“Pensei que escribir un libro podía ser unha cousa ben inútil”. Así se titula o último conto de “¡Non te amola!” a obra narrativa na que Xela Arias, homenaxeada co Día das Letras Galegas en 2021, ficciona boa parte da súa nenez. Este é o texto que o Consello da Cultura Galega (CCG) recuperou da autora no marco da edición conmemorativa coa que homenaxea á figura escollida cada 17 de maio. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na presentación da publicación que “proclama a importancia da escritura como forma intervención”. Canda ela estaban Darío Gil, fillo da homenaxeada; a profesora Ana Iglesias, autora do estudo crítico do texto; e Bea Gregores, responsable das ilustracións da publicación. Todos eles destacaron que este texto ofrece outras facetas menos coñecidas de Xela. O libro xa se pode descargar de balde desde o sitio web do CCG.
Xela Arias
Día das Letras Galegas 2021Biografía.Álbum de Galicia.
En plena actividade creativa, cun abismático e lúcido libro negro a presentar e a orixinalidade dunha traxectoria que non se someteu máis que ao seu propio ritmo, a morte de Xela Arias conmocionou ao mundo cultural galego en novembro de 2003. Pechábase aos 41 anos o ciclo vital dunha escritora precisa, extrema, de palabra tensa e contida. O seu é un nome que se pronuncia sen xeración, sen grupo, desas voces singulares, inclasificables, que se constrúen nas marxes dos manuais. Por Ana Romaní para o Álbum de Mulleres. .
Xornada.A propósito de Xela
O 26 de marzo de 2014 o Consello da Cultura Galega organizou unha xornada para lembrar a Xela Arias, pero tamén a Luísa Villalta, representativas da progresión que desde mediados dos anos 80 supuxo a presenza das mulleres como axentes, referentes e xestoras culturais no país. Aquí están os materiais desta xornada.
Libro.
Ofrecemos en libre descarga unha edición non venal comentada dunha obra escrita pola figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Nesta ocasión, e cumprindo cun desexo da súa familia, o CCG editou o relato “Non te amola”. O libro está ilustrado por Bea Gregores (Vigo, 1995) e conta cunha introducción de Ana Iglesias, amiga da súa etapa universitaria.
Especial.O equilibrio dos extremos
O día 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da Poesía. Neste abrente primaveral dun ano de desacougos, incertezas e esperanzas e, ao fío do nomeamento de Xela Arias como figura homenaxeada do Día das Letras 2021, o Consello da Cultura Galega quere abrir un diálogo literario entre novas voces poéticas e a da autora viguesa.
Concerto.Laura LaMontagne & PicoAmperio
O 16 de maio terá lugar o tradicional Concerto das Letras Galegas, que busca unir textos e música co obxectivo de subliñar a dimensión conmemorativa, reivindicativa e festiva da xornada, sempre ao redor da figura homenaxeada no Día das Letras. Nesta ocasión, a presenza escénica do scrartching nebuloso de PicoAmperio e o carisma magnético de Laura LaMontagne fundiranse coa poesía de Xela nunha proposta estética audiovisual moi anovadora.
Xela e Gianni

Os Contos ao teléfono de Gianni Rodari son boa mostra da actividade de Xela Arias como tradutora de literatura infantil e xuvenil. O libro foi publicado pola editorial Juventud en 1986. Neste especial, a tradución de Xela e Valentín Arias cobra vida a través da voz de Charo Pita, ofrecendo doce contos que son tamén un convite a soñar coa fantasía de Rodari.