Arquivo de noticias do CCG

Amosando noticias 281 a 300 de 3707

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da asociación bonaerense Casa de Galicia

Libros de actas, estatutos e varios folletos de actividade é o material pertencente á Asociación Casa de Galicia de Bos Aires que o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Uns documentos que permiten achegarse ao coñecemento desta sociedade asentada na capital arxentina que continúa a organizar actividades culturais, recreativas e de apoio á colectividade.

Ler máis

Canuto Berea, figura fundamental na difusión da música galega, entra no Álbum de Galicia

Canuto José Berea Rodríguez (A Coruña, 1836 - 1891) destacou pola súa transcendencia nas esferas musical, social e política galega e do noroeste peninsular no século XIX xa que, ademais, de intérprete musical e compositor, foi director, docente, axente teatral, editor, alcalde da Coruña e dono da primeira tenda de instrumentos musicais en Galicia. A súa entrada, elaborada pola musicóloga Lorena López Cobas, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG). Ademais do texto, a entrada inclúe unha escolma de material sonoro que procede do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG)

Ler máis

Betanzos acolle unha xornada sobre o pintor Francisco Lloréns no centenario do seu nacemento

Cando se cumpren 150 anos do nacemento do pintor Francisco Lloréns (A Coruña, 1874 -Madrid, 1948), recoñecido paisaxista e discípulo de Joaquín Sorolla, o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada Francisco Lloréns. Paisaxe e territorio. A xornada, que se inclúe no ciclo Revisando a nosa arte, terá lugar este xoves (a partir das 16:00 horas) no Salón Azul do Edificio Liceo Arquivo do Antigo Reino de Galicia de Betanzos que tratará a vida e obra deste artista. A xornada, coordinada por Rosario Sarmiento, está organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG coa colaboración do Concello de Betanzos. Non se emite en directo, pero será gravada e subirase posteriormente ao web institucional. A entrada é libre e gratuíta.

Ler máis

Unha xornada aborda a relación dos museos coa comunidade

Museos en positivo. Creando comunidade é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Consello Galego de Museos reflexionan sobre o papel que os museos desenvolven co territorio e coa comunidade á que pertencen. Na xornada coñeceranse de primeira man experiencias innovadoras que se están a desenvolver na península, como o proxecto Museos Vivos que se realiza en Castela e León, a liña de acción do Institut valencià d´Art Modern (IVAM) en espazos rurais ou o caso de Gordailua, centro de Colecciones Patrimoniales de bienes muebles de Gipuzkoa. A xornada tamén servirá para ver experiencias de museos galegos que tamén exporán os problemas e retos de futuro. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e Ángeles Penas Truque, membro do Consello Galego de Museos, inauguran esta xornada presencial que se pode seguir en directo desde o web e as redes sociais da institución.

Ler máis

A Comisión Executiva recibe a visita do secretario xeral dos socialistas galegos

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega (CCG) recibiu a visita de José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral dos socialistas galegos, para abordar a situación actual da lingua. Á xuntanza asistiron a presidenta, Rosario Álvarez; a vicepresidenta, Dolores Vilavedra; e o secretario, Alejo Amoedo. Gómez Besteiro acudiu á sede da institución na compaña da viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Álvarez. O encontro sitúase na rolda de contactos que a institución mantén con outros axentes e entidades de distintos ámbitos para afondar na diagnose e as acción a desenvolver.º

Ler máis

A revista de xadrez Jaque xa se pode consultar no Repertorio da prensa da emigración galega

O Repertorio de prensa da emigración galega, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) para a dixitalización e difusión de medios impresos promovidos pola diáspora, vén de incorporar a revista Jaque. Trátase dunha publicación editada pola "Peña de Ajedrez Alexandre Bóveda", fundada no Lar Gallego de Caracas en 1955. Esta revista, que viu a luz en xaneiro de 1960, tiña como obxectivo manter informados aos seus lectores sobre o "mundillo do xadrez” e divulgar esta práctica tanto dentro como fóra da Peña. Nesta entrega incorpóranse 19 números, do ano 1960 ao 1961. Xa se poden consultar dende o web corporativo do Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

A vida do actor e creador audiovisual Toñito Blanco incorpórase ao Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de introducir unha nova entrada dedicada ao intérprete, creador cultural, director e produtor Antonio, Toñito Blanco (A Coruña, 1964 - A Coruña, 22/11/1994), “un dos artistas máis breves e influentes da Galicia dos oitenta e noventa”, segundo o describe o guionista Nico Campos, autor da entrada. Coñecido polo seu único filme La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos, Blanco traballou tamén no eido televisivo na Televisión de Galicia (TVG) e na Televisión Española (TVE) en Galicia, cun “estilo recoñecible” ata hoxe, malia a súa prematura morte hai xa 30 anos.

Ler máis

O Centro de Documentación en igualdade e feminismos aborda os relatos das violencias machistas

“Novos relatos da violencia machista” é o título da xornada anual que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza ao fío do 25N, Día internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A cita, que terá lugar este xoves (9:45 horas) tratará a realidade da violencia de xénero no contexto global actual onde circulan “exabruptos e discursos de odio que superan abondo o linde do distópico, que disparan ás cheas unha narrativa misóxina” segundo o texto de presentación desta actividade. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora do CDIF, Carme Adán, inauguran esta cita na que participan, entre outros, a politóloga Priscila Retamozo ou a psicóloga Martina González. O evento é presencial e poderá ser seguido en directo a través do web da institución.

Ler máis

Iria Pinheiro e Luísa Pinto protagonizan a sétima edición do ciclo Dramaturxias Itinerantes

O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto e o Camões-Centro Cultural Português de Vigo, presenta unha nova edición de Dramaturxias Itinerantes, un ciclo que se celebra en Porto e Vigo e que busca destacar a dramaturxia contemporánea de autoría feminina en Galicia e Portugal. A sétima edición, que terá lugar este martes 29 de novembro (17:00 horas) na ESMAE de Porto e o mércores 20 na ESAD de Vigo (17:00 horas), contará coa participación das dramaturgas Luísa Pinto e Iria Pinheiro, que presentarán as súas obras Sugar Daddy e A máquina do pobo, respectivamente. Ambas representacións terán un coloquio posterior coas autoras moderado pola actriz Vanesa Sotelo.

Ler máis

ANUNCIO de contratación de persoal laboral fixo resultante do proceso selectivo de estabilización de emprego temporal

Oferta de emprego público de estabilización de emprego temporal

Ler máis

Unha xornada visibiliza exemplos de boas prácticas no rural na véspera do Día do Patrimonio

“Nun territorio de orografía complicada e afastado dos grandes núcleos de poboación hai enerxía, ganas e moitas actividades económicas e culturais que funcionan” explica Olimpia Pérez, coordinadora da xornadas “Soster o noso” coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) pretende por en valor a importancia do patrimonio no rural na véspera do 16 de novembro, Día Internacional do Patrimonio. A cita conclúe hoxe en Navia de Suarna (Lugo) cunha sesión de traballo na que especialistas en diferentes ámbitos recollen os testemuños das asociacións, colectivos veciñais, cooperativas presentes na cita para elaborar un documento propositivo en materia de patrimonio no ámbito rural. Iniciativa que complementa outras actividades que o CCG promove co gallo da efeméride.

Ler máis

A oitava Conxuntura do Observatorio da Cultura Galega apunta a unha estabilidade no sector

As cifras de emprego e de creación de empresas do sector cultural neste ano sitúanse nunhas cifras semellantes ás de 2023. Con todo, a tendencia segue a ser positiva en canto aos datos de produción (a produción de libros amosa a mellor cifra desde 2011), asistencia a salas de cine e gasto cultural das familias. Son algunhas das conclusións da oitava Conxuntura estatística do ámbito cultural, documento de traballo que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Entre os aspectos menos positivos desta radiografía do sector cultural, destacan as cifras de exportación que amosan un retroceso. O documento de traballo xa está dispoñible para descarga desde o web do CCG.

Ler máis

Begoña Muñoz Saa, profesora, tradutora e autora teatral, entra no Álbum de Galicia

Begoña Muñoz Saa (Barakaldo, 1961 - Ourense, 2010) foi unha destacada profesora, tradutora e autora teatral, recoñecida polo seu compromiso coa educación, a igualdade de xénero e a promoción da lingua galega. A súa biografía xa forma parte do Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG). A entrada foi elaborada pola actriz e profesora Ana Abad de Larriva.

Ler máis

A Comisión Executiva recibe a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega (CCG) recibiu esta mañá a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, para abordar a situación da actual lingua e as medidas a adoptar. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou que “é un problema que atinxe a toda a sociedade” e confía na reversibilidade da situación “sempre e cando nos unamos todos para tomar as medidas adecuadas”. Ana Pontón trasladoulle as súas propostas para “darlle mil primaveras más para o galego”.

Ler máis

As conclusións dos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística destacan o incremento do galego nas exequias

O uso da lingua galega nas prácticas funerarias en Galicia ten experimentado unha progresiva normalización grazas ao impulso de diversas iniciativas. ”Percíbese un avance nas necrolóxicas publicadas nos medios, cun uso entre o 5% e o 10%” e “a presenza do galego nos cemiterio chegou a acadar un 20% nalgúns concellos” apuntan as conclusións dos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística, cita organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG), feitas públicas hoxe. Este documento ofrece tamén recomendacións para mellorar esta situación e xa se pode consultar desde o web da institución.

Ler máis

A institución realizará en 2025 un foro participativo en materia de lingua

A situación da lingua e as medidas a adoptar foron os temas que abordaron a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no marco da reunión celebrada esta mañá na sede do CCG. O conselleiro destacou que “coincidimos en que temos moitos datos e moita información que permite coñecer o escenario para empezar a tomar decisións e construír un proxecto común”. Unha visión que tamén compartiu a presidenta do CCG, quen lle trasladou as medidas programadas pola institución para 2025 en materia de lingua, entre as que destaca un foro participativo.

Ler máis

A científica e investigadora Benita Silva Hermo entra no Álbum de Galicia

Benita Silva Hermo (A Pobra do Caramiñal, 1951 – Santiago de Compostela, 2023), muller que abriu camiño a nivel europeo dentro dos estudos dos monumentos graníticos, entra hoxe no Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG). Foi catedrática e docente na facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o seu esforzo científico acadou recoñecemento a nivel dentro do seu campo de investigación, que, ademais dos estudos da rocha e do solo, abrangueu dende as alteracións das pinturas murais e rupestres de Galicia ata os efectos dos cambios no clima. A súa entrada está asinada polo científico Francisco Díaz-Fierros

Ler máis

Constituída a comisión para a celebración do 75 cabodano de Alfonso D. Rodríguez Castelao

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá a constitución da comisión para a conmemoración do 75 aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, finado en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950. “É unha ocasión propicia para celebrar a vida e a obra dunha personalidade irrepetible e de tan alta transcendencia na historia contemporánea de Galicia”, apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, no inicio deste primeiro encontro que busca unha celebración plural e diversa, aberta a toda a cidadanía. Na xuntanza participaron representantes do Parlamento de Galicia, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, das catro deputacións, das tres universidades, da Real Academia Galega, da Real Academia Galega de Belas Artes, do Museo do Pobo Galego, do Museo de Pontevedra, da Fundación Castelao e dos Concellos de Pontevedra, Rianxo e Santiago de Compostela.

Ler máis

A biografía do actor, dramaturgo e escenógrafo Suso Díaz entra no Álbum de Galicia

A nova entrada do Álbum de Galicia recolle a vida do artista Suso Díaz (Uznach, Sankt Gallen, Suíza, 1971 - Ourense, 2010). Integrante do grupo Sarabela Teatro e fundador da compañía, La Imagina Machina, exerceu como intérprete, director teatral e escultor, ademais de escenógrafo de varias producións e deseñador gráfico. Foi “un home de teatro total, e como poeta do espazo, alquimista da luz e construtor de soños”, así aparece na súa biografía, elaborada pola docente e tamén actriz Ana Abad de Larriva. Este texto, xunto con máis material complementario, pódese consultar dende hoxe no Álbum de Galicia, colección de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

A astronomía centra o Proxector deste mes de novembro

A nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC), pon o foco este mes na astronomía. Baixo o título “Unha ollada ao Universo no Día da Ciencia en Galego”, xunta unha ducia de vídeos que seguen o ronsel da celebración do XV Día da Ciencia en Galego, impulsado pola Institución Galega da Ciencia (Igaciencia).

Ler máis