Un embaixador da lingua portuguesa en Galicia:
Valentín Paz-Andrade
Hoxe, 5 de maio, conmemórase o Día Internacional da Lingua Portuguesa. O Consello da Cultura Galega súmase a esta celebración coa presentación dun especial dedicado a Valentín Paz-Andrade, figura sobranceira da Galicia do século XX e principal promotor de vínculos cos países de lingua portuguesa, en especial con Brasil, un "paraíso prometido", segundo propia consideración, ao que Galicia facilmente podía acceder porque posuía a chave do idioma. A súa proposta, que debullaría en numerosos textos, partía dunha perspectiva daquela inédita, pois era ampla e rica, que apelaba tanto á cultura e á lingua como á economía e á política. Neste especial destacamos a relación estreita e duradeira que o autor de Pranto matricial mantivo co poeta brasileiro Guilherme de Almeida, a través do seu epistolario e doutros documentos procedente do arquivo familiar.
Valentín Paz-Andrade e a lingua portuguesa
A querenza de Paz-Andrade polo mundo de lingua portuguesa foi un trazo moi orixinal na súa biografía. Certamente, na tradición do galeguismo anterior á Guerra Civil, as apelacións a Portugal foron moi frecuentes no plano literario, como amosan as relacións de Risco, Villar Ponte ou Noriega Varela con figuras como Teixeira de Pascoaes, Alfredo Guisado ou Leonardo Coimbra, sen se esquecer do amplo mundo da arqueoloxía e da etnografía, cuxas relacións mutuas se situarían nun plano máis académico. Pero a novidade que achega a biografía de Paz-Andrade é que estende esta relación portuguesa a países como Brasil e a colonias como Mozambique. Un dos seus contactos máis permanentes foi o poeta Guilherme de Almeida, a quen coñeceu no Vigo dos anos trinta cando este estaba exiliado en Portugal.Guilherme de Almeida
(Campinas, SP, 24 de xullo de 1890/ São Paulo, 11 de xullo de 1969)Guilherme de Andrade e Almeida naceu en Campinas, SP, a 24 de xullo de 1890. Fillo do xurista e profesor de dereito Estevão de Araújo Almeida e de Angelina de Andrade Almeida, pasou os primeiros anos da infancia nas cidades de Limeira, Araras e despois Rio Claro, onde realizou os estudos primarios. En 1902 foi alumno do Ginásio de Campinas e, en 1903, coa chegada da familia á cidade de São Paulo, ingresou no Colégio de São Bento. Formouse, en 1907, no Ginásio Nossa Senhora do Carmo, dos Irmãos Maristas. En 1912, concluíu o curso na Faculdade de Direito do Largo de São Francisco. Despois da graduación, traballou como promotor público en Apiaí e en Mogi-Mirim no estado de São Paulo. De volta á capital en 1914, traballou co pai ata 1923, e a partir deste ano dedicouse prioritariamente á actividade de escritor, iniciada algúns anos antes.
Mecanoscrito do artigo titulado "Con Guilherme de Almeida. «Príncipe dos poetas» del Brasil" publicado por Valentín Paz-Andrade o 5 de xaneiro de 1960 na sección de Arte y Literatura do Faro de Vigo.
Ver documento
EpistolarioValentín Paz-Andrade
No Arquivo de Valentín Paz-Andrade consérvanse esta cartas datadas entre os anos 1962 e 1968, parte da correspondencia entre o autor galego e o poeta Guilherme de Almeida.
ExposiciónValentín Paz-Andrade. Uma antena galega no Brasil
A exposición Valentín Paz-Andrade. Uma antena galega no Brasil foi organizada polo Consello da Cultura Galega no ano 2012, no marco das actividades conmemorativas de celebración do Día das Letras Galegas adicadas ese ano ao autor.
Pranto matricial na voz do seu autor
Valentín Paz-Andrade2012
Movido pola necesidade de unir culturalmente as dúas Galicias que andaban esgazadas mundo adiante, Valentín Paz-Andrade escribiu en 1955, na cidade de Bogotá, un poemario inédito ata este ano, Canto do pobo disperso (Consello da Cultura Galega, 2012), e, con análoga intención, este é tamén o estilo que prima no Pranto matricial, rematado de escribir en 1954 e concibido na honra de Castelao que representaba a mellor converxencia que houbese nunca da Galicia "ideal" e da "territorial" ou europea.
Na viaxe de Paz-Andrade a Bos Aires en 1957, decisiva por máis dunha razón, este fixo un recitado dos versos de Pranto Matricial, que foron oportunamente gravados e que, felizmente, podemos gozar agora de novo nesta edición de texto e palabra.
Pranto matricial
Valentín Paz-Andrade1975. Versión portuguesa de Guilherme de Almeida
Versión portuguesa de Guilherme de Almeida publicada na edición pentalíngüe no 25 cabodano de Castelao. Ediciós do Castro, Sada, 1975
Ver libro Ver mecanoscrito