Achegámonos á poesía de Celso Emilio Ferreiro.

centenario 2012


Warning: Cannot modify header information - headers already sent by (output started at /var/www/html/consello/html/www/fondos_documentais/web/coordinadoraendl/M_Salas_CE/index.php:138) in /var/www/html/consello/html/www/fondos_documentais/web/coordinadoraendl/M_Salas_CE/biogrf/biogrf.htm on line 1
BREVE BIOGRAFÍA de CELSO EMILIO FERREIRO

Celso Emilio Ferreiro naceu en Celanova no ano 1912 (en Celanova tamén nacera 60 anos antes Curros Enríquez). Estudou cos Padres Escolapios, dos que recibiu unha sólida formación cultural.


Estivo relacionado dende moi novo co movemento nacionalista; e a comezos dos anos 30 afiliouse ás Xuventudes Galeguistas para iniciar unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso coa súa Galicia natal.


Durante a guerra civil, Celso Emilio estivo condenado a morte; e nas catro noites que pasou na cadea escribiu o poema "Longa noite de pedra", poema central dun libro seu que leva o mesmo título.


Finalizada a guerra, estudou Maxisterio e Dereito en Santiago de Compostela. Aínda que rematou a carreira de Maxisterio, nunca chegou a exercer como mestre.


Casou con Moraima e o matrimonio pasou a vivir a Pontevedra.

Establecido en Vigo dende 1949 como procurador, escribiu unha biografía de Curros Enríquez.En Vigo publicou tamén “O soño asulagado” (1954); colaborou en varias revistas e dirixiu a colección de poesía "Salnés", onde se deu a coñecer, en 1962, “Longa noite de pedra”.

O efecto desta obra na sociedade galega foi enorme; esgotouse en poucos días e se propagou multicopiada de man de man, marcando un fito na historia da nosa literatura.


En 1966, respondendo a un convite da xente emigrada, marchou a Caracas.Escribe ¨Viaxe ao país dos Ananos¨ (1968), polémico poemario co que inicia un rexistro satírico na súa produción literaria.


En 1973 instálase en Madrid, onde desenvolveu unha intensa tarefa en pro da cultura e a literatura galegas, dedicándose por completo á actividade literaria e xornalística. Nesta época escribe os poemarios “Cimenterio privado” (1973) e “Onde o mundo se chama Celanova” (1975).


Celso Emilio Ferreiro morreu en Vigo no verán de 1979.
Entendía que a poesía podía ser un instrumento eficaz para transformar a realidade; e coa súa obra adoptou sempre unha actitude de compromiso no espertar da consciencia colectiva do país galego nun momento tan delicado para a cultura e sociedade galegas.


 

Pequena homenaxe a celso emilio ferreiro no ano do seu centenario