NOTICIA

----

Rosario Álvarez Blanco é elixida Presidenta do Consello da Cultura Galega

Rosario Álvarez Blanco, catedrática de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, foi elixida esta tarde presidenta do Consello da Cultura Galega co voto favorable de 18 dos membros do Pleno. Álvarez Blanco relevará a Ramón Villares trala fin do seu mandato.
Rosario Álvarez Blanco é elixida Presidenta do Consello da Cultura Galega

O Pleno da institución votou favorablemente a candidatura de Rosario Álvarez Blanco, única presentada para a presidencia do Consello da Cultura Galega trala finalización do mandato de Ramón Villares. A nova Presidenta do CCG xa ostentaba a vicepresidencia da institución desde 2010.

Rosario Álvarez comparecerá como presidenta electa no Parlamento de Galicia nas datas que fixe esta institución e o seu nomeamento será efectuado no Consello da Xunta de Galicia, tralo que será publicado no Diario Oficial de Galicia. Trala súa incorporación oficial, o Pleno do Consello da Cultura Galega elixirá os membros da Comisión Executiva por proposta da presidenta.

No seu discurso de presentación, Rosario Álvarez debullou as liñas estratéxicas da súa candidatura, que definiu como de “continuidade, non continuísmo” e como unha nova etapa que incorporará “novo pulo, novos retos e novos modos” á institución. Álvarez destacou a súa aposta pola xestión participativa e por “explotar ao máximo a fortaleza representativa do CCG” e o seu “carácter referencial” para a cultura galega.
Rosario Álvarez subliñou a necesidade de traballar desde o CCG pola igualdade de xénero na cultura, pero tamén na igualdade de oportunidades no acceso a esta, a través de tres eixos: “a idade, o territorio (eixo atlántico /provincias orientais) e o hábitat”.

Novos públicos
Rosario Álvarez sinalou a necesidade de cubrir “da maneira máis eficaz posible o amplo espectro do ecosistema cultural galego”, chegando a novos públicos e repensando os enfoques, as temáticas, os formatos de comunicación e actividades, apoiándose na estratexia dixital para chegar a estes fins e como vía fundamental de acceso a moitos dos contidos do CCG.
A presidenta electa do CCG tamén destacou a relevancia da acción exterior cultural de Galicia, “integrándoa na dinámica xeral do ecosistema cultural galego”, para a que propuxo establecer un plan de acción e da que destacou catro liñas de atención: a Galicia espallada (da emigración e do exilio), os países de lingua portuguesa, a relación con Europa e a posición atlántica de Galicia.

Unha longa participación na cultura de Galicia
Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1952) é catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela e vicepresidenta do Consello da Cultura Galega desde 2010. Foi vicerreitora de profesorado da USC (1990-1994), directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999) e directora do Instituto da Lingua Galega (2005-2013), entidade á que pertence desde 1974. É membro do Plenario do Consello da Cultura Galega desde 2008.
No Consello da Cultura Galega ten asumido a coordinación e participación en numerosos proxectos vinculados ao estudo da lingua e da difusión do patrimonio documental de Galicia.
As súas liñas de investigación seguen tres eixes: o estudo da gramática descritiva da lingua galega, cunha perspectiva sincrónica mais con atención á historia da lingua galega e á gramática contrastiva portugués-galego; o cambio lingüístico, tanto no galego actual coma no antigo e medio; e a edición e estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ao Rexurdimento.

É membro do equipo do Atlas Lingüístico Galego, coautora de dúas gramáticas do galego, con Monteagudo/Regueira (1986) e Xove (2002), e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega. Ademais, é directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, no que colaboran equipos de Galicia, Portugal e Brasil, e codirectora de Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna. Dirixe a revista Estudos de Lingüística Galega.
É membro da Real Academia Galega desde o ano 2003.