
Presentación
Convocámosvos un ano máis para nos acompañar no Concerto das Letras Galegas no serán do 16 de maio, na véspera do día grande en que todos os galegos e galegas, Galicia toda, somos chamados pola Real Academia Galega para homenaxear, nesta ocasión, as cantareiras e a poesía popular oral.
A festa lévanos a Carballo, en recoñecemento á riqueza deste patrimonio inmaterial no municipio e comarca bergantiñáns, da man dos 11 artistas procedentes da música tradicional, da popular e da moderna que conforman Do Bertau, un grupo creado expresamente para o Concerto das Letras Galegas 2025.
A agrupación renderá a súa singular homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral a través dun repertorio musical que comeza e remata na Costa da Morte. Con Mens e as súas Pandereteiras como lugar de partida, o percorrido lévanos por toda a xeografía galega: das terras do sur de Ourense cos canteiros de Faramontaos ao canto de Nadal de Adolfina e Rosa na comarca de Cerceda; das Mulleres de Gharghamala, en Mondariz, aos cantos de Cervantes, na montaña luguesa, con parada no Soutomaior de Maruxa das Cortellas, antes de regresar a Camariñas.
Unha viaxe a través do tempo e dos sons que configuran a banda sonora da nosa vida cotiá, cunha envoltura contemporánea a través da sonoridade do jazz.
Quen non poida gozar con nós do concerto no Pazo da Cultura de Carballo pode vernos a través do web do Consello da Cultura Galega e, ao día seguinte, na G2. Ademais, quedará dispoñible na mediateca do CCG e na plataforma dixital Agalega. Dun xeito ou outro, unídevos con nós á festa.
Feliz Día das Letras 2025!
Como podo asistir
Entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.
Recoméndase reserva previa en http://billeteira.carballo.gal.
Pazo da Cultura de Carballo
Rúa Pan, s/n, 15100 Carballo, A Coruña
16 de maio de 2025 | 20:30 h
Emisión en directo no web www.consellodacultura.gal ou ao día seguinte na CRTVG
Programa
As cantareiras e a poesía popular oral
Cancioneiro popular galego de D. Schubarth e A. Santamarina
INFORMANTES
Teresa García Prieto, Prudencia Garrido Ameixenda, Asunción Garrido Ameixenda, Manuela Lema Villar, Adela Rey Torrado, Teresa Lema Varela
(Trad./Arr. Do Bertau)
Ten unha leira en Suhorta
de par da d’Estudiante
por non se quedar de corto
fálall’ás vacas p’adiante
que cara de mona
mira que é moinante
Anque ten pouquiñas leiras
tenas moi ben abonadas
enche o cabazo de millo
e sete cargas de fabas
pasan pola leira
xa tan apañadas
(Trad./Arr. Do Bertau)
Ó pasa-la ría
ó desembarcar
o tío Laranxo
caíu no mar
caíu no mar
caíu no mar
ó pasa-la ría
ó desembarcar
Xastre quéroch’un recado
a mais non é de costura
que che quero preghuntar-e
s’o mal d’amores ten cura
s’o mal d’amores ten cura
Ai lalala ai lalala
ai lalalala lala lala
ala lala lalalala
O sol pensa que m’enghaña
e eu ben lle sei o xeito
cando raia tou na cama
cando se pon xa me deito
Ai lala
ai lala
ai lala lalala lala
Eu por ti ando de noite
eu por ti de madrughada
eu por ti ando de noite
ti por min non andas nada (x2)
Ai lala
ai lala
ai lala lalala lala
O que ten amores lonxe
sono na cama non dorme
tampouco o que os ten
aló na ría de Corme
(Trad./Arr. Do Bertau)
D’hox’un ano viva viva
d’hox’un ano viva eu-e
d’hox’un ano viva viva
o mellor amigho meu-e.
Ailerele lere lelele
Ailerele lere lela
Ailerele lere lelele
Ailerele lere lela
Para ese bailador-e
para el hei de tocar-e
para ese bailador-e
qu’é de fóra do lughar-e.
Ailerele lere lelele
Ailerele lere lela
Ailerele lere lelele
Ailerele lere lela
Todo o mundo me rexuba
porque son adevertida
rexubeiras do lughar-e
ghobernai a vosa vida.
Ailalala lalalala
Viva Beo e Seaia
Pontella e Río de Vaa
o lughariño d’Asalo
é a flor da mocedá-e.
Ai lara lala la
ai lara la la la
ai lara lala la
ai lara lala la.
Elas bailar bailan ben-he
elas bailar bailan ben-he
anque sea as tocadoras
dodemo madía ten-he
Acabai e botai fóra
acabai e botai fóra
tamén queren ir bailar-e
tódolos que están en roda.
(Trad./Arr. Do Bertau)
Viva Mens e viva Asalo
terra donde m’eu criei
eu tamén digho que viva
ond’eu amores tomei-e.
Lerela le la lerela
lerelala lerela lerela
Alumíame Ramona
da ventana cunha vela
qu’está a i-aghra mollada
no(n) me vexo fóra dela.
Lerela le la lerela
lerelala lerela lerela
(Trad./Arr. Do Bertau)
Arquivos de Xandre Outeiro e Luís Prego
Recollida a María Grande Sobral (Maruxa das Cortellas) nas Cortellas (Soutomaior)
A aldeíña das Cortellas
con catro mozas que ten
elar son miñas amighas
por eso lles quero ben-he.
Ai lalala ailalala
ai lalala ai lalala
Na aldeíña das Cortellas
non se pode namorar
polo día todo é vellas
á noite cans a ladrar-e.
Pasein o río pr’alá-e
puxen o pé no atranco
aghora xa te vou vendo
moza do sombreiro branco.
Volai vén quen eu quería
volai vén quen eu amaba
volai vén con quen eu tiña
unha conversa cerrada.
(Trad./Arr. Do Bertau)
Cancioneiro popular galego de D. Schubarth e A. Santamarina
Recollido a Rosa Casás e Adolfina Casás na Vila da Igrexa (Cerceda)
A Virxe María
San Xosé tamén
iban camiñando
de car’a Belén
son amantes firmes
que polos camiños
íbanse falando
con ghrandes cariños
palabriñas santas
dinas de adorar
din que a Belén queren
con día cheghar
foron camiñando
moi logho encontraron
con dous pasaxeiros
a quen preghuntaron
se car’a Belén
hai camiño dreito
que lle contestaron
con moi pouco xeito
a donde camiña
quixera saber
un home de noite
con unha muller
si porqu’é bonita
non hai outra ighual
pensás qu’é roubada
pensades moi mal
de qu’é miña esposa
testimonio teño
se o queredes ver-e
logho volo enseño
foron camiñando
moi logho encontraron
con un portal vello
en donde petaron
fixeron proieito
de alí se quedar
porque non podían
xa máis camiñar
pola media noite
naceu un neniño
entre pallas e herba
o Verbo divino
cara máis bonita
rostro máis florido
non o puxo Dios-e
en home nacido
qu’é fillo da Virxe
non ten que dicir
que veu a este mundo
pra nos redimir
Recollida a Solmira Fernández por Guillerme Inácio, Xulia Feixoo e Xurxo Fernandes en Gargamala (Mondariz)
(Trad./Arr. Do Bertau)
Recollida a Solmira Fernández por Guillerme Inácio, Xulia Feixoo e Xurxo Fernandes en Gargamala (Mondariz)
Rebeirana, rebeirana
rebeirana, muiñeira
esta rebeirana nova
traina eu da ribeira.
Hei de facer unha ponte
anque sea de nogueira
para pasea-los mozos
da Rúa para Toxeira.
Vinde mozos, vinde todos
vinde todos ó serán-he
o que non facemos hoxe
farémolo de mañán-he.
(Trad./Arr. Do Bertau)
Aghora comeso eu-e
viv’o meu atrevimento
se non teño tomareino
contigho coñesimento.
Aluméame luniña
aluméame lunar-e
aluméame luniña
que me quero ir deitar-e.
Gharghamala ten a sona
Gharghamala sona ten-he
Gharghamala ten a sona
de cantar e baillar ben-he.
Manuel Manueliño
a túa chaqueta cheira
cheira a cravos cheira a rosas
cheira á flor da laranxeira.
(Trad./Arr. Do Bertau)
Agharraivos agharraivos
Jasús, María e José-ie
xa me doi o corasón
de vos ver andar de pé-ie.
Ai la ai la larala lalala
ai la ai la larala lalala
ai lo
Canto d’home canto d’home
tamén canto de muller
tamén sei fase-la bulra
de quen a de min fixer-e.
Acabai a beilladiña
acabai e botai fór[a]
que van entrar a baillar
señores qu’andan á roda.
(Trad./Arr. Do Bertau)
Lomax Digital Archive de Alan Lomax
Recollido a Antonio Pazos e outros en Faramontaos (Nogueira de Ramuín)
Eh...
Veña por todos
que aí se enterran
fracos e gordos
Eh...
que aí se enterran
Veña por todos
eí vai a pedra
Eh...
compañeiriño
veña por todos
que é a do viño
Eh...
O seu descanso
veña por todos,
que está chegando.
(Trad.)
Recollidas a Inés de Donís, Cecilia e Concha Comuñas por Carolina Vázquez en Cervantes (Lugo) e rexistradas no programa da TVG Alalá
Moliñeira trilla trilla
moliñeira trilladora
tríllarm’a cama de palla
ond’hei d’ir durmir agora.
O lugarín de Piornedo
d’alto lle pingan as beiras
viva viva quen o honra
que son ar mozar solteiras.
O lugarín de Piornedo
chámanlle Montaña Fría
a i-agüiña que nel nace
que boa mocedade cría.
Salí mozos salí mozos
salí mozos a bailar
lev’o demo tanto mozo
como neste corro hai.
(Trad./Arr. Do Bertau)
Daquel lado non hai rosas
que secaron as roseiras
deste lado si que as hai
vivan ar mozar solteiras.
Á miña filla
eu quéroa ben
toca o pandeiro
e baila ben
feitiña no corpo
e no bailar
eu quero que siga
no noso lugar.
A que non canta nin baila
a que vén á polavila
vén mira-lo que se pasa
i a contalo andoutro día.
En Suárbo[l] non hai mozas
en Moreira son pequenas
o que queira boar mozas
que veñ’ó Piornedo a elas.
Vouvor da-la despedida
non vola quixera dar
por ser vós amigos míos
non vos quixer’olvidar.
(Trad./Arr. Do Bertau)
Cancioneiro popular galego de D. Schubarth e A. Santamarina
Recollidas a varias veciñas de Santa Mariña (Camariñas)
Xota de Santa Mariña
Fostes á feira da Ponte
Fostes e non vistes nada
Non vistes baila-lo sol-e
Nunha masán colorada
Quen é a flor da canela?
As dúas da Liberata
E as catro de Sabela
Meu amor dám’o persebe
Deses que andas apañando
Eu donch’o meu corasón
Pra que mo vaias gardando
Se queres comprar un burro
Vaino comprar a Camelle
E se non vaino roubar-e
Ó Bólo de Sabadelle
Muiñeira de Santa Mariña
Santa Mariña vai nela
Santa Mariña vai nela
Se se vai Santa Mariña
Eu tamén me von con ela
Alá no medio do mar-e
Hai unha pombiña branca
Non é pomba nin é nada
Que é o mar que se levanta
Santa Mariña ten sona
De cantar e de bailar
De saber lava-la roupa
Camariñas vou entrando
Os aires de Camariñas
Polas portas me van dando
Veño da Virxe da Barca
Da Virxe da Barca veño
Veño d’abala-la pedra
D’abala-la pedra veño
Da horta non me despido
Teño d’ir e vir á horta
Na recolleita do millo
Non te rías de ninguén
Alghún día te rirías
do mal que che aghora vén
Camariñas vou entrando
Os aires de Camariñas
Polas portas me van dando
Notas ao programa
Richi Casás
Xuntámonos un ano máis, e van 64 celebracións arredor das nosas letras, para lembrar nesta ocasión as cantareiras e a poesía popular. A homenaxe deste 2025 personalízase en sete mulleres, que hoxe son recordadas a través das súas músicas e letras. Mulleres de Mens, de Cerceda e de Muxía, receptoras e transmisoras orais, que representan os miles de mulleres e homes que durante séculos cantaron, bailaron e viviron en galego, e foron fieis transmisores da nosa cultura.
Ano atípico este, non só por haber un nomeamento colectivo, senón por ser recoñecidas as creacións artísticas anónimas, que son, á vez, patrimonio do pobo que as canta.
Non foi sen tempo que se valorou a importancia literaria dunha forma de creación, ademais, efémera. As coplas de tradición oral non foron recollidas en cancioneiros ata as últimas décadas do século XIX, e as súas melodías non foron transcritas ata o segundo terzo do século XX.
Foi Rosalía precisamente, alma mater desta celebración das letras, a primeira autora do Rexurdimento que as mencionou con respecto literario. Fíxoo no seu prólogo aos Cantares gallegos (1863), obra inspirada na poesía popular:
Por esto, inda achándome debil en forzas, e nabendo deprendido en mais escola qu’á d’os nosos probes aldeans, guiada solo por aqueles cantares, aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan doçemente resoaron nos meus oidos desd’á cuna, e que foran recollidos po-lo meu corazon como harencia propia, atrevinme á escribir estos cantares.
Deu así relevancia a unha forma de literatura de tradición oral na que moi poucas plumas se detiveran ata aquela hora, e tamén poucas despois… ata o presente.
No programa de hoxe imos poder escoitar unha mostra brevísima en relación co volume de textos e músicas creadas secularmente. Se as puxésemos en texto e solfa, ocuparían miles de volumes en papel. Sobreviviron, e aínda sobreviven, na memoria do pobo, e agora van resoar de novo, unha noite máis, como tantas noites resoaron nas cociñas das casas labregas e mariñeiras.
Comezaremos co repertorio das Pandereteiras de Mens, do concello de Malpica. Foi un grupo que variaba entre tres e cinco mulleres, que, coas súas pandeiretas, andaron por todo o mundo da man da Agrupación Folklórica Aturuxo. Teresa García Prieto, Prudencia Garrido Ameixenda, Asunción Garrido Ameixenda, Manuela Lema Villar, Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela eran, ademais de cantoras, bailadoras na máis pura tradición de Bergantiños.
Nas terras da Costa da Morte especialmente, apreciábase tanto o xeito que as súas voces e pandeiretas lle daban ao baile que, cando alí se ofrecían gaiteiros para as festas, estes eran rexeitados, ao contrario que no resto do país, no que a chegada dos gaiteiros era motivo para calaren as cantareiras. As súas voces eran vivas e frescas, igual que o seu carácter.
O feito de estar tan vivo en Bergantiños o canto de tradición oral fai que aínda se conserve este modo de entender o folclore nesta parte de Galicia. Escoitaremos unha suite de ritmos típica desta área xeográfica, composta por un ritmo de comparsa, xota, muiñeira e pasodobre. Un «menú completo» de foliada que as Pandereteiras de Mens fixeron soar en infinidade de escenarios.
Para recrear estas letras e melodías da primeira parte do concerto contamos coas voces de Carme da Pontragha, Maca do Pinheiro e Uxía da Pontragha, compoñentes do grupo de pandeireteiras Bouba, da Pontraga, na comarca de Ordes. Estas mulleres conservan intacto o «xeito» ancestral das transmisoras que coñeceron os compiladores do século XX e que podemos escoitar nas gravacións clásicas de Lomax nos anos 50 ou de Dorothé Schubarth nos 70. O seu cantar reflicte toda a potencia rítmica e lingüística do galego, o combustible que fixo andar a roda da tradición durante séculos.
A seguir escoitaremos unha xota de Maruxa das Cortellas, unha das máis sobranceiras informantes en Galicia do toque de pandeiro, practicamente desaparecido tras a irrupción da pandeireta, a finais do século XIX. Maruxa conservou e transmitiu, xunto coa súa boa man para o pandeiro, un lote de melodías, recollidas en varios cancioneiros e, nomeadamente, no arquivo do programa da Televisión de Galicia Alalá, un verdadeiro exemplo da utilidade da televisión pública para a transmisión da cultura.
Despois oiremos o canto de Nadal de Rosa e Adolfina Casás na Vila da Igrexa. Trátase dunha verdadeira xoia, por ser un dos poucos cantos deste tipo que se conservan en galego. Ademais, Dorothé Schubarth, quen llelo gravou en 1980, recoñeceu a antigüidade desta melodía, presente nun himno gregoriano, nunha das Cantigas de Santa María de Afonso X e nun cantar de troubadour occitano.
Melodías ancestrais que, coma o arco románico, tanto servían para unha ponte como para unha catedral. Arquitectura melódica cimentada en dous ou tres pés, simulando o arco prosódico das linguas indoeuropeas, que copia a naturalidade da fala e se presta perfectamente para albergar e dar sentido á poesía que se lle pouse enriba.
As Casás (Rosa e Adolfina) eran cantoras na súa comarca de Cerceda e, como a meirande parte das cantoras, non eran profesionais. Eran labregas, mariñeiras, xornaleiras… que, unha vez acabada a faena, collían calquera apeiro que fixese ruído para acompañar o seu canto e con el crear un espazo sonoro favorable ao baile.
A reunión do ritmo, o canto e a danza foi a tríade que converteu este xénero lírico en eterno, que foi xirando como unha roda durante séculos ata chegar a nós.
E se de festa e baile se trata, as «catedráticas do sur» son as Mulleres de Gharghamala, un grupo de cantadoras e tocadoras de Mondariz que tamén seguen mantendo viva a chama da tradición. As súas coplas foron recollidas por infinidade de compiladores e a súa música foi levada aos escenarios por grupos e solistas galegos e de fóra. Imos escoitar agora unha suite composta de rebeirana, xota e tras-tras, todos ritmos de baile.
Estas pandeireteiras de Gharghamala (Mondariz) conservan vivo un repertorio completo de pasodobres, valses, xotas, rebeiranas (muiñeiras) e outros cantos non bailables (cantos de Reis, arrolos, parrafeos…), que perduraron ata o presente superando as ameazas que noutras partes da nosa xeografía frearon a roda da tradición.
O seu aprecio pola música de baile queda expresado na súa copla:
Viva o baile, viva o baile,
viva O Barro todo a eito
e os mozos de Gharghamala
con catro pelos no peito.
Despois do sur pontevedrés imos ao sur ourensán, cun canto de traballo recollido por Alan Lomax, quen, enviado pola discográfica Columbia, chegou a terras galegas en 1953. O seu propósito era recoller os arquivos sonoros de persoas comúns, e neste caso parou a gravar unha cuadrilla de canteiros que estaban traballando en Faramontaos.
Os canteiros en todas as culturas acompañan o seu traballo con cantares rítmicos para acompasar o seu esforzo á hora de mover grandes pedras. Asentar un pelouro de centenares de quilos require a coordinación milimétrica dunha ducia de homes, e para iso usáronse e úsanse diferentes cantos, entoados polo capataz e respondidos polos membros da cuadrilla.
Cando vexamos unha parede centenaria de perpiaños, pensemos que para construíla foi necesaria toda unha sinfonía de canteiros. Melodía e ritmo que acompasaban as vidas e os traballos, interpretados na voz de Tanea.
A continuación escoitaremos dúas pezas da montaña de Lugo, concretamente de Cervantes, a capela, sen aditivos. Escoitarémolas só coas voces e pandeiretas das tres integrantes das Bouba, sen o acompañamento da banda. Mergullémonos no son ao que bailaron centos de xeracións, deixémonos levar por elas ao contexto social e material das comunidades que crearon estas melodías, ritmos e coplas! Cultura viva diante de nós.
Na recta final do concerto teremos de novo a banda, para acompañar a Tanea en dúas pezas de Santa Mariña (Camariñas) recollidas por Dorothé Schubarth ás veciñas camariñás de Eva Castiñeira, outra das mulleres homenaxeadas este ano. Os ritmos da Costa da Morte quedan aquí representados na Xota e Muiñeira e conforman a combinación básica de ritmos soltos.
Chamámoslles soltos pola forma en que son bailados: as parellas colócanse enfrontadas a un par de pasos de distancia e cos brazos elevados fan os seus movementos en espello, intercalados por rodas (voltas) nas que os danzantes xiran ao longo do espazo onde se baila. Os agarrados son os bailes en que as parellas se abrazan, como pasodobres, valses, polcas…
Se algún asistente sente a necesidade de botar un punto durante o concerto, que saiba que é benvida tal iniciativa; o canto fíxose para o baile, e viceversa. Sempre que hai un escenario fronte a un patio de butacas rómpese a horizontalidade das foliadas, nas que non había diferenza entre público e artistas. Na nosa música tradicional todos e todas somos participantes e temos permiso para intervir, aturuxar ou dar palmas no momento que queiramos.
Síntanse cómodas e cómodos e que comece a foliada!
PARTICIPANTES

Do Bertau
Bertau é unha vila inventada por Dorothé Schubarth na que ten lugar a acción da súa novela Os cantos do mar. Nela conta a vida dunha comunidade rural e mariñeira, e como tece as súas alegrías e traxedias a través do canto e a poesía. Nunha Galicia imaxinada, nun tempo imaxinado.
Do Bertau é a unión de 11 artistas procedentes da música tradicional, da popular e da moderna. Mesturamos esas influencias para poñer a música ao servizo da poesía homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. As melodías interprétanse tal como chegaron a nós e dámoslles unha envoltura contemporánea, a través da sonoridade do jazz.
Todos os arranxos foron elaborados ad hoc e son estreas absolutas, a excepción do «Canto de Nadal da Vila da Igrexa», que aparece no libro-CD Fuliada na Vila de Richi Casás (2020).
Do Bertau son:- Bouba Pandereteiras
- Carme da Pontragha (voz e percusión)
- Maca do Pinheiro (voz e percusión)
- Uxía da Pontragha (voz e percusión)
- Tanea (voz e percusión)
- Yudit Almeida (contrabaixo)
- Álvaro Trillo (batería)
- Fran Trashorras (piano)
- Javier Pereiro (trompeta)
- Marcos Cives (saxo tenor e soprano)
- José Luis Miranda (trombón)
- Richi Casás (saxo alto)
- Narración: María Prado
- Son: Jesús García
- Iluminación: Raquel Castro
- Producíón: CUNDE
- Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI)
- Museo do Pobo Galego
- Arredor da Tradición"
Lugar
CARBALLO
16 de maio de 2024 ás 20:30 horas
PAZO DA CULTURA
Rúa Pan s/n 15100 Carballo