A EXPOSICIÓN
O obxectivo da exposición é presentar a figura real de Afonso X de maneira obxectiva: os seus avatares políticos, o seu labor científico, literario e cultural e a súa relación con Galicia. A proposta é unha peregrinaxe múltiple: un percorrido pola vida do monarca, pola súa obra e pola época afonsina en Galicia a partir de documentos e de testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais. Conta cun especial protagonismo o corpus mariano do Rei Sabio, as Cantigas de Santa María, como manifestación visual e sonora da Idade Media galega e europea e como testemuño do patrimonio lingüístico da lingua galega e a súa importancia no mundo románico medieval.
O proxecto pretende, ademais, xerar un itinerario tanto intelectual como tanxible polas catro provincias galegas a través do patrimonio da época afonsina conservado en Galicia ata os nosos días.
Un total de seis espazos e unha sala central deseñados por Antoni Rossell e o arquitecto Roger Badia dan conta da voz de Afonso X desde a mesma entrada da exposición. Ademais do desenvolvemento en paneis expositivos e proxeccións, a mostra achega audios, entrevistas a distintos expertos relacionados coas distintas facetas do monarca e contidos ampliados a través de códigos QR.
Un proxecto contemporáneo e atractivo para todo tipo de públicos ao que poderán acceder, deste xeito, a distintos niveis de información segundo o desexen, facendo a visita máis persoal e libre.
RECOMENDACIÓNS PARA A VISITA
Na sala poderás acceder co teu dispositivo móbil a contidos ampliados sobre as distintas seccións ou audios a través de códigos QR. Recomendamos levar auriculares propios para unha experiencia máis cómoda.
Os contidos da exposición están tamén dispoñibles en castelán e inglés mediante códigos QR ao comezo de cada sección.
A ITINERANCIA
Consulta as datas da exposición
A EXPOSICIÓN
© Consello da Cultura Galega, 2021
IMAXE: Conceptualización e deseño expositivo | © Roger Badia Rafar