Na presentación, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, salientou que esta obra “documenta con rigor unha parte esencial do noso patrimonio inmaterial” e subliñou a importancia de preservar e difundir este legado, “un tesouro cultural que nos identifica como comunidade e que forma parte dunha tradición milenaria en permanente renovación”. Rosendo Luís, deputado provincial de Ourense, destacou que “potenciar o tradicional é a mellor maneira de ser progresista”, ademais de facer un percorrido polo amplo traballo de recollida, documentación e difusión de Foxo. Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral da lingua, destacou a importancia deste traballo de recollida e difusión que é a “base na que beben as novas xeracións de creadores, nomeadamente músicos, que están a traballar hoxe e con grande fortuna”. Na súa intervención, Xosé Lois Foxo, destacou que se trata “dun cancioneiro humanístico, próximo á xente” e deu paso a un grupo de informantes do Bolo (primeiro a señora Felisa, Xonxa e Rogelio, quen acudiu vestido cun capote tradicional) e ás cantoras de Trives.
A publicación
A obra, editada co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e do Concello do Bolo, constitúe un exhaustivo traballo de documentación musical, sociolingüística e etnográfica que destaca pola súa amplitude e polo rigor investigador. Ademais da transcrición das pezas e da súa notación musical, o volume incorpora soportes sonoros e videográficos, así como case cincocentas imaxes, que completan unha detallada panorámica da vida cultural e social da comarca.
No amplo estudo introdutorio, Foxo analiza o contexto histórico, musical e social das Terras do Bolo, con especial atención ao papel que xogaron as cantareiras, pandeireteiras, cegos coplistas, rapsodas e gaiteiros na transmisión deste patrimonio oral. O autor explica tamén as características dos romances tradicionais, as coplas modernas, as variantes melódicas e os trazos lingüísticos propios da zona, ofrecendo unha visión completa do valor sociocultural destes materiais.
En preto de cincocentas páxinas recóllense romances, coplas, cantos de traballo, cantos de Reis e aninovos, aguinaldos, cantos relixiosos e de berce, así como cantos do ciclo anual e festivo (cantos de reis, aninovos, aguinaldo…) de traballo (seitura, arada, co liño…), satíricas, amorosas e humorísticas. Cada peza vai acompañada de información sobre o informante, a localidade e o contexto, ademais de notas explicativas que axudan a comprender o seu significado na vida comunitaria. O volume recolle preto de 500 cantares procedentes de múltiples aldeas das Terras do Bolo: Lentellais, Outardepregos, Chao das Donas, Teixido, Celavente, Tuxe, Buxán, Navallos, entre outras.
A recollida abrangue máis de sesenta anos (1962–2024), o que permite observar as mudanzas no repertorio, a evolución das formas lingüísticas e tamén as transformación socioculturais da comarca.
O Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo complétase cun índice de melodías que permite localizar rapidamente cada canto, e cun índice de audios que identifica os rexistros sonoros asociados, preservando a autenticidade das interpretacións orixinais.



