CCG 40

40 anos coa cultura galega

CCG 40

40 anos coa cultura galega
O Consello da Cultura Galega cumpre neste 2023 corenta anos. Aquí irán aparecendo as actividades, contidos e materiais cos que a institución celebra a efeméride. Un programa que busca repensar o papel da cultura e as institucións, asi como repensar o seu futuro.
Un foro conformado por oito xornadas que se extenden de marzo a novembro, un acto conmemorativo, un concerto institucional e un acto de clausura concentran o conxunto de actividades previstas para este ano.

Acto Conmemorativo

Na véspera do 8 de xullo, día en que se aprobou a Lei do Consello da Cultura Galega, terá lugar o acto institucional conmemorativo.



Consello da Cultura Galega

Concerto

NOVEMBRO. A Orquestra Sinfónica de Galicia e Juan Durán xúntanse no concerto institucional que terá lugar no Palacio da Ópera da Coruña.

Foro Pensar o mundo dende Galicia

Dende 1983 ata hoxe o Consello da Cultura Galega leva corenta anos promovendo o debate, a pescuda e a creación arredor de diversos eidos do saber, mais tamén sobre cuestións que atinxen aos problemas e inquedanzas da sociedade galega no pasado, no presente e no futuro. Froito diso foi un amplo elenco de congresos, debates, xornadas, publicacións e informes. Recollendo o legado do feito na súa historia, mais con proxección cara ao futuro, o Consello da Cultura Galega propón un foro de reflexión arredor de cuestións candentes no mundo actual, estruturado en oito xornadas con periodicidade mensual (de marzo a novembro de 2023) nas que se abordarán temáticas moi presentes nas actividades da institución, como a posverdade na información, a economía da cultura, os desafíos para o humanismo das novas tecnoloxías, a calidade da democracia, os retos presentes e futuros do feminismo, o papel do galego nunha sociedade multicultural, a sustentabilidade da economía global e o papel do patrimonio e da paisaxe. Máis de corenta personalidades do mundo cultural, científico e académico galego, ibérico e mundial daranse cita en Santiago de Compostela para reflexionar, debater e profundar na interpretación dos desafíos desta terceira década do século XXI, con vontade interdisciplinaria e dialogante. Dende Galicia, recollendo a tradición iniciada hai máis dun século pola Xeración Nós e polo Seminario de Estudos Galegos, aspiramos a repensar o mundo e a sermos unha célula de universalidade.

12 voces destacadas

Ao longo da súa existencia pasaron por esta casa figuras destacadas a todos os niveis e en todos os ámbitos da cultura. Cada mes visibilizaremos as conferencias que marcaron a traxectoria da institución.