O equilibrio dos extremos

Ver vídeo

O equilibrio dos extremos

O día 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da Poesía. Neste abrente primaveral dun ano de desacougos, incertezas e esperanzas e, ao fío do nomeamento de Xela Arias como figura homenaxeada do Día das Letras 2021, o Consello da Cultura Galega quere abrir un diálogo literario entre novas voces poéticas e a da autora viguesa. Porque ambicionamos ese equilibrio dos extremos que perseguiu sempre Xela Arias, asumímolo canda ela como un desafío permanente e contraditorio -por imposible- e facémolo á escoita deste diálogo entre os versos que 12 escritoras e escritores nacidos a partir da década dos oitenta imaxinaron en conversa íntima con cadanseu poema de Xela Arias, que eles e elas mesmas seleccionaron.

Os textos chegan a nós, lizgairos e senlleiros, nas propias voces que os crearon mais fálannos tamén dende a materialidade do texto e da imaxe e, ao tempo, arman un agasallo comunal, un macrotexto colectivo, integrados (e desintegrados) na videocreación encargada á produtora Miramemira que podes gozar tamén neste web

Soñamos este proxecto coa convicción de que a poesía pode ser un lugar de (re)encontro dende o que asomarnos, aínda que sexa por un intre, a ese anceiado equilibrio imposible. Para sentirmos a súa vertixe latexando nos versos de Lois Alcayde Dans, Tamara Andrés, Antón Blanco, Alba Cid, Berta Dávila, Alicia Fernández, Rosalía Fernández Rial, Miriam Ferradáns, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Arancha Nogueira e Ismael Ramos. Co acompañamento do eco inmorredoiro da palabra de Xela Arias.