Baldomero Isorna comezou a estudar Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Estudos que aprazou cando foi recrutado para combater na Guerra Civil, que o deixou con feridas que arrastrou ao longo do resto da súa vida. Continuou a súa formación en Alemaña, desde onde escribiu misivas dispoñibles na entrada do Álbum, e tras voltar a España, instalouse unha tempada en Madrid, onde comezou a frecuentar círculos culturais como o Centro Galego de Madrid ou o Café Gijón. Alí coñeceu a intelectuais como Camilo José Cela, con quen establecería unha fonda amizade, Celso Emilio Ferreiro, Otero Besteiro, o xornalista Joaquín Merino ou Maruxa Mallo. Nesa época, comezou a publicar poemas e colaborar con medios como ABC ou xornais galegos como Faro de Vigo.
Faustino Rey, pola súa banda, era sacerdote, poeta e teólogo cunha marcada ideoloxía progresista. Naceu na parroquia de Isorna, e a diferencia de Baldomero, tivo unha educación fondamente relixiosa. Pasou varios anos no convento dos franciscanos de Herbón, e seguiu formándose no convento de Santiago de Compostela e nos seminarios de Ourense e Tui. Con todo, auto definíase como “crego anticlerical”, opúñase ao celibato dos curas, ao franquismo e á xerarquía eclesiástica. O que lle supuxo problemas coa institución e ser recluído durante un mes no convento do Carme de Padrón e posteriormente ser destinado a Bos Aires. Nesa época era coñecido polos seus poemas e cancións, algúns dos cales se poden consultar na entrada do Álbum, e foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e membro da Sociedade Mariolóxica Mater Ecclesiae de Braga e do Colexio Heráldico de Bos Aires. Ao longo da súa vida publicou obras de poesía, ensaios, escritos teolóxicos e colaborou con xornais como o Faro de Vigo.
En 1961, os dous autores xunto con outros homes de letras no Ulla, decidiron crear o Ateneo do Ullán, que tiña a Rey Romero como director. Ao ano seguinte os membros de dita asociación representaron o desembarco do rei viquingo “Ulfo o galego” nas Torres do Oeste, co propio Rey Romero no papel de bispo Cresconio, seguido dun xantar; unha representación que se comezou a repetir os anos seguintes e que deu lugar á Romaría Viquinga de Catoira. Festa de Interese Turístico Internacional desde o ano 2002.
Ambos poetas recibiron numerosas homanaxes ao longo da súa vida da man de diversas institucións e recibiron unha medalla de ouro a título póstumo polo Concello de Catoira.



