Ares Indiano

O legado da emigración

Roteiro Ares indiano.O legado da emigración.

Dende aquí preténdese amosar só algúns exemplos de casas indianas que se poden atopar nesta preciosa vila mariñeira e poñer en valor a memoria dos seus emigrantes.

Visitar roteiro

Cómo se llega a millonario

Miguel Bendamio. Autor
Xosé M. Núñez Seixas. Estudo introdutorio
2020

Cómo se llega a millonario é unha novela publicada na Habana no 1925 polo emigrante aresán Miguel Bendamio Montero. O autor pretende recrear o ascenso económico e social dun emigrante de Ares, coma el, relatando as súas experiencias ata chegar a ser un rico indiano que retorna á súa vila natal e alí fica encantado pola obra da Alianza Aresana, á que decide doar parte da súa herdanza. Amosa Bendamio unha imaxe idealizada do bo retornado e louva o labor das sociedades de instrución, así como o papel rexenerador dos emigrantes na modernización das súas vilas de orixe.
O Consello da Cultura Galega recupera esta obra que publica cun estudo introdutorio do profesor Xosé Manuel Manoel Núñez Seixas.

Pdf Ficha

Por que Cómo se llega a millonario

O libro

Directivos da Alianza Aresana. 1907

Cómo se llega a millonario, novela «de ambiente aresán» publicada na Habana no 1925 polo emigrante Miguel Bendamio Montero (1873-1938), é un exemplo de vindicación ficcionada da obra dos ausentes.

O autor, un aresán residente en Cuba dende finais da década de 1880, comerciante de éxito, xornalista amador comprometido coa democracia, co rexionalismo e coa loita anticaciquil, foi tamén un dos iniciadores da Alianza Aresana fundada na Habana no ano 1904, da que foi directivo.

Na obra, Bendamio recrea o ascenso social dun emigrante de Ares, un fillo de artesáns con certa instrución que parte para Cuba a finais do século XIX, trasládase a México e remata como potentado do petróleo nos Estados Unidos. Logo de trinta anos de ausencia, o indiano retorna a Ares no seu iate e enxerga marabillado a obra da Alianza Aresana, á que doa parte da súa herdanza.

Con iso, Bendamio elaboraba unha imaxe idealizada do bo retornado da emigración, que redescubría a súa patria de orixe grazas ao labor das sociedades de instrucción; e enxalzaba así mesmo o papel rexenerador que correspondería aos ausentes na modernización das súas vilas e bisbarras de orixe

Xosé M. Núñez Seixas
Vicepresidente do Consello da Cultura Galega

A exposición

Nas vésperas da I Guerra Mundial, A Habana era a segunda cidade do mundo onde máis galegos e galegas moraban, despois de Bos Aires. A dimensión da comunidade inmigrante galega dende 1830, e nomeadamente entre 1890 e 1920, medrou de xeito continuo. Iso fixo da colectividade galega de Cuba, artellada en centros galegos e sociedades locais, comarcais e parroquiais, un foco dende o que se concibiron novas ideas para a renovación de Galicia e se enviaron recursos ao país de orixe. Igualmente, a inmigración galega, cuxas actividades, centros e festas tiñan unha grande visibilidade, deixou unha fonda pegada na sociedade, na cultura e na literatura cubanas até 1959, e cuxos trazos son perceptibles na actualidade.

Esta exposición aspira a narrar e recrear as fases e facetas principais desa epopea migratoria, dende a chegada dos inmigrantes até o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e mais a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.

Catálogo Exposición

A figura: [Miguel Bendamio no Álbum de Galicia]

Retrato de Miguel Bendamio Montero (sen data).

Miguel Bendamio Montero (1873-1938) naceu en Ares. Emigrou a Cuba contra finais da década de 1880. Traballou por un tempo na fábrica de tabacos La Cruz Roja, propiedade de dous inmigrantes tamén galegos: Jesús Vales Leira, de Pontedeume, e Ramón Allones, de Corcubión, ambos os dous directivos do Centro Galego e doutras sociedades. Aos poucos anos, Bendamio converteuse no representante e home de confianza dos donos. Máis tarde estableceuse pola súa conta, como propietario da sociedade de importación M. Bendamio y Cía, e acadou unha posición relativamente acomodada.

Miguel Bendamio tivo así tempo e recursos para dedicarse á promoción do asociacionismo galego na Habana e participou no 1904 de xeito proactivo na fundación da Alianza Aresana de Instrucción;, constituída en abril de 1904 por 46 aresáns residentes na Habana, os Estados Unidos e México, con orixe nun pedimento de axuda por parte do cura párroco de Ares para os ausentes contribuíren a reedificar a igrexa parroquial. Á iniciativa sumáronse decontado numerosos mariñeiros aresáns emigrados, co fin de dotar á sociedade de SS. MM.  La Amistad de Ares dunha escola primaria para os seus asociados e os nenos e nenas  pobres do concello. A Alianza Aresana contaba, tres anos despois, con 257 socios, e botou a andar un establecemento de primeiro ensino en Ares en xullo de 1904, do que construíu un primeiro edificio escolar no 1908. A súa andaina posterior, con certo peso de membros da masonaría entre os seus directivos, orientouse por roteiros laicos e demócratas.

No 1918-19 Bendamio era vicepresidente da Alianza Aresana e no 1920 ocupou a súa presidencia. Ademais, tamén foi membro da Asemblea de Apoderados do Centro Galego da Habana, en representación do partido Renovación y Defensa Social. Anos despois, no 1936-37, aínda sería vogal da directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. Porén, pouco tempo puido exercer pois faleceu ao ano seguinte; os seus restos repousan na Habana.

Ademais do seu labor no tecido societario galego da Habana, Miguel Bendamio era un conspicuo xornalista e mesmo literato amador, e converteuse nun dos facedores de opinión máis salientados da colectividade galega da Habana. Xa no 1895 figuraba a súa sinatura como correspondente da guerra hispano-cubana nas páxinas do semanario La Tierra Gallega, dirixido polo escritor e xornalista Manuel Curros Enríquez. Dende 1902 colaborou tamén no semanario galaico-habaneiro Galicia;  nesa tribuna escribiu sobre diversos temas, entre eles a necesidade da autonomía para Galicia, partindo dun sentimento inequivocamente rexionalista, demócrata e anticaciquil. Aínda nos anos trinta, Bendamio enviaría varias colaboracións sobre a historia recente da colectividade galega en Cuba para a revista Galicia en Madrid.

Parte desas concepcións evidenciáronse igualmente na súa novela Cómo se llega a millonario. Novela corta del ambiente aresano (A Habana, Imprenta Fouce y Guerra, 1925). Nela, a través da andaina dun emigrante aresán de éxito que chegara a forxar unha fortuna como petroleiro nos Estados Unidos, logo de pasar por Cuba e México, Bendamio levaba a cabo unha vindicación da figura do bo indiano, que investiría no porvir da súa terra mediante a súa colaboración coa obra das sociedades de instrución.

Proba igualmente daquel circio compromiso rexionalista foi a súa participación dende 1905 nos labores da comisión xestora da Asociación Iniciadora y Protectora de la Real Academia Gallega, a partir da cal nacería pouco despois a Real Academia Galega na cidade da Coruña. Porén, Bendamio non daría xamais o salto ao galeguismo político e non participou da xeira das Irmandades da Fala, ficando á marxe dos grupos que seguiron o esteiro do novo nacionalismo na capital cubana, como a Xuntanza Nazonalista Galega da Habana fundada no 1920.

Núñez Seixas, Xosé M. : Miguel Bendamio. Recuperado o 14/08/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26964