Antón Paz Míguez

Un narrador da emigración

Da emigración. Notas d'un galego

Antón Paz Míguez
2020

A novela Da emigración. Notas d'un galego foi publicada no ano 1936, pouco antes do golpe militar, e viu a luz baixo o prestixioso selo editorial de Nós pois foi dada ao prelo en Compostela no establecemento impresor de Ánxel Casal pouco antes do seu asasinato. Froito do coñecemento en primeira persoa da situación da emigración galega na Arxentina, Paz Míguez proxectou nesta obra unha serie de trazos e personaxes que, segundo el, representaban a realidade dos galegos e galegas que lonxe da terra sobrevivían, en xeral con duras condicións vitais e laborais.
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, presenta este facsímile no marco da colección Clásicos da Emigración, na que se recompilan obras de interese para o coñecemento e análise da emigración galega nas súas diversas épocas, destinos e facetas e que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías. Este facsímile está acompañado dun proveitoso estudo introductorio feito polo profesor e investigador Xavier Castro Rodríguez.

Pdf Ficha

Por qué Da emigración. Notas d'un galego

A novela

A novela Da emigración. Notas d’un galego foi publicada no ano 1936, pouco antes do golpe militar, e viu a luz baixo o prestixioso selo editorial de Nós pois foi dada ao prelo en Compostela no establecemento impresor de Ánxel Casal pouco antes do seu asasinato.

Froito do coñecemento en primeira persoa da situación da emigración galega na Arxentina, Paz Míguez proxectou nesta obra unha serie de trazos e personaxes que, segundo el, representaban a realidade dos galegos e galegas que lonxe da terra sobrevivían, en xeral con duras condicións vitais e laborais. Desde o título Da emigración. Notas d’un galego, o eventual lector ten uns referentes ben claros: temática da emigración escrita desde as anotacións dun galego fiel coñecedor dos universos galego e arxentino.

A novela estrutúrase como unha viaxe de ida e volta con final aberto, adobiada coas circunstancias e peripecias vividas polo protagonista ao longo de varios anos residindo na Arxentina. Pablo, o protagonista, vive un conxunto de peripecias persoais que o autor quere proxectar sobre o prototipo de emigrante galego: a dura viaxe no barco, o engano, a soidade, a situación do idioma, a visión pesimista da realidade, o retorno…

Personaxes paradigmáticos, difíciles condicións humanas e aspectos de didactismo e ensinanza comúns marcan os alicerces dunha narración moi interesante, escrita en clave testemuñal para un mellor coñecemento do que foi a vida dos desterrados galegos.

O autor: [Álbum de Galicia]

Fillo de Manuel Paz Lampón e de Dolores Míguez Gago, Antón Paz Míguez naceu na Pobra do Caramiñal o 11 de xuño de 1911. Na vila pasou os anos infantís e alí tamén cursou, na escola unitaria, os estudos iniciais que, pouco e pouco foi complementando cunha formación autodidacta moi heteroxénea na que, con todo, vai primar, desde ben novo, a formación literaria xa como lector, xa como autor de composicións escritas de diversa índole.

A complicada situación familiar, logo do pasamento do pai, induciuno ao mundo laboral, circunstancia que favoreceu nel unha madureza persoal en plena adolescencia que se complementará coa vivencia migratoria experimentada arredor dos dezaoito anos. Estableceuse na cidade portuaria de Rosario (Arxentina), onde traballou nun negocio familiar ata que decidiu trasladarse á capital do país. A partir das realidades americanas vividas, Paz Míguez vai coñecer de primeira man a situación dos compatriotas galegos (condicións laborais, relacións humanas, desterro, morriña…), que acabarán sendo motivo esencial e recorrente das súas principais novelas: Da emigración. Notas d’un galego (1936) e O Adán que non quixo voltar ó Paradiso (1992). Realizou varias viaxes entre a Arxentina e Galicia e foi en Bos Aires onde acabou formando unha familia e pasou a derradeira etapa da súa vida. Faleceu no ano 2003.