O maio

"O maio" é un dos poemas máis coñecidos de Curros Enríquez no que o poeta invoca unha primavera de liberdade e xustiza. Neste Primeiro de Maio tan diferente, o Consello da Cultura Galega (CCG) vén de xuntar nun proxecto celebrativo este poema reivindicativo de Curros coas novas voces da música galega. O resultado é un vídeo musical que mestura rumba con influencias da música tropical para dar a benvida ao mes de maio e, de paso, celebrar a vida cun alento solidario. Haberá mil primaveras máis!
Ver vídeo

O Maio

Aquí vén o maio
de flores cuberto...,
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
e os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo pobre
do pobo galego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
e o pan non me quiten
trabucos e préstimos,
e coma os do abade
florezan meus eidos,
chegado haberá estonces
o maio que eu quero...

Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sen bruxas nin demos;
un maio sen segas,
usuras nin preitos,
sen quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.
Autor: Curros Enríquez

Produción do Consello da Cultura Galega

Intérpretes:
Pablo Lesuit, Faia Díaz, Narci Rodríguez, Najla Shami, Eladio Santos,
Belem Tajes, Nastasia Zürcher, Leo Burke, Brais Morán, Yhadira, Xiana Lastra, Su Garrido e High Paw.
Letra: Manuel Curros Enriquez.
Composición musical: Nastasia Zürcher e Adrián Saavedra.
Arranxo e Produción Musical: Adrián Saavedra.
Montaxe de vídeo: Jairo Moreno.