debían impartir en galego e establecía que nas outras materias “empregarase a lingua que se teña establecida no proxecto educativo de centro aprobado polo claustro e o consello escolarâ€; engadía que se respectaría o equilibrio entre as dúas linguas oficiais e que no PEC “constarán as oportunas medidas de apoio e reforzo para un correcto uso lingüístico escolar e educativo co fin de acada-lo obxectivo xeral establecido na Lei de normalización lingüística (Art. 14.3º).â€.

Recordemos que o dito artigo fai referencia a que ao acabar os estudos obrigatorios o alumnado debe posuír competencia plena en galego e isto deixa aberta a porta a maiores porcentaxes de uso se así se considera pertinente para acadar o dito obxectivo.

8. O argumento usado para elaborar o novo decreto susténtase nunha enquisa elaborada sen ningún rigor científico ao tempo que se ignoran informes e estudos da RAG, do Consello da Cultura ou das universidades, e falséase a realidade pois o compromiso de derrogación do Decreto 124/2007 é anterior á realización da enquisa.

9. Como obxectivo final do texto márcase “garantir a competencia plena e semellante nas dúas linguas oficiais e acadar coñecemento efectivo en lingua(s) estranxeira(s)â€. É obvio que tal como se formula non se poden garantir ningún dos dous obxectivos propostos:

a) Non se pode “garantir a competencia semellante†das dúas linguas oficiais porque se lles dá un tratamento igualitario a dúas linguas que non se atopan na mesma situación na sociedade.

b) Tampouco se pode “acadar coñecemento significativo en lingua estranxeira†a través da medida proposta, tal e como avalan os especialistas na adquisición de linguas estranxeiras. Ademais, recordemos que este texto vén substituír outros anteriores que naceran para a promoción da lingua galega e ese ten que ser o seu obxectivo. Para fomentar o plurilingüismo debería elaborarse un plan estratéxico diferente que analice a situación de partida, que propoña medidas concretas e realizables, que conte cun orzamento específico, que parta de necesidades pedagóxicas…

Disposicións:

2. A lingua na Administración educativa

1. Xa o Decreto 247/1995 establecía que a lingua da administración educativa era o galego. Dicía tamén “a Administración educativa de Galicia e os centros de ensino utilizarán a lingua galega e fomentarán o seu usoâ€. Agora prodúcese un claro retroceso ao sinalar que se “promoverá†e “fomentará†a utilización do galego, que queda supeditado a un uso voluntarista.

2. Por primeira vez faise unha distinción entre distintos tipos de documentos administrativos e didácticos dependendo de se están referidos a áreas lingüísticas ou non, indicando que “con carácter xeral†se redacten nas respectivas linguas. Isto resulta contrario a dereito se temos en conta que se trata de documentos públicos e ningún pai ou nai ten a obriga de coñecer linguas que non sexan as oficiais.

3. Na lexislación precedente xa estaba garantido que calquera persoa podería solicitar a versión en castelán dos documentos emitidos pola Administración educativa, polo que é evidente que esta redacción non ten como obxectivo garantir os dereitos do administrado, senón restrinxir o uso do galego na administración.

4. Elimínanse todas as referencias existentes nos Decretos 247/1995 e 124/2007 a que a toponimia debe aparecer na súa forma oficial.

3. Educación infantil

1. Se o profesorado vai usar na aula a lingua predominante entre o alumnado estase incumprindo o art. 13 da Lei de normalización lingüística, que prescribe que todo o alumnado ten dereito a recibir educación na lingua materna. Por esa razón non se pode aceptar que se eduque na lingua dominante xa que deste xeito non se respecta o dereito da minoría. Este problema, que xa se presentaba no Decreto 247/1995, solucionábase no Decreto 124/2007, xa que se garantía a presenza das dúas linguas nas aulas.

2. Ademais, o artigo 8 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias de 1992 indica que a Comunidade Autónoma está obrigada a prever no ámbito preescolar:

a) unha educación na lingua minoritaria,
b) que unha parte substancial da educación se faga na lingua minoritaria,
c) ou, polo menos, aplicar unha das medidas anteriores para os alumnos cuxas familias o desexen e cuxo número se considere suficiente.

Ningunha destas tres medidas se recollen no borrador.

3. O borrador apunta que “se atenderá de xeito individualizado o alumnado que non teña coñecemento suficiente na lingua predominante na aulaâ€. Esta medida impide a integración dos nenos e nenas na aula, obxectivo fundamental da Educación Infantil.

4. Non se establecen medidas efectivas que garantan a adquisición dos obxectivos de etapa no referente ás competencias lingüísticas nin á preparación lingüística necesaria para adquirir os contidos da etapa posterior.

5. No Decreto 124/2007 a lingua da contorna era establecida polo claustro tendo en conta parámetros obxectivos (datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia, Instituto Galego de Estatística, etc.) e tamén a información que achegasen as familias. Agora só se atenderá ao último como único criterio para establecer a “lingua maternaâ€. Por outra banda non se prevén situacións como a posibilidade de que esa información non coincida coas observacións do profesorado na aula, que a lingua da familia non sexa ningunha das linguas oficiais, que o pai e a nai se comuniquen en linguas diferentes, que os prexuízos lingüísticos das familias condicionen a resposta, etc.

6. Resulta rechamante que tamén nesta etapa se reduza a presenza da lingua galega a pesar de que non se xusticica nun incremento da(s) lingua(s) estranxeira(s) no currículo.

7. Se as familias deben indicar a “lingua materna†no momento de formalizar a preinscrición, isto pode levar a que nos centros (para atender os dereitos de todo o alumnado) establezan grupos diferentes en función de cal vai ser a lingua vehicular e, polo tanto, haberá segregación por causa de lingua, o que contravén o artigo 13.3 da Lei de normalización lingüística (“Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón de lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellaren, a separación en aulasâ€).

4. Educación Primaria, ESO, Bacharelato, Formación Profesional, Ensinanzas de persoas adultas

1. O sistema dos tres terzos aumentará, sen lugar a dúbidas, o fracaso escolar por diferentes motivos:

a) diminuirá a competencia lingüística do alumnado nas linguas oficiais ao reducir o número de horas impartidas nestas linguas.

b) dificultará a adquisición por parte do alumnado dos contidos propios da materia ao seren impartidas un terzo destas en linguas estranxeiras, posto que se tratan dunha linguas non presentes no contorno. Ademais, introdúcese de maneira temperá cando o alumnado aínda non ten garantidas as competencias nas súas propias linguas, o que pedagoxicamente é inadecuado, e contravén o artigo 15.3 da Lei de normalización lingüística.

c) farase extensiva esta medida a todo o alumnado, sen ter en conta o alumnado con necesidades educativas especiais (os de Programas de Diversificación Curricular, alumnado que se integra en agrupamentos para recibir reforzo nalgunhas materias, alumnado de Programas de Cualificación Profesional Inicial).

2. Provocará a discriminación do alumnado, que recibirá unha educación diferente dependendo do perfil lingüístico de cada centro, vulnerando o principio de igualdade de oportunidades. Estas diferenzas agudizaranse no rural, onde a oferta de centros é moito máis reducida.

3. Será inviable ofertar o 33% en cada unha das linguas polas dificultades organizativas que provocará nos centros e, ademais, como o reparto de linguas se fai por horas e non por materias, resulta imposible que matematicamente se poida respectar esta porcentaxe.

4. A Administración educativa debe regular a asignación da lingua das materias para evitar o caos do sistema e garantir a súa conveniencia pedagóxica e unha educación igualitaria porque é a que conta co asesoramento dos especialistas; non facelo así evidencia unha deixación de funcións. Así se aclara na sentenza de 18 de novembro de 2009 emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na cal se expresa que o dereito dos pais a escolleren o tipo de educación que queren para os seus fillos “no autoriza el diseño del currículo educativo de los hijos a conveniencia de los padresâ€.

5. Trasladar ás familias a escolla da lingua vehicular na que se van impartir as materias supón que deben decidir sobre aspectos dos que non teñen por que ter coñecemento, como a calidade dos materiais pedagóxicos existentes en cada lingua ou o nivel de competencia lingüística do profesorado. No entanto, si pode provocar serios conflitos no seo da comunidade escolar (entre familias e
profesorado pero tamén nas familias entre si).

6. A suposta liberdade de elección das familias non enriquece a formación do alumnado, xa que só se conta coa súa opinión para escoller a lingua na que se van impartir dúas materias, ignorando moitos outros aspectos que inciden directamente na educación dos seus fillos.

7. Non se ten en conta a opinión do profesorado e increméntase a perda de credibilidade da profesión docente.

8. Non se regula nin quen nin como debe tomar a decisión sobre a “oferta equilibrada†que se debe ofrecer nos centros onde se imparte o Bacharelato.

9. Non se regula a distribución lingüística na Formación Profesional e na Educación de Adultos, e elimínase a posibilidade de garantir a adquisición de competencias en lingua galega, que a lexislación anterior si consideraba.

10. Dende o momento en que o reparto de horas para cada lingua se debe facer sobre as linguas “ofertadas†e non sobre as “impartidasâ€, pode ser que o reparto “equitativo†establecido polo Consello Escolar non sexa real unha vez que o alumnado escolla en que materias se matricula.

7. Horarios e utilización das linguas

1. Supón un retroceso non só con respecto ao Decreto 124/2007 senón incluso con respecto ao Decreto 247/1995 no que se dicía que “se procuraría†que nas materias en galego o alumnado empregase esta lingua.

2. Prétendese que o alumnado acade competencia nas dúas linguas pero isto é imposible se se lle dá a opción de escoller en cal se quere expresar (a competencia implica dominio activo a nivel escrito e tamén oral).

3. Nas materias impartidas nas linguas oficiais o alumnado pode empregar calquera lingua, mentres que non se especifica o que pode acontecer nas materias impartidas en lingua estranxeira.

8. Elaboración e publicación de materiais curriculares

Por primeira vez un borrador elaborado supostamente sobre as bases da Lei de normalización lingüistica, que debería promocionar a lingua galega, regula que se vai promover a elaboración e publicación de materiais na outra lingua oficial e incluso na lingua estranxeira. Isto resulta paradoxal cando precisamente un dos problemas cos que se encontran os docentes son as grandes carencias de material en lingua galega.

9. Proxecto Lingüístico de Centro

1. Un proxecto no que se debe establecer un reparto equitativo entre as horas impartidas en galego e castelán, e supeditado á competencia do profesorado en linguas estranxeiras, non se pode realizar a tan longo prazo (cada 4 anos) porque as circunstancias do centro cambian cada curso (profesores en prácticas, baixas, traslados…) e mesmo no propio ano lectivo.

2. Calquera profesor/a pode verse na obriga de impartir a súa materia en calquera das tres linguas se así se decidiu no Consello Escolar do centro (en moitas ocasións antes de que el/ela formase parte do cadro de persoal). Isto implica que a acreditación que o capacite para impartir a súa materia en galego debe esixirse a todo o profesorado, loxicamente tamén aos/ás docentes que acceden a través do concurso de traslados procedentes doutras comunidades.

3. Na elaboración do PLC, igual que no resto do documento, limítase moito a presenza da lingua galega: xa non é necesario prever medidas oportunas para atender o alumnado que non teña dominio suficiente do galego e tampouco se regula nada con respecto á lingua das actividades extraescolares e complementarias, aspecto este no que parece moi interesante incidir pois é fundamental para que o alumnado estea en contacto con realidades que na súa vida cotiá coñece só en castelán.

4. O Claustro de profesores perde a competencia que se lle outorgaba no Decreto 124/2007 pois a súa opinión non se ten en conta para refrendar o Proxecto Lingüístico de Centro.


10. Equipos de Dinamización Lingüística

O cambio de nome dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, ao que se lle quita o termo “normalizaciónâ€, é a proba evidente do que se pretende con este Decreto: impedir que nos centros se tomen medidas e se realicen actividades tendentes a conseguir a normalización lingüística.
A presenza e implicación das familias na vida escolar é desexable e moi positiva, pero a súa participación só se comprende se se estende a todos os departamentos.

14. Exención da cualificación das probas de lingua galega

1. Prodúcese unha clara discriminación entre as dúas linguas oficiais pois só se poderá conseguir a exención (durante 3 cursos académicos) da cualificación en lingua galega. Se se incorpora ao noso sistema un/unha alumno/a que non coñece nin castelán nin galego non hai ningún motivo para que estea exento dunha e non da outra. Detrás disto escóndese un prexuízo por considerar que o galego é unha lingua de segunda.

2. Non se propoñen medidas para facilitar a integración do alumnado inmigrante, tales como aulas de apoio onde aquel se familiarice coas linguas oficiais.

Disposicións adicionais

Prevese que a consellería estableza un procedemento para a avaliación do nivel de competencia nas dúas linguas oficiais en Primaria e ESO. Consideramos que a dita avaliación debe realizarse non só de maneira escrita senón tamén a través dunha proba oral onde se demostren as competencias activas e as pasivas. Ademais, esta avaliación debe realizarse cunha periodicidade anual, pois é a única maneira de poder tomar medidas efectivas para corrixir a situación.

 

 

 


Valoración da CGENDL sobre o borrador do novo decreto


Descarga en pdf.

  • O borrador do Decreto do Plurilingüismo para o ensino non universitario non garante que o alumnado acade a competencia lingüística en lingua galega, tal e como fixa a lexislación educativa, acentuando o desequilibrio social existente entre as dúas linguas oficiais.
  • A proposta traslada aos centros escolares e ás familias un conflito creado por intereses políticos ao presentar un modelo que non se fundamenta en criterios estritamente pedagóxicos e demostra o descoñecemento da realidade dos centros.
  • A introdución dun idioma estranxeiro como lingua vehicular do ensino establécese sobre bases erradas e distorsiona unha planificación lingüística rigorosa e eficiente que redunde na formación do noso alumnado.

Desde a Coordinadora Galega de ENDL pensamos que a proposta de decreto que regulará as linguas vehiculares no sistema educativo non garante a liberdade dos pais, non busca o equilibrio entre as dúas linguas oficiais, non formula correctamente a introdución do terceiro idioma e non vai conseguir ningún “bilingüismo cordial†senón un conflito nos centros escolares e na sociedade.

1- Nós defendemos unha educación igualitaria, tamén na aprendizaxe das dúas linguas oficiais, nas que o alumnado debe acadar unha competencia lingüística plena ao rematar o ensino obrigatorio. Con todo, a lingua galega non está en igualdade de condicións co castelán e a súa presenza é practicamente nula en multitude de ámbitos da sociedade; polo tanto, é na escola onde a poden aprender. Todos os especialistas din que cun ensino de menos do 50% na lingua minorizada é imposible garantir o seu dominio. Polo tanto, este decreto contén unha clara discriminación cara ao galego.

2. Non se pode falar de liberdade de elección con dúas linguas que xogan en divisións moi diferentes. Tampouco se pode falar de liberdade de elección dos pais cando só se vai respectar a decisión dunha parte. Se non vai haber segregación, medida que rexeitamos, como se respecta a suposta liberdade de elección en educación infantil dos que non saian “gañadoresâ€, aínda que sexa un 49%? Ademais, é nesta etapa na que os nenos e nenas aprenden a falar e teñen os seus primeiros contactos coa lingua escrita, e múltiples estudos demostran que nesas idades son capaces de ir asentando as estruturas gramaticais e adquirindo vocabulario das linguas que se lles ensinan. É, logo, o momento de potenciar a aprendizaxe do galego, que se debe ir reforzando despois durante todo o ensino. Só desde o coñecemento das linguas pode haber liberdade para que poidan usar unha ou outra.

3- É un decreto feito desde o descoñecemento da realidade dos centros educativos. Trátase dunha decisión política e non pedagóxica, que non atende ao que din os especialistas en aprendizaxe de linguas e que obvia a problemática que pode supoñer no funcionamento dun centro educativo. As decisións sobre o currículo tenas que tomar a administración, por iso entendemos que é unha irresponsabilidade do goberno que traslade a decisión sobre a lingua vehicular no ensino ás familias e aos centros educativos. Isto só vai crear un conflito que non existía e imposibilita un ensino integrador e igualitario. Este borrador que supostamente busca o “bilingüismo cordial†parte dun problema que non tiñamos nos centros e a súa elaboración xustifícase en falacias, a primeira “a imposición do galego na escolaâ€. 

4- A fórmula para a aprendizaxe de linguas estranxeiras, non oficiais na nosa comunidade, non pode estar supeditada a quitarlle horas ás linguas oficiais, nomeadamente ao galego, que é a que necesita de potenciación. Desde a Coordinadora apostamos polo fortalecemento do ensino de linguas estranxeiras pero tomando as medidas pedagóxicas necesarias e facendo unha planificación seria:  reducindo a ratio de alumnado por aula, dotando os centros de aulas de idiomas ben equipadas, aumentando as estadías no estranxeiro para o alumnado e o profesorado, fomentando a súa práctica con lectores nativos, etc. Estas medidas deben ser dirixidas ao conxunto de todo o alumnado posto que o dominio das linguas estranxeiras non pode supeditarse á conxuntura concreta de cada centro. Sería discriminatorio que o nivel de inglés do alumnado dependese da posibilidade de que se puidesen ofertar no seu centro máis ou menos materias en inglés. Ademais, queremos recalcar que os estudos demostran que as comunidades bilingües obteñen mellores resultados que as comunidades monolingües na aprendizaxe das linguas estranxeiras. Polo tanto, o dominio do galego e castelán só tería efectos positivos. A aprendizaxe e a competencia en máis dunha lingua enriquece, porque as linguas suman. 

5- Gañar unhas eleccións non lexitima ao goberno para atentar contra o noso patrimonio. A administración ten a obriga de potenciar a lingua propia de Galicia, que se atopa ameazada e non o está cumprindo desde o momento en que se busca limitala no sistema educativo cunha norma que é a máis regresiva de todas as comunidades autónomas con lingua propia. A escola debe buscar un equilibrio para a aprendizaxe das linguas xa que na sociedade non o hai e ese equilibrio pasa por potenciar o galego no sistema educativo.

 

 


Propostas da CGENDL ás Bases para a elaboración do Decreto do Plurilingüismo


Descarga en pdf.

1. O galego precisa un decreto exclusivo para o seu fomento, tal e como eran o Decreto 247/1995 e o Decreto 124/2007, o que non é incompatible cun plan diferente para a potenciación de linguas estranxeiras.

2. Debe ser un decreto para a Normalización da lingua galega, que é a lingua que está minorizada e que precisa normalizarse.

3. A regulamentación sobre o galego no ensino ten que promover o emprego do galego en todos os nives educativos e non restrinxir o seu uso, especialmente nas idades temperás.

4. A regulamentación sobre a presenza da lingua galega no ensino ten que estar xustificada e consensuada sobre criterios pedagóxicos e sociolingüísticos.

5. A administración educativa utilizará a lingua galega e as formas oficiais da toponimia, tal e como se recollía nos Decretos 247/1995 e 124/2007.

6. Na etapa de Educación Infantil o punto de partida de ambas as linguas é totalmente desigual, polo que ten que haber medidas concretas que garantan a competencia en galego.

7. Non se debe establecer a lingua vehicular na aula só consultando ás familias, senón que se deberán valorar tamén criterios sociolingüísticos e pedagóxicos.

8. En Educación Primaria, ESO e Bacharelato, a administración educativa debe fixar en que lingua vehicular se deben impartir os contidos currículares das distintas materias, atendendo a criterios estritamente pedagóxicos.

9. Debe haber un mínimo de 50% de horas impartidas en galego para garantir a posibilidade de que o alumnado acade a competencia nesta lingua.

10. A administración educativa ten que fixar a presenza da lingua galega no Bacharelato, na Formación Profesional e Ensinanza de Persoas Adultas, que non debe baixar do 50% do horario.

11. O alumnado terá que usar por oral e por escrito a lingua na que se imparte cada materia, única maneira de poder axudar a conseguir unha competencia activa oral e escrita.

12. A administración autonómica promocionará a elaboración de libros de texto e materiais en galego.

13. Os PLC deden ser documentos rigorosos e serios e non só un trámite burocrático. Para iso, débense avaliar e actualizar anualmente tendo en conta o profesorado e as circunstancias do centro cada ano.

14. Débese fomentar o uso do galego nas actividades complementarias e extraescolares.

15. A administración debe ofertar cursos de formación e actualización en lingua galega para o profesorado.

16. Os ENDL débense seguir a chamar así porque é a nomenclatura que mellor recolle a súa función: Normalizar e Dinamizar o uso da lingua galega.

17. O galego é unha lingua oficial como o castelán e, polo tanto, debe ter os mesmos criterios de exención.

18. A administración debe crear aulas de acollida en lingua galega para a poboación inmigrante en todos os centros.

19. A avaliación de competencias débese realizar cada ano co obxectivo de comprobar as destrezas activas na lingua, polo que se realizarán probas tanto orais como escritas. Os centros nos que o alumnado non acade estas competencias deberán deseñar un plan para conseguilo.

 

 

 

Aspectos ilegais das bases do Decreto do Plurilingüismo


Neste documento expóñense dun xeito visual os preceptos que se incumplen da lexislación vixente en materia de lingua, a nivel nacional, estatal e internacional, no recente rascuño de bases para o mal chamado decreto do plurilingüismo.


Elaborado pola Biblioteca do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo

Descarga do pps

View more presentations from linguaog.

 

Análise das bases do borrador do Decreto do Plurilingüismo


Presentación que analiza a proposta da Consellaría de Educación en comparación cos Decretos 247/1995 e 124/2007.

Autora: Sofía Rama, profesora de Lingua.

Descarga do ppt

 

 

Presentación sobre as "Bases do borrador do Decreto do Plurilingüismo".


Elaborado polo ENDL do IES Ribeira do Louro do Porriño.

 

Radiografía do idioma


Presentación que traza unha panorámica sobre a saúde da lingua galega no ensino analizando parámetros como a lingua inicial, lingua de uso, competencias ou presenza como lingua vehicular no sistema educativo.

Elaborada polo profesor Paco Veiga, do ENDL do IES de Melide.

Descarga do pdf.

 

 

Un decreto sen creto. De como se pasou do consenso do Decreto 124/2007 ao disenso no borrador do decreto para o Plurilingüismo.


Elaborado polo profesor Anxo Gómez (CPI de Carral)

UN DECRETO SEN CRETO
View more presentations or Upload your own.

 

 

 



16 de Outubro de 2016
twitter tuenti facebook youtube slideshare vimeo








Aviso Legal

Os contidos e recursos recollidos nesta páxina web teñen unha finalidade educativa. Calquera contido que non cumpra cos requisitos necesarios para aparecer nesta web será retirado inmediatamente se así é comunicado polo autor e/ou autores ou propietarios/as dos seus dereitos.
A través desta páxina accédese libremente a recursos educativos da autoría da Coordinadora Galega de ENDL, dirixidos a aquelas persoas que queiran facer deles un uso ou utilización educativa.
Nesta páxina tamén se accede, a través de ligazóns externas ou directamente, a contidos educativos creados por docentes e centros educativos, así como por institucións e colectivos sociais e culturais cuxa autoría é citada expresamente.
A CGENDL non ten ningunha finalidade lucrativa e en ningún caso se comercializa cos contidos que aparecen neste sitio web, tampouco por parte de terceiros.