Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 701 a 720 de 3707

A nova entrega de Voces centenarias recupera tres audios de Lois Tobío

Lois Tobío Fernández (Viveiro, 1906 – Madrid, 2003) foi diplomático, escritor, tradutor e xornalista. Destacado militante galeguista, foi tamén un firme defensor da personalidade cultural de Galicia no mundo. A nova entrega de Voces centenarias, proxecto que mantén o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG), difunde tres gravacións que permiten profundar na súa figura e coñecer, a través das súas propias palabras, como foi o proceso de creación do Seminario de Estudos Galegos.

Ler máis

A presidenta do Consello da Cultura Galega inicia unha viaxe institucional a Cuba

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inicia este xoves unha viaxe institucional a Cuba na que participará nun programa de actividades sobre o patrimonio cultural común entre Galicia e Cuba. Ademais de reunirse co embaixador de España en Cuba, asistirá á investidura de Pilar Cagiao como membro da Academia Cubana de Historia.

Ler máis

O foro Pensar o mundo dende Galicia regresa en maio cunha análise da calidade da democracia

«A democracia é o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo», afirmou Abraham Lincoln no famoso discurso de Gettysburg. Esta máxima é aínda hoxe inalcanzable porque, alén da participación e a rendición de contas, o goberno do pobo require tamén ter en conta outras variables como as dimensións inclusiva, deliberativa, igualitaria e participativa. O Consello da Cultura Galega (CCG), no marco do foro Pensar o mundo dende Galicia co que celebra o seu 40º aniversario, fai unha parada para revisar a calidade da democracia e repasar a situación en España, Europa e América Latina. O catedrático de Ciencia Política e da Administración Ramón Máiz é o coordinador dunha cita que contará coa participación de Jose Luis Villacañas e Manuel Alcántara, entre outros relatores. A cita terá lugar o xoves 11 de maio na sede do CCG e ten aberta a inscrición.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do recoñecido especialista en música catedralicia José López-Calo

José López-Calo (Nebra, Porto do Son, 1922 – Salamanca, 2020) foi “o grande especialista na música das catedrais españolas”, cun labor que chegou a ser recoñecido internacionalmente. Así o afirma Francisco Javier Garbayo Montabes na biografía que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

Presentada a edición facsimilar de Na espera do amigo, de Fernández del Riego

Na espera do amigo é unha obra singular na traxectoria de Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010). “É unha obra singular porque é unha rarísima incursión de Fernández del Riego na creación; porque foi un proxecto vangardista no seu momento, que forneceu de novos formatos para a cultura galega, e tamén porque amosa ese vínculo coas artes plásticas” explicou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, na presentación da edifición facsimilar comentada que tivo lugar esta mañá na Casa Galega da Cultura en Vigo. Estivo acompañada de Román Pereiro, responsable da primeira edición da obra de del Riego; de Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol e de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. Ademais, a presidenta anunciou que xa se poden recoller as entradas para o Concerto das Letras Galegas que o CCG organizará o vindeiro 16 de maio no Teatro Afundación.

Ler máis

O especial Historias de ida e volta amosa o papel das sociedades microterritoriais de emigrantes en Arxentina

Arxentina foi un país de acollida para milleiros de emigrantes e exiliados galegos que, desde a outra beira do Atlántico, participaron activamente na configuración social e política de Galicia. No territorio austral, puxeron en marcha un importante movemento asociativo co que buscaban a integración dos e das emigrantes, ao tempo que procuraban preservar a identidade cultural galega. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, leva por título “As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina” e amosa en vinte imaxes e documentos algún exemplos representativos destas sociedades.

Ler máis

A entrada de Xoán Cejudo incorpórase ao Álbum de Galicia

Xoán Cejudo (A Coruña, 1947–2018) foi un recoñecido actor de teatro e audiovisual, cunha traxectoria en que destaca a súa participación en numerosas obras teatrais, así como en curtametraxes, mediametraxes e series de televisión. Sobresaíu tamén como un director de escena pioneiro que contribuíu xa non só á profesionalización do teatro galego, senón tamén á formación de novas xeracións de artistas. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Ana Abad de Larriva.

Ler máis

Unha xornada asegura que Galicia e Bretaña sufriron un proceso de desocialización da morte

Cemiterios ao pé das igrexas, petos de ánimas, cruceiros, velorios nas casas... Son moitos os rituais e elementos patrimoniais que testemuñan a forma de entender a morte das sociedades galegas e bretoas. Esta relación mudou radicalmente nas últimas décadas condicionada, principalmente, pola perda do poder da igrexa, a aparición dunha normativa civil para a xestión dos cadáveres e os cambios sociais. Durante dous días, recoñecidos antropólogos, como Marcial Gondar ou Rafael Quintía, e arquitectos, como César Portela, explicaron no Consello da Cultura Galega (CCG) que nestes dous territorios se produciu unha perda da cultura tradicional, onde a morte pasou a ser un shock traumático, un tabú, e onde os cemiterios se foron afastando progresivamente. A xornada A morte nos fisterras europeos: Galicia e Bretaña puxo enriba da mesa unha progresiva individualización e ocultación da morte fronte á paulatina perda da socialización coa que a cultura tradicional axudaba a xestionala.

Ler máis

O ciclo Revisando a nosa arte analiza en Ourense a traxectoria do escultor Luis Borrajo

Luis Borrajo foi unha das grandes figuras da escultura galega de finais do século XX. Destacou, ademais de polo seu carácter innovador, por conseguir darlle novos folgos á escultura galega nos anos oitenta ao entroncala coas correntes internacionais que marcaban aquela época. O ciclo Revisando a nosa arte, organizado pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG), dedica este mércores, 26 de abril (17:00 horas), unha xornada a analizar a súa produción escultórica. A sesión desenvolverase de xeito presencial no Liceo de Ourense e, malia que non se poderá seguir en directo, será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.

Ler máis

Especialistas destacan que a morte se converteu nun tema tabú

“Había moitos temas para abordar a relación entre Bretaña e Galicia, pero pensamos que o tema da morte, polas mudanzas dan aceleradas das sociedades contemporáneas, era unha parada necesaria” asegurou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) na presentación da xornada titulada “A morte nos fisterras europeos: Bretaña e Galicia”. Canda ela, Christine Rivalan, da Université Rennes 2, engadiu que cómpren novos enfoques para abordar un tema que, para expertos como Marcial Gondar ou Cristina Sánchez-Carretero, se converteu nun tabú. A xornada remata este mércores cun panel moderado por Ramón Villares sobre a transformación dos rituais e a concepción dos cemiterios na sociedade actual.

Ler máis

Unha xornada analiza a relación coa morte nas culturas galega e bretoa

“A morte nos fisterras europeos: Bretaña e Galicia” é o título da xornada que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Université Rennes 2 organizan os días 25 e 26 de abril en Santiago de Compostela. A cita é a terceira edición dos encontros Bretaña-Galicia, que nesta ocasión analizan a relación coa morte nestes dous países, onde as tradicións ancestrais conviven con crenzas de carácter relixioso. A partir de enfoques diferentes, recoñecidos especialistas profundarán na cultura da morte e na visión que desta se dá en diversas actividades artísticas, así como no tratamento dos “mortos incómodos” e das grandes traxedias do mundo actual. A xornada é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais corporativas.

Ler máis

A presidenta do Consello da Cultura Galega pecha en Lugo o ciclo de conferencias Destacando na ciencia

“Consello da Cultura Galega: 40 anos coa nosa cultura” é o título do relatorio que Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, ofrece este venres na Casa do Saber de Lugo. É a última das conferencias do ciclo Destacando na ciencia, iniciativa promovida pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, o programa IV Ciclo da Universidade de Santiago (USC) e o Concello de Lugo.

Ler máis

O Barómetro da cultura galega constata que 2022 foi un bo ano para a cultura, aínda que menos do agardado

O ano 2022 foi, en termos culturais, “un bo ano, aínda que algo peor do agardado”. Así se resume nas conclusións do Barómetro da cultura galega 2023, documento elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), no que se analiza a actividade cultural do último ano no noso país. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o responsable do OCG, Hakan Casares, presentaron en rolda de prensa os resultados dun ano marcado polo incremento xeral do custo da vida, que non repercutiu nos prezos da maior parte dos produtos e servizos culturais, e un crecemento importante da demanda. O sector é moi crítico coa acción da Administración pública, que suspende en todos os seus niveis, e considera que o escaso apoio e a falta dunha política cultural axeitada son algúns dos puntos febles da cultura galega.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora un centenar de números do xornal Galicia

“Falareilles da patria aos desterrados, da libertade e redencións aos servos”. Estes versos de Curros Enríquez eran o lema de Galicia, o xornal editado pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina como continuación da cabeceira El Despertar Gallego. 105 números desta publicación, os editados en 1932 e 1933, incorpóranse este mes ao Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Fernando Osorio do Campo

Fernando Osorio do Campo (A Coruña, 1894 – 1974) foi actor e director do Conservatorio Nacional de Arte Galega, un proxecto impulsado polas Irmandades da Fala para introducir na modernidade a dramaturxia e a cultura galega. Malia a transcendencia que tivo na planificación teatral durante o período irmandiño, a súa traxectoria viuse escurecida pola represión franquista e polas circunstancias en que se desenvolveu a súa vida no exilio. A entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes.

Ler máis

Chega a Roma a mostra Afonso X e Galicia

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; Paolo Canettieri, director do Dipartimento di Studi Europei Americani e Interculturali da Università di Roma, e Arianna Punzi, decana da Facultad de Lettere e Filosofia, inauguraron hoxe na capital italiana unha nova itinerancia da exposición Afonso X e Galicia, que amosa a conexión galega do Rei Sabio. Tras a inauguración, o comisario, Antoni Rossell, fixo unha visita guiada comentada polo proxecto expositivo, organizado polo CCG coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.

Ler máis

O proxecto Ponte… nas Ondas! centra unha nova xornada do ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este martes, 18 de abril (19:00 horas), no edificio Francisco Sánchez de Tui, unha nova sesión do ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. Baixo o título “Ponte… nas Ondas!: boas prácticas do patrimonio inmaterial”, a actividade busca poñer en valor e divulgar a experiencia do proxecto Ponte… nas Ondas! (PNO!). A xornada, organizada coa colaboración do Concello de Tui e de PNO!, está coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e Santiago Veloso. A sesión non se poderá seguir en directo, pero será gravada e estará proximamente dispoñible na hemeroteca do CCG.

Ler máis

A conferencia do Padre Calo sobre Jesús Bal y Gay centra a nova entrega de Caligrafías musicais

A segunda entrega de Caligrafías musicais, proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que rescata bimensualmente conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego, difunde neste mes de abril unha conferencia de Xosé López-Calo (1922-2020), máis coñecido como Padre Calo, un referente internacional da musicoloxía. Son corenta minutos en que o xesuíta sonense explica as investigacións do músico lugués Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 - Torrelaguna, Madrid, 1993) sobre a música culta antiga e o folclore.

Ler máis

Un volume compilará as biografías de 40 mulleres recollidas no Álbum de Galicia

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a deputada provincial de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, acaban de formalizar o acordo que posibilita a edición dun volume que compilará as biografías de 40 mulleres recollidas no Álbum de Galicia. Na sinatura deste acordo tamén estivo presente a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, Carme Adán. Trátase da primeira colaboración formal entre ambas as institucións. O acordo promove a realización de actividades de carácter cultural, especialmente seminarios, exposicións e encontros, que permitan analizar o papel das mulleres na historia e na cultura galegas. Ademais, o protocolo permite o desenvolvemento doutras accións.

Ler máis

Preséntase na Coruña a unidade didáctica que axuda a coñecer a historia da diversidade sexual en Galicia

A responsable do proxecto e directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), Carme Adán, presentou esta mañá no IES Eusebio da Guarda da Coruña unha ferramenta orientada a centros de ensino secundario e bacharelato para ensinar a historia da diversidade sexual no noso país. Chámase Sen cancelas. Proposta didáctica e é un material elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que xorde como complemento da exposición homónima que percorre a historia das disidencias sexuais en Galicia.

Ler máis