arquivo web


Intercambios lingüísticos e culturais entre ENDL

Formulario para participar
Paso1: Cubrir formulario de participación

Buscar centro
Paso2: Buscar un centro para o intercambio
Informar
Paso3: Tras acordar o intercambio notificalo á CGENDL

 Descarga

DESCRICIÓN

Trátase da realización de intercambios que ofrecen ao alumnado a posibilidade de estabelecer contacto con rapazada doutras realidades lingüísticas, culturais, socioeconómicas e naturais diferentes da súa propia e que costuma rematar nunha xornada de convivio nos centros participantes con visitas de interese cultural, artístico e natural nas vilas en que se localizan os centros educativos participantes. Procura o intercambio de experiencias lingüísticas e culturais e o coñecemento doutras realidades alleas, ao mesmo tempo que se persegue a implicación do alumnado co seu contorno máis inmediato e a valorización dos seus sinais de identidade, nomeadamente o lingüístico.

Os intercambios son fundamentalmente de dous tipos:

a) entre centros encadrados en vilas de bloques lingüísticos dialectais diferentes e cun patrimonio distinto para que a actividade resulte enriquecedora tanto a nivel lingüístico como cultural.

b) entre un centro con alumnado maioritariamente galego-falante e outro con alumnado maioritariamente castelán-falante. Neste caso o alumnado castelán-falante pode coñecer outros rapaces e rapazas da súa mesma idade e intereses que se comuniquen habitualmente en galego. Téntase superar a imaxe xeneralizada que se ten da lingua galega nalgúns contornos castelán-falantes, onde se vencella o noso idioma ás institucións, a medios de comunicación minoritarios e á xente de idade. Nesta actividade poderán coñecer contornos culturais diferentes ao seu e valorar o noso patrimonio lingüístico.

Estes intercambios procuran a implicación activa do alumnado co seu contorno máis inmediato e a valorización dos sinais da súa identidade, entre eles a lingua. Ademais nos niveis máis altos da educación secundaria e no Bacharelato preténdese motivar e responsabilizar o alumnado pois este adoita ser o responsábel máximo da súa organización e execución (recepción de alumnado, presentación dos lugares de interese, etc.).

Nas aulas de lingua pódese aproveitar para traballar determinadas tipoloxías textuais: a carta, o texto descritivo (descrición persoal e descrición topográfica), o folleto ou tríptico, a guía turística, etc; e o vocabulario de diferentes ámbitos (vocabulario do físico persoal, das actividades do tempo de lecer, o vocabulario do medio físico, o vocabulario da arquitectura, etc). Ademais, trabállanse as competencias lingüísticas activas (escribir e falar), a necesidade de empregar un rexistro culto do idioma nas fases máis formais do intercambio e o potenciamento e o uso da lingua en relación ás TIC.


OBXECTIVOS

  • Difundir e valorizar entre o alumnado a realidade socioeconómica e cultural da vila natal.
  • Coñecer o patrimonio natural, cultural e socioeconómico doutra comarca do país.
  • Recoñecer unha variante lingüística dialectal diferente da propia co fin de poñer en valor a diversidade do idioma e, en consecuencia, a utilidade da lingua estándar.
  • Comprobar na práctica e reflexionar sobre as variantes xeográficas da lingua.
  • Relacionarse con rapazada dunha realidade social, cultural e lingüística diferente.
  • Establecer relacións sociais con rapaces e rapazas da súa idade que se comuniquen habitualmente en galego (no caso de alumnado castelán-falante).
  • Traballar as destrezas lingüísticas activas (falar e escribir) e o rexistro culto do idioma.
  • Traballar diferentes tipoloxías textuais: o retrato, a descrición paisaxística, a guía, a programación de actividades...
  • Potenciar o galego nas TIC e a súa presenza social na rede.
  • Compartir experiencias normalizadoras con outros ENDL dos IES participantes (actividades, programas etc).
  • Responsabilizar o alumnado do ENDL do traballo do equipo, ao facerse cargo da organización das actividades do intercambio.
  • Fomentar o respecto polo outro e partir do coñecemento do diferencial.


DESTINATARIOS
/AS

Os destinatarios/as poden ser:

a) o alumnado integrado no ENDL. Pódese entender o intercambio como premio ao seu traballo e así ofrecerlle unha posibilidade de convivencia con rapazada da súa mesma idade e intereses, mais de contornos culturais e lingüísticos diferentes. Ao mesmo tempo poden coñecer o traballo doutro ENDL e ter a oportunidade de partillaren experiencias, así como de comprobar a forma de actuar, de organizar as actividades normalizadoras, etc. do outro centro.

b) o alumnado dun nivel e/ou grupo. Neste caso o intercambio realizarase con outro centro, escollendo un grupo cun número similar de alumnado por aula e nivel. O intercambio levarase a cabo partindo das aulas de Lingua Galega e pódese aproveitar para traballar as diferentes tipoloxías textuais, vocabulario específico, a integración do emprego das novas tecnoloxías na materia de lingua, etc.

Malia ser o alumnado do segundo ciclo de secundaria e de Bacharelato o que xeralmente está máis implicado nas actividades dos ENDL a modalidade de intercambio pode realizarse, con variacións, en calquera nivel educativo, desde Educación Infantil até Bacharelato.

É unha experiencia moi enriquecedora e educativa para os rapaces que participan, pois débese procurar que se integren activamente no deseño e na realización das actividades. No caso do alumnado dos niveis máis altos de secundaria e de bacharelato débese tentar que sexan eles os que organicen, programen e executen todas as actividades, que poden ir desde a recepción do alumnado do outro centro, até ao mantemento dun blog que recolla a experiencia, a elaboración dun tríptico que conteña o programa da visita, a realización das explicacións no percorrido guiado pola vila e/ou polos lugares de interese cultural, artístico, socioeconómico visitados, etc


TEMPORALIZACIÓN

Todo o curso.
No primeiro trimestre, o alumnado e o profesorado do ENDL, así como os departamentos didácticos participantes na actividade, planifican o intercambio establecendo as súas diferentes fases, un cronograma e os puntos de interese que formarán parte da visita guiada que o noso alumnado ofrecerá ao alumnado visitante. Así mesmo, os dous ENDL porán en común as respectivas planificacións.
A comunicación entre alumnos dos dous centros poderá facerse a través de cartas, de correos, fotologs persoais, blogs, etc durante todo o curso, así como o mantemento de blogues, no caso de se realizaren, e o deseño das restantes actividades que se poidan planificar para apoiar o intercambio (deseño de folletos, trípticos, guías, recollida de toponimia, de literatura popular, etc.). Os centros participantes determinarán a frecuencia en que se produzan os intercambios (unha carta ao mes, a actualización diaria do blogue, etc.).
O intercambio físico entre os dous centros terá lugar, xeralmente, no terceiro trimestre, cando xa están máis consolidadas as relacións entre os rapaces e rapazas. Este realizarase en dous días, un en cada centro

ACTIVIDADES

O modo de organización do intercambio admite moitas variacións que cada docente pode levar a cabo en función dos seus intereses, dos niveis educativos escollidos e dos recursos materiais e humanos dispoñíbeis en cada centro. Encadradas dentro do intercambio pódense realizar actividades de moi diverso tipo, como as seguintes:

    • Presentación inicial a través de cartas e/ou postais, mediante unha mensaxe electrónica, redactando un post nun blog ou nunha revista dixital do centro, mediante fotologs persoais, mediante a gravación dun video de presentación, etc.
    • Intercambio de felicitacións de Nadal, de debuxos, recomendacións de contos ou traballos sobre algún tema concreto.
    • Envío da gravación dalgunha canción coñecida por cada grupo para que os do outro centro a aprendan, da gravación da lectura dun conto, da lectura dramatizada dun relato, etc.
    • Intercambio de información sobre o concello ou contorno mais próximo a cada escola mediante a elaboración dun Power Point sobre o concello, dun tríptico que recolla o programa do día dos encontros presenciais e explicacións sobre os lugares visitados, realización dunha guía turística, etc.
    • Intercambio de traballos sobre algún recurso literario tradicional propio de cada contorno (lendas, literatura popular, toponimia, manifestacións da cultura oral tradicional, etc).
    • Intercambio de información sobre actividades económicas da contorna, de actividades de lecer (información sobre grupos musicais da zona, clubs deportivos, etc).
    • Realización de fotologs que recollan testemuños gráficos das visitas.
    • Mantemento dun blog que recolla as experiencias da actividade.
    • Creación dunha comunidade virtual para estabelecer os contactos (redes NING ou similares).
    • Realización de xogos de presentación e de dinámicas de grupo na primeira toma de contacto presencial.
    • Realización de xogos de pistas para desenvolver nos lugares visitados.
    • Lecturas colectivas de textos literarios de autores da vila e comarca realizadas o día da convivencia presencial, etc.

 

COLABORACIÓNS

Débese procurar integrar no deseño e execución do intercambio a diferentes departamentos didácticos, así como o Departamento de Actividades Extraescolares e a ANPA. Pódese tentar estabelecer contactos co Concello e con asociacións, fundacións ou outras entidades a nivel local ou comarcal que poidan estar interesadas en participar conxuntamente co centro educativo e que poidan axudar a financiar o custo da actividade.


PAPEL DA CGENDL NA COLABORACIÓN DO DESENVOLVEMENTO DESTE TIPO DE INTERCAMBIOS

A CGENDL ofrece a través da súa páxina web (http://www.coordinadoraendl.org) a posibilidade de que os centros e/ou docentes interesados en realizar esta actividade se poñan en contacto inicialmente para estabelecer o intercambio. Hai unha sección na súa páxina onde os ENDL interesados en atopar outro ENDL co que partillar a experiencia poden cubrir un formulario  cos seus datos.

Así mesmo poderá colaborar ofrecendo asesoramento aos ENDL interesados durante o todo o proceso. Para contactar podes enviar un correo electrónico a: intercambios@coordinadoraendl.org

Nestas ligazóns ofrecémosvos exemplos de intercambios realizados entre institutos e colexios de diferentes zonas de Galicia (e non só!):

Blogue do Encontro entre o IES Agra de Leborís (A Laracha) e o IES de Elviña (A Coruña)

Cartas de presentación publicadas na revista dixital Bico da ría do ENDL do IES Félix Muriel (Rianxo) que fixeron un intercambio co alumnado do IES Santiago Basanta (Vilalba)

Información sobre o intercambio de cartas no blogue Regueizeiros do CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) entre o alumnado deste centro e o alumnado de Lingua Galega e de Ciencias Sociais e Xeografía e Historia en lingua galega do IES Europa (Ponferrada)





16 de Outubro de 2016
twitter tuenti facebook youtube slideshare vimeo








Aviso Legal

Os contidos e recursos recollidos nesta páxina web teñen unha finalidade educativa. Calquera contido que non cumpra cos requisitos necesarios para aparecer nesta web será retirado inmediatamente se así é comunicado polo autor e/ou autores ou propietarios/as dos seus dereitos.
A través desta páxina accédese libremente a recursos educativos da autoría da Coordinadora Galega de ENDL, dirixidos a aquelas persoas que queiran facer deles un uso ou utilización educativa.
Nesta páxina tamén se accede, a través de ligazóns externas ou directamente, a contidos educativos creados por docentes e centros educativos, así como por institucións e colectivos sociais e culturais cuxa autoría é citada expresamente.
A CGENDL non ten ningunha finalidade lucrativa e en ningún caso se comercializa cos contidos que aparecen neste sitio web, tampouco por parte de terceiros.