f Lois Tobío Fernández | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Lois Tobío Fernández

Viveiro, Lugo, Galicia, 1906 - Madrid, 2003

Biografía

----

Lois Tobío Fernández

Viveiro, Lugo, Galicia, 1906 - Madrid, 2003

Autoria: Patricia Arias Chachero

DOI: 10.17075/adg.3904

Metódico, culto e comprometido diplomático, traballou sempre a prol da súa terra.



Naceu en Viveiro o 13 de xuño de 1906. O seu pai, un home culto, simpatizante das ideas rexionalistas e familiarizado coa Institución Libre de Enseñanza, chegara á vila catorce anos antes para exercer como mestre, e alí coñeceu a nai, Mélida Fernández González, filla dunha familia fidalga do lugar. O neno Lois Tobío, educado nun ambiente culto e abastado, aprendeu a ler con apenas tres anos e interesouse decontado pola música e o cinema, dúas das súas grandes paixóns.
Cando tiña dez anos a familia trasládase a Compostela, onde o pai ocupa unha praza na Escola Normal e o rapaz prepara o exame de ingreso no Instituto, que supera sen dificultade. Estuda solfexo, canto, piano e, ao rematar o bacharelato, alemán. Xa universitario entra en contacto con Cotarelo Valledor e Pérez Bustamante, docentes que comezan a definir as súas inquietudes intelectuais. Excelente estudante, dotado dunha memoria prodixiosa, antes de concluír a carreira recibe un premio no VI Certamen Nacional del Ahorro, recoñecéndoo como o mellor expediente da universidade compostelá. En 1927 licénciase en Dereito, obtén o premio extraordinario e comeza a impartir aulas e a organizar a biblioteca da facultade. En 1929 logra unha praza como profesor axudante substituíndo a García Labella.
Amigo de Wenceslao Requejo, no outono de 1923 foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, onde ingresou pouco despois, o 25 de novembro, cun traballo titulado «Unhas moedas castelás atopadas no Valadouro», publicado en 1925 en Nós. Na revista asinaría tamén os artigos «A ladaíña de Santa Tegra» (nº 93), «Poñelo Santo. A verba “Farxácola”» (nº 93), «Refresións encol do momento aitual de Galicia» (nº 95) e «A eirexa de Santa María, de Viveiro» (nº 111).
No Seminario, entra en contacto con outros mozos con inquietudes galeguistas, como Bouza Brey, Filgueira, Magariños Negreira, Carballo Calero, Fraguas, Cunqueiro… e con figuras destacadas da cultura galega como Pedrayo, Risco, Castelao ou Ánxel Casal. Desde o Seminario pronuncia conferencias, asiste a cursos e exerce como Secretario de Actas ata a primavera de 1928. Mozo atento, erudito e esperto, asina textos en El Pueblo Gallego e en El Compostelano, ao tempo que comeza a publicar traballos no Boletín da Real Academia Galega e nos Arquivos do Seminario. No 29 atopámolo participando nos traballos de campo de Terra de Melide, e en 1936 forma parte do consello director da institución á fronte da sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.
En 1929 consegue unha bolsa para ampliar estudos en Berlín, onde entra en contacto co marxismo e ten a posibilidade de formarse con intelectuais como Carl Schmittt e Hermann Heller, autoridades en Dereito Internacional. Moitos anos despois, Tobío traducirá Teoría del estado, a obra máis coñecida de Heller. No tempo que pasa en Alemaña comparte faladoiros e paseos con Francisco Alaya e Fernández Armesto. Preocúpase ademais de fomentar o intercambio entre os galeguistas e o Romanisches Seminar, do que se beneficiará Risco, que visita a cidade en 1930 tal e como contou en Mitteleuropa.
Tobío regresa a Compostela e gaña unha praza de auxiliar de Historia do Dereito. Cando comeza a explicar a materia, inclúe un monográfico, impartido na nosa lingua, sobre a historia do dereito galego. Coa vontade de preparar o doutoramento, trasládase a Madrid en 1931, onde comparte conversas e inquietudes cos deputados galegos Pedrayo, Suárez Picallo e moi especialmente, Castelao, a quen a partir de entón, o unirá un lazo de simpatía e admiración mutua. En decembro dese ano, cando se funda o Partido Galeguista, noméano membro do Consello Executivo. Comeza entón un período de intenso compromiso político no que percorre o país pronunciando mitins e conferencias, nas que explica insistentemente a idea de Galicia, célula de universalidade. Neste tempo participa tamén na redacción do Anteproxecto do Estatuto de Galicia.
En 1933 enfróntase a un tribunal presidido por Américo Castro e ingresa por oposición na carreira diplomática. Renuncia á praza de auxiliar e trasládase a Bulgaria, en cuxa capital exerce como secretario da embaixada española. Lector incansable, visita museos, asiste a conferencias, aprende búlgaro e percorre os países da contorna.
Co levantamento militar do 18 de xullo, permanece fiel á República e en 1937 consegue regresar a España. Forma parte do exército republicano en Granollers e Figueres, onde obtén o grao de Tenente e desde onde o trasladan á fronte do Ebro. En Valencia, traballa no Ministerio de Estado ás ordes de Álvarez del Vayo, quen lle ofrece poñerse á fronte da secretaria xeral. Acepta o posto e realiza numerosas viaxes oficiais representando a República. En Valencia ten ademais a oportunidade de retomar a amizade con Castelao e Suárez Picallo. Neses anos coñece a María del Carmen Soler, estudante de Filosofía e Letras, con quen casa en 1939 e con quen emprende o camiño do exilio. Despois dunha curta estancia en París, a parella chega a América. En Nova York, camiño de Cuba, reencóntranse con Castelao.
Instalado durante un ano na Habana entra en contacto con exiliados republicanos, entre eles Concha Méndez e Manuel Altolaguirre, e cun grupo de intelectuais cubanos como Raúl Roa, Fernando Ortiz ou José Antonio Portuondo, cos que funda a Escuela Libre de La Habana. Tras a estancia en Cuba, marcha a México D. F e comeza a traballar no Instituto Hispano-Mexicano Ruíz de Alarcón, organizado por refuxiados españois. De México trasládase a Uruguai, onde vivirá ata a súa volta definitiva a España en 1963.
En Montevideo colabora en xornais e revistas como Marcha, Imago Mundi e moi especialmente El Día, e grava programas para Radio Ariel, desde onde organiza cursos que son seguidos por moitos oíntes. A experiencia radiofónica serviralle para, co tempo, promover a emisión de Sempre en Galiza, programa decano da radio uruguaia. En 1944 participa, como ideólogo, na posta en marcha do Consello de Galiza. No exilio está en contacto coa Irmandade Galega de Montevideo, coa Casa de Galicia e co Centro Galego de Bos Aires, onde recibirá a Castelao, de quen tivo a oportunidade de escoitar en directo a lectura do célebre Alba de gloria en 1948. No 56 participa na organización do I Congreso da Emigración Galega. Colabora con Galicia emigrante e na Historia de Galiza que coordina Otero Pedrayo, a quen abrazará de novo en 1947 cando don Ramón visita Bos Aires convidado polo Centro Galego.
En 1974, once anos despois de instalarse en España, reingresa no corpo diplomático e permanece dous anos en activo. Conferenciante e investigador culto e entusiasta, redacta interesantes traballos sobre o conde de Gondomar. En 1984 concédenlle o Pedrón de Ouro e en 2002, un ano antes da súa morte, o Premio de Tradución Plácido Castro, galardón que recolle emocionado, pois o de traducir foi sempre traballo do seu agrado. Dedicoulle horas á obra de Bertolt Brech, Rilke e Goethe,
Faleceu con noventa e seis anos, en Madrid, o 12 de marzo de 2003.


  • Referencias

    • OBRA

      • En galego

        • As Décadas de T. L. (1994)
        • Colección de cántigas da Mahía (1995)



      • En castelán

        • La saudade (1953)
        • Gondomar y su triunfo sobre Raleigh (1974)
        • Gondomar y los católicos ingleses (1987)



      • Traducións

        • Poesías inglesas e francesas vertidas ao galego (1949) (en colaboración con Plácido Castro e Delgado Gurriarán)
        • Os Sonetos a Orféu de Rainer María Rilke (1980)





    • BIBLIOGRAFÍA

      • Maseda Maseda, , Francisco Fidel (2011): «Tobío no Seminario de Estudos Galegos», Madrygal, Madrid, nº 14, pp. 139-147
      • Mejía, , Carmen; Palomares, Verónica (2006): «Constanza Tobío Soler: A pluralidad intelectual de Lois Tobio», Madrygal, Madrid, nº 9, pp. 175-183
      • Ríos, Xulio (2004): Lois Tobío. O diplomático que quixo e soubo exercer de galego no mundo. Vigo: Ir Indo
      • Tobío, Lois (1994): As Décadas de L. T.. Sada: Ediciós do Castro





Como citar: Arias Chachero, Patricia : Lois Tobío Fernández. Recuperado o 28/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3904

Lois Tobío Fernández

Viveiro, Lugo, Galicia, 1906 - Madrid, 2003

Autoria: María Teresa García Domínguez

DOI: 10.17075/adg.3904

Escritor, xornalista, diplomático, tradutor, defensor de Galicia e da cultura galega no mundo



Lois Tobío Fernández nace en Viveiro o 13 de xuño de 1906, fillo maior de Lois Tobío Campos, mestre natural de Brión, e de Mélida Fernández, de Viveiro. Alí vive ata os dez anos, cando a familia se traslada a Santiago de Compostela, aínda que nunca esquecerá a súa terra natal e o seu amor por este concello lucense. En Santiago, seu pai foi profesor na Escola Normal desta cidade e o feito de vivir nunha cidade universitaria facilitou o desexo do matrimonio Tobío Fernández de darlles estudos a todos os seus fillos e fillas, pois tal e como comenta a súa filla Constanza, nunha entrevista que se publicou na revista Madrygal (2006), os seus avós compartían a idea krausista da educación como instrumento de transformación, de buscar a mellor maneira de ter un porvir. E Lois Tobío foi un claro exemplo de home estudoso e polifacético.

Alí estuda o bacharelato e céntrase nos idiomas, francés e alemán. Estes coñecementos lingüísticos axudaranlle moito no seu futuro profesional. Decide estudar Dereito na Universidade de Santiago e alí coñece a un grupo de compañeiros e mestres que nos anos 20 fundan o Seminario de Estudos Galegos, creación na que el participou activamente e da que chegou a ser secretario, conselleiro permanente e director da Sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.

En 1927 licénciase en Dereito e viaxa a Berlín cunha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios para estudar Teoría do Estado co profesor Hermann Heller, un dos maiores especialistas na materia e do que anos máis tarde traduciría a súa obra Teoría del Estado. Alí reside durante un ano e fai numerosas amizades. Cando volta decide continuar na universidade como profesor e gaña unha praza de profesor auxiliar na Facultade de Dereito da USC.

Cada vez máis integrado no Partido Galeguista –foi membro do seu Consello Executivo dende que se creou en 1931– e contando coa amizade e confianza de Castelao, foi un dos redactores do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia, sendo determinante na formulación xurídica do texto. Este anteproxecto foi o punto de partida para a elaboración do Estatuto de autonomía do 36.

En 1931, coa chegada da República, convócanse prazas á carreira diplomática e Tobío aproba as oposicións. En 1933 ocupa o cargo de secretario da Embaixada de España en Sofía (Bulgaria). Tras o golpe de Estado do 36, Tobío mantén a súa fidelidade á República e en 1937 volve a España, chamado a filas, e serve no exército como tenente de artillaría na fronte do Ebro. Pola súa formación como diplomático, é convocado polo Ministerio de Estado e alí realiza diversos traballos consulares e de administración. En 1938, baixo o mandato do ministro Álvarez del Vayo, é nomeado secretario xeral do Ministerio e trasládase a Barcelona, onde estaba o goberno republicano.

Ese ano coñece a Mª del Carmen Soler Ponce de León, catalá de orixe uruguaia, que estudaba Filosofía e Letras, e casan o 23 de xaneiro de 1939, uns días antes da caída de Barcelona. Teñen que fuxir a Francia, onde só estarán unhas semanas residindo en París, ata que conseguen viaxar á illa de Cuba. Viven alí uns meses pero, debido ás poucas expectativas profesionais e animados por varios exiliados galegos que estaban en México, deciden trasladarse a este país. En xaneiro de 1940 chegan a México DF e, xunto co seu cuñado Luis Martul, Anselmo Carretero e outros exiliados, fundan o colexio Ruiz de Alarcón.

Aínda que contaban con moi bos amigos e incluso se lles concedera a residencia, en setembro de 1940 marchan para Uruguai. Este país non era tan favorable á acollida de exiliados españois, pero o feito de a súa muller nacer alí e contar con familia axudou a instalarse e a ter mellores expectativas profesionais. Durante a súa estancia na capital uruguaia participou nas actividades políticas e culturais que desenvolveron os exiliados galegos. Os primeiros anos en Montevideo traballou como xornalista no diario El Día e en Radio Ariel, destacando polos seus artigos sobre política internacional; colaborou tamén en revistas como Marcha ou Imago Mundi e traduciu ao español obras de autores como Ralph Roeder, Heinrich Mann, Hermann Hesse ou James Purdy.

Paralelamente mantén as súas fortes vinculacións co galeguismo e asesora xuridicamente a Castelao na creación do Consello de Galiza, do que sería delegado en Uruguai. Moi integrado na colectividade galega residente en Mar del Plata, foi fundador e colaborador da emisión radial “Sempre en Galiza” de Montevideo, escribe numerosos artigos en Galicia Emigrante e outros voceiros da colectividade e imparte conferencias en diversas entidades galegas de Arxentina e Uruguai. Foi tamén redactor do manifesto, temario e regulamento do Primer Congreso de la Emigración Gallega (1956). Baixo o paraugas económico de Manuel Puente, estivo encargado da edición da Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero Pedrayo (1961-1962).

En 1947 abandonou o xornalismo e pasou a traballar na sección de publicidade da Casa Roche (delegación de Montevideo), unha importante empresa farmacéutica internacional que lle dá unha certa estabilidade económica. Con dous fillos, Miguel e Constanza, nados en Uruguai en 1945 e en 1954, respectivamente, nos primeiros anos da década dos 60 o matrimonio Tobío Soler pensa na volta ao seu país. Os seus desexos de cambio político parecen non concretarse, pero un certo aperturismo do réxime que comeza a finais dos anos 50 e a constatación de que non ían ter problemas legais para o retorno fan que a idea se vaia impoñendo. En 1963, coa creación dunha delegación en Madrid da Casa Roche, Lois Tobío retorna coa súa familia, tras case 25 anos sen pisar a súa terra natal.

Cando chega, segundo se desprende dalgunhas cartas do Fondo documental Lois Tobío que se conserva no Consello da Cultura Galega, atópase unha España descoñecida e atrasada pero na que pouco a pouco se vai integrando. Retoma vellas amizades e as novas xeracións van recoñecendo a súa figura na loita polo galeguismo e na defensa da cultura galega. En 1974 consegue reingresar na carreira diplomática e nela permanece ata a súa xubilación en 1976.

Durante a vellez dedicouse ás súas investigacións históricas sobre a figura do conde de Gondomar. Ademais, colabora nunha colectánea de poesía inglesa e francesa vertida ao galego publicada en 2004, xunto con Plácido Castro e Florencio Delgado Gurriarán.

Participa activamente na restauración e renovación do Seminario de Estudos Galegos (1979), que presidiu ata a súa morte. Nos seus últimos anos recibe varias homenaxes e premios, como o Pergamiño de Honra e Loubanza do Patronato Pedrón de Ouro (1984), o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1991), a Medalla de Honra de Viveiro (1997), o Premio das Artes e das Letras de Galicia (1999) e en 2005 foi declarado a título póstumo fillo adoptivo de Gondomar.

Morre en Madrid o 12 de marzo de 2003.


  • Referencias

    • OBRA

      • Obra propia

        • (1974): Gondomar y su triunfo sobre Raleigh, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos.

        • (1984): A intervención de Gondomar nos problemas internacionais da pesca, Sada, Ediciós do Castro.

        • (1987): Gondomar y los católicos ingleses, Sada, Ediciós do Castro.

        • (1991): Catro ensaios sobre o Conde de Gondomar, Trasalba (Ourense), Patronato Ramón Otero Pedrayo.

        • (1994): As décadas de T.L., Sada, Ediciós do Castro.

        • (2003): Recuerdos de un diplomático intermitente, selecc., trad. y present. por J. Durán-Loriga, Burgos, Dossoles.

        • (2006): A nova vida, Sada, Ediciós do Castro (póstuma).



      • Traducións ao galego das seguintes obras de

        • Bertolt Brecht: Nai Coraxe e mais os seus fillos (1987), Sada, Ediciós do Castro.

        • Rainer María Rilke: Os sonetos de Orfeu (1980), Sada, Ediciós do Castro

        • Goethe: Fausto de Goethe (1996), Santiago de Compostela, Editorial Laiovento.





    • BIBLIOGRAFÍA

      • Tobío Fernández, Lois (1994): As décadas de T.L., Sada-La Coruña, Ediciós do Castro.

      • VV. AA. (2001): Homenaxes a Lois Tobío, Sada-La Coruña, Ediciós do Castro.

      • Ríos, Xulio (2004): Lois Tobío, Vigo, Ir Indo.

      • Mejía, Carmen, Palomares, Verónica: «Entrevista. Constanza Tobío Soler: La pluralidad intelectual de Lois Tobío», Madrygal, n. 9 (2006), p. 175-184.

      • Ríos, Xulio (coord.) (2020): Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, Actas.





Como citar: García Domínguez, María Teresa : Lois Tobío Fernández. Recuperado o 28/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3904

Obra sobre Lois Tobío Fernández

Artigo «Propaganda del Partido Galleguista: Se inauguró el domingo en la Coruña»

Baixo o subtítulo Hubo numerosos incidentes faise unha reportaxe e crítica do mitín que o PG pronunciou no Teatro Rosalía de Castro.
Ademais de Lois Tobío, tomaron a palabra Alexandre Bóveda, Castelao, Víctor Casas e Suárez Picallo.

Fonte: El Ideal Gallego vía Galiciana
Artigo «Merecido homenaje a Tobío Fernández. La cena de anoche»

Homenaxe a Lois Tobio no restaurante Asesino de Compostela dos seus compañeiros de estudos. Reprodúcese no artigo unha poesía de Augusto María de las Casas [sic], el poeta nuevo, el sonetista de Alma Triste.

Fonte: El Compostelano vía Galiciana Para facilitar a lectura compúxose dixitalmente o artigo nun único ficheiro a partir de dous fragmentos non contiguos da publicación orixinal

Videos


Entrevista a Lois Tobío
Memoria de Galiza
Procede do Álbum da Emigración

Inauguración da Xornada Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista
Organizada polo CCG, coa colaboración do Concello de Viveiro, o Instituto Galego de Análise e Documentación e coordinación de Xulio Ríos, celebrouse no Pastor Díaz, de Viveiro, en 2018.
Procede do Álbum Nós

Artigos Lois Tobío Fernández

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Lois Tobío Fernández nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1949) Arqueólogo e poeta. Galicia [Bs As 1930]. (1075), 5.
Mencións: Fermín Bouza-Brey ; Salvador Cabeza de León ; Armando Cotarelo Valledor ; Xosé Filgueira Valverde ; Luís Iglesias Iglesias ; Ramón Martínez López ; Magariños Negreira ; José Pena ; Wenceslao Requejo ; Francisco Romero Lema ; Lois Tobío Fernández ; Vidán Freiría ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1960) Guía de escritores lucenses. Galicia [Bs As 1926]. (512), 17 .
Mencións: Daniel Cortezón ; Álvaro Cunqueiro ; Celestino Fernández de la Vega ; Manuel María ; Ánxel Fole ; Aquilino Iglesia Alvariño ; Uxío Novoneyra ; Nicomedes Pastor-Díaz ; Luís Peña ; Ramón Piñeiro ; Luz Pozo Garza ; Juan Rof Carballo ; Lois Tobío Fernández ; Luís Pimentel ; Antón Villar Ponte ;

Libros do ccg sobre Lois Tobío Fernández

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Lois Tobío Fernández nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Lois Tobío.
Galeguista, tradutor e xornalista
2020 | Xulio Ríos, Coordinación.
Libro. Actas