Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 141 a 160 de 3707

O especial Proxector supera os 2.000 recursos educativos cunha entrega sobre arqueoloxía

“Arqueoloxía: un bo plan para coñecer Galicia este verán” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC). Con esta entrega, que fai un percorrido polo noso patrimonio arqueolóxico, o catálogo xeral do proxecto supera os 2.000 recursos audiovisuais de divulgación en galego.

Ler máis

Unha xornada presenta o proxecto “Lugares de Memoria”

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este mércores, 11 de xuño (10:00 horas) a xornada “Lugares de Memoria de Galicia: historia e lembranza”. Xosé M. Núñéz Seixas, Ramón Villares, Xurxo Ayán, Ana Cabana e Emilio Ínsua participan nesta sesión que serve de presentación do proxecto “Lugares de memoria”, un catálogo virtual que contará con 75 entradas que profundan no coñecemento histórico do país a través de espazos, conceptos, prácticas, obxectos ou outro tipo de elementos revestidas dun significado particular e cambiante por parte dunha comunidade ao longo do tempo. A sesión pode seguirse en directo desde o web do CCG e da canle de YouTube da institución.

Ler máis

Visita da organización estoniana URALIC Centre for Indigenous Peoples

A delegación da organización estoniana URALIC Centre for Indigenous Peoples, ONG con base en Estonia que promove os dereitos lingüísticos das comunidades indíxenas, especialmente do ámbito urálico, visitou o Consello da Cultura Galega. Foron recibidos por Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente da institución. Na xuntanza tamén participou marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización lingüística, dado que ambas entidades pertenecen á Rede Europea de Linguas Minorizadas, ELEN.

Ler máis

Medio milleiro de voces infantís cantou a Castelao na novena edición de No bico un cantar

A Rianxeira, Lela e outras cancións populares resoaron nas voces do medio milleiro de nenos e nenas que, por mor da chuvia, tiveron que desprazarse ao pavillón municipal Jose Abuín “Chema” de Rianxo na novena edición de No bico un cantar. “Esta é unha actividade pensada para a rapazada, auténticos protagonistas, para que sexa unha experiencia rica e inesquecible”, apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, no inicio desta actividade que o CCG organiza xunto coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia mais a colaboración do Concello de Rianxo. O conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou que a iniciativa “leva tempo poñendo en valor aos persoeiros da nosa cultura entre a mocidade e que, como non podía ser doutro xeito, este ano é especial ao sumarse á celebración do Ano Castelao”. Maximino Zumalave dirixiu este gran coro acompañado da formación de metais Hércules Brass con Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a vindeira edición terá lugar en Vilalba cos poetas da Terra Chá como protagonistas.

Ler máis

Rianxo acolle este venres a novena edición de No bico un cantar

500 nenos e nenas de toda Galicia, aos que se lle suma a colaboración especial do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, participarán este venres en Rianxo na novena edición de No bico un cantar. O proxecto pon música á tradición literaria galega e está organizado polo Consello da Cultura Galega coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia máis a colaboración do concello de Rianxo. O concerto terá lugar ás 18:00 horas na praza Rafael Dieste (en caso de chuvia trasladarase ao pavillón municipal, José M. Abuin "Chema"). O 75º aniversario do pasamento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao centra o programa desta edición na que destaca a estrea absoluta de Daniel, peza composta para a ocasión por José Luís do Pico Orjais con arranxos musicais de Juan Durán.

Ler máis

Elsa Sánchez de Oesterheld, activista de Avoas da Praza de Maio entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Elsa Sánchez de Oesterheld (Bos Aires, 1925-2015), defensora dos dereitos humanos, integrante da Asociación Civil Avoas de Praza Maio. Dedicou a súa vida a procurar aos seus netos, nados en cativerio, despois do golpe militar de 1976 en Arxentina, co que perdeu á maior parte da súa familia. Carme Vidal é a autora da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.

Ler máis

A antropóloga María Dolors Comas afonda na importancia dos coidados no ciclo Pensarmos

A antropóloga María Dolors Comas d’Argemir (Barcelona, 1951) defenderá este martes (18:00 horas) no Consello da Cultura Galega (CCG) unha visión crítica e transformadora dos coidados, especialmente no contexto actual no que se produce un avellentamento progresivo da poboación. A intervención, que estaba programa inicialmente para o 22 de maio e tivo que tivo que ser cancelada por un problema de transporte, retómase co mesmo formato. Comas intervirá en diálogo con Ana Isabel García Arias (Lugo, 1968), profesora de economía aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta sesión forma parte do ciclo Pensarmos co que a Sección de Pensamento do CCG, coordinada por Celia Pereira Porto, reflexiona sobre asuntos de actualidade. A cita é presencial pero pode seguirse en directo desde o web institucional e a canle de YouTube.

Ler máis

Un simposio aborda iniciativas emprendedoras relacionadas co liño

“O liño e as iniciativas emprendedoras transformadoras; estratexia para un desenvolvemento sostible na Costa da Morte” é un encontro organizado polo Concello de Zas e o Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Universidade da Coruña, que pretende analizar todos os principais aproveitamentos socioeconómicos do liño. O simposio reunirá este sábado (31 de maio, 11:00 horas), no salón de actos do Centro Sociocultural de Baio (Zas), a especialistas do ámbito científico, económico e cultural para poñer de manifesto a relevancia do liño como motor de transformación económica e sostible, destacando o seu valor en sectores como o téxtil ou o agroalimentario.

Ler máis

Unha mesa redonda aborda o teatro galego na diáspora arxentina

O teatro, tanto en galego como en castelán, ocupou unha parte importante do lecer da colectividade galega emigrada en Arxentina a principios do século XX. A mesa redonda “O teatro galego na diáspora: o caso da Arxentina (1900-2025)” que organiza o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) o vindeiro luns, 2 de xuño (18:00 horas), reflexiona desde diferentes ámbitos sobre un dos fenómenos máis rechamantes da cultura galega na diáspora. A xornada presencial, pode seguirse en directo a través do web do CCG e as redes sociais.

Ler máis

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos do “Centro Gallego do Rio de Janeiro”

En 1899 un grupo de galegos emigrados ao Río de Xaneiro decidiu unirse coa intención de crear unha sociedade que servise de referente para a colectividade galega residente no Brasil. Constituíronse un ano máis tarde baixo o nome “Centro Gallego do Rio de Janeiro”. Libros de actas, estatutos, a contabilidade e folletos de numerosas actividades conforman a documentación desta sociedade que o Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Unha iniciativa que permite visibilizar material procedente das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega para axudar a coñecer mellor o fenómeno migratorio.

Ler máis

O escenógrafo e pioneiro do teatro galego, Xoán Manuel López Eirís, entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Xoán Manuel Lípez Eirís (Carballo, 1952- A Coruña, 2017). Foi un actor, escenógrafo e deseñador de vestiario e unha figura pioneira do Teatro Independente Galego que participou na fundación da Escola Dramática Galega. Ao longo da súa vida profesional estivo vencellado a Casahamlet, traballou co actor e dramaturgo, Manuel Lourenzo e diversas agrupacións como o Teatro Circo, a Compañía Luís Seoane, o Centro Dramático ou Teatro Elsinor. Ana Abad de Larriva é autora da entrada que xa está dispoñible.

Ler máis

Dispoñible o epistolario entre Isaac Díaz Pardo e Valentín Paz-Andrade

“Foi un artista, un empresario capaz de unir calidade estética e produto industrial e, entre moitas outras cousas, un intelectual comprometido” asegurou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) na apertura da xornada “Isaac Díaz Pardo. Azul Compostela” coa que a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do CCG lembrou a súa figura e a súa conexión coa cidade de Santiago de Compostela. Ademais da xornada que homenaxea a Díaz Pardo no ano en que se lle dedica o Día das Artes Galegas, a institución acaba de incorporar preto dun centenar de cartas que o intelectual mantivo con Valentín Paz Andrade. O epistolario preséntase acompañado dun texto contextualizador a cargo do historiador e expresidente do CCG, Ramón Villares.

Ler máis

A creación dunha plataforma transmedia entre as propostas da cuarta mesa do foro Un país coa súa lingua

Empregar o galego e a identidade galega como pilar estratéxico nas empresas é unha das propostas que se abordaron no marco da xornada “Comunicación, cultura e acción exterior”, coordinada por Marta Veiga Izaguirre no marco de Un país coa súa lingua. Foro participativo que dirixe Dolores Vilavedra. A experiencia do RC Celta, en boca de André Taboada Alonso, ou a campaña “A universidade de Vigo (UVigo), a proba! da man de Benigno Salgado son dous modelos que apostan por esta vía. “Debemos construír narrativas inspiradoras que aumenten a nosa con(s)ciencia, destacar a idea de participar nun proxecto comunitario atractivo para progresar cara a unha nova cultura vehiculada a través do galego. Os músicos e artistas galegos estano facendo. Oliver Laxe acaba de facelo” apuntou Benigno. Na sesión puxéronse enriba da mesa outras medidas concretas como accións específicas para o desenvolvemento do galego nas ferramentas de intelixencia artificial, mudar o modelo de axudas a medios de comunicación para que se potencie o idioma e, no exterior, que os organismos que conten con persoal apoien as actividades das redes de voluntariados que fomentan a cultura galega. A seguinte xornada do foro terá lugar o xoves 27 de xuño coa mesa “Economía, deporte e turismo”, moderada por Jakson R. Rodrigues Soares.

Ler máis

A cuarta mesa do foro participativo Un país coa súa lingua analiza a situación da lingua na comunicación, na cultura e na acción exterior

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra este martes 27 de maio (16:30 horas), a cuarta mesa da iniciativa Un país coa súa lingua. Foro Participativo, co que pretende ofrecer medidas propositivas para recuperar o vigor do galego. A xornada titúlase “Comunicación, cultura e acción exterior”, está coordinada por Marta Veiza Izaguirre e Dolores Vilavedra e reflexionará sobre a situación do idioma nestes tres eidos. A mesa ten abertas as vías de participación e que tamén se poderá seguir en liña. A seguinte xornada do foro terá lugar o xoves 27 de xuño coa mesa “Economía, deporte e turismo”, moderada por Jakson R. Rodrigues Soares.

Ler máis

Unha xornada aborda na Fonsagrada a protección do patrimonio cultural inmaterial

A sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este venres 23 de maio (16:00 horas) nos IES Fontem Albei da Fonsagrada a xornada “Comunidades e patrimonio cultural inmaterial: a música o canto e o baile”. Nela abordarase, desde unha perspectiva comunitaria, os procesos de protección do patrimonio vivo. A situación do flamenco, do canto alentejano e do baile tradicional galego son obxecto de análise e reflexión nesta cita coordinada por Noemí Basanta, Carme Campo e Ana Estévez Lavandeira. A sesión non se emite en directo pero será gravada e subirase ao web do CCG.

Ler máis

Convocatoria pública de catro bolsas de colaboración en proxectos de investigación (PR970B)

Convocatoria de bolsas de colaboración 2025

Ler máis

O sector cultural amosa unha alta disposición de fomentar a oferta cultural segundo un informe do Observatorio da Cultura Galega

As artes escénicas, os museos e actividades relacionadas co patrimonio cultural e os departamento de cultura de concellos, deputacións e Xunta son as que perciben unha maior demanda de produtos culturais en galego entre a poboación máis nova. A maioría das entidades do sector cultural, o 74,4%, manifesta que aumentaría a súa produción ou actividade en galego se se poñen en marcha medidas de apoio. Son algunhas das principais conclusións do informe Demanda e oferta de produtos e servizos culturais en galego para a infancia e a mocidade, que presentaron este xoves en rolda de prensa a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares. “Este estudo responde a unha liña de traballo da institución que analiza os dereitos lingüísticos culturais da cidadanía e, ademais, pretendíamos atender a eivas e lagoas que fomos percibindo a través doutros informes e nas nosas actividades nos últimos anos” apuntou a presidenta na súa intervención. Pola súa banda, Håkan Casares destacou que “hai demanda, falta oferta e, se se toman medidas, o ámbito cultural está disposto a incrementar a produción”. O documento xa está dispoñible para descarga.

Ler máis

O poeta Teodosio Vesteiro Torres e o político Alfredo Vicenti entran no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe as entradas de dúas figuras do Rexurdimento galego. Dunha banda a de Teodosio Vesteiro Torres (Vigo, 1847- Madrid, 1876), xornalista, poeta, escritor e profesor de música que impulsou a creación da asociación La Galicia Literaria e publicou a obra de Galería de gallegos ilustres. Da outra, a de Alfredo Vicenti Rey (Santiago de Compostela, 1850- Madrid, 1916), xornalista, escritor e político, director do xornal El Liberal e deputado a Cortes. Xurxo Martínez González é o autor de ambas as dúas entradas que xa están dispoñibles para consulta no web do CCG.

Ler máis

María Dolors Comas aborda o reto dos coidados na sociedade actual no ciclo Pensarmos

A antropóloga María Dolors Comas d’Argemir (Barcelona, 1951) defenderá este xoves (18:00 horas) no Consello da Cultura Galega (CCG) unha visión crítica e transformadora dos coidados, especialmente no contexto actual no que se produce un avellentamento progresivo da poboación. A súa intervención, que terá carácter dialogado con Ana Isabel García Arias (Lugo, 1968), profesora de economía aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), forma parte do ciclo Pensarmos co que a Sección de Pensamento do CCG propón reflexionar sobre cuestións de actualidade. A cita, coordinada por Celia Pereira Porto, emítese en directo desde o web institucional e a súa canle de YouTube.

Ler máis

Cincocentas voces cantarán a Castelao en Rianxo na novena edición de No bico un cantar

O 75º aniversario do pasamento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao centra a nova edición de No bico un cantar, unha actividade organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que pon música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia. 500 nenos e nenas, coa novidade da colaboración especial do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, participarán neste encontro, que terá lugar na praza de Rafael Dieste o vindeiro 6 de xuño (18:00 horas). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na rolda de prensa de presentación do concerto que “é unha das actividades máis emocionantes do noso calendario que este ano cumpre nove edicións presenciais”. O alcalde, Julián Bustelo, agradeceu a elección de Rianxo para homenaxear a Castelao “nun ano especialmente significativo”. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incidiu “no traballo previo de varios meses que remata nunha xornada de convivencia”. Na rolda tamén estaban o subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, Rubén Vázquez, máis o director do concerto, Maximino Zumalave, quen destacou o repertorio popular no que haberá a estrea absoluta de Daniel, peza composta para a ocasión por José Luís do Pico Orjais, con arranxos musicais de Juan Durán.

Ler máis