Como podo asistir

O Consello da Cultura Galega, en colaboración co Concello da Coruña, organiza o Concerto das Letras Galegas 2024, que se celebrará o día 16 de maio, ás 20:30 horas, no Teatro Colón da Coruña, cidade natal de Luísa Villalta, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. O Grupo Instrumental Siglo XX, dirixido por Florian Vlashi, e o baixo-barítono Daniel Mosquera farán a estrea absoluta de Concerto para un home só. Monodrama para baixo-barítono, violín e grupo instrumental, unha obra orixinal do compositor Federico Mosquera con texto de Luísa Villalta e elaborada por encarga do Consello da Cultura Galega. O programa inclúe tamén obras de Antonio Vivaldi e de Edmond Buharaja.

Teatro Colón
Avenida da Mariña, 7A, 15003 A Coruña
16 de maio de 2024 | 20:30 h

Entrada libre e gratuita ata completar a capacidade da sala

Programa
Concerto das Letras Galegas 2024.
Luísa Villalta

Antonio VIVALDI
Concerto grosso
para dous violíns, op. 3, nº 11, RV 565
I Allegro, Adagio, Allegro
II Largo
III Allegro

Solistas:
Florian Vlashi e Carolina Cygan

Edmond BUHARAJA
𐐒B - Bachian reflex. Präludium und fugue
Estrea

Federico MOSQUERA
Concerto para un home só.
Monodrama para baixo-barítono, violín e grupo instrumental
Texto de Luísa Villalta
Encarga do Consello da Cultura Galega para o Concerto das Letras Galegas 2024. Estrea absoluta

PARTICIPANTES

A MÚSICA

Grupo instrumental
Siglo XX

O Grupo Instrumental Siglo XX nace en 1996 pola iniciativa do violinista Florian Vlashi como homenaxe ao «Gran Século». O século xx supón un renacemento musical moderno. Está considerado como o século en que sucedeu o segundo gran cambio na historia da música. O primeiro aconteceu na Antigüidade, cando se substituíron as escalas gregas e medievais polas escalas temperadas. Iso considerouse unha agresión do diabólico (diabulus in musica). O segundo gran cambio ocorreu no século xx, cando se derrubou o edificio tonal de case tres séculos e se substituíu polo sistema de música serial ata a estocástica. Por fin a música é libre e non hai máis códigos dominantes e tabús.
A finalidade do Grupo Instrumental Siglo XX é interpretar as mellores obras de música de cámara desde o principio do século xx ata os nosos días. Os seus membros son instrumentistas solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia. Proveñen de máis de dez países diferentes e todos eles contan cunha dilatada experiencia e cun labor profesional de altísimo nivel neste campo. O número de intérpretes varía en función das obras do programa que se interpreta.
Outro fin da súa intensa e ampla actividade é a sensibilización da mocidade con ese mundo fascinante que é a música contemporánea. Nos concertos didácticos «Os nenos e a música moderna», conferencias-concertos ou clases abertas, o público máis novo achégase con naturalidade e sen complexos á música de Stravinski, Berio ou Xenakis.
A estreita colaboración co compositor é esencial. O Grupo Instrumental Siglo XX estreou 144 obras de compositores españois e ten no seu extenso repertorio máis de 200 obras de diversos autores, desde Stravinski, Falla ou R. Strauss ata Messiaen, Xenakis ou Ligeti. Participou en diversos certames nacionais e internacionais como os festivais de música da Coruña (Festival Mozart), Santiago, Salamanca, Bilbao (Festival de Música del Siglo XX), Madrid (CDMC), Durrës (Albania), Verona (Italia) etc., nos que obtivo as mellores críticas e fervorosos aplausos do público. Os seus concertos foron gravados pola Radio Clásica de Radio Nacional de España e retransmitidos por La 2 de Televisión Española e por TVE Internacional, como o concerto no Auditorio Nacional de Música de Madrid.
O grupo está aberto a novos proxectos e espazos nos que combinar a música nova con poesía, teatro, danza, vídeos e artes plásticas.
Das súas publicacións destacan o CD Manuel Balboa – Obra completa para conjunto instrumental (Verso), o DVD O arame, ópera nun acto de Juan Durán, e o CD coas obras gañadoras dos XXIII Premios Jóvenes Compositores 2012 da Fundación Autor – CNDM.

Violín-director

Florian Vlashi

Naceu en Durrës (Albania) o 8 de novembro de 1963. Empezou os estudos de violín á idade de seis anos. O seu pai, Gjergj Vlashi, escritor e director de teatro moi coñecido, tivo un papel decisivo no futuro do seu fillo.
Estudou con V. Papa, R. Stefi e I. Madhi. Realizou estudos superiores na Escola Superior de Belas Artes de Tirana (actual Universidade das Artes), na que obtivo o primeiro posto, por unanimidade, nas probas de acceso. En 1989 gañou o primeiro premio no Concurso de Solistas e de Orquestras Sinfónicas de Albania. Ese mesmo ano foi director e solista da Orquestra de Corda Jan Kukuzeli,coa que realizou moitos concertos e gravacións para a Radio Televisión Albanesa, así como a súa primeira xira de concertos por Italia.

Desde 1992 é membro da Orquestra Sinfónica de Galicia e perfeccionou a súa formación con G. Egger (Bachakademie Stuttgart) e L. Müller (concertino da Orquestra de Cámara de Viena). A súa actividade esténdese á pedagoxía, con publicacións sobre a estética interpretativa e actividades como conferenciante (Conservatorio Superior de Música da Coruña, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidad de La Rioja etc.).

Foi convidado a tocar na inauguración da tempada de concertos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, así como na Fundación Juan March, no Auditorio Nacional de Música de Madrid, no Auditorio 400 do Centro Nacional de Difusión Musical, no Centro de las Artes Escénicas y de la Música de Salamanca, na Fundación CAI-Zaragoza, na Real Academia de España en Roma, no Instituto Cervantes de Nápoles ou no Estate Musicale Maffeiana de Verona. Tamén tocou en Pristina, Suíza, São Paulo, Montevideo, Odesa, Bucarest etc., ademais de en moitos festivais de música da Coruña (Festival Mozart), Santiago, Vigo, Bilbao ou Salamanca. Colaborou como solista co Plural Ensemble de Madrid.

Moitos compositores dedicáronlle obras súas, como E. Buharaja, C. López García, J. Vara, X. de Paz, P. Pereiro, D. Malumbres, J. Durán, F. Buide del Real, A. Koci, W. Rosinskij, P. Casal, A. Vázquez, C. Aliaj, R. Dhomi, H. Gómez-Chao, M. Mosquera, R. Otero, F. Mosquera, J. Rodríguez e J. Gaspar.

En 1999 saíu ao mercado o seu CD Andrés Gaos - Integral para violín y piano e, en xullo do mesmo ano, a televisión albanesa realizou o documental Florian Vlashi - O violín albanés en España. É creador e director artístico do festival de verán Bienale Netet e Muzikes Klasike de Durrës(2003).

En 2002 a Asociación Galega de Compositores nomeouno Socio Protector. Nese mesmo ano comezou a traballar como profesor do Departamento de Cordas no Conservatorio Municipal de Música Carlos López García-Picos de Betanzos, no que dirixe actualmente a Camerata Brigantina, a xove orquestra de cámara de Betanzos.

É creador e director, desde a súa fundación en 1996, do Grupo Instrumental Siglo XX, integrado por solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia. Este grupo conta cun repertorio de máis de 200 obras e estreou ata a data 190 obras de autores en maior parte españoles, algunhas por encargo do propio violinista.

Os seus concertos foron retransmitidos por Radio Clásica de Radio Nacional de España, por La 2 de Televisión Española e por TVE Internacional.

Florian Vlashi toca un violín francés do século XVIII de J. Bocquay.

Voz

Daniel Mosquera

O baixo-barítono Daniel Mosquera comezou a súa formación musical estudando piano no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, no que obtivo o título profesional en 2010, e formándose privadamente coa pedagoga Mercedes Goicoa. Paralelamente aos seus estudos musicais, obtivo o Grao en Dereito no ano 2015. Formou parte do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, co que participou en numerosas producións de ópera e concertos sinfónicos con directores como Lorin Maazel, Ton Koopman, Richard Egarr, Eliahu Inbal, Jesús López Cobos ou Alberto Zedda, entre outros.
En 2014 debutou no Pazo da Ópera (A Coruña) cantando un papel comprimario na ópera A Traviata baixo a batuta de Ramón Tébar e compartindo escenario con Elena Mosuc, Celso Albelo e Leo Nucci. En 2020 obtivo o Grao en Canto no Conservatorio de Maastricht e en 2022 o Máster en Canto no Real Conservatorio de Anveres, onde estudou con Susanne Schimmack. Tamén asistiu a clases maxistrais con Meinard Kraak, Matthew Rose, Fiorenza Cedolins e Carlos Chausson.
Entre as súas últimas producións operísticas destacan o papel protagonista do Pintor na estrea mundial da ópera Blood on Canvas, do compositor colombiano Felipe Hoyos, en Muziekgieterij (Maastricht); o papel de Kokoriko na opereta Ba-ta-clan de Offenbach, no Teatro de Opereta de Bruxelas; o papel do Rei na estrea mundial da ópera de cámara Heyra, do compositor belga Jasper Charlet, en Anveres; o papel de Leporello na ópera Don Giovanni de Mozart, nunha coprodución da European Opera Academy e o Real Conservatorio de Anveres; e os papeis de Crespel, Schlémil y Luther na ópera Os contos de Hoffmann de Offenbach, nunha coprodución da European Opera Academy e a Opera Zuid, en Maastricht.

Compositor da obra de estrea

Federico Mosquera

Federico Mosquera naceu na Coruña en 1986. Pianista e compositor, as súas obras téñense tocado en España, Portugal, Francia, O Reino Unido, Italia, Estonia, Os Países Baixos, Cuba e A China. O seu catálogo inclúe música de cámara (na que destacan Ignis et Terra para quinteto de ventos [2015], encarga do CNDM e estreado polo quinteto Zoar, e Café Madrid 1916, encarga e estrea por parte de membros da ORCAM) e ópera de cámara (Cargamento de sueños, en 2017, encargado e estreado polo Damask Vocal Quartet). Da súa produción orquestral resaltan as estreas coa Real Filharmonía de Galicia (Concertino para orquesta de cuerda [2011], dirixido por Maximino Zumalave) e coa Orquestra Sinfónica de Galicia (Tres movimientos sinfónicos [2012], baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez; Rituales y sortilegios [2015], encargo da Fundación SGAE e AEOS, dirixido por Dima Slobodeniouk, e o seu Concerto para tuba [2017], dirixido por José Trigueros e con Jesper Boile Nielsen como solista). Ademais, o seu Concerto para clarinete baixo (2013) foi interpretado polo prestixioso clarinetista baixo Henri Bok na China e en Portugal no seu arranxo para orquestra de ventos.
Actuou en importantes salas, como a Jurriaanse Zaal e a Grote Zaal de De Doelen (Rotterdam, Os Países Baixos), a Zeeuwse Concertzaal (Middelburg, Os Países Baixos) ou a Casa da Música (Porto, Portugal), así como en festivais, por exemplo Harmos Festival 2010, Festival Repeat 2011, Festival de Música de Cámara da Haia (2013), Festival Gergiev 2013 ou Festival de Dúos de Piano (2014) en Ámsterdam, tanto en calidade de solista como de músico de cámara.
Obtivo diplomas con distinción, tras estudar baixo a dirección de pianistas como Mercedes Goicoa, José Manuel Yáñez (Conservatorio Superior de Música da Coruña), Andrzej Pikul (Akademia Muzyczna Kraków) e Jean-Bernard Pommier (Codarts University for the Arts), e de compositores como Antón García Abril (Escola de Altos Estudos Musicais, Santiago de Compostela), David del Puerto e Hans Koolmees. Actualmente ocupa o posto de artistic research coach en Codarts University for the Arts (Rotterdam, Os Países Baixos).
Foto de Michal Novak

COMPOSITOR

Edmond Buharaja

Compositor, editor e produtor musical, actualmente é titular das disciplinas Composición, Contrapunto, Harmonía, Análise Musical, Semiótica e Semántica da Música e Estética Musical na Universidade das Artes de Tirana (Albania) e na Universidade Haxhi Zeka de Peja (Kosovo). Compositor de obras principalmente sinfónicas e de cámara, algunhas delas foron executadas en Albania, Italia e España.Precisamente, o Grupo instrumental Siglo XX interpretou na Coruña as súas composición Eclissi e Le metamorfosi del cristallo e nesta ocasión fará a estrea da súa obra𐐒B - Bachian reflex. Präludium und fugue.

ESPAZO ESCÉNICO E ILUMINACIÓN

As dúas en punto

É unha empresa especializada en plástica escénica que iniciou a súa andaina en xuño de 2022. Está integrada polas escenógrafas María Torres e Carmen Casal, que traballan con distintas compañías para as que fan escenografía, vestiario e iluminación.

Actor

Xosé Barato

Actor formado no histórico grupo coruñés Sardiña e na escola Espazo Aberto de Compostela, foi fundador das compañías Inlata Teatro e Teatro Baratto. Traballou en numerosas series de ficción para a televisión (Cuarto sen ascensor, El secreto de Puente Viejo, Operación Marea Negra…), cinema (18 comidas, Mar libre, A estación violenta…), teatro (Cineclú, O segredo dos Hoffman, O conto de inverno, A leituga…) e curtametraxes (Buenos días, A liña politica, Eco…), así como series documentais polas que recibiu o Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ao mellor comunicador nos anos 2007 (Historias de Galicia) e 2009 (A miña famosa familia).
Como actor de voz realizou traballos de dobraxe e locución para cinema, audiolibros, audioguías e ficcións sonoras. Encargouse da dirección artística do proxecto Es ti que cantas, de Rebordelos.

Lugar

A CORUÑA

16 de maio de 2024 ás 20:30 horas
TEATRO COLÓN
Avenida da Mariña, 7A, 15003 A Coruña