DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL
O día 2 de abril celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Con tal motivo, o Consello da Cultura Galega preparou unha escolma de varios títulos editados pola institución e dirixidos a público infantil e xuvenil cos que unirnos á conmemoración mundial.As laranxas máis laranxas
de todas as laranxas.
Carlos Casares2017
Comezamos coa edición facsimilar de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares, editada co gallo da celebración do Día das Letras Galegas de 2017. Trátase dunha pequena peza dramática desbordante de alegría que Carlos Casares escribiu a principios dos setenta e se converteu pronto nun clásico do teatro infantil. O texto gañou o Concurso de Textos Teatrais O Facho en 1973 e editouse con ilustracións orixinais de Luís Seoane. O nacemento nun limoeiro dunhas enormes laranxas que estoupan ao tocalas reúne a toda unha colección de veciños estraños e dá pé a un rosario de situacións absurdas e hilarantes.
Pdf FichaMar adiante.
Historias de nenos pra nenos.
María Victoria Moreno2018
No mesmo vieiro conmemorativo das Letras Galegas ofrecemos Mar adiante de María Victoria Moreno, a súa primeira novela en lingua galega e unha das novelas fundadoras da literatura infantil en galego. A obra recolle o relato dunha mestra que lle contou un día ao profesorado do seu colexio que acababa de poñer escola nun barco, o Arroás. Como non a creron, e ela sabe que non o soñou, escribe a historia para que o seu alumnado a coñeza. Esta edición conmemorativa saída do prelo en 2018 está enriquecida cun texto orixinal da autora, ilustrado por ela mesma, pero que non era coñecido do público: o conto mecanoscrito «Crarisca». Ademais, dous estudos previos dotan esta publicación dun trazo moi orixinal: unha achega propia do experto en historia literaria, Xesús Alonso Montero, e un texto escrito por Sara Alonso Pimentel en forma de carta persoal que dá resposta a «unha conversa pendente».
Pdf Ficha