Plácido Castro

Referencia singular do universalismo galeguista

Vocacións e ideais de Plácido Castro

Xulio Ríos. Coordinación
2020

O Consello da Cultura Galega recolle nesta publicación as actas da xornada celebrada en febreiro de 2019 sobre a figura de Plácido Castro (1902-1967), organizada pola Comisión de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega e o Concello de Cambados, en colaboración coa Fundación Plácido Castro, e coordinada por Xulio Ríos.
Plácido Castro é un dos símbolos máis sobranceiros do universalismo galeguista. Pola súa orixe e a súa formación, foi unha rara avis no galeguismo dos anos trinta. Humanista, anglófilo e erudito, ao longo da súa vida desenvolveu tres vocacións principais: a tradución, o xornalismo e o compromiso político con Galicia.

Pdf Ficha

Por que Vocacións e ideais de Plácido Castro

O libro

Plácido Castro na 1º etapa como correspondente en Londres de El Pueblo Gallego. 1927

Plácido Castro (Corcubión 1902-Cambados 1967) non podía faltar no inventario de persoeiros que en Galicia e desde o galeguismo estiveron comprometidos coa defensa do universalismo, cunha Galicia aberta ao mundo.

Plácido foi unha rara avis, unha figura moi singular no cosmos galeguista do pasado século e aínda hoxe é unha personalidade por descubrir en moitas das súas facetas. En realidade, fíxose galeguista estudando no Reino Unido (en Scarborough e Glasgow), onde se formou dende moi novo con parte da realeza británica. De familia acomodada e liberal, foi alí onde realmente chegou a comprender que a identidade, no plano individual e colectivo, debe partir do propio, do seu recoñecemento, dignificación e exaltación. Dende o profundo coñecemento da maneira de ser británica (nada de flegmáticos, dicía), foi quen de comprender que é na diferenza onde radica a forza do ser, pero sen que iso derive en ningunha forma de confrontación. Para el, que consideraba o nacionalismo un credo moderno, o galeguismo era unha forma de estar no mundo, un mecanismo de unión cos outros baseado no respecto.

Plácido Castro é, así, unha figura a quen ese inexorable paso do tempo lle permite gañar proxección, solvencia e lembranza. Plácido contaba cunha sólida formación, como moitos dos seus coetáneos galeguistas que conformaron unha xeración irrepetible. A diferenza doutros, claramente filoxermanos, o imaxinario do noso Plácido amosaba un perfil inevitablemente anglosaxón. Do Reino Unido, Irlanda e o mundo céltico que tanto admiraba chegou a ser un profundo coñecedor e a el acudía para escribir fermosas crónicas e relatos pero tamén para analizar a súa actualidade política, económica, cultural ou social. Nesas orixes e converxencias identificaría un dos sinais de identidade da nosa forma ser como é a saudade, que interpretaba nun sentido abertamente contrario ao tópico.

A súa profunda devoción pola poesía e o dilatado coñecemento da lingua inglesa imprimiron nel o interese pola tradución. Así, Plácido realizou excelentes traducións poéticas "tamén teatro" que hoxe se recoñecen como pioneiras dese labor en Galicia.

En Plácido Castro non hai contradición entre o dominio do inglés e doutras linguas e o amor á propia, entre ser cidadán do mundo e asumir unha fonda identidade de seu, entre ser nacionalista e alentar a unión universal dos pobos, entre ser moderno e apostar polo progreso e dignificar as vigas esenciais do noso ser, mesmo entre contar cunha posición ben acomodada e avogar pola dignidade e a xustiza social. Todos estes son tópicos habituais nos que a nosa sociedade malgasta inxentes enerxías autodestrutivas e para os que a vida, obra e pensamento do noso autor achegan solucións tan firmes como conciliadoras.

De esquerda a dereita: Plácido Castro, Darío Álvarez Blázquez, Francisco Fernández del Riego e Xosé María Álvarez Blázquez. 1948

Eternamente preocupado pola salvagarda da identidade de Galicia, polo reencontro de Galicia consigo mesma en todos os dominios (da lingua á paisaxe, pasando polo turismo e calquera manifestación cultural), todo debía ser dignificado e enxalzado para construír un futuro en que debiamos exercer de nós. El, que tantos anos vivira no Reino Unido, antes e despois da Guerra Civil española, participando nas emisións da BBC en lingua galega, castelá e inglesa, quen chegou a colaborar durante varios anos no Jornal de Notícias de Porto, comprendía mellor ca ninguén o significado desa proxección universalista que el unía á admiración do progreso.

Plácido Castro encarna valores e actitudes de gran significación no noso presente: o altruísmo, o pacifismo, o humanismo; en fin, a devoción por unha Galicia de seu, xenerosa, con autoestima, reivindicada e reivindicable, aberta ao mundo. O rigor, o compromiso, a modestia e a elegancia que sempre observou en vida deben ser acicates para que esteamos á altura de lle ofrecer o recoñecemento que tanto merece. Por fortuna, eses tempos van chegando.

No universo do galeguismo e o nacionalismo, poucas figuras como a de Plácido Castro ofrecen unha traxectoria e un pensamento tan orixinal. Plácido entendía así o galeguismo: unha admiración profunda polas culturas alleas coa esperanza da normalización da propia, nunca menos considerada a sabendas de que só así Galicia podería estar en condicións de dialogar co resto do mundo.

Plácido Castro nos estudos da BBC en Londres na 2ª etapa como correspondente dos xornais La Nación e Jornal de Noticias de Porto, entre outros. 1955

Con independencia da época e das súas vicisitudes anímicas, hai sempre unha foto fixa, a do Plácido do diálogo, da tolerancia, do librepensamento, da curiosidade, da fe e conviccións democráticas profundas, do gusto polo traballo ben feito e con rigor, daquel individuo culto e amador da cultura que preferiu falar con voz baixa ou simplemente calar antes que dobrar a cerviz ante a tiranía da ignorancia e da mediocridade.

Cambados representou moito na vida de Plácido Castro. Na vila do Salnés pasou parte dos veráns na súa mocidade antes da guerra. E despois dela, á volta do exilio londiniense, nela atoparía acubillo quen a partir de entón sería coñecido entre os seus conveciños como «O inglés» e se sumaría, cos límites da época, a iniciativas culturais e sociais que hoxe gozan aínda de excelente saúde.

Xulio Ríos
Coordinador da xornada e da Comisión de Acción Exterior (CCG)

A figura: [Plácido Castro no Álbum de Galicia]

Plácido Castro, a súa dona Jesusa, Darío Álvarez Blázquez e a súa dona. 1948

Naceu en Corcubión un 25 de xaneiro de 1902 e faleceu en Cambados un 17 de xullo de 1967. Era fillo de Plácido Castro Rivas e de Eufrasia del Río Recaman. O seu pai, empresario de minas, armador de buques e abastecementos de carbón, foi vicecónsul de Suecia e Noruega en Corcubión.

A unha idade moi nova (ao parecer só tiña seis anos), foi enviado pola súa familia a cursar estudos fóra de Galicia, ao Colexio Scarborough de Glasgow. Na Universidade de Glasgow completou estudos. Ademais de manter frecuentes contactos cos intelectuais da época, realizou viaxes por aquelas illas e por Irlanda, vivencias que influíron na conformación do seu pensamento.

Tantos anos en contacto coa cultura e a sociedade británicas permitíronlle acadar un notable dominio e coñecemento das súas linguas e cultura, destacando como expoñente anglófilo dunha xeración galeguista na que predominaban os xermanófilos.

Desde a capital británica exerceu como colaborador de diarios e revistas, en especial de El Pueblo Gallego, de Vigo. O periodismo será dende entón unha das súas grandes actividades.

Nos anos inmediatamente anteriores á proclamación da II República regresou a Galicia coa intención de participar na vida política. En 1931 pronunciou a conferencia “O nacionalismo, credo moderno”, organizada pola Irmandade da Fala da Coruña. Aposta polo nacionalismo como medio para a redención de Galicia e afirma con rotundidade que é un credo moderno, liberal e progresista, unha política construtiva para facer máis doada a solidariedade entre os pobos.

Na Asemblea fundacional do Partido Galeguista (1931) formou parte da delegación coruñesa. Xunto con Bóveda, actuou de secretario da mesa presidencial. Foi elixido membro do Consello Permanente e directivo provisional.

Na II Asemblea (1932) integrouse na secretaría executiva para substituír a Bóveda na secretaría de organización. Na III Asemblea créase a secretaría de relacións internacionais, que vai ser exercida por Plácido Castro, e Bóveda regresa á organización. Plácido é o candidato máis votado para a secretaría executiva con 1654 sufraxios. Na IV Asemblea (1935) repite no cargo.

Durante estes anos percorreu numerosas vilas de Galicia participando en actos de explicación do ideario nacionalista. Formou parte da comitiva que participou no mitin de Carral, en 1932. No parque Méndez Núñez da Coruña, presidiu a tribuna da homenaxe a Curros Enríquez, acto organizado pola Irmandade da Fala da cidade herculina, que el mesmo presidía tamén. Foi outro dos grandes propagandistas do Estatuto. Plácido figura na lista de doce candidatos propostos pola II Asemblea extraordinaria do Partido Galeguista para ser incluídos nas listas da Fronte Popular.

A súa erudición e coñecemento de idiomas obrigaríano a desempeñar un significativo papel nas relacións que o galeguismo mantivo cos medios estranxeiros. Representou ao Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas (CNE), realizado no hotel Savoy de Berna os días 16, 17 e 18 de setembro de 1933. Este foi, sen dúbida ningunha, o evento que determinará a inevitable presencia de Plácido Castro na historia moderna de Galicia.

En febreiro de 1934 participou no Pacto de Compostela. Na reunión de Galeuzca, a delegación galega estaba formada por Otero Pedrayo, Gómez Román, Enrique Peinador, Francisco Fernández del Riego e Plácido Castro. Un ano despois, en febreiro de 1935, representou ao Partido Galeguista no Consello Galego de Galeuzca.

En 1936, colaborou con Álvaro de las Casas na fundación da Asociación de Escritores Galegos.

A Guerra Civil sorprendeuno na Coruña. Oculto en Muxía na casa duns familiares, foi detido, procesado e condenado polo “Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas” a quince anos de inhabilitación absoluta, a oito anos e un día de desterro a máis de cen quilómetros de Muxía e ao aboamento dunha multa de 25 000 ptas.

En 1944 contraeu matrimonio en Cambados con Jesusa Sineiro Vidal e contaba corenta e dous anos. Tiveron oito fillos. En 1945 trasladáronse a Vigo, onde el retomou o contacto con outros represaliados e se involucrou nalgúns proxectos galeguistas.

En 1946, a Federación de Sociedades Gallegas premiou a obra Poesía inglesa e francesa vertida ó galego, da autoría compartida con Lois Tobío e Florencio Delgado Gurriarán.

Cando a finais desa década visitou Galicia Mr. George Hills, director da sección en castelán da BBC (British Broadcasting Corporation), Plácido foi un dos seus anfitrións e ultimou as posibilidades de colaboración dos galeguistas do interior coa emisora británica.

A comezos de 1949 trasladouse a Londres. Aquí, durante seis anos exerceu como locutor-redactor na BBC, na sección dos programas en lingua galega, española e portuguesa, ademais de como crítico-teatral en lingua inglesa. Así mesmo, enviará algunhas colaboracións periodísticas a xornais de Portugal (o Jornal de Notícias de Porto).

Ao cumprir integramente a pena de quince anos de inhabilitación absoluta, volveu a Galicia e incorporouse como profesor de inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía.

Regresou tamén á prensa. Colaborador esporádico do Diario de Pontevedra e de El Pueblo Gallego, en 1960 comezou a publicar os seus artigos en Faro de Vigo.

Se en 1955, desde a capital británica, colaboraba con Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro e outros na realización da 1ª Festa do Viño Albariño, nos sesenta, con Luís Bouza Brey, a quen lle unía unha fonda amizade, e Máximo Sar, promovía a realización da Romaría Viquinga de Catoira.

Realizou múltiples traducións e de todos os xéneros; dende conto ata teatro, pero sobre todo poesía. Toda esa experiencia culminou na súa obra clave, a tradución en 1965 das Rubáiyát de Omar Kháyyám, poeta persa e tamén astrónomo que viviu na segunda metade do século XI, é dicir, na mesma época dos nosos Cancioneiros. A versión de Plácido Castro baséase na do poeta inglés Edward Fitzgerald.

Coa satisfacción de ver culminada esta versión, amplamente recoñecida pola súa gran calidade, Plácido faleceu en Cambados o 17 de xullo de 1967. Con posterioridade, na revista Grial, publicáronse, a título póstumo, un traballo seu sobre Yeats (1967) e “Laios gaélicos” (1974).

Ríos, Xulio : Plácido Castro. Recuperado o 17/07/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=779