Lois Tobío

EPISTOLARIO

Unha biografía de Lois Tobío

Lois Tobío foi un escritor, xornalista, diplomático, tradutor, defensor de Galicia e da cultura galega no mundo. No Álbum de Galicia poderás atopar dúas entradas biográficas, que dan conta do seu labor no ámbito da emigración pero tamén no marco da Xeración Nós.

Consulta a biobibliografía

Lois Tobío

Epistolario

Son máis de 400 cartas escritas entre 1939 e 1999 que dán conta das intensas relacións que Tobío mantivo nos ámbitos privado e público. A través delas compartiu non só as súas vivencias, senón que serviu de espazo de reflexión e documentación de iniciativas que nos axudan a entender e repensar a historia recente.

Visita o epistolario

Voces desde e cara á emigración.

Por Montserrat Bascoy
Profesora da Universidade de Alcalá de Henares

Como orientación á lectura do epistolario de Lois Tobío cómpre ter presentes dous conceptos clave: o de exilio e o da emigración retornada. Ao mesmo tempo faise imprescindible para comprender as dimensións do conxunto prestar atención aos ámbitos do cultural, o político e o socioeconómico, a maiores do ámbito persoal, ao que corresponden os vínculos afectivos, así como os aspectos propios das relacións interpersoais e institucionais nas que se enmarca esta correspondencia, xa que as cartas e tarxetas postais que compoñen o epistolario foron escritas por diversas figuras da vida privada e pública do contorno de Lois Tobío. Ao comezo pode resultar un tanto caótico mergullarse nunha colección de documentos con tan variadas persoas que os asinan. Mais a medida que quen le se familiariza coas e cos interlocutores e con certos momentos relevantes na biografía de Tobío –mesmo sen ser especialista nos temas e épocas ás que se remiten os escritos–, os textos ofrecen un testemuño de gran relevancia e interese para quen atopa no personaxe do intelectual viveirense unha figura destacada da cultura galega, que merece o recoñecemento dunha vida dedicada a Galicia.

O epistolario de Lois Tobío ofrece, dunha parte, unha colección de cartas do intercambio efectuado durante os anos do exilio en América (Cuba, México, Uruguai) e, doutra parte, a correspondencia mantida posteriormente tras o retorno da familia Tobío Soler a España. Agás un pequeno número de cartas en que non figura a data, o epistolario vai desde o ano 1939 ata 1999, dando conta de medio século da existencia de Lois Tobío, de persoas achegadas e dos acontecementos históricos que se desenvolveron nese tempo.

Parte do interese que esperta este epistolario reside no relato da emigración, que se estende a través de todo o conxunto de textos. Son moitos os aspectos aos que fan referencia. A vida cotiá queda reflectida nas cartas xunto coas súas dificultades, que afectan tanto a homes coma a mulleres –nos textos atopamos algunhas pinceladas sobre a especificidade da emigración feminina–; as complicacións á hora de abandonar Europa; os atrancos de tipo económico e laboral, que fan complexo o establecemento nos lugares elixidos ou mesmo obrigan aos individuos a mudarse con frecuencia; os atrancos de tipo lexislativo que teñen establecidos cada un dos países nos que recalan as e os protagonistas, así como a adaptación a un novo clima, unha nova alimentación, un novo idioma nalgúns casos e novos costumes; en suma, o choque cultural. Nesta situación, as cartas serven para compartir información sobre a existencia e circunstancias de coñecidos e familiares, moitas veces buscando compaña na soidade do exilio, moitas veces pedindo axuda.

As impresións de quen escribe sobre os países onde se atopa son variadas. Tanto se destacan aspectos positivos coma negativos, como se pode ver neste comentario de Juan Roura Parella, nunha carta de novembro de 1939: “Vivir, no se vive mal en México. La gente es delicada, el clima delicioso y además tiene el interés de la inseguridad. Por ejemplo, ayer por la mañana me robaron la casa con rapidez y elegancia. En un momento en que Teresa había salido a la terraza de la casa –justo cuatro minutos– entraron en la casa y se llevaron la máquina de escribir que acababa de comprar, dos pares de guantes y todo el dinero que tenía. Por lo demás se vive aquí como una magnolia. La vida es agradable. Estoy convencido que México es lo mejor de toda la América latina considerado en su conjunto.” En moitas ocasións as descricións de lugares, sucedidos particulares ou acontecementos da vida pública amosan a amargura do emigrante, o desarraigamento disimulado nun ton humorístico ou de sorna, mesmo en ocasións mordaz e sarcástico. É así que a mirada das e dos emigrados está dirixida sempre cara a Europa.

Os acontecementos no vello continente son obxecto de comentario e valoración polos interlocutores, presos do desexo de retornar á súa terra. Nos primeiros anos agárdase con grandes esperanzas que haxa posibilidades de reinstaurar a República en España e de retornar a unha terra semellante á que deixaron mais, co paso do tempo e a prolongación do réxime franquista, a desilusión vai prendendo nos exiliados. Mesmo varios dos interlocutores manifestan o seu descontento cos representantes do Goberno republicano, en tanto que as súas accións non son aprobadas, e lamentan que o republicanismo padeza a división entre os seus defensores. A Segunda Guerra Mundial suporá tamén unha transformación de Europa na que España, anquilosada no atraso da ditadura, non será capaz de integrarse de xeito doado. Ademais das novas que chegan a través dos que quedaron na terra e dos medios de comunicación, as viaxes dos emigrados a Europa son unha fonte de información moi valorada polos exiliados, xa que achegan visións sobre os cambios no vello continente, coma a impresión negativa do pintor e escritor Hans Platschek nunha carta de agosto do 1954 na que describe con certa ironía a postura da intelectualidade alemá e o aburguesamento da sociedade, ao tempo que critica a ideoloxía da prosperidade cultivada polo chanceler Konrad Adenauer.

Xunto á presentación de impresións sobre diversas rexións españolas, o epistolario contén tamén algunhas de Galicia en particular, dando conta da súa situación específica. Unha destas miradas é, por exemplo, a que ofrece Alfonso Domínguez nunha carta sen data despois dunha viaxe coa súa esposa. Domínguez dóese da miseria, a tristura e o medo que se apropiaron do carácter das galegas e galegos, que, ademais de sufrir os efectos da represión, teñen que vivir nunha terra á que non chegou o progreso, na que os netos seguen a facer as cousas do mesmo xeito que os avós. Así, Domínguez subliña o contraste entre a beleza da paisaxe galega e o sentir das xentes: “Los ha matado la Guardia Civil.”

Transcorrido moito tempo no exilio uruguaio, a familia Tobío Soler sente a necesidade de cambiar o seu benquerido Montevideo, no que a vida ao longo dos últimos dezaoito anos foi cómoda e confortable, mais caracterizada polo seu “tono mediocre” (carta a Miguel Ángel Marín Luna do dezaoito de decembro de 1958), polas vantaxes, estímulos e alicientes dunha gran cidade. Por este motivo, Tobío decide presentarse a unhas probas de tradutor para traballar en Nova York nas Nacións Unidas, aínda que finalmente non acepte o posto polas malas condicións económicas do contrato. Xa logo, nunha carta do 27 de marzo do 1962, pouco antes do seu retorno a España, Tobío confésalle a Leopoldo Nóvoa: “Te envidio enormemente por estar en París y, en general, en Europa. Veinte años de ausencia de mi viejo y querido mundo no han borrado el afán de tornar a él.”

Unha vez retornado, será Tobío quen nas súas cartas lles envíe novas e descricións da situación no país aos amigos que permanecen en América. Estes quedarán enormemente agradecidos polas súas informacións e análises, que constitúen para os interlocutores unha visión obxectiva, clara e razoada do que sucede en España e que dista abondo do que lles chega a través dos medios de comunicación, cheos de contradicións e de corte parcial. Pódese afirmar que as impresións de Tobío, referidas a diversos temas, son maiormente negativas. O intelectual viveirense amósase moi descontento, entre outros aspectos, co sistema educativo español e critica duramente a universidade, pola súa orientación teórica e memorística, pola escasa calidade dun profesorado posto a dedo e polas políticas cotiás de ‘enchufismo’. A censura e o xornalismo tampouco escapan ao xuízo negativo de Tobío, que só atopa un periodismo mediocre e lamenta que o diario máis lido sexa o Marca; chámalle a atención que España sexa o único país latino onde o periódico de máis tirada sexa exclusivamente de deportes.

Tobío séntese decepcionado da cidade de Madrid, porque xa non é o que foi durante a época de estudos, un centro cultural e intelectual. Mais tamén a nivel urbanístico critica o crecemento descontrolado da cidade, que contrasta coa calidade urbanística en Montevideo. Madrid convértese nun caos de tráfico cada vez máis insoportable, no que se ve obrigado a perder tempo valioso ao ter que desprazarse varias veces pola improdutiva xornada laboral partida. O viveirense observa a perda paulatina das tradicións e a infelicidade das xentes pola falta de lugares próximos para o desfrute do tempo de lecer. Así, as vacacións supoñen unha fuxida en masa dos madrileños a outras rexións da península.

No nivel socioeconómico, Tobío observa, dunha parte, os efectos positivos do turismo para paliar a débeda do país, mais sobre todo presenta o influxo negativo na fisionomía e carácter das vilas e cidades dos lugares turísticos. Doutra parte, o turismo contribúe, segundo Tobío, a sacar as teas de araña da sociedade española, borrando a aparencia anacrónica e pintoresca de España en Europa, e dando lugar a un proceso de europeización, polo que a sociedade se vai pouco a pouco modernizando. Este fenómeno vese impulsado tamén pola emigración obreira cara a Europa (Alemaña, en especial), que supón tamén unha fonte de ingresos para o país. Na contra, o investimento das ganancias en cousas innecesarias, o dispendio e falta de organización da industria, así como o esquecemento do agro, non permiten a España progresar, de xeito que é comparada neste sentido cos países subdesenvolvidos. A censura tamén é un aspecto importante nas cartas non só como tema, senón tamén como feito que se pode apreciar na redacción dos textos –véxanse especialmente as cartas de Tobío desde Madrid, nas que, por exemplo, se evita a utilización de nomes reais para referirse a certos personaxes. Segundo a opinión de Isidra de Báguena nunha carta a María del Carmen Soler, esposa de Tobío, do 24 de maio de 1958, esta censura vai da man da falla de información, que aparva as xentes, e da corrupción protexida pola inmunidade da ditadura. Tobío lamenta que o país continúe a nivel político e socioeconómico no pasado, permanecendo anquilosado e estéril. A excesiva intervención da igrexa nos asuntos públicos e a grande ignorancia da burguesía, a pasividade política e o declive de Franco e o seu réxime son apuntados como aspectos moi negativos da realidade española. Porén, o que máis mágoa lle produce a Tobío é a división de España: “La perpetuación de las dos España violentas, la dificultad de suavizar las oposiciones estableciendo un clima de tolerancia, respeto y libertad que deje existir y vivir a todas las corrientes políticas y de pensamiento.”

Nunha carta do 29 de maio do 1967, seu irmán, Carlos Tobío, refírese á descrición que Lois lles mandou da podremia e da corrupción en España, da apatía e inercia do pobo, afirmando que nunca o irmán se expresara de forma tan crúa e pesimista. Igual que Tobío serve de informador para os que quedan en América, tamén é de grande importancia para el estar ben informado dos acontecementos en Uruguai e noutros países da emigración, onde residen os seus coñecidos e amizades, polo que pide que lle envíen e o subscriban a diversas publicacións, como a revista uruguaia Marcha. Son moi interesantes ao respecto da situación en América Latina as cartas de Luis Coello de Portugal e de Virgilio Garrido.

Outra dimensión do epistolario de Lois Tobío é a que dá conta da vida política e cultural no exilio americano e das actuacións conxuntas con republicanos e galeguistas en Europa. Diversas cartas nesta colección están relacionadas coa actividade diplomática vencellada ao Goberno da República, que realizaron, entre outros, o propio Tobío. Nelas figura, por exemplo, o nomeamento do viveirense como Delegado do Goberno da República en Uruguai. Nalgúns dos textos de carácter oficial están recollidas instrucións para os axentes oficiosos do Goberno da República, orientadas a obter o seu recoñecemento por parte dos países onde se atopan os exiliados e a que estes delegados sexan tratados como representantes do Goberno republicano, así como á reclamación do recoñecemento da República por parte das Nacións Unidas.

Outras xestións a nivel político son, por exemplo, as de tipo humanitario. Nunha do 25 de abril do 1939, Indalecio Prieto fai referencia a outra carta sen data na que se lle comunica, baixo sinatura de Tobío, de José Asensio e un descoñecido, que se adoptou un acordo por parte da “Colonia Gallega de los Estados Unidos de América del Norte”, no que se toma a decisión, segundo cita Prieto, de “buscar la manera de arbitrar los recursos necesarios para poder transportar a México o a otra República de las Hispanas de América Central o del Sur, a los mil cien gallegos que actualmente se encuentran en los campos de concentración de Francia y a los que por haber huido de la zona rebelde y haber servido en las filas de la leal, se encuentran imposibilitados de poder volver a su patria.” Informacións coma esta achegan os lectores á grave situación en que se atoparon moitos galegos republicanos a causa da vitoria do bando nacionalista e da que hoxe en día a sociedade española pouco sabe.

Da reclusión en campos de concentración dan conta tamén algunhas cartas, coma a do propio irmán de Tobío, Carlos, dirixida en decembro de 1939 aos seus pais, ou a de José López-Rey, de maio do mesmo ano, dirixida a Tobío e na que menciona unha conversa cun tal Boris. Segundo este último, os funcionarios do Estado son uns privilexiados, mentres os doutros departamentos se atopan en campos de concentración. Outro dos correspondentes, José Rovira Armengol, expón nunha carta de setembro do 1942 que estivo preso dous meses nun campo de concentración en Marrocos. Tamén, desde París, José Quero Molares restablece o seu contacto con Tobío en marzo de 1945 e fálalle da situación precaria na que se vive en Francia, onde pasou medio ano nun campo de concentración –malia as restricións e incomodidades que sofren, as esperanzas de ver preto o remate da guerra danlle un aire positivo á carta. Doutra parte, o epistolario amosa o debate sobre temas da política entre os exiliados, sobre a posición de España na Segunda Guerra Mundial, o fascismo español, a sucesión de Franco, a monarquía etc. Neste apartado resulta ilustradora unha carta do 22 de xuño de 1942 de Anselmo Carretero na que se observa, dunha parte, a esperanza de que a República española poida reinstaurarse despois da guerra e tomar posición do bando dos aliados, mais, doutra parte, o autor cuestiónase sobre a actitude dos políticos republicanos e a súa teima pola improvisación. A posibilidade de restauración da República viría dada, segundo José Rovira Armengol nunha carta do 30 de novembro de 1942, porque o réxime franquista “no puede resultar compatible con los principios morales y políticos de la organización de la postguerra después del triunfo de los aliados.” Nesta mesma liña, Anselmo Carretero considera nunha carta do 10 de maio de 1943, en contra doutros compatriotas, que Franco non vai poder manterse no poder, senón que caerá igual que o resto de ditadoriños á sombra de Hitler e Mussolini.

A terrible situación económica en España despois da guerra é tamén un aspecto que os interlocutores consideran que fará que Franco caia. Tamén a sucesión do Goberno franquista é considerada un punto débil do réxime. O intento de promulgar a “Ley de sucesión de la Jefatura del Estado” foi rexeitado tanto dentro como fóra de España, coa oposición das institucións republicanas no exilio, como se pode ler nun comunicado do Presidente do Consello e Ministro de Estado Rodolfo Llopis, que lle remite Manuel Blasco a Tobío nunha carta do 23 de abril do 1947, na que o Presidente esixe, en nome dos republicanos, que calquera traspaso de poderes se produza como consecuencia dunhas eleccións democráticas, á vez que critica aqueles países que condenaron o réxime franquista e ao mesmo tempo asinan acordos ou tratados de tipo económico con España.

E, por suposto, o galeguismo tamén ten unha presenza importante no eido político dos exiliados, cuxo epicentro é considerada a figura de Castelao. Resulta interesante seguir a actividade de Castelao a través do epistolario, quen dá conta nas súas cartas da confianza que deposita en Tobío, de quen reclama apoio intelectual. En referencia a un dos fitos destacables da actividade política galeguista, pódese citar a correspondencia relativa á decisión do Consello de Galiza en Bos Aires de contar cunha representación propia que atenda os problemas específicos da terra –a autodeterminación– nas accións que se están a levar a cabo en París para derrocar o réxime de Franco. Nunha carta do 28 de xaneiro de 1958, informan a Tobío do nomeamento de César Alvajar como representante en París do Goberno republicano no exilio e das Irmandades Galegas en América “como entidade política e patriótica integrada por galegos de diversos matices, todos de siño democrático, republicán e galeguista” e pídeselle o seu consello.

A nivel cultural o epistolario amosa a reivindicación da visión europeísta e integradora da xeración de Tobío, dos que viviron a Europa de antes da guerra. Nunha carta do 24 de maio de 1940, José López-Rey afirma que só os que se atopan na emigración teñen o “verdadero sentido de la europeidad” e lamenta que o vello continente non vaia volver ser nunca a Europa que eles coñeceron e que define como “nuestro magnífico mapa espiritual”. Neste marco, cómpre entender o traballo pola cultura galega e española que se realiza no exilio. Gran parte da comunicación que se pode analizar no epistolario está dedicada a xestións relativas a traballos e publicacións en medios da emigración, moitos deles creados polos propios exiliados. A través destes medios, fundamentalmente revistas e xornais, pero tamén coa difusión de obras monográficas, antoloxías, estudos e traducións, foméntase un intenso diálogo cultural e intelectual. Entre as colaboracións de Tobío que se citan con maior frecuencia nas cartas pódense nomear as do suplemento do diario uruguaio máis importante, El Día, as revistas Las Españas (México) ou Galicia (Bos Aires).

Moitos exiliados viron tamén na tradución unha forma de obter ingresos. No caso de Tobío, ademais do interese que sentía por determinados textos, este será tamén un motivo para realizar esta actividade. Nas cartas non só aparecen datos concretos sobre como se xestaron estes traballos e sobre a súa edición e publicación, senón tamén comentarios que subliñan a calidade das traducións realizadas por Tobío, mencionándose en especial a Teoría del Estado de Hermann Heller, publicada polo Fondo de Cultura Económico en México no ano 1942, e Oíd, alemanes: discursos radiofónicos contra Hilter de Thomas Mann, dada ao prelo na Editorial Nova de Bos Aires en 1945.

Outra das grandes contribucións de Tobío no exilio, que terá continuidade despois do retorno a España, é o seu enorme e relevante labor para a publicación da Historia de Galiza de Ramón Otero Pedrayo, que o viveirense acometeu inicialmente a petición de Rodolfo Prada, pois precisaba que Tobío se ocupase da unificación ortográfica dos textos, como se le nunha carta do 23 de febreiro de 1956. Mais a maior parte das cartas sobre este proxecto están datadas a partir de 1961, cando se iniciaron verdadeiramente os traballos para a edición. Na correspondencia co gallo da Historia de Galiza atópanse as cartas centradas na xestión con Manuel Puente e, máis tarde, de novo con Rodolfo Prada, as cartas á Xerencia do Banco de Galicia en Montevideo por cuestións económicas, a correspondencia mantida con interesados na publicación, como o profesor Fritz Krüger, e, en especial, a comunicación con Francisco Fernández del Riego, quen lle axudará desde Galicia coa edición, así como as cartas de colaboradores como Emilio Pita, Xaquín Lorenzo, Leopoldo Nóvoa, entre outros, e, por suposto, o intercambio con Don Ramón.

Un bo número de cartas do epistolario de Lois Tobío están asinadas por Francisco Fernández del Riego, mais non só relativas á Historia de Galiza, senón tamén ao labor cultural na terra e sobre a cultura galega na emigración en xeral. En especial destaca a petición que este lle fai a Tobío para colaborar coa recente editorial Galaxia, na que traballa o interlocutor xunto con Ramón Piñeiro, así como na revista Grial. Fernández del Riego mantén a Tobío informado sobre a creación literaria na terra, sobre novas editoriais, movementos e outras iniciativas nas que el mesmo participa como a fundación dunha biblioteca cos fondos de Penzol. Outra das novas que lle achega a Tobío será a da creación da Cátedra de Lingua Galega na Universidade de Santiago, nunha carta do 17 de novembro de 1962.

Tobío é requirido, como se pode comprobar na correspondencia, para a súa colaboración con entidades culturais como a Institución Hispanocubana de Cultura, a Casa de Galicia de Montevideo, o Centro Galego de Bos Aires etc., ou de carácter político como o Consello de Galiza. Tamén participou intensamente na organización do Congreso da Emigración Galega de 1956 en Bos Aires, co que se conmemoraba o Banquete de Conxo. Foi así mesmo conferenciante a petición da Comisión de Cultura do Centro Pontevedrés para a celebración do aniversario da República o 11 de abril do 1958 e participou no 1960 no aniversario de Castelao. Como grande intelectual que contaba co aprecio de moitas persoas da cultura, Tobío foi convidado a formar parte en tribunais de concursos e a facer numerosas contribucións, por exemplo para o volume conmemorativo da revista Nós, a cargo da Real Academia Galega. Outros intelectuais, como Xosé Neira Vilas, pídenlle tamén que relate os seus recordos para engadilos ao estudo que realiza sobre o Primeiro Congreso da Emigración Galega, polo papel destacado de Tobío nese evento.

Poderíanse nomear moitos máis aspectos para acender o interese de lectoras e lectores polo epistolario de Lois Tobío. Como amosan as cartas aquí recollidas, é un home de gran relevancia para a cultura galega, unha persoa con variados intereses que traballou arreo polos seus ideais e que mantivo os seus principios e o amor á terra ao longo de toda a súa existencia. Foi moi querido polos seus achegados e moi admirado por quen valorou o seu traballo. O epistolario dá conta das intensas relacións de Tobío nos ámbitos privado e público ao longo de cincuenta anos da súa vida e abre unha ventá cara ás ledicias e ás tribulacións dos que comparten as súas vivencias, así como cara a unha realidade sobre a historia de Galicia, de España, Europa e América que ilustra e fai reflexionar sobre o momento actual, sobre a nosa memoria histórica.