Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 741 a 760 de 3707

María Xosé Porteiro aborda contradicións da democracia no ciclo Pensarmos

“A perplexidade democrática” é o título da nova sesión do ciclo Pensarmos, na que a escritora e xornalista María Xosé Porteiro falará de contradicións que se producen na democracia, da situación das mulleres en diferentes partes do mundo e de como a tecnoloxía mudou as relacións entre a cidadanía e os gobernos. Na sesión contará coa réplica de Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia. A sesión, organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), que coordina Celia Pereira, é presencial (xoves 23, 18:00 horas), pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais da institución.

Ler máis

Diferentes entidades lembran conxuntamente o legado do Seminario de Estudos Galegos

Un congreso científico, diferentes exposicións, numerosas conferencias, varias publicacións, múltiples roteiros e outros recursos materiais conforman a variada actividade que unha ducia de entidades, vencelladas ao Seminario de Estudos Galegos (SEG) ou aos seus membros, deseñaron para celebrar o centenario da súa creación. “É unha programación concibida como un proxecto de país, conxunto, no que cada un colabora na medida das súas posibilidades” apuntou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) na presentación da programación. Idea na que tamén incidiu Margarita Ledo, secretaria da Real Academia Galega quen engadiu que “o Seminario foi un operador da idea de país na que foi a nosa década marabillosa”. Pola súa banda, Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego, destacou que o SEG foi “unha organización para o estudo do país, para o país e polo país”. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, apuntou na presentación que “confío que aparezan novos fondos e documentos duns pioneiro que soñaron cunha Galicia mellor e que imaxinaron as estruturas de país”. A programación, que arrinca esta semana e se estende ao longo do ano, pódese consultar nun espazo web creado específicamente para a ocasión.

Ler máis

Os inicios da música escénica en Galicia analízanse nunha xornada que tamén pon en escena a tonadilla Los gustos estragados

A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá, 21 de marzo (17:00 horas), a xornada Os inicios da música escénica en Galicia. Nela representarase a tonadilla escénica de Melchor López Los gustos estragados, a única que se conserva das que foron compostas en Galicia. Antes da representación haberá unha mesa redonda, na que intervirán Montserrat Capelán, Javier Gándara e Joám Trilho. A actividade está coordinada pola propia Montserrat Capelán e por Cristina Domínguez Dapena. Ademais, conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais, do Centro Dramático Galego e do grupo de investigación Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela (USC). As prazas están esgotadas, pero as intervencións poderán seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega traduce ao galego Como levar unha vida honesta, o manual para príncipes de Martiño de Dumio

“Que as túas opinións sexan xuízos” ou “non finxas ser o que non es, nin queiras semellar máis do que es” son algúns dos consellos que figuran en Formula vitae honestae, un compendio de ética natural que o monxe Martiño de Dumio, na altura arcebispo de Braga, escribiu por petición do rei Miro cara ao ano 570. Foi un éxito na Europa medieval do momento: consérvanse 675 copias latinas do texto nas bibliotecas máis prestixiosas do mundo. O libro de consellos, inspirados no estoicismo e nas catro virtudes cardinais de Platón, chegou a circular naquela época atribuído a Séneca. Agora, arredor da festividade de Martiño de Dumio, que se celebra o 20 de marzo, o Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede a tradución ao galego do texto dentro da publicación Como levar unha vida honesta. Consellos de Martiño de Dumio a Miro, rei de Galicia, unha edición coordinada por Manuel Gago que conta con cinco textos contextualizadores.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora 51 números da revista A Nosa Terra

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora 51 números da cabeceira A Nosa Terra. Editada pola Irmandade Galega de Bos Aires entre os anos 1942 e 1972, a publicación, de carácter político, tiña como fin principal informar dos propósitos dos grupos nacionalistas de Bos Aires e América. Ademais, tamén se incluían novas sobre a situación da colectividade e de Galicia. Os exemplares dixitalizados que se agregan neste mes de marzo pertencen a diversos exemplares publicados entre os anos 1944 e 1972 e, malia que a maioría deles están depositados no AEG, tamén se incorporaron algúns cedidos por Xosé María Rei Lema do fondo de Roberto Veloso, cuxo orixinais se conserva na Biblioteca de Baio.

Ler máis

A traxectoria da bibliotecaria Daría Vilariño entra no Álbum de Galicia

A colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora a entrada de Daría Vilariño. Vencellada profesionalmente á Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela, loitou por conseguir “que na Universidade prenda e se desenvolva a idea de ‘biblioteca universitaria’ como un proxecto conxunto cunha actuación uniforme”, subliña María Virtudes Pardo Gómez. Ela é a autora da súa biografía no Álbum de Galicia.

Ler máis

Un convenio co concello de Miño permite recuperar a figura de Antón Crestar

Antón Crestar foi un dos grandes expoñentes da emigración galega no Uruguai no século XX. Recuperar a súa figura e visibilizala publicamente é o obxectivo do protocolo de colaboración que asinaron hoxe a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo. No acto de sinatura estaban presentes Catalina Morado, concelleira de Educación, Cultura, Comunicación, Participación Cidadá, Transparencia e Igualdade, máis Pilar Cagiao, profesora de Historia de América e coordinadora do Grupo HistAmérica da Universidade de Santiago de Compostela.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega recibe o fondo completo do galeguista Lois Tobío

No día en que se fan vinte anos da desaparición de Lois Tobío, a súa filla Constanza asinou coa presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, un acordo polo que cede á institución o seu fondo particular. “Un fondo moi importante que ofrece unha ollada múltiple, meticulosa e completa sobre múltiples feitos e moitos lugares do mundo”, apuntou a presidenta. Son documentos persoais, cartas e materiais inéditos que contribúen a coñecer mellor a historia de Galicia e de España do século XX. “Un legado importante por si mesmo, porque Tobío é un dos grandes, pero tamén en relación co legado doutros compañeiros, como poden ser Filgueira Valverde, Paz Andrade e moitos outros”, subliñou o historiador Ramón Villares, quen iniciou a primeira dixitalización dese material na súa etapa como presidente do CCG. “Para min é un momento moi importante porque cumpro a vontade de meu pai, que me pediu que me encargase de que o seu arquivo fose doado a unha institución galega”, asegurou Constanza Tobío no acto de sinatura.

Ler máis

Recuperada a conferencia de Slavoj Zizek no CCG sobre a tolerancia

Películas como Apocalypse Now, o pensamento de Claude Lefort ou conceptos como o de liberdade de elección ou Dereitos Humanos servíronlle a Slavoj Zizek para explicar que determinados problemas que hoxe se definen baixo o paraugas da “intolerancia”, noutro momento histórico serían cualificados de “explotación” ou simplemente de “inxustiza”. O filósofo esloveno foi unha das figuras que participou no ciclo “O(s) sentido(s) da(s) cultura” cun relatorio titulado “A tolerancia como categoría ideolóxica”. É unha das conferencias destacadas que visibilizamos da traxectoria da institución no ano en que cumpre o seu corenta aniversario.

Ler máis

Unha xornada afonda na figura de Lois Tobío no seu vixésimo cabodano

Este lunes 13 de marzo cúmprense vinte anos da morte de Lois Tobío, membro do Seminario de Estudos Galegos, militante galeguista, escritor, xornalista, diplomático, tradutor e defensor da personalidade cultural de Galicia no mundo. O Consello da Cultura Galega (CCG) lembra a súa figura cunha xornada titulada “As décadas de Luis Tobío”. Una sesión na que participa a súa única filla, Constanza Tobío, mentres que destacadas figuras situarán a figura do diplomático no seu contexto. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta cita que se pode seguir en directo (a partir das 17:00 horas) desde as redes sociais da institución. Ese mesmo día, Contanza Tobío, asinará un acordo que cede ao CCG novos manuscritos e documentos referenciais para a reconstrución de momentos e iniciativas tan importantes na nosa historia como o exilio ou a fundación do Consello de Galiza en 1944.

Ler máis

A entrada do actor Xosé Manuel Olveira, “Pico”, incorpórase ao Álbum de Galicia

Xosé Manuel Olveira, “Pico” (Esteiro, Muros, A Coruña, 1955 – Santiago de Compostela, 2013), destacou pola súa ampla traxectoria nas artes escénicas e no audiovisual. Apaixonado do teatro pola súa maxia insubstituíble, segundo el mesmo recoñeceu, participou en numerosas obras teatrais, así como en filmes de diferente metraxe. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Ana Abad de Larriva.

Ler máis

O proxecto Sophias chega este venres ao Vello Cárcere de Lugo

Sophias é a serie web de ficción coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, contribúen a divulgar o pensamento de mulleres destacadas da historia. A responsable do proxecto, Carme Adán, e Tareixa Ferreiro, da Deputación de Lugo, presentan no centro sociocultural “O vello cárcere” (venres 10, 19:30 horas) esta iniciativa que está formada por sete episodios que se achegan ás ideas de figuras coma Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou María Xosé Agra. Participarán no coloquio posterior á proxección as actrices Marta Pérez e María Roja; Manuel Torres e Cristina de la Torre.

Ler máis

Proxecto Sarmiento

Proxecto Sarmiento

Web do proxecto

Ler máis

Profesionais alertan da diminución do interese da poboación polas noticias

“O 38% da poboación mundial fuxe das noticias nalgunha ocasión e a desinformación, xunto coas noticias falsas e a información incorrecta, son hoxe o risco da intoxicación informativa”. Así o expresou o catedrático Emili Prado (Cospeito, 1953) na xornada “A información no mundo da posverdade” coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) abre o foro Pensar o mundo dende Galicia, co que a institución celebra o seu 40 aniversario. A presidenta, Rosario Álvarez, destacou na inauguración que este foro constitúe “un acto de demostración da nosa confianza nas posibilidades que temos como colectivo, como comunidade”. Así mesmo, recalcou o vencello desta actividade co labor do CCG de “promocionar elementos con que poder deseñar estratexias que nos garantan un futuro”. Nesta liña, o vicepresidente do CCG e coordinador do foro, Xosé Manoel Núñez Seixas, engadiu que se buscou responder á inquedanza de “pensar o mundo dende Galicia e concibir Galicia como unha célula de universalidade”.

Ler máis

Publicados cinco inéditos de Martín Sarmiento co gallo do Día do Naturalismo

O Consello da Cultura Galega pon na rede novos inéditos de Martín Sarminento no día do seu natalicio (nove de marzo). Unha celebración que coincide co primeiro Día do Naturalismo, recoñecemento promovido por unha ducia de entidades co obxectivo de promover o respecto pola natureza. O CCG contribúe coa celebración coa posta na rede dunha escolma de cinco traballos do frade ao redor da natureza e a botánica.

Ler máis

Mulheres transgredindo

Mulheres transgredindo

8M//Entrada Álbum de Galicia

Ler máis

Proxector recompila vídeos sobre mulleres pioneiras no avance da ciencia e o coñecemento

“Mulleres que abriron as fendas que nós cruzamos” é o título do novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta nova entrega reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que permiten coñecer a figura de mulleres que foron referentes en diferentes eidos, como a filosofía, a xeoloxía, a enfermería, a química ou as matemáticas. Con este especial, o CCG súmase á conmemoración do Día Internacional da Muller, unha cita que se celebra anualmente para reclamar a igualdade e a participación das mulleres en todos os ámbitos da sociedade.

Ler máis

Comunicación de eventos do Centenario do SEG

Se a súa entidade está a preparar actividades para esta celebración, pode achegarnos estes datos básicos. É importante que remita a programación definitiva, con datas, localización e todos os datos xa pechados. O evento será incluído na programación conxunta do Centenario do Seminario de Estudos Galegos.

Ler máis

Audiovisuais, fondos documentais e nova entrada no Álbum de Galicia para conmemorar o 8 de marzo

A acción do Consello da Cultura Galega (CCG) arredor do movemento feminista e da situación das mulleres desenvólvese de xeito permanente e continuado ao longo de todo o ano, nomeadamente a través do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF). Con todo, arredor da data 8 de marzo, Día das Mulleres, desenvólvense algunhas accións concretas. Coma vén sendo habitual, en colaboración coa Filmoteca de Galicia, prográmanse audiovisuais que foron producidos ou dirixidos por mulleres no ciclo Olladas de muller ; a Hemeroteca Feminista A Saia sobe dúas novas cabeceiras para contribuír a visibilizar os fondos dos movementos feministas e LGTBIQ+ na historia contemporánea. O Álbum de Galicia inclúe a entrada do colectivo Mulheres transgrendindo e o especial de Proxector de marzo xunta vídeos sobre a situación das mulleres.

Ler máis

Completada a edición da obra cimeira de Martín Sarmiento

O Museo de Pontevedra acolleu este martes a presentación dun proxecto longamente acariñado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Trátase da culminación da edición De historia natural y de todo género de erudición. Obra de 660 pliegos, obra cimeira que contén o pensamento de Martín Sarmiento que foi realizada en colaboración co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, presentaron os cinco volumes deste proxecto, que naceu en 2002 baixo a coordinación de Henrique Monteagudo. O investigador e María Álvarez Lires explicaron a relevancia desta edición, que permite poñer á disposición pública o pensamento dunha figura sobranceira do Século das Luces.

Ler máis