Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 781 a 800 de 3707

A entrada de Pedro Brey incorpórase ao Álbum de Galicia

A docencia e a fotografía articuláronse como os dous piares fundamentais na vida de Pedro Brey (Rendo, Oca, A Estrada, 1889–1967), quen destacou cunha obra na que sobresaen tanto as súas fotografías de exteriores como os retratos que fixo da veciñanza estradense. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega, é autoría de Vítor Vaqueiro.

Ler máis

Unha unidade didáctica axuda a coñecer a historia da diversidade sexual en Galicia

Os centros de ensino secundario e bacharelato contan desde hoxe cunha ferramenta imprescindible para ensinar a historia da diversidade sexual no noso país. Chámase Sen cancelas. Proposta didáctica e é un material elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que xorde como complemento da exposición homónima que percorre a historia das disidencias sexuais en Galicia. A responsable do proxecto e directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), Carme Adán, e un dos comisarios da mostra, Enrique Latorre, explicaron esta mañá no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela os contidos e detalles deste material, que xa está dispoñible para a descarga no web do CCG.

Ler máis

A mostra Afonso X e Galicia e unha mesa redonda levan a cultura galega a Cracovia

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto Cervantes realizan esta semana dúas actividades que pretenden dar a coñecer a nosa cultura na capital de Polonia e estreitar as relacións entre a cultura galega e a polaca: dunha banda, a exposición Afonso X e Galicia, que se inaugura este xoves coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e do comisario da mostra, Antoni Rossell; da outra, unha mesa redonda que se celebra mañá e que afonda na conexión entre a Galicia española e a Galicia polaca.

Ler máis

Mª Elena Vázquez Cendón inaugura o primeiro dos especiais Proxector de autora

“Escolma para ver e escoitar matemáticas” é o título do primeiro dos especiais Proxector de autora, no que é unha persoa especialista do tema quen se encarga de facer a súa propia recomendación e selección dos vídeos. Nesta entrega, Mª Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e membro do plenario do Consello da Cultura Galega (CCG), recompila unha ducia de recursos audiovisuais sobre as matemáticas e os diversos usos e aplicacións que esta ciencia ten na vida cotiá da poboación. Con este especial, o CCG súmase á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra cada 11 de febreiro para promover o acceso e a participación plena das mulleres e nenas nos eidos científico e tecnolóxico. Proxector é unha iniciativa desenvolta polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Ler máis

O Observatorio da Cultura constata o impacto da tecnoloxía nos hábitos de consumo cultural

A tecnoloxía mudou a nosa maneira de relacionarnos coa cultura. Nos últimos vinte anos a asistencia trimestral ao cine baixou á metade (de 4,8 a 2,3 veces de media) e tamén descendeu a tendencia de ver a televisión e escoitar a radio (o 9,5 % e o 4,8 % menos, respectivamente). Porén, nestas dúas décadas sextuplicouse o consumo de vídeos, nomeadamente, de películas e de series. O 50,4 % da poboación ten contratada a día de hoxe algunha plataforma dixital de televisión e medra tamén o consumo cultural a través de dispositivos tecnolóxicos. Así o explica o último documento de traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que leva por título Hábitos e prácticas culturais e no que se mide o comportamento cultural da cidadanía nas últimas dúas décadas.

Ler máis

Axudádeme a cantar

Axudádeme a cantar

Nova webserie sobre música de tradición oral

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Manuel Gómez Román, arquitecto do Seminario de Estudos Galegos

Construíu máis de dúas mil obras, a maioría en Vigo e na súa contorna, e os seus proxectos estaban influídos polo Barroco porque “para el, a orixinalidade debía de basearse na tradición, na orde e no gusto, achegando estilisticamente o edificio urbano ao pazo rural”. Así describe Xosé Ramón Fandiño o traballo de Manuel Gómez Román (Vigo, 1875 - 1964), arquitecto que formaba parte do Seminario de Estudos Galegos (SEG), na entrada que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia. Co gallo do centenario desta entidade, que se celebrará ao longo deste 2023, a colección bibliográfica do Consello da Cultura Galega (CCG) irá incorporando entradas das súas figuras máis destacadas.

Ler máis

A nova entrega de Voces centenarias recupera tres audios de Isaac Díaz Pardo

A polifacética figura de Isaac Díaz Pardo (Santiago, 1920 - A Coruña, 2012) protagoniza a nova entrega de Voces centenarias, un proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Os tres audios que incorpora a entrega permiten achegarnos ao seu pensamento sobre figuras como Castelao ou a súa muller, Virxinia Pereira, e tamén ao importante labor editorial desempeñado por Ediciós do Castro. Díaz Pardo é un referente perseverante pola súa poliédrica personalidade e a súa incuestionable xenerosidade.

Ler máis

O proxecto audiovisual Axudádeme a cantar pon en valor o legado das tocadoras

Axudádeme a cantar é o nome do último proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG), unha serie documental que pretende visibilizar o canto acompañado con percusión de man. Seis capítulos percorren a historia e o presente deste tipo de literatura oral, sostida por mulleres que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, Carmen García Mateo, e mais as tres responsables do proxecto, Carme López, Renée DePalma e Xulia Feixoo, presentaron a serie audiovisual, que xa se pode ver no web do CCG e nas súas redes. “Hai tempo que traballamos na proxección de contidos que permanezan no tempo ademais de homenaxear a toda a cultura de base” apuntou Rosario Álvarez sobre esta iniciativa que terá a primeira exhibición pública no Serán dos Namorados, en Toutón (Mondariz), o vindeiro 11 de febreiro.

Ler máis

A entrada de Manuel Murguía incorpórase ao Álbum de Galicia no centenario do seu pasamento

Este 1 de febreiro fanse cen anos do pasamento de Manuel Murguía (O Froxel, Arteixo, 1833 - A Coruña, 1923), figura destacada da cultura galega. A súa vida estivo “marcada pola militancia rexurdimentista, pola implicación no proxecto político-cultural que pretendía restituír a dignidade a Galicia para abrir un horizonte de liberdade”, afirma Xurxo Martínez González, autor da súa entrada no Álbum de Galicia, colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). Alén da biografía do intelectual galeguista, tamén se poden consultar outros materiais, como as epístolas que recibiu da súa dona, Rosalía de Castro, e de Emilia Pardo Bazán, coa que mantivo unha longa inimizade. Tamén se poden consultar os artigos que escribiu en publicacións como El Museo Universal e La Oliva ou o discurso que pronunciou nos Xogos Florais de Tui en 1891.

Ler máis

O Concerto das Letras Galegas homenaxea musicalmente a Francisco Fernández del Riego

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, e o director asociado da Real Filharmonía de Galicia (RFG), Maximino Zumalave, presentaron este luns a décimo terceira edición do Concerto das Letras Galegas. O programa xira musicalmente arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010) “unha figura moi querida por toda a sociedade galega” destacou Rosario Álvarez. Correrá a cargo da RFG e o Coro de Cámara Rías Baixas e no programa destaca a estrea de Sinfonietta, peza en tres movementos elaborada expresamente para a ocasión por Brais González Pérez (Vigo, 1987) a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto e mais A miña burriña, peza moi querida por Fernández del Riego. O concerto celebrarase no serán do 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, no Teatro Afundación Vigo.

Ler máis

O Álbum de Galicia actualiza a entrada de Andrea López Chao

Mestra de profesión, a actividade de Andrea López Chao (Mondoñedo, 1874 - A Habana, 1954) estivo estreitamente vinculada ao colexio do Centro Galego da Habana, no que traballou como docente e onde chegou a ser unha das súas máis distinguidas profesoras. Ademais, tivo un destacado papel no movemento societario galego e, en especial, na defensa a prol da mellora da situación das mulleres emigradas. A aparición de novos documentos, como o discurso que pronunciou no I Congreso Nacional de Mujeres, celebrado na Habana entre o 1 e 6 de abril de 1923, motivaron a revisión e actualización da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). A entrada é autoría de Prudencio Viveiro.

Ler máis

O especial Historias de ida e volta documenta a creación da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela

Gumersindo Busto dedicou gran parte da súa vida ao desenvolvemento da Biblioteca América, unha iniciativa coa que o filántropo compostelán buscaba contribuír ao progreso educativo e cultural da súa cidade natal. Inaugurada en 1926, o seu esforzo traduciuse en recompilar todo tipo de obras científicas e literarias latinoamericanas para crear un gran fondo documental que, aínda a día de hoxe, constitúe un importante legado para a cultura do noso país. Sobre as arelas de Gumersindo Busto e o proceso de organización da Biblioteca América afonda o novo especial de Historias de ida e volta, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración. A entrega consta de vinte documentos e imaxes nas que se poden ver o acto da súa inauguración, o primeiro número do seu boletín ou a portada do primeiro catálogo cos seus fondos.

Ler máis

100 anos do Seminario de Estudos Galegos

100 anos do Seminario de Estudos Galegos

Web da conmemoración conxunta

Ler máis

Regresa o ciclo Pensarmos cunha charla de Joaquín Urías sobre calidade democrática

A Sección de Pensarmos do Consello da Cultura Galega (CCG) retoma mañá, 26 de xaneiro (18:00 horas), o ciclo Pensarmos. Nesta ocasión, o convidado é o profesor de Dereito Constitucional da Universidad de Sevilla Joaquín Urías, quen reflexionará sobre a calidade democrática da sociedade actual. A súa intervención desenvolverase en formato dialogado coa coordinadora da Sección, Celia Pereira Porto. A sesión é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais da institución.

Ler máis

A biografía do músico Ricardo Courtier incorpórase ao Álbum de Galicia

Ricardo Courtier (A Coruña, 1863 - Ourense, 1922) foi pianista, director, folclorista e compositor de melodías que denotan, desde o título ata o seu carácter e estilo, un estreito vínculo coa música popular galega. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Beatriz Cancela Montes.

Ler máis

O proxecto Sophias chega á Coruña

Sophias é a serie web de ficción coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, contribúen a divulgar o pensamento de mulleres destacadas da historia do pensamento. A responsable do proxecto, Carme Adán; a realizadora, Cristina de La Torre; máis o docente Manolo Torres presentan este mércores na Coruña (Instituto Eusebio Guarda, 12:00 horas) esta iniciativa que está formada por sete episodios que se achegan ás ideas de figuras coma Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou María Xosé Agra.

Ler máis

Expertos reflexionan sobre o legado artístico de Guillermo Monroy

“Hoxe temos a vontade de pertencer a sempre” é unha frase que Guillermo Monroy pronunciou nunha conversa co seu amigo Antón Patiño e que recolle boa parte da personalidade e espírito do artista. Falecido de xeito prematuro aos 28 anos, foi quen de deixar un abraiante e maduro proxecto persoal no que chama a atención o dinamismo, a liberdade e a radical frescura que lles conferiu ás súas obras. Da súa traxectoria profesional e vital falaron esta tarde o propio Antón Patiño, Menchu Lamas, Ángel Cerviño e Ramón Rozas nunha nova sesión do ciclo Revisando a nosa arte, que, desta volta, se trasladou ao Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo. A inauguración da sesión estivo a cargo da presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto con Manuel Quintana Martelo, coordinador da sección.

Ler máis

O ciclo Revisando a nosa arte regresa cunha xornada sobre Guillermo Monroy

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este martes, 24 de xaneiro (17:00 horas), no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, unha nova sesión do ciclo Revisando a nosa arte. Nela, Ramón Rozas, Ángel Cerviño, Menchu Lamas e Antón Patiño analizarán a traxectoria do pintor Guillermo Monroy, quen se consolidou como unha das figuras máis interesantes do grupo Atlántica cunha obra en que destaca a súa creatividade, a xeometrización do espazo, o manexo da cor ou a xestualidade enxerida sobre a superficie artística. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará esta sesión que non se poderá seguir en directo, pero será gravada e estará proximamente dispoñible na hemeroteca do CCG.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega pon na rede a conferencia “Galicia na miña obra” de Nélida Piñón

“Galicia na miña obra” é o título da conferencia coa que a escritora brasileira de ascendencia galega, Nélida Piñón (Río de Janeiro, 1937-Lisboa, 2022), inaugurou a actividade da Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega (CCG) en 2004. A súa intervención é a primeira dunha ducia de conferencias que se poñerán en rede co gallo do 40 aniversario do CCG.

Ler máis