A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, e o director asociado da Real Filharmonía de Galicia (RFG), Maximino Zumalave, presentaron este luns a décimo terceira edición do Concerto das Letras Galegas. O programa xira musicalmente arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010) “unha figura moi querida por toda a sociedade galega” destacou Rosario Álvarez. Correrá a cargo da RFG e o Coro de Cámara Rías Baixas e no programa destaca a estrea de Sinfonietta, peza en tres movementos elaborada expresamente para a ocasión por Brais González Pérez (Vigo, 1987) a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto e mais A miña burriña, peza moi querida por Fernández del Riego. O concerto celebrarase no serán do 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, no Teatro Afundación Vigo.
Ler máis