arquivo web



Onde estás:  Inicio > Recursos > Lingua Viva




Proxecto Lingua Viva


Lingua Viva é unha proposta de intervención pedagóxica destinada ás comunidades educativas (persoal docente e non docente; alumnado e familias), mais tamén ao seu ámbito de influencia. Está encamiñada a transformar as condicións ambientais para favorecer e consolidar as aprendizaxes escolares.
Aínda partindo da precariedade tanto en dotación persoal como económica, a pedagoxía Lingua Viva leva conseguido importantes éxitos durante máis de vinte anos.

Proxecto global aberto á participación de toda a comunidade educativa

É proxecto global porque está pensado para todo tipo de centros de ensino: de todos os niveis, de titularidade pública ou privada, urbanos ou rurais.

Ademais facilita a participación do conxunto do alumnado e tamén do profesorado, das familias e do persoal de administración e servizo.

Proxecto interdisciplinar

Coordinado polo persoal da área de Lingua e Literatura, conta con actividades para ser traballadas en Plástica, TIC's, Castelán, Matemáticas, Xeografía e Historia e Relixión ou Alternativa.

Un proxecto de preservación do patrimonio público e privado

A aplicación do Proxecto Lingua Viva contribúe a localizar, estudar e catalogar o patrimonio documental da área xeográfica do centro de ensino. Unha vez realizado este proceso, pasa á disposición do público, a quen servirá de modelo a seguir.

Unha experiencia de traballo de campo

Lingua Viva esixe a aplicación dos coñecementos teóricos adquiridos dentro das aulas, mais esixe moito máis: a destreza da comunicación en público.

Un proxecto de educación en valores

Lingua Viva é unha experiencia de educación en valores: o aprezo polo propio; a valoración positiva de gardar a documentación para a memoria; o aprezo á obra dos propios devanceiros.

Unha iniciativa de xustiza

Lingua Viva fai explícito o xusto recoñecemento  dos centros de ensino ás persoas que de xeito altruísta se converteron en protagonistas da normalización cultural da nosa terra. Tras navegaren contra corrente -en moitos casos con grandes custos persoais-, agora chega o momento de que eses méritos sexan recoñecidos.

Historia e filosofía do proxecto

Artigo de A letra miúda

 

Sistema de traballo para realizar o Proxecto

1ª FASE: TRABALLO DE CAMPO E PREPARACIÓN DA EXPOSICIÓN

  1. Recollida de documentación: participa todo o vecindario.
  2. Inventariado e selección: participan unha ou dúas persoas.
  3. Preparación da exposición: cada persoa pode preparar un painel. Propoñemos tantos paineis como tipos de documentos se encontren (Convites, Actas, Comunicación comercial...). Contamos con reportaxe fotográfica da montaxe dunha exposición.
  4. Exposición. Ademais da inauguración, convén que se organice un acto público de tertulia entre as persoas que protagonizaran a edición dos documentos.

2ª FASE: PREPARACIÓN DA COMUNICACIÓN AUDIOVISUAL

  1. Os momentos máis importantes son o acto de inauguración e a tertulia entre protagonistas. Nelas escóitanse as historias máis chamativas. Esas serán as recollidas despois no audiovisual.
  2. Fase de produción: selección de protagonistas e elaboración de calendario e horario de gravación.

  3. Fase de gravación: o ideal é que se faga ao longo dun día, en horario de mañá e tarde. Facilítase horario orientativo, de xeito que os entrevistados poidan facer a súa vida normal, perdendo pouco tempo.

3ª FASE: NEGOCIACIÓN CO CONCELLO PARA ELABORAR O PROXECTO DE PLANIFICACIÓN LINGÜÍSTICA

  1. Pode servir de base o aprobado polo Concello de Burela.
  2. Existe a posibilidade de propiciar encontros entre centros. Tamén existe a posibilidade de promover intercambios culturais das Bandas de Música, Banda de Jazz... e equipos de xogos populares.

4ª FASE: DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA PARA PROPICIAR O CAMBIO SOCIAL

  1. Presentación do audiovisual. Celebración dun acto de entrega ás persoas que o protagonizan.
  2. Programación de encontros sectoriais (sanidade; comercio; deporte...) para entregar o audiovisual e propoñer as medidas de cambio de usos lingüísticos.
  3. Programación de actividades de dinamización, en colaboración cos diferentes sectores sociais.
  4. Avaliación dos resultados: Unha boa data para a facer é a do primeiro aniversario da presentación do audiovisual.

5ª FASE: INTERACCIÓN PATRIMONIO CULTURAL-LECER-ECONOMÍA

  1. Elaboración de programas de actividades de interacción sociolingüística para ofrecer a grupos de visitantes (visitas concertadas: estudantado de ensino medio; estudantado universitario; viaxes de asociacións culturais; viaxes de asociacións de veciños; viaxes de asociacións de sendeirismo… Visitas familiares: oferta de fin-de-semana). Estas actividades deben estar orientadas a: a) un día completo; b) tarde de venres; sábado todo o día; e domingo até á tardiña.
  2. Selección da persoa ou persoas encargadas da coordinación das actividades.
  3. Realización de experiencias-piloto (cando menos, unha por modalidade)
  4. Divulgación xeral do proxecto.

 










Documentación útil

Modelo de carta

Listaxe de documentos a recompilar

  1. Comunicación comercial: sacas/bolsas; papel de envolver; cartóns de visita; publicidades (copias de anuncios; panfletos de abertura ou de campañas); fotografias de rotulacións (local comercial; furgonetas de reparto...).
  2. Cerimonias: convites de casamentos (relixiosos e civís); menús; outros convites; recordatorios...
  3. Necrolóxicas: a) fotografias de epitafios; b) copias de lutuosas ("esquelas").
  4. Documentos notariais: a) compra-vendas; b) testamentos; c) permutas; d) partillas; e) constitución de sociedades: S.A.; S.Lda.; Cooperativas...
  5. Documentación laboral: a) contratos; b) convenios; c) Instrucións laborais; d) Apuntamentos profesionais.
  6. Actas de: a) comunidades veciñais (condominios de edificios comunitarios); b) asociacións culturais, deportivas, xuvenis, políticas...
  7. Actividades de culto: a) liturxia; b) catequese; c) información parroquial.
  8. Diagnósticos sanitarios.
  9. Correspondencia privada.

Modelo de rexistro para a localizacón de documentos (ver exemplo)

FICHA TÉCNICA

TITULAR DO DOCUMENTO

XXX

Teléfono: 982 58
(particular)

End. Electrónico:
Non ten

LOCALIZADOR(A)

Antía Ben González

Teléfono: 629 67

End. Electrónico:

 

DOCUMENTO

 

Recordatorio Comuñón

 

Data: maio de 1974

Protagonista: Mª Paz Campo
Axente textual: José Campo

 

OBSERVACIÓNS:
1) Podería ser o primeiro recordatorio feito en galego por unha persoa de Burela
2) A impresión fíxose en Gráficas Breogán de Foz
3) Mª Paz Campo é profesora no CEIP da Ponte do Porto
4) José Campo é Garda Civil. Está retirado e vive en Foz.

Ficha panorámica

Ficha de revisión

Documentación funeraria - Ficha técnica

 

Ligazóns

1) Visualización da primeira fase do Vicedo:

2) Explicación do proceso na Universidade da Coruña:

3) Vídeo da xornada de dinamización sobre os epitafios:


Aportación do Instituto Perdouro de Burela




16 de Outubro de 2016
twitter tuenti facebook youtube slideshare vimeo








Aviso Legal

Os contidos e recursos recollidos nesta páxina web teñen unha finalidade educativa. Calquera contido que non cumpra cos requisitos necesarios para aparecer nesta web será retirado inmediatamente se así é comunicado polo autor e/ou autores ou propietarios/as dos seus dereitos.
A través desta páxina accédese libremente a recursos educativos da autoría da Coordinadora Galega de ENDL, dirixidos a aquelas persoas que queiran facer deles un uso ou utilización educativa.
Nesta páxina tamén se accede, a través de ligazóns externas ou directamente, a contidos educativos creados por docentes e centros educativos, así como por institucións e colectivos sociais e culturais cuxa autoría é citada expresamente.
A CGENDL non ten ningunha finalidade lucrativa e en ningún caso se comercializa cos contidos que aparecen neste sitio web, tampouco por parte de terceiros.